Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Venres, 7 de novembro de 2014 Páx. 46765

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 28 de outubro de 2014 pola que se convoca unha xornada técnico-informativa sobre as cualificacións profesionais no ámbito das emerxencias, cofinanciada co Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo Fondo Social Europeo 2007-2013 de Galicia.

O artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que o persoal do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional de servizos que realicen algunha actividade relacionada coa xestión de riscos e de emerxencias como por persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que teñan como fin a protección de persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias. Segundo o artigo 44 da citada lei este persoal organizarase en grupos operativos.

Por Resolución do 2 de agosto de 2010 publicouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) onde se establece a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para facer fronte dun xeito coordinado ás emerxencias que se poidan producir en Galicia derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos.

Dentro das actividades programadas para o ano 2014, e conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), anúnciase a convocatoria dunha xornada técnico-informativa sobre as cualificacións profesionais no ámbito das emerxencias, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Tipo

Xornada

Denominación

Xornada técnico-informativa sobre as cualificacións profesionais no ámbito das emerxencias

Modalidade

Presencial

Edicións

1

Horas lectivas

4

Prazas

Ilimitadas

2. Obxectivos e contido.

– Obxectivos: adquirir información sobre as vías de obtención dunha cualificación profesional, con especial atención ás referidas ao ámbito das emerxencias.

– Contido:

• Vías para a adquisición das cualificacións profesionais: o Sistema nacional de cualificacións e formación profesional (Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño).

• O Catálogo nacional de cualificacións profesionais (Real decreto 1128/2003, do 5 de setembro).

• A familia profesional de Seguridade e ambiente: especial referencia á cualificación profesional de Extinción de incendios e salvamento.

• Procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación: o Instituto Galego das Cualificacións.

• Experiencia levada a cabo na nosa Comunidade Autónoma no recoñecemento das competencias profesionais de Socorrismo en instalacións acuáticas e Socorrismo en espazos acuáticos naturais.

3. Destinatarios/as.

Profesionais dos servizos de extinción de incendios e salvamento (bombeiros municipais e de consorcios), persoal dos grupos de emerxencias supramunicipais (GES), profesionais dos servizos municipais de protección civil e emerxencias e persoal voluntario de agrupacións de voluntarios de protección civil.

Este persoal forma parte do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia (artigos 43 e 44 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia).

4. Desenvolvemento da actividade.

– Lugar: Academia Galega de Seguridade Pública (avenida da Cultura, s/n, A Estrada, Pontevedra).

– Data: 27 de novembro de 2014.

– Horario: das 10.00 ás 14.00 horas.

– Uniformidade: é obrigatorio asistir ao curso co uniforme de traballo. As persoas que incumpran esta norma poderán ser dadas de baixa na actividade.

5. Inscrición.

a) O persoal que desexe participar nas xornadas convocadas nesta resolución deberá inscribirse na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

b) Con carácter previo á inscrición é necesario darse de alta como usuario da páxina web da Agasp. Nesta alta previa é imprescindible facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

c) O prazo de inscrición é de dez (10) días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

A inscrición poderá realizarse ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos, poderá completarse o alumnado mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, con suficiente antelación para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Academia Galega de Seguridade Pública a través dos números de teléfono 886 20 61 12, 886 20 61 37 e 886 20 61 38, do fax 886 20 61 23 ou do enderezo de correo electrónico
formacion.emerxencias.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

e) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática da xornada, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

6. Criterios de selección do alumnado participante.

6.1. Terá preferencia o persoal dos servizos de extinción de incendios e salvamento (bombeiros municipais e de consorcios).

6.2. Na selección dentro de cada un dos colectivos destinatarios do curso reservarase o 50 % das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes. De non existir suficientes solicitudes de participación de mulleres, as prazas sobrantes acrecentarán as da quenda xeral.

6.3. Se despois de aplicar os criterios anteriores houbese empate, terán preferencia as persoas con menos cursos feitos na Agasp nos últimos dous anos.

7. Publicación das relacións do persoal seleccionado.

A Agasp publicará na súa páxina web http://agasp.xunta.es unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada xornada, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 59.6º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Ademais, para unha maior difusión serán informados da súa selección a través do correo electrónico e tamén, para quen facilite un número de teléfono móbil, a través de mensaxe telefónica.

De acordo co establecido no artigo 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp as persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con polo menos 48 horas de antelación ao comezo desta. A devandita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 23.

8. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG número 30, do 12 de febreiro).

9. Faltas de asistencia.

O Regulamento de réxime interior da Agasp, mencionado na base número 8 desta convocatoria, regula no seu artigo 16 as faltas de asistencia nos cursos:

«1. A asistencia ás clases e actividades comprendidas no programa do curso é obrigatoria. As faltas que as/os alumnas/os acumulen deberán xustificarse debidamente, penalizándose disciplinariamente, en caso contrario.

2. A/o alumna/o que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 10 % das clases do curso de formación será declarado non apto, e poderá incorporarse ao curso seguinte ou cando a causa determinante llo permita.

De ser necesario, e só nos casos en que a inasistencia ás clases estivese motivada por accidente ou lesión sufridos con ocasión da actividade académica, o director xeral poderá considerar a conveniencia ou a oportunidade de permitirlle ao/á alumno/a poder recuperar ata un determinado número de horas e participar posteriormente nun exame extraordinario para poder superar o curso sen ter que repetilo.

3. No entanto, aínda que as ausencias acumuladas non chegasen á porcentaxe sinalada, a/o alumna/o poderá verse obrigado a recuperar todas ou parte das horas perdidas ao longo do curso. Neste caso a xefatura de ensino proporá ao director xeral o número de horas que se van recuperar, tendo en conta, en cada caso concreto, o tipo de xustificación presentada para cada ausencia, así como o número total destas e o comportamento e actitude da/o alumna/o ao longo do curso».

10. Certificado de asistencia.

Ao finalizar a actividade entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada.

11. Financiamento da actividade.

Esta actividade é cofinanciada nun 80 % polo Fondo Social Europeo dentro do programa operativo Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013, no eixe 3, tema prioritario 72.

12. Facultades da Agasp.

A Agasp poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir as xornadas, ampliar novas edicións destas ou suspendelas temporalmente, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.

A Estrada, 28 de outubro de 2014

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública