Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Mércores, 12 de novembro de 2014 Páx. 47091

I. Disposicións xerais

Consellería de Traballo e Benestar

DECRETO 140/2014, do 23 de outubro, polo que se modifica o Decreto 40/2014, do 20 de marzo, polo que se crea a Axencia Galega de Servizos Sociais e se aproban os seus estatutos.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, no seu artigo 34 autoriza a Xunta de Galicia para a creación da Axencia Galega de Servizos Sociais. A dita axencia adscribirase á consellería con competencias en materia de servizos sociais, como entidade instrumental de dereito público, dotada de personalidade xurídica pública, patrimonio propio e autonomía na súa xestión, facultada para exercer potestades administrativas no marco do cumprimento dos programas correspondentes ás políticas públicas de servizos sociais, no ámbito das súas competencias.

Conforme ao disposto no número 3 do artigo 54 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, despois da autorización legal de creación dunha axencia, debe procederse á súa creación e á aprobación dos seus estatutos por decreto do Consello da Xunta de Galicia por proposta da consellería de adscrición, logo de informe favorable das consellerías competentes en materia de administracións públicas e facenda, sendo que a súa constitución e o funcionamento se rexerán e desenvolverán segundo a dita lei, así como pola Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

De acordo coa dita previsión legal e aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, publícase o 4 de abril de 2014 o Decreto 40/2014, do 20 de marzo, polo que se crea a Axencia Galega de Servizos Sociais e se aproban os seus estatutos.

No artigo 10 do anexo ao Decreto 40/2014, do 20 de marzo, regúlase o consello reitor da Axencia Galega de Servizos Sociais, como órgano de goberno e, en particular, a súa composición ao abeiro do artigo 64 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, que establece que nos estatutos de cada entidade se determinará a composición e o réxime aplicable aos membros do consello reitor, órgano de goberno das entidades do sector público.

No apartado terceiro do dito artigo, en relación coas persoas representantes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, establece que os membros deberán ter, como mínimo, o rango de directora/director xeral ou equivalente. A exixencia do requisito exposto pode levar consigo dificultades nas designacións previstas e condicionar a consecución do quórum necesario na adopción de acordos, así como dificultar ou impedir un axeitado funcionamento do dito órgano colexiado. Esta problemática determina a necesidade da revisión do rango exixido para os membros do consello reitor, tendo en conta as estruturas orgánicas das consellerías participantes, e sen que afecte a composición do dito órgano reitor.

Cómpre así abordar a modificación do referido punto do artigo 10 establecendo que a dita designación se realice entre as persoas titulares dos órganos superiores ou de dirección de cada unha das consellerías da Xunta de Galicia que participan na composición.

Na súa virtude, de conformidade co disposto no artigo 55 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, por proposta da conselleira de Traballo e Benestar, logo do informe favorable das consellerías competentes en materia de administracións públicas e facenda, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e tres de outubro de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 40/2014, do 20 de marzo, polo que se crea a Axencia Galega de Servizos Sociais e se aproban os seus estatutos

A alínea c) do número 3 do artigo 10 do anexo ao Decreto 14/2014, do 20 de marzo, polo que se crea a Axencia Galega de Servizos Sociais, queda redactado nos seguintes termos:

«c) Nove persoas en representación da Administración autonómica, entre as persoas titulares dos órganos superiores ou de dirección de cada unha das consellerías da Xunta de Galicia que se indica.

A designación destas/destes membros axustarase ás seguintes previsións:

1º. Seis destas persoas en representación da consellería competente en materia de servizos sociais serán nomeadas e cesadas directamente pola persoa titular da dita consellería.

2º. Unha persoa en representación da consellería competente en materia de sanidade, cuxo nomeamento e cesamento se realizará por proposta da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

3º. Unha persoa en representación da consellería competente en materia de educación, cuxo nomeamento e cesamento se realizará por proposta da persoa titular da consellería competente en materia de educación.

4º. Unha persoa en representación da consellería competente en materia de facenda, cuxo nomeamento e cesamento se realizará por proposta da persoa titular da consellería competente en materia de facenda».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de outubro de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar