Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Mércores, 29 de outubro de 2014 Páx. 45764

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 13 de outubro de 2014, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 20/2013, do 9 de decembro, de garantía da unidade de mercado.

Consonte o establecido no artigo 33 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, esta dirección xeral dispón a publicación do acordo que figura como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2014

Blanca García-Señoráns Álvarez
Directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias

ANEXO
Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral
do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 20/2013,
do 9 de decembro, de garantía da unidade de mercado

A Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia adoptou o seguinte acordo:

1º. De conformidade coas negociacións previas celebradas polo grupo de traballo constituído en cumprimento do previsto no Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral da Estado-Comunidade Autónoma de Galicia do 5 de marzo de 2014, para o estudo e proposta de solución das discrepancias competenciais manifestadas en relación cos artigos 3.1, 5, 6, 7, 16, 17, 18, 19, 20, 21.2, 26, 27.1 e 6, 28, disposicións adicionais cuarta e décima, e disposicións derradeiras primeira, segunda, terceira e cuarta da Lei 20/2013, do 9 de decembro, de garantía da unidade de mercado, ambas as partes considéranas liquidadas de conformidade cos seguintes compromisos:

a) En relación cos principios recollidos no capítulo I da Lei 20/2013, ambas as partes coinciden en manifestar que as relacións entre as administracións públicas deben entenderse no contexto do título I da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e, en concreto, do seu artigo 5, de maneira que a cooperación no marco das conferencias sectoriais se levará a cabo de conformidade co disposto no respectivo acordo de institucionalización e regulamento interno de cada conferencia sectorial.

b) En relación coas discrepancias manifestadas sobre o artigo 16, ambas as partes coinciden en interpretar que este se está remitindo á regulación contida nos artigos 17 e 18, sen impedir o exercicio das competencias autonómicas alí onde estea amparado polo bloque de constitucionalidade.

c) O número 1 do artigo 17 da LGUM interpretarase no sentido de que só rexe para a exixencia de autorizacións, de tal sorte que as razóns imperiosas de interese xeral contidas no artigo 3.11 da Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, xustificarán a exixencia de presentación de declaracións responsables ou de comunicacións previas, conforme prescriben os números 2 a 4 do referido artigo 17 da LGUM.

d) En relación coas discrepancias manifestadas sobre o artigo 18.2.a), ambas as partes coinciden en interpretar que o seu contido non obsta para que se poida exixir o exercicio dunha actividade económica no territorio para a obtención de vantaxes económicas vinculadas a políticas de fomento, sen que iso implique discriminación por razón da nacionalidade ou domicilio social da empresa.

e) En relación co principio de eficacia en todo o territorio nacional, ambas as partes coinciden en interpretar que a referencia do artigo 19.3 aos requisitos, cualificacións, controis previos, garantías ou actuacións administrativas exixidos conforme a normativa do lugar de destino que sexan distintos aos exixidos ao amparo da normativa do lugar de orixe, se refire exclusivamente a aquelas que estean relacionadas co acceso á actividade e non ás condicións de exercicio establecidas pola autoridade de destino, a condición de que estas se xustifiquen por razóns imperiosas de interese xeral e non resulten discriminatorias por razón do establecemento ou residencia do operador económico. Así mesmo, en relación co inciso «a autoridade de destino asumirá a plena validez destes últimos» contido no artigo 19.3 da LGUM, entenderase no sentido de que as autoridades de destino asumirán a plena validez dos requisitos, cualificacións, controis previos ou garantías exixidos polas autoridades de orixe para acceder a unha determinada actividade económica, sen que tal asunción alcance o réxime de exercicio que as autoridades de destino establezan no seu territorio.

f) O artigo 21.2.c) e 3 fan referencia exclusivamente á capacidade de supervisión en orixe e respecto dos requisitos de acceso, sen afectaren os requisitos de exercicio que estean establecidos en cada caso.

g) O artigo 26.3 da LGUM debe interpretarse no sentido de que non cabe acudir ao procedemento establecido no citado artigo 26 cando o operador interpuxese un recurso administrativo ou xurisdicional contra a disposición, acto ou actuación, ou de acordo co establecido no artigo 92 da Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, manifestase a súa conformidade coa resolución sancionadora.

h) En relación coas discrepancias manifestadas sobre o artigo 26.5, ambas as partes coinciden en interpretar que a admisión a trámite por parte da Secretaría do Consello de Unidade de Mercado non supón unha predeterminación en relación ao fondo da cuestión nin se pode interpretar como un indicio de afectación á liberdade de establecemento ou circulación.

i) En relación coas discrepancias manifestadas sobre o artigo 26.5, ambas as partes coinciden en interpretar que cando se recolle que o informe de valoración da Secretaría deberá ser tido en conta pola autoridade competente á hora de decidir, non se pode entender como que se trata dun informe vinculante nin determinante, de maneira que a autoridade decisoria ten liberdade para resolver o que en dereito considere que procede.

j) O procedemento en defensa dos dereitos e intereses dos operadores económicos polas autoridades competentes previsto no artigo 26 da LGUM será en todo caso resolto pola autoridade competente en cada caso conforme o prescrito no seu número 5, a cal poderá notificar a resolución adoptada ao interesado sen prexuízo de que a Secretaría do Consello para a Unidade de Mercado notifique a dita resolución dentro do día hábil seguinte á súa recepción, comezando o cómputo dos prazos a que se refiren os números 8 e 9 do artigo 26 da LGUM desde a notificación efectuada pola Secretaría do Consello para a Unidade de Mercado.

k) En relación coas discrepancias manifestadas sobre o punto tres da disposición derradeira primeira en relación co número 6 do artigo 127 ter da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ambas as partes coinciden en interpretar que a condena ao resarcimento dos danos e prexuízos só pode aparecer procesualmente, se é o caso, de estar recollida tal pretensión na demanda presentada pola Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia, e que esta comisión só incorporará tal pretensión se existir petición expresa en tal sentido dun operador concretamente afectado, xustificando debidamente, ademais, a súa realidade e cuantificación.

l) En relación coas discrepancias manifestadas sobre o apartado tres da disposición derradeira primeira en relación co artigo 127 quáter da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ambas as partes coinciden en interpretar que a solicitude de suspensión por parte da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia terá carácter excepcional e só será solicitada en caso de entender este que é imprescindible pola especial relevancia do suposto para a liberdade de establecemento e circulación.

m) En relación coas discrepancias manifestadas sobre o apartado tres da disposición derradeira primeira en relación ao artigo 127 quáter da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ambas as partes coinciden en interpretar que non existe impedimento para que a Administración cuxa actuación se recorreu poida solicitar que o levantamento se decida antes do prazo dos tres meses, e, en consecuencia, que o tribunal entre a valoralo antes de tal prazo de tres meses.

2º. Comunicar este Acordo ao Tribunal Constitucional para os efectos previstos no artigo 33.2 da Lei orgánica do Tribunal Constitucional, así como inserir o presente acordo no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

Madrid, 9 de setembro de 2014

Cristóbal Montoro Romero Alfonso Rueda Valenzuela
      Ministro de Facenda Vicepresidente e conselleiro de Presidencia
e Administracións Públicas         Administracións Públicas e Xustiza