Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Martes, 9 de setembro de 2014 Páx. 38130

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 28 de agosto de 2014 pola que se convocan a concurso público prazas de persoal docente e investigador contratado.

Esta reitoría, en cumprimento do acordado polo Consello de Goberno do 23 de abril de 2014 desta universidade e logo da autorización conxunta da Secretaría Xeral de Universidades e da Secretaría Xeral de Planificación e Orzamentos do 16 de xullo de 2014, resolveu convocar para a súa provisión mediante concurso público as prazas de persoal docente e investigador contratado que figuran como anexo I a esta resolución, con suxeición ás seguintes

Bases da convocatoria

1. Normas xerais.

1.1. Aos concursos obxecto desta convocatoria seranlles de aplicación a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, modificada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril (en diante, LOU); a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en diante, LRX-PAC); o Decreto 266/2002, do 6 de setembro, sobre contratación de profesorado universitario; os Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, aprobados polo Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro; a Normativa pola que se regula a selección do persoal docente e investigador contratado e interino, aprobada polo Acordo do Consello de Goberno do 17 de febreiro de 2005 e modificada polos consellos de Goberno de 10 de maio de 2007, 19 de xullo de 2007 e 22 de xullo de 2009 (en diante, Normativa); o Convenio colectivo para o persoal docente e investigador laboral das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, subscrito con data do 26 de xaneiro de 2011 (DOG do 14 de abril), prorrogado con data do 12 de xullo de 2013 (DOG do 29 de xullo) (en diante, Convenio) e as bases desta convocatoria.

1.2. As referencias que para cada posto de traballo se conteñan nesta convocatoria en relación coas obrigas docentes e de investigación que van asumir as persoas adxudicatarias non suporán en ningún caso para quen obteña estes postos un dereito de vinculación exclusiva a esas actividades, nin limitarán a competencia da Universidade para asignarlle distintas obrigas docentes e investigadoras. Do mesmo xeito, a referencia ao centro en que deberá desenvolverse a actividade docente non suporá o dereito a non exercer actividade docente ou investigadora noutro centro dependente da propia universidade, aínda no caso de que radique en localidade distinta.

1.3. Cando os prazos a que fai referencia esta convocatoria se expresen en días entenderase que estes son hábiles, excluíndose do cómputo os domingos e os declarados festivos, segundo o disposto no artigo 48.1 da LRX-PAC. Consideraranse festivos para este efectos os festivos locais tanto de Santiago de Compostela como de Lugo, e ampliarase en calquera dos casos en ambos os campus o prazo establecido por un número de días igual ao dos festivos existentes.

Cando os prazos rematen nun día en que os rexistros da Universidade de Santiago de Compostela (USC) estean pechados prorrogaranse ata o seguinte día hábil.

Para o cómputo de prazos o mes de agosto considérarase inhábil para todos os efectos.

2. Requisitos das persoas aspirantes.

Os requisitos que as persoas aspirantes deberán reunir para ser admitidas nestes concursos serán de carácter xeral uns e outros de carácter específico, segundo o tipo de praza.

2.1. Requisitos de carácter xeral para todas as prazas:

a) Ser español/a, nacional dun Estado membro da Unión Europea ou nacional daqueles Estados aos cales, en virtude de tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as nos termos en que esta está definida no Tratado constitutivo da Comunidade Europea.

Tamén poderán participar o cónxuxe non separado de dereito e os descendentes e descendentes do cónxuxe non separado de dereito menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade que vivan ás súas expensas, dos españois, dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea ou de nacionais doutros Estados cando así o estableza un tratado internacional subscrito pola Unión Europea e ratificado por España.

Os/as nacionais de Estados distintos dos citados anteriormente poderán tamén participar nos concursos e ser contratados/as, sempre que se encontren en España en situación de legalidade e sexan titulares dun documento que os/as habilite para residir e para acceder sen limitacións ao mercado laboral.

b) Cumprir o requisito mínimo de idade legalmente establecido e non acadar a idade de referencia para a xubilación.

c) Non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario do servizo de calquera Administración pública española, da Unión Europea ou do Estado de que teña nacionalidade a persoa concursante.

d) Non padecer enfermidade ou limitación física ou psíquica que impida o desempeño das correspondentes funcións.

e) Ser titulado/a universitario/a ou estar en posesión do título concreto (ou equivalente), cando se requira, ou da certificación supletoria correspondente.

f) No caso de aspirantes de nacionalidade estranxeira, será requisito para poder concursar o coñecemento de calquera das linguas oficiais da USC.

2.2. Requisitos de carácter específico: están recollidos no anexo V para cada tipo de praza.

A posesión de todos os requisitos estará referida sempre á data de expiración do prazo de presentación de solicitudes de participación e deberase manter ao longo de todo o proceso selectivo.

3. Solicitudes.

3.1. Quen desexe participar nesta convocatoria deberá facelo constar nunha instancia que se axustará ao modelo do anexo II, que se encontra no enderezo electrónico http://www.usc.es/gl/servizos/profesorado/prazasabertas/solicitudes.html, así como nas dependencias do Servizo de Planificación de Persoal Docente e Investigador. Deberase presentar unha instancia por cada concurso en que se desexe participar.

A non presentación da instancia será causa de exclusión e non poderá repararse no prazo establecido na base 5.3 desta convocatoria.

3.2. As solicitudes dirixiranse ao reitor no prazo de quince (15) días hábiles contados a partir do seguinte á data da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG).

3.3. A presentación de solicitude farase en calquera dos rexistros xerais desta universidade, situados no Campus de Santiago de Compostela (Colexio de San Xerome, praza do Obradoiro, s/n, 15782 Santiago de Compostela) e no Campus de Lugo (Edificio de Servizos Administrativos e Biblioteca Intercentros, avda. Bernardino Pardo Ouro, s/n, Polígono Fingoi, 27002 Lugo) ou nas restantes formas previstas no artigo 38 da LRXPAC. As solicitudes que se presenten a través das oficinas de correos deberán ir en sobre aberto para que sexan datadas e seladas antes de que procedan á súa certificación. As solicitudes subscritas no estranxeiro deberán cursarse a través das representacións diplomáticas ou consulares españolas correspondentes.

3.4. Dereitos de exame.

As persoas aspirantes deberanlle aboar á USC, por cada concurso en que soliciten participar, a cantidade de 40,74 euros en concepto de dereitos de exame. Para estes efectos poderase efectuar unha transferencia á conta corrente IBAN ES07-2080-0388-20-3110000646 de Abanca.

Estará exenta do pagamento da taxa por dereitos de exame a persoa que posúa unha discapacidade igual ou superior ao 33 %, circunstancia que deberá ser acreditada documentalmente xunto coa solicitude, presentando copia compulsada (ou simple, xunto co respectivo orixinal para o seu cotexo) da cualificación do grao de minusvalidez.

Así mesmo, estarán exentas do pagamento da taxa por dereitos de exame as persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial. No caso de membros de categoría xeral terán unha bonificación do 50 %. Estas circunstancias deberán ser acreditadas documentalmente xunto coa solicitude, presentando copia compulsada (ou simple, xunto co respectivo orixinal para o seu cotexo) do título de familia numerosa.

Tamén se aplicará unha bonificación do 50 % á inscrición no proceso selectivo, solicitada por persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, seis meses antes da data de publicación desta convocatoria e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

O certificado relativo á condición de demandante de emprego, cos requisitos sinalados no parágrafo anterior, solicitarase nas oficinas do Servizo Público de Emprego e presentarase coa solicitude.

4. Documentación acreditativa de requisitos e méritos. Momento de presentación.

Xunto coa solicitude (anexo II: Instancia) xuntarase a seguinte documentación:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade, pasaporte ou documento acreditativo da nacionalidade.

As/os descendentes e as/os descendentes do cónxuxe non separado de dereito deberán presentar, ademais, os documentos acreditativos do vínculo de parentesco e, de ser o caso, do feito de viviren a expensas ou estaren a cargo do nacional dun Estado membro da Unión Europea ou doutros Estados, cando así o estableza un tratado internacional subscrito pola Unión Europea e ratificado por España, con que teñan o dito vínculo. A acreditación realizarase por medio de certificados expedidos polas autoridades competentes do seu país de orixe, traducidos a algunha das linguas oficiais da USC.

b) Fotocopia do título universitario que para cada praza se requira ou, de ser o caso, certificación supletoria correspondente.

Os títulos expedidos por universidades ou autoridades estranxeiras deberanse acreditar por algún dos procedementos que se recollen no artigo 20.2 da Normativa.

c) De conformidade co indicado na letra f) da base 2.1, as persoas aspirantes nacionais de Estados que non teñan o español como lingua oficial poderán achegar coa solicitude a documentación acreditativa do coñecemento dalgunha das linguas oficiais da USC. O coñecemento do español acreditarase mediante fotocopia compulsada dos diplomas básico ou superior de español como lingua estranxeira ou do certificado de aptitude en español para estranxeiros expedido polas escolas oficiais de idiomas. A acreditación do coñecemento do idioma galego farase conforme dispón a norma sétima.2 do anexo II da Normativa.

No caso de que non se acredite documentalmente o dito coñecemento, este verificarao a comisión encargada de resolver o concurso, que poderá solicitar o asesoramento de persoas expertas en caso necesario, ou ben a Administración a través dunha proba específica.

d) Recibo de ingreso dilixenciado pola entidade bancaria en concepto de dereitos de exame ou o xustificante acreditativo de transferencia bancaria.

Nin o ingreso en conta nin a transferencia bancaria substituirán o trámite de presentación en tempo e forma da solicitude ante o reitor.

A falta de pagamento dos dereitos de exame no prazo de presentación de instancias non é reparable e determinará a exclusión da persoa aspirante, excepto que acredite estar exenta do pagamento da dita taxa.

Non procederá reintegrarlles ás persoas aspirantes as cantidades aboadas por este concepto no caso de que sexan excluídas definitivamente do concurso por causas imputables a elas.

e) Os documentos específicos correspondentes a cada praza sinalados no anexo V.

f) Presentarase un currículo por cada concurso a que se solicite participar, consonte o modelo do anexo III, que se encontra no enderezo electrónico http://www.usc.es/gl/servizos/profesorado/prazasabertas/solicitudes.html

Serán obxecto de valoración exclusivamente os méritos alegados polas concursantes no dito currículo, sempre que se posúan na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes establecido na base 3.2 desta convocatoria e que dentro do dito prazo sexan acreditados conforme o establecido na letra seguinte.

g) Documentos acreditativos dos méritos alegados polas persoas aspirantes no currículo a que se refire a letra anterior, consonte o establecido no anexo VI, o cal pode consultarse no enderezo electrónico: http://www.usc.es/gl/servizos/profesorado/prazasabertas/solicitudes.html

Non será preciso achegar os documentos acreditativos do rendemento académico e da experiencia docente cando estes méritos correspondan a actividades desenvolvidas na USC, sen prexuízo da necesidade de relacionalos no modelo de currículo (anexo III). Non obstante, no caso de titulacións acadadas nesta universidade con anterioridade a 1988, recoméndase a presentación das certificacións académicas correspondentes.

O expediente académico será valorado como aprobado cando se acredite estar en posesión dun título e non se presente a certificación das cualificacións correspondentes.

Os documentos acreditativos terán que estar indexados, estruturados consonte o modelo de currículo, numerados en cada unha das súas páxinas e encadernados (en espiral ou canela), ou suxeitos de calquera outro modo que os manteña unidos de maneira sólida e permanente e que garanta que se impida a posterior inclusión ou perda de documentación. Para tal fin, o Servizo de Planificación de Persoal Docente e Investigador poderá adoptar medidas que permitan manter a documentación na orde en que foi presentada.

Os libros e outros materiais encadernables deberán presentarse en caixas tipo arquivador definitivo ou similar, identificados con número de orde, número do concurso e nome da persoa aspirante. A súa presentación deberá facerse constar no modelo de currículo (anexo III), con indicación do número de orde do arquivador que os contén.

No caso de que se solicite concorrer a varios postos da mesma área, categoría e centro, que serán xulgados por unha mesma comisión, será suficiente con presentar un exemplar desta documentación acreditativa de méritos.

Toda a documentación acreditativa de méritos a que se refire esta letra g) deberá achegarse dentro do prazo de presentación de solicitudes. Non se admitirá ningunha documentación acreditativa de méritos unha vez que remate o antedito prazo, nin sequera no prazo de emenda de documentación a que se refire a base 5.3. A non acreditación en prazo dos méritos alegados non determinará a exclusión da persoa aspirante ao concurso, pero impedirá o cómputo e valoración de tales méritos no baremo establecido.

Non presentar os documentos especificados nas letras a), b), d) e e) será causa de exclusión, que poderá repararse no prazo establecido na base 5.3 desta convocatoria.

A non presentación do modelo de currículo (anexo III) a que se refire a letra f) determinará a non valoración dos méritos da persoa aspirante. A presentación defectuosa do antedito modelo será causa de exclusión, que poderá repararse conforme o establecido no parágrafo anterior. Non obstante, neste acto non poderán alegarse novos méritos.

5. Admisión de aspirantes.

5.1. A Vicerreitoría de Organización Académica e Persoal Docente e Investigador publicará unha lista provisoria de aspirantes admitidos e excluídos, con indicación das causas de exclusión, nun prazo máximo de quince días hábiles desde o remate do prazo de presentación de solicitudes.

5.2. A lista de aspirantes admitidos e excluídos publicarase no taboleiro electrónico e nos taboleiros de anuncios da Reitoría e da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo coa data da súa inserción. Así mesmo, difundirase a través da web http://www.usc.es/profesorado

5.3. Contra esta resolución as persoas interesadas poderán presentar reclamación ante o reitor no prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación no taboleiro de anuncios da Reitoría. Neste prazo as persoas aspirantes excluídas ou que non figuren na relación de aspirantes admitidos e excluídos poderán reparar os defectos que motivasen a súa exclusión ou omisión, senón serán excluídos definitivamente da realización das probas.

5.4. Unha vez rematado o prazo para emendar os defectos aprobarase, no prazo máximo de quince días hábiles, a lista definitiva de aspirantes admitidos e excluídos, con indicación das causas de exclusión.

5.5. Esta resolución, que será publicada, esgota a vía administrativa e contra ela poderanse interpor os recursos oportunos. A inclusión nas listas definitivas non prexulga o cumprimento dos requisitos normativamente exixidos para a subscrición do correspondente contrato na categoría docente de que se trate.

6. Documentación relativa ao proxecto de actividades docentes. Prazo de presentación

6.1. As persoas concursantes a prazas de profesor asociado de ciencias da saúde deberán presentar un proxecto de actividades docentes de acordo co disposto no artigo 23.E da Normativa.

6.2. O proxecto de actividades docentes poderá presentarse xunto co formulario que figura como anexo VII no enderezo electrónico http://www.usc.es/gl/servizos/profesorado/prazasabertas/solicitudes.html, nun prazo de 2 meses a partir do día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no DOG. Estes documentos estarán numerados en cada unha das súas páxinas e encadernados ou suxeitos de modo que os manteña unidos de maneira sólida e permanente, que impida a posterior inclusión ou perda de información. Cando non se presente en prazo o proxecto de actividades docentes, entenderase que a persoa aspirante desiste da súa solicitude de participación no concurso correspondente e o seu expediente non será valorado.

7. Comisións de selección e desenvolvemento dos concursos.

7.1. Os concursos obxecto desta convocatoria serán resoltos polas comisións que se relacionan no anexo IV, que se pode consultar no enderezo electrónico http://www.usc.es/gl/servizos/profesorado/prazasabertas/solicitudes.html

Estas comisións rexeranse polo disposto na Normativa.

7.2. A puntuación final de cada concursante será a suma das puntuacións obtidas na valoración do currículo e, segundo o caso, nas probas orais ou proxecto de actividades docentes, conforme o disposto no anexo II da Normativa.

7.3. O procedemento de selección estrutúrase para cada tipo de praza segundo se indica no anexo V desta convocatoria.

7.4. A orde de actuación das persoas aspirantes a prazas con probas orais seguirá a ordenación alfabética por apelido a partir da letra «B», de conformidade co establecido na Resolución do 29 de xaneiro de 2014 da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

7.5. Unha vez rematado o procedemento, a documentación das persoas concursantes quedará ao seu dispor no Servizo de Planificación de Persoal Docente e Investigador, onde deberán retirala. Non obstante, no caso de interposición de recurso non poderá retirarse ata que a resolución impugnada sexa firme, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan realizar copia da documentación para outros efectos.

Transcorridos seis meses desde a finalización do procedemento ou, no caso de haber recurso, desde que a resolución impugnada adquira firmeza, a documentación será destruída.

8. Proposta de provisión.

8.1. Nun prazo máximo de cinco días desde o seguinte ao da finalización das probas, farase pública no taboleiro de anuncios do centro en que actúe a comisión de selección a proposta motivada sobre a provisión da praza, con expresión de todas as persoas candidatas propostas por orde de puntuación. Sobre a forma e a motivación da proposta observarase o disposto no artigo 28 da Normativa.

8.2. Contra a proposta de provisión de prazas de profesor asociado de Ciencias da Saúde poderase interpor reclamación ante o reitor, nun prazo de dez días, que será instruída por unha comisión de revisión nos termos e consonte o procedemento establecido nos artigos 31 e 32 da Normativa pola que se regula a selección do persoal docente e investigador contratado e interino. A admisión a trámite da reclamación non suspenderá a contratación da persoa candidata proposta, salvo resolución motivada en contrario.

9. Resolucións reitorais de contratación, presentación de documentos e formalización dos contratos.

9.1. A resolución reitoral que autorice, cando proceda, a contratación do candidata/o ou candidatas/os segundo a orde de puntuación farase pública no taboleiro electrónico e nos taboleiros de anuncios da Reitoría e da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo, así como na páxina web da Universidade http://www.usc.es/profesorado. Esta publicación substituirá a notificación persoal ás persoas interesadas e producirá os mesmos efectos ca esta, segundo o previsto no artigo 59.6.b) da LRX-PAC.

9.2. As persoas candidatas a que se atribúan as prazas obxecto de concurso deberán asinar o contrato nun prazo de dez días hábiles segundo se indique na resolución pola se autorice a contratación. Con carácter excepcional, tras a solicitude motivada da persoa interesada e de acordo coas necesidades do servizo, este prazo poderá ser modificado polo reitor.

9.3. Antes de proceder á sinatura, a persoa candidata deberá presentar copias compulsadas (ou simples, xunto cos respectivos orixinais para o seu cotexo) daqueles documentos que avalen o cumprimento dos requisitos de carácter xeral e específicos para cada tipo de praza exixidos nesta convocatoria, sempre que non os presentase xunto coa instancia. En todo caso, deberá acreditar a titulación universitaria de maior nivel que se posúa, co obxecto de que conste no seu expediente persoal. Estes documentos deberán presentarse:

• No Servizo de Planificación de Persoal Docente e Investigador-Colexio de San Xerome, Santiago de Compostela, se a praza se convocou para Santiago de Compostela.

• Na Vicexerencia-Edificio Biblioteca Intercentros, Lugo, se a praza se convocou para Lugo.

A acreditación dos requisitos exixidos na base 2.1.a) deberá axustarse ao seguinte:

a) Para as persoas aspirantes nacionais dos Estados membros da Unión Europea, doutros Estados parte no Acordo sobre o Espazo Económico Europeo (Islandia, Liechtenstein, Noruega) ou da Confederación Suíza, será suficiente coa copia compulsada (ou simple, xunto co respectivo orixinal para o seu cotexo) do documento acreditativo da nacionalidade. As persoas aspirantes nacionais dos restantes Estados deberán acreditar ademais que teñen recoñecida a excepción de autorización de traballo.

b) As persoas aspirantes cónxuxes de nacional español, nacional doutro Estado membro da Unión Europea ou nacional doutros Estados cando así se estableza nun tratado internacional subscrito pola Unión Europea e ratificado por España deberán presentar, ademais do indicado na letra a), os documentos acreditativos do vínculo matrimonial e unha declaración xurada do seu cónxuxe de non estar separado de dereito deles.

c) Os documentos que así o precisen deberán presentarse traducidos a algunha das linguas oficiais da USC.

A acreditación do requisito exixido na base 2.1.d) farase mediante a presentación de certificado médico.

De non presentarse a documentación na forma e prazo sinalados anteriormente, ou cando esta non garde correspondencia co declarado na instancia, a persoa candidata decaerá nos dereitos que para ela deriven desta convocatoria.

9.4. Se a persoa candidata non asinase o contrato dentro do prazo sinalado no número 2 desta base, agás supostos de forza maior debidamente acreditados e sen prexuízo do establecido no artigo 10, in fine, da Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, perderá o dereito a desempeñar o posto para o cal fora seleccionada e procederase a formalizar a contratación coa persoa candidata proposta na seguinte posición.

9.5. Con carácter xeral, os contratos que deriven desta convocatoria producirán efectos desde a data en que se asinen, sen que en ningún caso poidan ter efectos retroactivos. Tan só unha vez formalizada a relación xurídica terá lugar o inicio da prestación de servizos e, polo tanto, a devindicación das retribucións asignadas á praza obtida.

9.6. Cando nunha mesma data se autorice a contratación dunha persoa candidata para ocupar máis dunha praza, a sinatura dun dos contratos suporá a renuncia ao dereito a ser contratado nas outras prazas para as cales fose proposto. A sinatura do contrato suporá tamén a renuncia á praza que, de ser o caso, se estivese ocupando con anterioridade, salvo que ambos os postos resulten compatibles.

9.7. Serán de aplicación ao persoal contratado en virtude desta convocatoria as normas contidas na Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, e as súas normas de desenvolvemento.

10. Características dos contratos.

10.1. Retribución.

Os contratos que se formalicen en virtude desta convocatoria terán as remuneracións que se sinalan no artigo 32 do Convenio colectivo para o persoal docente e investigador laboral.

10.2. Duración dos contratos.

Estes contratos terán efectos a partir da data de sinatura de cada un deles ou da que se determine na resolución de autorización da contratación, se é posterior, e terán duración ata o 31 de agosto de 2015.

11. Norma derradeira.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpor recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade cos artigos 46 e 8.2.a) da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa. Non obstante, as persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición no prazo dun mes perante o órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpor o recurso contencioso-administrativo anteriormente indicado en canto non se dite resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro dos artigos 116 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2014

P.D. (Resolución reitoral do 19.6.14; DOG do 30 de xuño)
Luís Lima Rodríguez
Vicerreitor de Organización Académica e Persoal Docente e Investigador

ANEXO I
Relación de prazas

• Profesor asociado Ciencias da Saúde.

Nº de concurso: 2001/14-15 Dedic.: PACS.

Nº de prazas: 1(LX0335).

Área de coñecemento: Ciencias Clínicas Veterinarias.

Departamento: Ciencias Clínicas Veterinarias.

Perfil: Diagnóstico por Imaxe en Veterinaria (G2091323). Servizo de Diagnóstico por Imaxe. Hospital Veterinario Universitario Rof Codina.

Centro (*): Fac. de Veterinaria.

Localidade: Lugo.

Nº de concurso: 2002/14-15 Dedic.: PACS.

Nº de prazas: 1(LX0278).

Área de coñecemento: Cirurxía.

Departamento: Cirurxía.

Perfil: práctica clínica en Cirurxía Torácica. Servizo de Cirurxía Torácica. CHUS.

Centro (*): Fac. de Medicina e Odontoloxía.

Localidade: Santiago de Compostela.

Nº de concurso: 2003/14-15 Dedic.: PACS.

Nº de prazas: 1(LX0030).

Área de coñecemento: Cirurxía.

Departamento: Cirurxía.

Perfil: práctica clínica en Anxioloxía e Cirurxía Vascular.

Servizo de Anxioloxía. CHUS.

Centro (*): Fac. de Medicina e Odontoloxía.

Localidade: Santiago de Compostela.

Nº de concurso: 2004/14-15 Dedic.: PACS.

Nº de prazas: 1(LX0328).

Área de coñecemento: Cirurxía.

Departamento: Cirurxía.

Perfil: práctica clínica en Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía. Servizo de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía. CHUS.

Centro (*): Fac. de Medicina e Odontoloxía.

Localidade: Santiago de Compostela.

Nº de concurso: 2005/14-15 Dedic.: PACS.

Nº de prazas: 1(LX0329).

Área de coñecemento: Oftalmoloxía.

Departamento: Cirurxía.

Perfil: práctica clínica de Oftalmoloxía. Servizo de Oftalmoloxía. CHUS.

Centro (*): Fac. de Medicina e Odontoloxía.

Localidade: Santiago de Compostela.

Nº de concurso: 2006/14-15 Dedic.: PACS.

Nº de prazas: 1(LX0085).

Área de coñecemento: Enfermaría.

Departamento: Enfermaría.

Perfil: prácticas tuteladas. Servizo Atención Primaria. Centro de Saúde Concepción Arenal.

Centro (*): Fac. de Enfermaría.

Localidade: Santiago de Compostela.

Nº de concurso: 2007/14-15 Dedic.: PACS.

Nº de prazas: 1(LX0145).

Área de coñecemento: Enfermaría.

Departamento: Enfermaría.

Perfil: prácticas tuteladas. Servizo Urxencias Adultos. CHUS.

Centro (*): Fac. de Enfermaría.

Localidade: Santiago de Compostela.

Nº de concurso: 2008/14-15 Dedic.: PACS.

Nº de prazas: 1(LX0089).

Área de coñecemento: Enfermaría.

Departamento: Enfermaría.

Perfil: prácticas tuteladas. Servizo Diálise. CHUS.

Centro (*): Fac. de Enfermaría.

Localidade: Santiago de Compostela.

Nº de concurso: 2009/14-15 Dedic.: PACS.

Nº de prazas: 1(LX0170).

Área de coñecemento: Enfermaría.

Departamento: Enfermaría.

Perfil: prácticas tuteladas. Servizo de Traumatoloxía (baixo dereita) Hospital de Conxo.

Centro (*): Fac. de Enfermaría.

Localidade: Santiago de Compostela.

Nº de concurso: 2010/14-15 Dedic.: PACS.

Nº de prazas: 1(LX0330).

Área de coñecemento: Enfermaría.

Departamento: Enfermaría.

Perfil: prácticas tuteladas. Servizo de Atención Primaria. Centro de Saúde de Vite.

Centro (*): Fac. de Enfermaría.

Localidade: Santiago de Compostela.

Nº de concurso: 2011/14-15 Dedic.: PACS.

Nº de prazas: 1(LX0331).

Área de coñecemento: Enfermaría.

Departamento: Enfermaría.

Perfil: prácticas tuteladas. Servizo de Atención Primaria. Centro de Saúde de Fontiñas.

Centro (*): Fac. de Enfermaría.

Localidade: Santiago de Compostela.

Nº de concurso: 2012/14-15 Dedic.: PACS.

Nº de prazas: 1(LX0226).

Área de coñecemento: Medicina.

Departamento: Medicina.

Perfil: Clínicas Médicas. Servizo de Neumoloxía. CHUS.

Centro (*): Fac. de Medicina e Odontoloxía.

Localidade: Santiago de Compostela.

Nº de concurso: 2013/14-15 Dedic.: PACS.

Nº de prazas: 1(LX0206).

Área de coñecemento: Medicina.

Departamento: Medicina.

Perfil: Clínicas Médicas. Servizo de Nefroloxía. CHUS.

Centro (*): Fac. de Medicina e Odontoloxía.

Localidade: Santiago de Compostela.

Nº de concurso: 2014/14-15 Dedic.: PACS.

Nº de prazas: 1(LX0088).

Área de coñecemento: Medicina.

Departamento: Medicina.

Perfil: Clínicas Médicas. Servizo de Endocrinoloxía. CHUS.

Centro (*): Fac. de Medicina e Odontoloxía.

Localidade: Santiago de Compostela.

Nº de concurso: 2015/14-15 Dedic.: PACS.

Nº de prazas: 1(LX0332).

Área de coñecemento: Pediatría.

Departamento: Pediatría.

Perfil: Clínica Pediátrica. Servizo de Pediatría. CHUS.

Centro (*): Fac. de Medicina e Odontoloxía.

Localidade: Santiago de Compostela.

Nº de concurso: 2016/14-15 Dedic.: PACS.

Nº de prazas: 1(LX0172).

Área de coñecemento: Personalidade, Avaliación e Tratamento Psicolóxico.

Departamento: Psicol. Clínica e Psicobioloxía.

Perfil: Practicum (G2011423). Dependencias do Sergas.

Centro (*): Fac. de Psicoloxía.

Localidade: Lugo.

Nº de concurso: 2017/14-15 Dedic.: PACS.

Nº de prazas: 2(LX0333, LX0334).

Área de coñecemento: Personalidade, Avaliación e Tratamento Psicolóxico.

Departamento: Psicol. Clínica e Psicobioloxía.

Perfil: Practicum (G2011423). Dependencias do Sergas.

Centro (*): Fac. de Psicoloxía.

Localidade: Comunidade Autónoma.

Nº de concurso: 2018/14-15 Dedic.: PACS.

Nº de prazas: 1(LX0247).

Área de coñecemento: Psiquiatría.

Departamento: Psiquiatría, Radiol. e Saúde Pub.

Perfil: Clínica Psiquiátrica (G2051625). Servizo de Psiquiatría. CHUS.

Centro (*): Fac. de Medicina e Odontoloxía.

Localidade: Santiago de Compostela.

Nº de concurso: 2019/14-15 Dedic.: PACS.

Nº de prazas: 1(LX0319).

Área de coñecemento: Psiquiatría.

Departamento: Psiquiatría, Radiol. e Saúde Pub.

Perfil: Clínica Psiquiátrica (G2051625). Servizo de Psiquiatría. Complexo Hospitalario Lugo

Centro (*): Fac. de Medicina e Odontoloxía.

Localidade: Lugo.

(*) Centro onde se realizará con carácter preferente a actividade.

ANEXO V
Requisitos específicos, documentación propia, procedemento de selección e lexislación específica

Profesor asociado
Profesor asociado de Ciencias da Saúde

Os/as aspirantes deberán reunir os requisitos de carácter xeral sinalados na base 2 da convocatoria e ademais os seguintes:

• Requisitos específicos e documentación:

a) Estar en posesión da titulación concreta ou equivalente que, de ser o caso, exixa a convocatoria para cada praza.

b) Posuír a condición de especialista de recoñecida competencia con exercicio de actividade profesional fóra do ámbito académico universitario. Esta actividade profesional deberá estar directamente relacionada cos contidos da actividade docente que se vai desenvolver que figuran especificados na convocatoria e terse realizado por un período mínimo de tres anos ao longo dos cinco últimos, por referencia á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

A actividade profesional requirida para poder concursar deberá manterse durante o tempo de vixencia do contrato.

c) Os/as aspirantes a prazas de profesor asociado de ciencias da saúde (PACS) deberán estar prestando servizos nas dependencias para as cales se convocan as ditas prazas e manter esta situación durante o tempo de vixencia do contrato.

Deberán presentar, ademais da documentación sinalada na base 4 da convocatoria, a acreditación da actividade profesional externa, que se realizará por un ou varios dos medios sinalados no artigo 21.4. da Normativa, segundo corresponda.

No caso de actividades suxeitas ao réxime de autónomos será necesario presentar a certificación de alta na actividade económica declarada, actualizada na data da convocatoria.

Para as prazas de PACS a actividade profesional requirida deberase acreditar mediante unha certificación, expedida pola autoridade sanitaria competente, en que conste que están prestando servizos nas dependencias que se especifican para cada unha das prazas no anexo I. Para as prazas do prácticum de Psicoloxía na certificación deberá constar que o/a aspirante é persoal do Sergas e está prestando servizos nalgunha das súas dependencias.

Non presentar os documentos especificados para cada praza nos dous parágrafos anteriores será causa de exclusión, que poderá emendarse no prazo establecido na base 5.3. desta convocatoria.

• Procedemento selectivo:

A selección de profesores asociados e profesores asociados de Ciencias da Saúde (PACS) levarase a cabo nunha única fase, de carácter eliminatorio, que consistirá na valoración dos méritos e historial académico, docente, investigador, de xestión e, de ser o caso, sanitario-asistencial alegados polo candidato, así como do proxecto de actividades docentes.

A comisión de selección valorará os currículos e os proxectos de actividades docentes dos aspirantes consonte o establecido nos baremos que figuran no anexo I da Normativa pola que se regula a selección do persoal docente e investigador contratado e interino da USC para as prazas de profesor asociado e profesor asociado de Ciencias da Saúde, segundo o caso.

A puntuación final de cada concursante virá dada pola suma das puntuacións do currículo e do proxecto de actividades docentes.

• Lexislación específica:

Aos concursos de prazas de profesor asociado de Ciencias da Saúde serán de aplicación, ademais das normas xerais sinaladas na base 1 da convocatoria, o Real decreto 1558/1986, do 28 de xuño, regulador das bases do réxime de concertos entre as universidades e as institucións sanitarias (BOE do 31 de xullo), así como o concerto entre a Universidade de Santiago de Compostela e o Servizo Galego de Saúde, aprobado pola Orde do 18 de xuño de 2001 (DOG do 29 de xuño).