Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Mércores, 29 de outubro de 2014 Páx. 45840

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

ANUNCIO do 7 de outubro de 2014, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, polo que se dá publicidade ao Acordo do 7 de xullo de 2014 sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal Vao de Laxe, Fonte da Fenlla, Pedrouzo de Arcos, Corneda, Estivada, Albartino, O Foso, Cruceiro, Fonte dos Porcos, O Faro e Canle dos Seixos, do concello de Vimianzo.

Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade de que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión que tivo lugar o día 7 de xullo de 2014, adoptou o seguinte acordo en relación coa revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal de Vao de Laxe, Fonte da Fenlla, Pedrouzo de Arcos, Corneda, Estivada, Albartino, O Foso, Cruceiro, Fonte dos Porcos, O Faro e Canle dos Seixos do concello de Vimianzo.

Antecedentes de feito:

Primeiro. O monte Vao de Laxe, Fonte da Fenlla, Pedrouzo de Arcos, Corneda, Estivada, Albartino, O Foso, Cruceiro, Fonte dos Porcos, O Faro e Canle dos Seixos do concello de Vimianzo (en diante monte veciñal de Cures e Mouzo) foi declarado veciñal en man común por Resolución do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña o 23 de febreiro de 1981 en favor dos veciños dos lugares de Cures e Mouzo, da parroquia de Carnés, do concello de Vimianzo, constando no expediente un esbozo do monte veciñal.

Segundo. Con data do 10 de xullo de 2013 o Xurado aprobou as avinzas entre a comunidade veciñal de Cures e Mouzo e a comunidade veciñal de Pasantes (monte Relleira de Sobreiros e Costa das Pasantes, Prado das Porfías, Costa de Cova Ladróns, Relleira de Corneda e Campo de Monteira de Riba co número de expediente 369), e entre aquela e a comunidade veciñal de Montecelos (monte Montecelos co número de expediente 368), co que se definiron os límites comúns entre os seus respectivos montes.

Terceiro. O presidente da comunidade veciñal de Cures e Mouzo achega ao Servizo de Montes unha copia da sentenza firme núm. 00006/2014 da sala do Civil e do Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre a demanda da comunidade veciñal en man común da Gándara (expediente núm. 388) contra a comunidade de Ogas (expediente núm. 185), que afectaba unha parte do perímetro do seu monte, e solicitando que se defina ou deslinde todo o seu perímetro do monte veciñal.

Cuarto. O Xurado solicita o 26 de maio de 2014 ao Servizo de Montes que realice unha proposta de revisión da cartografía actualizada do monte veciñal de Cures e Mouzo en atención ao previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Quinto. Con data do 17 de xuño de 2014, o xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común do Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar na Coruña presenta unha proposta de revisión cartográfica do monte veciñal Vao de Laxe, Fonte da Fenlla, Pedrouzo de Arcos, Corneda, Estivada, Albartino, O Foso, Cruceiro, Fonte dos Porcos, O Faro e Canle dos Seixos, do concello de Vimianzo, tendo en conta a cartografía inicial existente no expediente (esbozo), as avinzas aprobadas coas comunidades veciñais limítrofes de Pasantes e Montecelos aprobadas polo Xurado o 10 de xullo de 2013; a sentenza firme núm. 0006/2014 do TSXG; a parte do deslindamento do monte CUP núm. 352 Prado Grande do cal procede este monte; e logo de audiencia aos titulares catastrais de dúas parcelas estremeiras que podían estar afectados, os cales non realizaron ningunha alegación.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

Segundo. O informe do xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común da Coruña do 17 de xuño de 2014 contén unha proposta de adaptación do esbozo existente do monte veciñal de Cures e Mouzo a unha cartografía de fiabilidade e precisión adaptada ás novas técnicas topográficas con apoio nunha ampla xustificación documental e validando un plano de levantamento topográfico do ano 2010 presentado por instancia da comunidade.

Vista a proposta de revisión presentada sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal de Cures e Mouzo que achega o responsable da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común do Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar na Coruña, este xurado, por unanimidade dos membros presentes con dereito a voto,

ACORDA:

Primeiro. Aprobar a proposta de adaptación de esbozo do monte veciñal Vao de Laxe, Fonte da Fenlla, Pedrouzo de Arcos, Corneda, Estivada, Albartino, O Foso, Cruceiro, Fonte dos Porcos, O Faro e Canle dos Seixos, da parroquia de Carnés, do concello de Vimianzo, presentada polo xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común da Coruña no seu informe do 17 de xuño de 2014 e a planimetría que o acompaña de xuño de 2010 (plano do levantamento topográfico 1) que este valida no seu informe e que forma parte desta resolución, de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, quedando o monte veciñal coas características seguintes:

Superficie total do monte: 162,39 ha.

Extremas ou lindeiros:

Norte: do vértice 32 ao 19, ambos incluídos, sempre no sentido das agullas do reloxo, con propiedades particulares do lugar de Vilar, co rego do Mouxo e coa parcela catastral 15093A015000600000QY , pertencente a Carmen Insua Cendón.

Leste: do vértice 19 ao 17, ambos incluídos, sempre no sentido das agullas do reloxo, coa parcela catastral 15093A015000610000QG, pertencente a Rosa Rosalía Soneira Vázquez.

Do vértice 17 ao 13, ambos incluídos, sempre no sentido das agullas do reloxo, co MVMC Relleira de Sobreiros e Costa das Pasantes, Prado das Porfías, Costa de Cova Ladróns, Relleira de Corneda e Campo de Monteira de Riba (expediente 369).

Do vértice 13 ao 5, ambos incluídos, sempre no sentido das agullas do reloxo, co MVMC Coto da Gándara (exp. 388).

Sur: do vértice 5 ao 3, ambos incluídos, sempre no sentido das agullas do reloxo, coa parcela catastral 15093A015005570000QE, pertencente ao concello de Vimianzo.

Do vértice 3 ao 1, ambos incluídos, sempre no sentido das agullas do reloxo, co MVMC de Montecelos (exp. 368).

Oeste: do vértice 1 ao 32, ambos incluídos, sempre no sentido das agullas do reloxo, con propiedades particulares de Cures e Mouzo.

Segundo. Notificar este acordo á comunidade propietaria e publicalo no Diario Oficial de Galicia para dar cumprimento ao disposto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

A Coruña, 7 de outubro de 2014

Antonio Manuel Aguión Fernández
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común da Coruña