Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Mércores, 19 de novembro de 2014 Páx. 47869

I. Disposicións xerais

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 12 de novembro de 2014 pola que se modifica a Orde do 2 de xaneiro de 2012 de desenvolvemento do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema para a autonomía e a atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e o funcionamento dos órganos técnicos competentes.

A través do Decreto 194/2011, do 20 de outubro, polo que se modifica o Decreto 8/2011, do 28 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, modifícase a estrutura dos órganos superiores e de dirección que daquela integraban a Consellería de Traballo e Benestar, suprimindo a Dirección Xeral da Dependencia e Autonomía Persoal e reordenando as liñas básicas de actuación entre os restantes órganos superiores e de dirección da consellería, atendendo a criterios de racionalización na xestión do gasto público, e se crea a Secretaría Xeral de Política Social como órgano superior.

Pola Orde do 24 de outubro de 2011 establécese a adscrición provisional e a atribución de competencias nos órganos da Consellería de Traballo e Benestar. Nesta orde a Secretaría de Política Social asume as competencias e atribucións da desaparecida Dirección Xeral da Dependencia e Autonomía Persoal mentres non se aprobe o decreto de estrutura orgánica.

Posteriormente publícase o Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, entre elas a Consellería de Traballo e Benestar co órgano superior da Secretaría Xeral de Política Social, e con data do 17 de abril de 2012 publícase o Decreto 109/2012, do 2 de marzo, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar coas funcións da Secretaría Xeral de Política Social como órgano superior, actualmente derrogado.

Por outra banda, o capítulo VII da Orde do 2 de xaneiro de 2012 de desenvolvemento do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema para a autonomía e a atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes, desenvolve o procedemento para facer efectivo o dereito á efectividade das prestacións económicas das persoas solicitantes falecidas. Así, o artigo 105 determina a Subdirección Xeral da Dependencia como órgano competente para emitir ditame-proposta de resolución, e no artigo 106 establécese como órgano competente para resolver a persoa titular do órgano de dirección con competencia en materia de dependencia.

O Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, atribúe, entre outras, á Secretaría Xeral de Política Social, como órgano superior da Consellería de Traballo e Benestar, as funcións de dirixir, controlar, exercer e supervisar o conxunto das políticas da Consellería de Traballo e Benestar en materia de benestar, destinadas á atención das persoas maiores, ás persoas con discapacidade e persoas dependentes, en aplicación da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, e da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.

En consecuencia, tendo en conta a regulación vixente, cómpre modificar a redacción vixente da Orde do 2 de xaneiro de 2012, no seu artigo 106, no sentido de especificar que a competencia para resolver o procedemento para o recoñecemento das prestacións económicas das persoas solicitantes falecidas (BS211A), tras a desaparición da extinta Dirección Xeral da Dependencia e Autonomía Persoal, corresponde á persoa titular da Secretaría Xeral de Política Social como órgano superior da Consellería de Traballo e Benestar.

En virtude do exposto, no exercicio das atribucións conferidas segundo o artigo 38 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, así como pola disposición derradeira segunda do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro (Diario Oficial de Galicia núm. 34, do 19 de febreiro), polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes, e polo artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 2 de xaneiro de 2012 de desenvolvemento do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes.

O punto 1 do artigo 106 da Orde do 2 de xaneiro de 2012 de desenvolvemento do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes, queda redactado como segue:

«1. A persoa titular do órgano superior con competencia en materia de dependencia ditará a correspondente resolución, que deberá conter os aspectos relacionados no punto 2 do artigo anterior».

Disposición derradeira única. Vixencia da norma

Esta orde entrará en vigor aos vinte (20) días naturais seguintes ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2014

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar