Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Venres, 12 de setembro de 2014 Páx. 38401

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 4 de setembro de 2014 pola que se nomean funcionarios en prácticas os opositores que superaron o procedemento selectivo de ingreso e acceso ao corpo de profesores de ensino secundario na Comunidade Autónoma de Galicia, convocado pola Orde do 17 de marzo de 2014 (Diario Oficial de Galicia do 26 de marzo).

Por medio da Orde do 17 de marzo de 2014 (Diario Oficial de Galicia do 26 de marzo) convocouse procedemento de ingreso e acceso ao corpo de profesores de ensino secundario e procedemento de adquisición de novas especialidades polo persoal funcionario de carreira do corpo de profesores de ensino secundario da Comunidade Autónoma de Galicia.

Sen prexuízo do establecido na base décimo quinta, puntos 1 e 4, da Orde do 17 de marzo de 2014 (Diario Oficial de Galicia do 26 de marzo), tendo en conta as necesidades do servizo e de conformidade co establecido na base décimo sexta da citada orde, os aspirantes seleccionados deberán realizar un período de prácticas que formará parte do proceso selectivo.

Ao existiren vacantes dotadas orzamentariamente, procede nomear funcionarios en prácticas os opositores que foron destinados a aquelas.

Na súa virtude, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Primeiro. Nomear funcionarios en prácticas os aspirantes que se relacionan no anexo II da Orde do 29 de xullo de 2014 (Diario Oficial de Galicia do 22 de agosto) pola que se fai pública a relación de persoal aspirante que superou o concurso-oposición convocado pola Orde do 17 de marzo de 2014 (Diario Oficial de Galicia do 26 de marzo) coa excepción dos aspirantes que se relacionan na base segunda desta orde.

Segundo. Conceder aprazamento da fase de prácticas a Manuel García Magariños, DNI 76870094T, disciplina Matemáticas; María Castellano Méndez, DNI 44805209J, disciplina Matemáticas, e Miguel Guido González Szamocki, DNI 45909995V, disciplina Inglés.

Terceiro. O nomeamento como funcionario en prácticas producirá efectos económicos e administrativos desde o 15 de setembro de 2014 ou desde a súa toma de posesión, se esta for posterior.

Cuarto. O réxime retributivo dos funcionarios en prácticas será o establecido no Real decreto 456/1986, do 10 de febreiro (BOE do 6 de marzo), modificado polo Real decreto 213/2003, do 21 de febreiro (BOE do 1 de marzo), polo que se fixan as retribucións dos funcionarios en prácticas.

Quinto. Os funcionarios en prácticas que xa estean prestando servizos remunerados na Administración como funcionarios de carreira ou interinos, contratados administrativos ou como persoal laboral, sen prexuízo da situación administrativa ou laboral que de acordo coa normativa vixente lles corresponda, deberán formular opción para a percepción das remuneracións en canto persista a súa condición de funcionario en prácticas, de conformidade co disposto no Real decreto 456/1986, do 10 de febreiro (BOE do 6 de marzo), modificado polo Real decreto 213/2003, do 21 de febreiro (BOE do 1 de marzo).

Sexto. A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos adoptará todas as medidas e ditará as instrucións que coide oportunas para o desenvolvemento da presente orde.

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2014

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria