Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Martes, 30 de decembro de 2014 Páx. 53704

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 18 de decembro de 2014 pola que se fixan os prezos privados correspondentes á prestación de servizos nas instalacións xuvenís e á expedición de carnés dirixidos á mocidade, xestionados pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, durante o ano 2015.

Dando cumprimento ao disposto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, procede establecer os prezos dos servizos prestados nos campamentos, albergues, residencias e demais instalacións xuvenís dependentes da Consellería de Traballo e Benestar, ata agora fixados pola Orde do 23 de decembro de 2013 (DOG nº 2, do 3 de xaneiro de 2014), así como establecer os prezos dos diferentes carnés dirixidos á mocidade que se expiden a través dos servizos de xuventude, casas da xuventude, oficinas TIVE e outras entidades colaboradoras.

A Lei 6/2003 dispón no seu artigo 51 que a contía destes se acordará por orde da consellería correspondente, logo do informe favorable da Consellería de Facenda. Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Os prezos exixibles pola prestación de servizos e actividades en campamentos, albergues, residencias e demais instalacións de xuventude, xestionados pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, da Consellería de Traballo e Benestar, son os que se fixan no anexo I desta orde.

2. Os prezos relativos á expedición do carné xove, carnés de alberguista nas súas diferentes modalidades e carnés TIVE recóllense no anexo II. Estes prezos non serán aplicables ás persoas que acrediten unha discapacidade igual ou superior ao 33 %, que terán dereito á expedición gratuíta destes carnés.

3. Estes prezos enténdense, se é o caso, co IVE incluído. A xestión destes prezos privados farase de acordo co disposto no artigo 52 da Lei 6/2003, do 9 de decembro.

Artigo 2. Condicións

1. Os prezos recollidos no anexo I desta orde serán expostos nos taboleiros de anuncios de cada centro.

2. Os grupos que usen unha instalación xuvenil terán preferencia para o uso de todas as súas dependencias. Non aboarán suplemento polo uso das pistas polideportivas descubertas, pero terán a obriga de aboar as tarifas establecidas no anexo I desta orde, pola utilización dos polideportivos cubertos ou calquera material que alí figure.

3. Calquera material, incluído nesta orde que sexa usado polos grupos devolverase no mesmo estado en que lles foi cedido e reporase ao mesmo lugar en que estaba. Así mesmo, serán responsables tanto das deterioracións que se causen no material coma da responsabilidade civil en que puidesen incorrer por posibles danos a terceiros.

Para o emprego do material que, pola súa especificidade, así o exixa os grupos deberán contar con persoal especializado e coas titulacións necesarias para a súa utilización.

Os grupos deberán presentar no momento en que vaian facer uso de material que, pola súa especialidade, así o requira tanto o seguro que cubra a realización da actividade como a acreditación das titulacións referidas no parágrafo anterior.

Artigo 3. Desconto por familia numerosa

Os/as membros de familia que teñan o título de familia numerosa poderán ter un desconto de ata un 50 % sobre os prezos relativos ás actividades promovidas pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado no programa Campaña de verán.

Artigo 4. Desconto por carné xove

As persoas usuarias do carné xove poderán obter descontos de ata un 25 % nas actividades promovidas pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. A porcentaxe de desconto aplicable en cada caso especificarase no folleto informativo de cada un dos programas e actividades que se leven a cabo.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 23 de decembro de 2013 pola que se fixan os prezos privados correspondentes á prestación de servizos nas instalacións xuvenís e á expedición de carnés dirixidos á mocidade, xestionados pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, durante o ano 2014.

Malia o disposto no punto anterior, segue vixente o prezo do servizo (por praza e mes) nas residencias xuvenís para estudantes contido na alínea D do anexo I da Orde do 23 de decembro de 2013, durante o curso 2014/15.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2014

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

ANEXO I

Prezos relativos á utilización e aos servizos prestados nos campamentos, albergues e residencias xuvenís titularidade da Consellería de Traballo e Benestar

A. Pola utilización dos campamentos e albergues xuvenís durante a campaña de verán establécense os seguintes prezos por praza:

A.1. En réxime de oferta concertada (dirixida a grupos).

A.1.1. Campamentos:

Tarifa en euros

Por quenda de quince días 140

Por quenda de doce días 113

Por día 14

A.1.2. Albergues e residencias:

Por quincena 189

Por día 20

Estes prezos abranguen os seguintes servizos: o aloxamento, a alimentación en réxime de pensión completa, o uso das instalacións e material de conformidade co establecido no artigo 2.2 e 2.3, o consumo de auga, electricidade e combustible, agás o material de actividades que a entidade ou grupo vaia desenvolver na instalación.

Os prezos regulados no parágrafo A.1.2 serán de aplicación, así mesmo, á ocupación en réxime de oferta concertada fóra do período da campaña de verán.

Aqueles grupos que figuren inscritos no Rexistro da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar como entidades prestadoras de servizos sociais poderán obter un desconto de ata un 50 % sobre os prezos deste punto.

A.2. En actividades promovidas pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

A.2.1. Campamentos:

Actividades náuticas (por quenda de doce días) 207

Actividades náuticas (por quenda de oito días) 108

Actividades educativas, culturais, de voluntariado, ao aire libre, ambientais
e lúdico-deportivas (por quenda de doce días) 176

Actividades educativas, culturais, de voluntariado, ao aire libre, ambientais
e lúdico-deportivas (por quenda de oito días) 101

Actividades turístico-deportivas (por quenda de doce días) 207

Actividades turístico-deportivas (por quenda de oito días) 108

A.2.2. Albergues:

Actividades náuticas (por quenda de doce días) 232

Actividades náuticas (por quenda de oito días) 118

Actividades educativas, culturais, de voluntariado, ao aire libre, ambientais
e lúdico-deportivas (por quenda de doce días) 222

Actividades educativas, culturais, de voluntariado, ao aire libre, ambientais
e lúdico-deportivas (por quenda de oito días) 113

Actividades turístico-deportivas (por quenda de doce días) 222

Actividades turístico-deportivas (por quenda de oito días) 113

A.2.3. Campos de traballo:

Ámbito autonómico e nacional (por quenda) 90

Ámbito internacional (por quenda) 90

B. Polas actividades promovidas pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, en calquera época do ano, dirixidas a mozos/as, no eido da educación non formal e do lecer educativo alternativo.

Por participante e día 25

C. Por servizos nos albergues e residencias integrados na Rede Española de Albergues Xuvenís (REAX) establécense os seguintes prezos por persoa:

Servizos Ata 30 anos Maiores de 30 anos

Pensión completa 25 29

Aloxamento 9 13

Almorzo 3 3

Xantar ou cea 8 8

Para facer uso destes servizos deberase posuír o carné de alberguista en calquera das súas modalidades.

D. Servizo nas residencias xuvenís para estudantes (por praza e mes), durante o curso 2015/16.

Residentes internos/as 324

E. Pola utilización das instalacións recreativo-deportivas.

E.1. Uso de pavillón polideportivo cuberto/hora 25

E.2. Uso de pistas polideportivas descubertas/hora 10

E.3. Uso de piscina non climatizada/hora 3

E.4. Uso de material náutico. A gasolina será por conta do/a solicitante:

Un barco de vela media xornada 7

Un barco de vela unha xornada 14

Unha embarcación pneumática a motor media xornada 14

Unha embarcación pneumática a motor unha xornada 26

Unha canoa media xornada 5

Unha canoa unha xornada 9

F. Polo uso de locais ou salas:

Sen equipamento

Media xornada 15

Unha xornada 25

Con equipamento electrónico

Media xornada 30

Unha xornada 50

Con equipamento informático

Media xornada 40

Unha xornada 70

Media xornada é unha mañá ou unha tarde cun máximo de catro horas.

O réxime de pensión completa para grupos xa inclúe o uso das dependencias necesarias para o desenvolvemento do programa.

G. Pola utilización dos campamentos e albergues para actividades recreativas ao aire libre:

G.1. Acampadas: 4 euros/día e persoa.

G.2. Actividades recreativo-culturais en albergues (convivencia):

31 euros/día/grupo de ata 50 usuarios/as.

46 euros/día/grupo de 51 a 100 usuarios/as.

77 euros/día/grupo de 101 a 200 usuarios/as.

144 euros/día/grupo de 201 a 300 usuarios/as.

ANEXO II

Prezos pola expedición dos diferentes carnés dirixidos á mocidade

Carné xove 6

Carné alberguista xove 6

Carné alberguista adulto/a 13

Carné alberguista grupo 16

Carné alberguista familiar 21

Carné teacher (ITIC) 9

Carné internacional xove (IYTC) 9

Carné student (ISIC) 9