Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Martes, 7 de outubro de 2014 Páx. 43481

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 25 de setembro de 2014 pola que se convoca a provisión do posto de director/a do Centro Galego de Arte Contemporánea.

En virtude do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; e do Decreto 326/1996, do 26 de xullo, de regulamentación do Centro Galego de Arte Contemporánea, esta consellería

RESOLVE:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para a cobertura do posto de dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea, a que lle corresponden as función atribuídas polo Decreto 326/1996, do 26 de xullo.

Segundo. Aprobar as bases polas que se rexerá este proceso selectivo, que se engade como anexo I desta resolución.

Terceiro. Contra a presente resolución, que lle pon fin á vía administrativa, os/as interesados/as poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou poderá impugnala directamente, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, segundo a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2014

P.D. (Orde do 25.1.2012)
Jesús Oitavén Barcala
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I
Bases polas que se regula a convocatoria para selección do candidato/a
para a cobertura do posto de director ou directora
do Centro Galego de Arte Contemporánea

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), regulado no Decreto 326/1996, do 26 de xullo, configúrase como un centro de promoción, de creación e difusión para o desenvolvemento da cultura no eido das distintas manifestacións artísticas.

O artigo 7 desta norma establece que a dirección do centro se poderá prover por persoal funcionario con rango de subdirector xeral ou en réxime de contratación temporal e sen prexuízo da súa renovación, do conformidade co Real decreto 1382/1985, do 1 de novembro.

Pola súa banda o artigo 12 do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, sinala que ao director ou directora do Centro Galego de Arte Contemporánea lle corresponde a dirección, coordinación e planificación da actividade dos departamentos, de conformidade co Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto.

Bases

1. Obxecto da convocatoria.

A presente convocatoria ten por obxecto a cobertura do posto de director/a do Centro Galego de Arte Contemporánea.

2. Retribución e incompatibilidades.

2.1. Retribucións. As retribucións brutas anuais ascenderán a 46.538,76 €.

2.2. Incompatibilidades. A persoa que ocupe a dirección do CGAC estará sometida ao sistema de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, regulado na Lei 53/1984, do 26 de decembro.

3. Funcións da dirección do centro.

De acordo co regulamento do centro á dirección correspóndenlle as seguintes funcións:

• A dirección artística do centro, a dirección do centro e do seu persoal, a representación ordinaria do centro e a dirección, coordinación e planificación da actividade dos departamentos ao seu cargo.

• Adoptar as medidas precisas para que a protección dos fondos artísticos do centro quede garantida e aprobar os tratamentos para a conservación ou restauración de obras de arte.

• Elaborar e propoñer ao Padroado os plans xerais de actuación do centro, a memoria anual das actividades e someter á súa aprobación a ordenación das coleccións, así como propoñer adquisicións de obras de arte.

• Informar ao Padroado do programa anual de exposicións do centro, así como a proposta de designación de comisarios que, baixo a súa supervisión, xestionen a súa realización e instalación e propoñan as obras que deban ser exhibidas.

• Impulsar acordos de cooperación e colaboración con outros centros e institución afíns, e a organización de actividades educativas e científicas tanto nacionais coma internacionais.

• Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada.

4. Requisitos e méritos.

4.1. Requisitos dos candidatos.

Os aspirantes deben reunir os seguintes requisitos:

a) Ter nacionalidade española; ou

– Ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea, ou

– Ser nacional dalgún Estado no que, en virtude dos tratados internacionais asinados pola Unión Europea e ratificado por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores.

– Calquera que sexa a súa nacionalidade, tamén poderán participar os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Así mesmo, coas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores desta idade dependentes.

– Ter residencia legal en España, no caso de tratarse de estranxeiros non incluídos nos puntos anteriores.

b) Estar en posesión dunha titulación universitaria co nivel de licenciatura, grao, estudos superiores de ensinanzas artísticas ou titulación equivalente.

c) Non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servizo de calquera das administracións públicas, ni ter sido inhabilitado para o desempeño de funcións públicas.

d) Ter cumprido dezaseis anos.

4.2. Méritos.

a) Acreditar unha experiencia mínima e significativa de tres anos na dirección e xestión de museos ou centros de arte moderna e contemporánea, ou no comisariado de exposicións de arte moderna e contemporánea.

b) Ter o título de doutor no campo da historia da arte, a estética, a museoloxía, as belas artes, a arquitectura, a restauración ou a comunicación audiovisual.

c) Másters ou estudos de posgrao no campo da historia da arte, a estética, a museoloxía, as belas artes, a arquitectura, a restauración ou a comunicación audiovisual.

d) Publicacións no ámbito da museoloxía e na difusión da arte moderna e contemporánea.

Todos estes méritos deben ser acreditados mediante soporte documental presentado nun documento orixinal ou copia cotexada.

5. Outra documentacion (proxecto).

Cada candidato deberá presentar, xunto coa solicitude, un proxecto que conterá un plan de actuación referido especificamente ao CGAC para un período de cinco anos, documento no que deben definir especificamente os fins, liñas de actuación, programas e obxectivos que se propoña conseguir ou desenvolver, tendo en conta a promoción e posta en valor da arte contemporánea galega, española e internacional, dos artistas novos e da colección do CGAC nun contexto internacional.

Este documento deberá presentarse en calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia e terá unha extensión máxima de 30 páxinas (interliñado sinxelo, letra arial a 12 puntos).

Para a elaboración deste proxecto, tomaranse como referencia, con carácter exclusivamente orientativo, as asignacións orzamentarias que a Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia destina nos seus programas de gastos ao CGAC, mediante os créditos asignados á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

6. Presentación de solicitudes.

As solicitudes, no modelo que figura como anexo II, xunto co resto da documentación sinalada, deberán presentarse no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, sito no Edificio Administrativo San Caetano, s/n, Santiago de Compostela, nas súas xefaturas territoriais ou nas oficinas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de trinta (30) días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Á solicitude debe xuntarse declaración xurada ou responsable do/a aspirante, de que reúne todos e cada un dos requisitos exixidos para participar neste proceso ou que está en disposición de obtelos no prazo de presentación de solicitudes, no modelo que figura como anexo III das presentes bases.

A solicitude deberán dirixirse ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, acompañada da seguinte documentación:

1. Un currículum vítae completo do candidato ou candidata, así como a documentación acreditativa dos méritos que alegue e que figuran na base 4.2 da convocatoria.

2. O proxecto sinalado na base 5.

7. Admisión de solicitudes.

Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes de participación, por resolución da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria aprobaranse as listas provisionais de admitidos e excluídos, con indicación das causas de exclusión.

Esta lista publicarase na páxina web do CGAC (http://cgac.xunta.es), así como na páxina web de Cultura da Xunta de Galicia (http://cultura.gal) e no taboleiro de anuncios do CGAC, dispoñendo as persoas interesadas dun prazo de tres días (3) hábiles, contados desde o seguinte ao da súa publicación, para presentar as emendas correspondentes.

Rematado o prazo anterior, ditarase resolución mediante a que se aproba a lista definitiva de aspirantes admitidos/as, publicándose na forma descrita. Esta publicación implica a desestimación das alegacións ou emendas formuladas por aqueles/as aspirantes que quedan definitivamente excluídos/as.

O feito de ser admitido non presupón o cumprimento dos requisitos para participar nesta convocatoria, que se acreditaran documentalmente como se indica na base 10 da presente convocatoria.

8. Órgano de selección (comisión de valoración).

O órgano de selección será unha comisión de valoración nomeada por resolución do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. A comisión no seu funcionamento e actuación axustarase ás instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos órganos de selección do 11 de abril de 2007, modificadas por acordo do Consello da Xunta de Galicia do 8 de abril de 2010.

9. Procedemento selectivo.

9.1. Valoración de méritos e proxecto.

Nunha primeira fase, a comisión de valoración analizará e puntuará os méritos alegados e acreditados polos candidatos/as indicados na base 4.2 segundo os seguintes criterios:

a) Por acreditar a experiencia sinalada na base 4.2 a): 6 puntos por ano a partir do terceiro.

• Cada ano adicional a partir do cuarto outorgarase unha puntuación de 1.5 puntos ata o oitavo ano.

• A partir do noveno ano outorgarase 1 punto adicional por cada ano.

As fraccións de anos puntuaranse por mes completo de maneira proporcional.

A puntuación máxima que se pode acadar polo mérito recollido na base 4.2 a) é de 14 puntos.

b) Por ter o título de doutor no campo da historia da arte, a estética, a museoloxía, as belas artes, a arquitectura, a restauración ou a comunicación audiovisual: 6 puntos.

c) Por ter realizado másters ou estudos de posgrao no campo da historia da arte, a estética, a museoloxía, as belas artes, a arquitectura, a restauración ou a comunicación audiovisual: 1 punto por cada titulo acreditado ata un máximo de 6 puntos.

d) Por publicacións no ámbito da museoloxía e na difusión da arte moderna: 0,5 puntos por cada publicación, que determine a comisión, ata un máximo de 9 puntos. En relación con este punto, non serán valoradas aquelas publicacións que, estando obrigadas a consignaren o ISBN en virtude do Decreto 2984/1972, do 2 de novembro, modificado polo Real decreto 2063/2008, do 12 de decembro, ou se é o caso ISSN ou ISMN, carezan deles; nin aquelas que non garden relación directa con estas materias.

No caso de documentos en formato electrónico, para seren valorados deberán ir acompañados por un informe no cal o organismo emisor certifique en que base de datos bibliográfica aparece a publicación. Neste documento indicaranse, ademais, os seguintes datos: o título da publicación, autor/es, data da publicación e o depósito legal.

A puntuación máxima que se pode acadar polos méritos relacionados neste punto será de 35 puntos.

Na segunda fase valorarase o plan contido no proxecto segundo os seguintes criterios:

a) Pertinencia, entendida como a adecuación dos obxectivos do plan á estratexia, prioridades e traxectoria do CGAC.

b) Viabilidade e eficacia, entendida como unha axeitada identificación e tratamento das condicións económicas, materiais, técnicas e humanas precisas para acadar os obxectivos que se propoñen no plan así como a relación existente entre os obxectivos e os recursos que se estiman para acadalos.

c) Coñecemento do contexto económico, social, institucional e cultural da Comunidade Autónoma de Galicia.

A puntuación máxima que se pode acadar polo proxecto será de 55 puntos.

A puntuación acadada nesta fase publicarase na páxina web do CGAC (http://cgac.xunta.es), así como na páxina web de Cultura da Xunta de Galicia (http://cultura.gal) e no taboleiro de anuncios do CGAC, concedéndose un prazo de cinco (5) días hábiles para formular as alegacións que consideren oportunas.

Unha vez resoltas estas alegacións publicarase listaxe coa puntuación definitiva, entendéndose desestimadas as alegacións daqueles aspirantes que non experimente variación.

9.2. Entrevista.

Os candidatos e candidatas que acaden un mínimo de 65 puntos totais agregados nas dúas fases anteriores serán convocados pola comisión a unha entrevista que versará sobre a exposición e defensa do seu proxecto, e na que a comisión poderá formular as preguntas que considere necesarias respecto del.

Na entrevista valorarase o coñecemento das linguas oficias de comunidade autónoma así como das linguas estranxeiras, nomeadamente a lingua inglesa.

A entrevista terá unha valoración máxima de 10 puntos.

O chamamento para a entrevista realizarase, polo mesmo medio sinalado para a publicación das puntuacións da fase anterior, é dicir, na páxina web do CGAC (http://cgac.xunta.es), así como na páxina web de Cultura da Xunta de Galicia (http://cultura.gal) e no taboleiro de anuncios do CGAC.

10. Cualificación e proposta do/a candidato/a seleccionado/a.

A cualificación final virá determinada pola suma das puntuacións acadadas tanto nas dúas primeiras fases coma na entrevista.

No caso de empate na puntuación total dirimirase a favor do/a candidato/a que obtivese maior puntuación nas seguintes fases: proxecto, valoración dos méritos e entrevista.

Publicarase na páxina web do CGAC (http://cgac.xunta.es), así como na páxina web de Cultura da Xunta de Galicia (http://cultura.gal) e no taboleiro de anuncio do CGAC, as puntuacións obtidas polos/as aspirantes que, no prazo de tres (3) días hábiles, poden formular as alegacións oportunas, que se entenderán estimadas ou desestimadas, segundo proceda, coa publicación da puntuación definitiva.

A comisión elaboraraa unha proposta, que incluirá o candidato/a seleccionado, cun número de aspirantes suficiente para garantir o nomeamento doutra persoa no caso de que o seleccionado/a non reúna os requisitos exixidos na convocatoria.

Os candidato/as seleccionado/as deberán acreditar os requisitos para participar neste proceso sinalados na base 4.1 no prazo de cinco (5) días hábiles desde que sexa requirido. Para estes efectos achegarase orixinal ou ben copia cotexada.

A comisión elevará unha proposta co candidato ou candidata seleccionado/a ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, para o seu nomeamento.

A convocatoria poderá declararse deserta se a comisión de selección considera que ningunha das persoas candidatas se axeita aos requisitos do posto, mediante unha decisión debidamente motivada.

11. Nomeamento e toma de posesión.

Se o aspirante seleccionado para ocupar o posto de traballo convocado desempeñase a condición de funcionario/a publico con destino definitivo noutra Administración pública, o seu nomeamento requirirá o informe favorable do departamento onde preste servizos, que se considerará favorable de non emitirse no prazo de quince días, segundo o preceptuado no artigo 67 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, e demais disposicións concordantes. Unha vez tramitado o seu traslado a esta comunidade autónoma procederase a adxudicarlle o posto para o cal foi seleccionado/a. Se no prazo de dous meses a partir da publicación no Diario Oficial de Galicia, o/a funcionario/a seleccionado non se pode incorporar á Comunidade Autónoma, considerarase deserto o posto e poderase proceder de novo á súa provisión. Neste caso prazo de toma de posesión será de tres días hábiles se non implica cambio de residencia ou de sete días hábiles se comporta cambio de residencia. Cando o/a adxudicatario/a do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será de vinte días hábiles. O prazo de toma de posesión comezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento.

Se o aspirante seleccionado para ocupar o posto de traballo convocado non ostentase a condición de funcionario/a público, o vínculo formalizarase mediante contrato laboral de alta dirección ao amparo do previsto no Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto, polo que se regula a relación laboral de carácter especial do persoal de alta dirección, no artigo 17 do Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2014

missing image file