Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Mércores, 29 de outubro de 2014 Páx. 45810

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 17 de outubro de 2014 pola que se convoca concurso público para a contratación de persoal docente e investigador polo procedemento de urxencia (concursos números 0012 e 0013/14-15).

Esta Reitoría, conforme o acordo da Comisión de Organización Académica e Profesorado do 11.7.2014 desta Universidade e logo da autorización conxunta da Secretaría Xeral de Universidades e da Secretaría Xeral de Planificación e Orzamentos do 6 de outubro de 2014, resolveu convocar concurso público, para a contratación de persoal docente e investigador, polo procedemento de urxencia, consonte se indica no anexo I desta resolución, con suxeición ás seguintes

Bases da convocatoria

1. Normas xerais.

1.1. Aos concursos obxecto desta convocatoria seranlles de aplicación a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, modificada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril (en diante, LOU); a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en diante, LRX-PAC); Decreto 266/2002, do 6 de setembro, sobre contratación de profesorado universitario; os Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, aprobados por Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro; a Normativa pola que se regula a selección do persoal docente e investigador contratado e interino, aprobada por acordo do Consello de Goberno do 17 de febreiro de 2005 e modificada polos Consellos de Goberno do 10 de maio de 2007, do 19 de xullo de 2007 e do 22 de xullo de 2009 (en diante, Normativa); o II Convenio colectivo para o persoal docente e investigador laboral das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, subscrito con data do 26 de xaneiro de 2011 (DOG do 14 de abril), prorrogado con data 12 de xullo de 2013 (DOG do 29 de xullo), (en diante, Convenio) e as bases desta convocatoria.

1.2. As referencias que para cada posto de traballo se conteñan nesta convocatoria en relación coas obrigas docentes e de investigación que asumirán as persoas adxudicatarias non suporán, en ningún caso, para quen obteña estes postos un dereito de vinculación exclusiva a esas actividades, nin limitarán a competencia da Universidade para asignarlle distintas obrigas docentes e investigadoras. Do mesmo xeito, a referencia ao centro no que deberá desenvolverse a actividade docente non suporá o dereito a non exercer actividade docente ou investigadora noutro centro dependente da propia universidade, aínda no caso de que radique en localidade distinta.

1.3. Cando os prazos a que fai referencia esta convocatoria se expresen en días entenderase que estes son hábiles, excluíndose do cómputo os domingos e os declarados festivos, consonte o disposto no artigo 48.1º da LRX-PAC. Consideraranse festivos para este efecto os festivos locais tanto de Santiago de Compostela como de Lugo, ampliándose en calquera caso en ambos campus o prazo establecido por un número de días igual ao dos festivos existentes.

Cando os prazos rematen nun día no que os rexistros da Universidade de Santiago de Compostela (USC) estean pechados prorrogaranse ata o seguinte día hábil.

2. Requisitos das persoas aspirantes.

Os requisitos, que as persoas aspirantes deberán reunir para ser admitidas nestes concursos, serán os seguintes:

a) Ser español/a, nacional dun Estado membro da Unión Europea ou nacional daqueles Estados aos que, en virtude de tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadoras/es nos termos nos que esta se atopa definida no Tratado Constitutivo da Comunidade Europea.

Tamén poderán participar o cónxuxe non separado de dereito, e os descendentes de ambos, menores de vinte e un anos ou maiores da antedita idade que vivan ás súas expensas, dos españois, dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, ou de nacionais doutros Estados cando así o estableza un tratado internacional celebrado pola Unión Europea e ratificado por España.

As persoas nacionais de Estados distintos dos citados anteriormente poderán tamén participar nos concursos e ser contratadas, sempre que se atopen en España legalmente e sexan titulares dun documento que as habilite para residir e para acceder sen limitacións ao mercado laboral.

b) Cumprir o requisito mínimo de idade legalmente establecido e non acadar a idade de referencia para a xubilación.

c) Non ter sido separada/o mediante expediente disciplinario do servizo de calquera Administración pública española, da Unión Europea nin do Estado do que teña nacionalidade a persoa concursante.

d) Non padecer enfermidade ou limitación física ou psíquica que impida o desempeño das correspondentes funcións.

e) Ser titulado universitario ou estar en posesión da certificación supletoria correspondente.

f) No caso de persoas aspirantes de nacionalidade estranxeira será requisito para poder concursar o coñecemento de calquera das linguas oficiais da USC.

A posesión de todos os requisitos estará referida sempre á data de expiración do prazo de presentación de solicitudes de participación e deberase manter ao longo de todo o proceso selectivo.

3. Solicitudes.

3.1. Quen desexe participar nesta convocatoria deberá facelo constar en instancia que se axustará ao modelo anexo II que se atopa no enderezo electrónico http://www.usc.es/gl/servizos/profesorado/prazasabertas/solicitudes.html, así como nas dependencias do Servizo de Planificación de Persoal Docente e Investigador. Deberase presentar unha instancia por cada concurso no que se desexe participar.

A non presentación da instancia será causa de exclusión e non poderá emendarse no prazo establecido na base 5.3 desta convocatoria.

3.2. As solicitudes dirixiranse ao reitor no prazo de quince días hábiles contados a partir do seguinte á data da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG).

3.3. A presentación de solicitudes farase en calquera dos rexistros xerais desta universidade, situados no Campus de Santiago de Compostela (Colexio de San Xerome, praza do Obradoiro, s/n, 15782 Santiago de Compostela) e no Campus de Lugo (Edificio de Servizos Administrativos e Biblioteca Intercentros, avda. Bernardino Pardo Ouro, s/n, polígono de Fingoi, 27002 Lugo) ou nas restantes formas previstas no artigo 38 da LRX-PAC. As solicitudes que se presenten a través das oficinas de correos deberán ir en sobre aberto, para que sexan datadas e seladas polo empregado de correos antes de que proceda á súa certificación. As solicitudes subscritas no estranxeiro deberán cursarse a través das representacións diplomáticas ou consulares españolas correspondentes.

3.4. Dereitos de exame.

As persoas aspirantes deberán aboar á USC, por cada concurso no que soliciten participar, a cantidade de 40,74 euros en concepto de dereitos de exame. Para estes efectos poderase efectuar unha transferencia á conta corrente IBAN ES07 2080-0388-20-3110000646 de Abanca.

Estará exento do pagamento da taxa por dereitos de exame a persoa que posúa unha minusvalía igual ou superior ao 33 %, circunstancia que deberá ser acreditada documentalmente xunto coa solicitude, presentando copia compulsada (ou simple, acompañada do respectivo orixinal para o seu cotexo) da cualificación da minusvalía.

Así mesmo, estarán exentas do pagamento da taxa por dereitos de exame as persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial. No caso de membros de categoría xeral terán unha bonificación do 50 %. Estas circunstancias deberán ser acreditadas documentalmente xunto coa solicitude, presentando copia compulsada (ou simple, acompañada do respectivo orixinal para o seu cotexo) do título de familia numerosa.

Tamén se aplicará unha bonificación do 50 % á inscrición no proceso selectivo, solicitada por persoas que figurasen como demandantes de emprego desde, polo menos, seis meses antes da data de publicación desta convocatoria, e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

O certificado relativo á condición de demandante de emprego, cos requisitos sinalados no parágrafo anterior, solicitarase nas oficinas do Servizo Público de Emprego e presentarase coa solicitude.

4. Documentación acreditativa de requisitos e méritos. Momento de presentación.

Xunto coa solicitude (anexo II: instancia) acompañarase a seguinte documentación:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade, pasaporte ou documento acreditativo da nacionalidade.

Os descendentes propios e descendentes do cónxuxe non separado de dereito deberán presentar, ademais, os documentos acreditativos do vínculo de parentesco, e, de ser o caso, do feito de viviren a expensas ou de estaren a cargo do nacional dun Estado membro da Unión Europea ou doutros Estados cando así o estableza un tratado internacional celebrado pola Unión Europea e ratificado por España, co que teña o antedito vínculo. A acreditación realizarase por medio de certificados expedidos polas autoridades competentes do seu país de orixe, traducidos a algunha das linguas oficiais da USC.

b) Fotocopia do título universitario que posúa ou, de ser o caso, certificación supletoria correspondente.

Os títulos expedidos por universidades ou autoridades estranxeiras deberanse acreditar por algún dos procedementos que se recollen no artigo 20.2 da Normativa.

c) De conformidade co indicado na letra f) da base 2, as persoas aspirantes nacionais de Estados que non teñan o español como lingua oficial poderán acompañar coa solicitude a documentación acreditativa do coñecemento dalgunha das linguas oficiais da USC. O coñecemento do español acreditarase mediante fotocopia compulsada dos diplomas básico ou superior de español como lingua estranxeira, ou equivalente ou do certificado de aptitude en español para estranxeiros expedido polas escolas oficiais de idiomas. A acreditación do coñecemento do idioma galego farase conforme dispón a Norma sétima.2 do anexo II da Normativa.

No caso de que non se acredite documentalmente o antedito coñecemento, este verificarase ben pola comisión encargada de resolver o concurso, que poderá recadar o asesoramento de persoas expertas en caso necesario, ou ben pola Administración a través dunha proba específica.

d) Recibo do ingreso dilixenciado pola entidade bancaria en concepto de dereitos de exame ou o xustificante acreditativo de transferencia bancaria.

Nin o ingreso en conta nin a transferencia bancaria substituirán o trámite de presentación en tempo e forma da solicitude ante o reitor.

A falta de pagamento dos dereitos de exame no prazo de presentación de instancias non é reparable e determinará a exclusión da persoa aspirante, excepto que acredite estar exenta do pagamento da antedita taxa.

Non procederá reintegrar ás persoas aspirantes as cantidades aboadas por este concepto no caso de que sexan excluídas definitivamente do concurso por causas imputables a elas.

e) Presentarase un currículo por cada concurso ao que se solicite participar, consonte o modelo anexo III, que se atopa no enderezo electrónico http://www.usc.es/gl/servizos/profesorado/prazasabertas/solicitudes.html

Serán obxecto de valoración exclusivamente os méritos alegados polos concursantes no antedito currículo (anexo III), sempre que se posúan na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes establecido na base 3.2 desta convocatoria, e que dentro do antedito prazo sexan acreditados conforme o establecido no punto seguinte.

f) Documentos acreditativos dos méritos alegados polas persoas aspirantes no currículo ao que se refire a letra anterior, consonte o establecido no anexo VI da convocatoria, o cal pode consultarse no enderezo electrónico http://www.usc.es/gl/servizos/profesorado/prazasabertas/solicitudes.html.

Non será preciso achegar os documentos acreditativos do rendemento académico e da experiencia docente cando estes méritos correspondan a actividades desenvolvidas na USC, sen prexuízo da necesidade de relacionalos no modelo de currículo (anexo III). Non obstante, no caso de titulacións acadadas nesta universidade con anterioridade a 1988, recoméndase a presentación das certificacións académicas correspondentes.

O expediente académico será valorado como aprobado cando se acredite estar en posesión dun título e non se presente a certificación das cualificacións correspondentes.

Os documentos acreditativos terán que estar indexados estruturados consonte o modelo de currículo, numerados en cada unha das súas páxinas, numeración que debe coincidir coa indicada no currículo (anexo III) para cada mérito. Estes documentos presentaranse encadernados (espiral ou canutiño), ou suxeitos de calquera outro modo que os manteña unidos de maneira sólida e permanente, e que garanta que se impida a posterior inclusión ou perda de documentación. Para tal fin, o Servizo de Planificación de Persoal Docente e Investigador poderá adoptar medidas que permitan manter a documentación na orde na que foi presentada.

Os libros e outros materiais non encadernables deberán presentarse en caixas tipo arquivador definitivo ou similar, identificados con número de orde, número do concurso e nome do aspirante. A súa presentación deberá facerse constar no modelo de currículo (anexo III), indicando o número de orde do arquivador que os contén.

No caso de que se solicite concorrer a varios postos da mesma área, categoría e centro, que serán xulgados por unha mesma comisión, será suficiente con presentar un exemplar desta documentación acreditativa de méritos.

Toda a documentación acreditativa de méritos a que se refire esta letra f) deberá achegarse dentro do prazo de presentación de solicitudes. Non se admitirá ningunha documentación acreditativa de méritos rematado o antedito prazo, nin sequera no prazo de emenda de documentación a que se refire a base 5.3. A non acreditación en prazo dos méritos alegados non determinará a exclusión da persoa aspirante ao concurso, pero impedirá o cómputo e valoración de tales méritos no baremo establecido.

Non presentar os documentos especificados nas letras a), b), e) e d) será causa de exclusión que poderá repararse no prazo establecido na base 5.3 desta convocatoria.

A non presentación do modelo de currículo (anexo III) a que se refire a letra e) determinará a non valoración dos méritos da persoa aspirante. A presentación defectuosa do antedito modelo será causa de exclusión, que poderá repararse conforme o establecido no parágrafo anterior. Non obstante, neste acto non poderán alegarse novos méritos.

5. Admisión de aspirantes.

5.1. A Vicerreitoría de Organización Académica e Persoal Docente e Investigador publicará unha resolución mediante a que aproba a lista provisoria de aspirantes admitidos e excluídos, con indicación das causas de exclusión, nun prazo máximo de sete días hábiles desde o remate do prazo de presentación de solicitudes.

5.2. A lista provisoria de aspirantes admitidos e excluídos publicarase no taboleiro electrónico da USC e nos taboleiros de anuncios da Reitoría e da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo coa data da súa inserción. Así mesmo, difundirase a través da web: http://www.usc.es/profesorado.

5.3. Contra esta resolución as persoas interesadas poderán presentar reclamación ante o reitor no prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación no taboleiro electrónico da USC. Neste prazo as persoas aspirantes excluídas ou que non figuren na relación das persoas aspirantes admitidas e excluídas poderán reparar os defectos que motivaran a súa exclusión ou omisión da antedita relación senón serán excluídos definitivamente da realización das probas.

5.4. Unha vez rematado o prazo para emendar os defectos aprobarase, no prazo máximo de sete días hábiles, a lista definitiva das persoas aspirantes admitidas e excluídas, con indicación das causas de exclusión.

5.5. Esta resolución, que será publicada nos mesmos taboleiros e web que as listas provisorias, esgota a vía administrativa e contra ela poderanse interpoñer os recursos oportunos. A inclusión nas listas definitivas non prexulga o cumprimento dos requisitos normativamente exixidos para a subscrición do correspondente contrato na categoría docente de que se trate.

6. Comisións de selección e desenvolvemento dos concursos.

6.1. Os concursos obxecto desta convocatoria serán resoltos polas comisións que se relacionan no anexo IV que se pode consultar no enderezo electrónico:

http://www.usc.es/gl/servizos/profesorado/prazasabertas/solicitudes.html

Estas comisións rexeranse polo disposto na Normativa.

6.2. A puntuación final de cada concursante será a suma das puntuacións obtidas na valoración do currículo, conforme o disposto no artigo 42 e no anexo II da Normativa.

6.3. O procedemento de selección estrutúrase segundo se indica no anexo V desta convocatoria.

6.4. Unha vez rematado o procedemento, a documentación das persoas concursantes quedará ao seu dispor no Servizo de Planificación de Persoal Docente e Investigador, de onde deberán retirala. Non obstante, no caso de interposición de recurso non poderá retirarse ata que a resolución impugnada sexa firme, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan realizar copia da documentación para outros efectos.

Transcorridos seis meses desde a finalización do procedemento ou, no caso de haber recurso, desde que a resolución impugnada adquira firmeza, a documentación será destruída.

7. Proposta de provisión.

7.1. Finalizada a valoración dos currículos das persoas aspirantes, farase pública no taboleiro de anuncios do centro no que actúe a comisión de selección a proposta motivada sobre a provisión do posto, con expresión de todas as persoas candidatas propostas por orde de puntuación. A forma e a motivación da proposta rexerase polo disposto no artigo 28 da Normativa.

7.2. Contra a proposta de provisión as persoas interesadas poderán interpoñer reclamación ante o reitor, no prazo de dez días a contar desde o seguinte ao da publicación da antedita proposta. A reclamación será instruída por unha Comisión de Revisión nos termos e consonte o procedemento establecido nos artigos 31 e 32 da Normativa. A admisión a trámite da reclamación non suspenderá a contratación da persoa candidata proposta, salvo resolución motivada en contrario.

8. Resolucións reitorais de contratación, presentación de documentos e formalización dos contratos.

8.1. A resolución reitoral que autorice, cando proceda, a contratación da/o candidata/o ou candidatas/os segundo a orde de puntuación, farase pública no taboleiro electrónico da USC e nos taboleiros de anuncios da Reitoría e da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo, así como na páxina web da Universidade http://www.usc.es/profesorado. A publicación no taboleiro electrónico da USC substituirá a notificación persoal ás persoas interesadas e producirá os mesmos efectos que esta, segundo o previsto no artigo 59.6.b) da LRX-PAC.

8.2. As persoas candidatas ás que se atribúan as prazas obxecto de concurso deberán asinar o contrato nun prazo de cinco días hábiles, segundo se indique na resolución pola que se autorice a contratación. Con carácter excepcional, tras a solicitude motivada da persoa interesada e de acordo coas necesidades do servizo, este prazo poderá ser modificado polo reitor.

8.3. Antes de proceder á sinatura a persoa candidata deberá presentar copias compulsadas (ou simples acompañadas dos respectivos orixinais para o seu cotexo) daqueles documentos que avalen o cumprimento dos requisitos de carácter xeral e específicos para cada tipo de praza exixidos nesta convocatoria, sempre que non os presentase xunto coa instancia. En todo caso, deberá acreditar a titulación universitaria de maior nivel que se posúa, co obxecto de que conste no seu expediente persoal. Estes documentos deberán presentarse en:

• Servizo de Planificación de Persoal Docente e Investigador - Colexio de San Xerome (Santiago de Compostela), se a praza se convocou para Santiago de Compostela.

• Vicexerencia - Edificio Biblioteca Intercentros (Lugo), se a praza se convocou para Lugo.

A acreditación dos requisitos exixidos na base 2.a) deberá axustarse ao seguinte:

a) Para as persoas aspirantes nacionais dos Estados membros da Unión Europea, doutros Estados parte no Acordo sobre o Espazo Económico Europeo (Islandia, Liechtenstein, Noruega) ou da Confederación Suíza, será suficiente coa copia compulsada (ou simple acompañada do respectivo orixinal para o seu cotexo) do documento acreditativo da nacionalidade. As persoas aspirantes nacionais dos restantes Estados deberán acreditar ademais que teñen recoñecida a excepción de autorización de traballo.

b) As persoas aspirantes cónxuxes de nacional español, nacional doutro Estado membro da Unión Europea ou nacional doutros Estados cando así se estableza nun Tratado Internacional celebrado pola Unión Europea e ratificado por España deberán presentar, ademais do indicado na letra a), os documentos acreditativos do vínculo matrimonial e unha declaración xurada do seu cónxuxe de non estar separado de dereito deles.

c) Os documentos que así o precisen deberán presentarse traducidos a algunha das linguas oficiais da USC.

A acreditación do requisito exixido na base 2.d) farase mediante a presentación de certificado médico.

De non presentarse a documentación na forma e prazo sinalados anteriormente, ou cando esta non garde correspondencia co declarado na instancia, a persoa candidata decaerá nos dereitos que para ela se deriven desta convocatoria.

8.4. Se a persoa candidata non asinase o contrato dentro do prazo sinalado na punto 2. desta base, agás supostos de forza maior debidamente acreditados e sen prexuízo do establecido no artigo 10, in fine, da Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do Persoal ao Servizo das Administracións Públicas, perderá o dereito a desempeñar o posto para o que fora seleccionada e procederase a formalizar a contratación coa persoa candidata proposta na seguinte posición.

8.5. Con carácter xeral os contratos producirán efectos desde a data en que se asinen agás que neles se dispoña outra cousa, sen que en ningún caso poidan ter efectos retroactivos. Tan só unha vez formalizada a relación xurídica terá lugar o inicio da prestación de servizos e, polo tanto, a devindicación das retribucións asignadas ao posto obtido.

8.6. Cando nunha mesma data se autorice a contratación dunha persoa candidata para ocupar máis dun posto, a sinatura dun dos contratos suporá a renuncia ao dereito a ser contratada nos outros postos para os que for proposta. A sinatura do contrato suporá tamén a renuncia ao posto que, de ser o caso, se estivese ocupando con anterioridade no ámbito público.

8.7. Serán de aplicación ao persoal contratado en virtude desta convocatoria a Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas e as súas normas de desenvolvemento.

Conforme o disposto nos artigos 3 a 10 da antedita lei, os contratos de profesor interino de substitución a tempo completo, que se deriven desta convocatoria non serán compatibles con outra actividade no sector público, debendo a persoa interesada manifestar no acto de sinatura do contrato que non desempeña ningún posto ou actividade no sector público nin realiza actividade privada incompatible.

No caso de que a persoa candidata desempeñe un posto susceptible de ser compatibilizado, deberá solicitar a compatibilidade nesta universidade.

9. Características dos contratos.

9.1. Retribución.

Os contratos que se formalicen en virtude desta convocatoria terán as remuneracións que se sinalan no artigo 32 do Convenio colectivo para o PDI laboral.

9.2. Duración dos contratos.

Estes contratos terán efectos a partir da data de sinatura de cada un deles, ou da que se determine na resolución de autorización da contratación se é posterior, e a súa duración será a que para a categoría de profesor interino de substitución corresponda segundo o establecido no artigo 35 da Normativa e tamén no acordo do Consello de Goberno do 15 de xuño de 2011.

O motivo de contratación deste profesorado é o que se indica a continuación:

Nº concurso

Motivo da contratación

0012/14-15

Substitución do profesor José Pereira Fariña (C01602) por cargo académico

0013/14-15

Substitución da profesora Consuelo Ferreiro Regueiro (C01390) por cargo académico

10. Norma derradeira.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade cos artigos 46 e 8.2.a) da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa. Non obstante, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes perante o órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo anteriormente indicado en tanto non recaia resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro dos artigos 116 e ss. da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2014

O reitor
P.D. (R.R. do 19.6.2014; DOG do 30.6.2014)
Luís Lima Rodríguez
Vicerreitor de Organización Académica e Persoal Docente e Investigador

ANEXO I
Relación de prazas

Profesor interino de substitución:

Nº de concurso: 0012/14-15. Dedic: T.

Nº de prazas: 1 (SXNP0280).

Área de coñecemento: comunicación audiovisual e publicidade.

Departamento: Ciencias da Comunicación.

Perfil: multimedia: teoría, técnica e aplicacións (G3031325).

Centro (*): Fac. de Ciencias da Comunicación.

Localidade: Santiago de Compostela.

Nº de concurso: 0013/14-15. Dedic: T.

Nº de prazas: 1 (SXNP0281).

Área de coñecemento: dereito do traballo e da Seguridade Social.

Departamento: Dereito Mercantil e do Traballo.

Perfil: materias da área.

Centro (*): Fac. de Dereito.

Localidade: Santiago de Compostela.

(*) Centro onde se realizará con carácter preferente a actividade.

ANEXO V
Profesor interino de substitución
Selección polo procedemento de urxencia

Requisitos:

Os aspirantes deberán reunir os requisitos de carácter xeral sinalados na base 2 da convocatoria.

Procedemento selectivo:

A selección de profesores interinos de substitución levarase a cabo nunha única fase, de carácter eliminatorio, que consistirá na valoración dos méritos e historial académico, docente, investigador e de xestión alegados polas persoas candidatas.

A comisión de selección valorará os currículos das persoas aspirantes consonte ao establecido nos baremos que figuran no anexo I da Normativa pola que se regula a selección de persoal docente e investigador contratado e interino da USC para este tipo de contratos.

A puntuación final de cada concursante virá dada pola suma das puntuacións dos distintos puntos do currículo.