Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Martes, 18 de novembro de 2014 Páx. 47754

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 11 de novembro de 2014 pola que se convoca un curso monográfico sobre ética pública e medios para previr a corrupción.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2014 e, de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase, en colaboración coa Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, un curso monográfico sobre ética pública e medios para previr a corrupción conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Este curso ten como obxectivos, entre outros, analizar os criterios e principios básicos que regulan a ética pública e a súa relación coa transparencia, así como estudar as ferramentas normativas políticas e sociais que faciliten a promoción da ética e a loita contra a corrupción.

2. Contidos.

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

– A importancia e prioridade das medidas preventivas na loita contra a corrupción.

– Delitos de malversación e de fraudes á Administración.

– Delitos sobre a ordenación do territorio e o urbanismo.

– Os compoñentes éticos, políticos e xurídicos dunha sociedade limpa.

– A dialéctica entre sistema e baleiro en tempos de crise.

– Delitos de prevaricación e de negociacións e actividades prohibidas aos funcionarios públicos.

– Reflexións sobre a eficacia da actuación xudicial contra a corrupción.

– Delitos de suborno e tráfico de influencias.

– Comportamentos corruptos: da tolerancia á prevención.

3. Destinatarios.

Persoal ao servizo da Administración galega e dos entes instrumentais da Comunidade Autónoma, xuristas, profesionais, universitarios e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

Lugar: Escola Galega de Administración Pública (EGAP).

Datas e horario: 27 e 28 de novembro, mañá e tarde.

Duración: 15 horas lectivas.

5. Número de prazas.

O número de prazas estará limitado pola capacidade do local.

6. Solicitudes.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP: https://egap.xunta.es/matricula/

As persoas solicitantes poderán obter calquera outra información, das 8.30 ás 14.30 horas, chamando aos seguintes números: 981 54 62 41/981 54 62 39.

7. Prazo.

O prazo de inscrición estará aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta convocatoria ata as 11.00 horas do mércores 26 de novembro de 2014.

8. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o número de solicitudes non xustificase a súa realización.

9. Certificado de asistencia.

Ao final do curso entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia sexa igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data, o lugar de realización e o selo oficial da institución.

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2014

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública