Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Luns, 25 de agosto de 2014 Páx. 36312

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 22 de xullo de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se informa sobre a tramitación electrónica de diversos procedementos.

No Diario Oficial de Galicia número 65, do 1 de abril de 2011, publicouse o Decreto 51/2011, do 17 de marzo, polo que se actualiza a normativa en materia de seguridade industrial na Comunidade Autónoma de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior.

O dito decreto desenvolve en diferentes puntos o artigo 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, establecendo que as declaracións responsables reguladas presentaranse exclusivamente por medios electrónicos ante a consellería competente en materia de industria.

O 1 de xaneiro de 2012 entrou en funcionamento a plataforma tecnolóxica necesaria para a tramitación electrónica e no Diario Oficial de Galicia número 245, do 26 de decembro de 2011, publicouse unha resolución para informar sobre as declaracións responsables incluídas na plataforma.

Na disposición adicional do Decreto 51/2011 establécese que todas as actuacións que realicen ante a consellería competente en materia de industria as empresas que presten servizos no ámbito do decreto, en cumprimento da normativa de seguridade industrial que sexa de aplicación, se tramitarán exclusivamente por medios electrónicos, de acordo co disposto no artigo 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

Ao abeiro do disposto na disposición adicional do Decreto 51/2011, incluénse na plataforma tecnolóxica diversos rexistros de instalacións recollidos na normativa de seguridade industrial.

Por outra banda, no Diario Oficial de Galicia número 61, do 28 de marzo de 2011, publicouse a Orde do 16 de marzo de 2011 pola que se establecen os requisitos mínimos exixibles ás entidades de formación recoñecidas para impartir cursos teórico-prácticos no ámbito da seguridade industrial na Comunidade Autónoma de Galicia.

A devandita orde dispón que as entidades de formación deberán realizar de forma electrónica ante a consellería competente en materia de industria a comunicación de inicio de cursos teórico-prácticos no ámbito da seguridade industrial.

De acordo coas competencias que veñen atribuídas no Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria,

RESOLVO:

1. A presentación das solicitudes dos procedementos que se indican no anexo I realizarase unicamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, e na oficina virtual de Industria, http://oficinavirtualindustria.xunta.es, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade (DNI) electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

3. A oficina virtual de Industria, http://oficinavirtualindustria.xunta.es permite a consulta en liña da información relacionada cos procedementos vinculados ao órgano competente en materia de industria, ademais do acceso a unha serie de servizos electrónicos para realizar xestións e consultas.

4. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación de solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía e Industria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 5, planta 4ª, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.es

5. Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios vinculados a normas reguladoras de procedementos administrativos de prazo aberto, estes poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen necesidade de publicalos novamente no Diario Oficial de Galicia (DOG), sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial deste. Por conseguinte, para a presentación das solicitudes será necesario utilizar os formularios normalizados, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente actualizados e accesibles para as persoas interesadas.

6. Durante os tres (3) meses posteriores á publicación da presente resolución as solicitudes tamén poderán presentarse en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando os formularios normalizados dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2014

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

Anexo

IN603A Rexistro de instalacións con equipos de presión.

IN605A Inscrición/modificación no Rexistro de ascensores.

IN608B Rexistro de posta en servizo de guindastre torre para obras ou outras aplicacións.

IN614C Rexistro de instalacións eléctricas de baixa tensión.

IN620A Rexistro de instalacións de seguridade contra incendios en establecementos industriais.

IN621A Rexistro de instalacións frigoríficas.

IN622B Inscrición/modificación no Rexistro de instalacións térmicas en edificios.

IN623A Inscrición/modificación no Rexistro de instalacións de almacenamento de gases licuados do petróleo (GLP) en depósitos fixos.

IN624A Inscrición/modificación no Rexistro de instalacións de almacenamento de produtos petrolíferos para o seu consumo na propia instalación.

IN624B Inscrición/modificación no Rexistro de instalacións de almacenamento de produtos petrolíferos para a subministración de combustible a vehículos propios.

IN625A Rexistro de instalacións receptoras de gases combustibles.

IN628A Rexistro/modificación de instalacións de almacenamento de produtos químicos.

IN656A Inscrición/modificación no Rexistro de aparellos de elevación (guindastres móbiles autopropulsados).

IN657A Inscrición no Rexistro de aparellos de elevación (guindastres torre).

IN670A Declaración de medios, aparellos e persoal de centros de bronceado.

IN612C Comunicación de inicio de cursos teórico-prácticos no ámbito da seguridade industrial.