Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Mércores, 29 de outubro de 2014 Páx. 45794

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 21 de outubro de 2014, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publica a orde de prelación e puntuación definitiva obtidas polas persoas aspirantes admitidas nas listas para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais en diversas categorías de xestión e servizos.

Por Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, do 17 de xuño de 2013 (Diario Oficial de Galicia nº 120, do 26 de xuño), abriuse o prazo para a inscrición de aspirantes nas listas para a formalización de vinculacións temporais nas categorías do grupo técnico da función administrativa, grupo de xestión da función administrativa e enxeñeiro/a técnico/a no ámbito das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade.

Na dita resolución prevese unha xeración de listas coas persoas inscritas ata o 26 de xullo de 2013, que cumpran os requisitos determinados na citada resolución.

Por Resolución do 11 de xullo de 2014 (Diario Oficial de Galicia nº 137, do 21 de xullo), publicáronse os resultados provisionais de baremación dos/das aspirantes admitidos/as, coa asignación do número de orde e puntuacións provisionais obtidas.

Rematado o prazo de reclamación contra a dita resolución e analizadas as reclamacións presentadas, este centro directivo, de conformidade coa base sétima da resolución de inicio do prazo de inscrición (Diario Oficial de Galicia nº 120, do 26 de xuño),

RESOLVE:

Primeiro. Aprobar a orde de prelación e puntuación definitiva obtidas polas persoas aspirantes admitidas nas listas para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade nas categorías do grupo técnico da función administrativa, grupo de xestión da función administrativa e enxeñeiro/a técnico/a.

Segundo. As listas co número de orde e puntuación definitiva obtidos polas persoas aspirantes admitidas nas categorías citadas están publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a aspirante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

Terceiro. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, poderase interpoñer recurso de reposición, ante este mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación.

Cuarto. As listas entrarán en vigor con efectos do 31 de outubro de 2014. Resultarán de aplicación aos chamamentos que se efectúen a partir da dita data as normas de xestión contidas no pacto sobre selección de persoal estatutario temporal aprobado pola Resolución do 26 de abril de 2011 (Diario Oficial de Galicia nº 89, do 9 de maio).

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2014

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos