Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Mércores, 7 de xaneiro de 2015 Páx. 618

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

RESOLUCIÓN do 19 de decembro de 2014, da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, pola que se dá publicidade ao inicio da execución de medidas fitosanitarias para a erradicación do organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus (Stenier et Buhrer) Nickle et al. (nematodo do piñeiro) na zona demarcada das Neves e na franxa tampón de 20 quilómetros coa fronteira con Portugal.

Con data do 26 de novembro de 2010 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, pola que se declara no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia a presenza do organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al. (nematodo do piñeiro) e se ordena comezar as medidas para a súa erradicación.

En aplicación da citada resolución e para facer efectiva a erradicación do dito organismo de corentena, a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria ditou a seguinte resolución, que é obxecto de publicación, de conformidade co disposto nos artigos 59.5 e 6 e 60 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dada a concorrencia tanto dun interese público na materia como dunha pluralidade de interesados.

Antecedentes:

1. Con data do 17 de novembro de 2010, o director xeral de Produción Agropecuaria ditou a resolución pola que se declara no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia a presenza do organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al. (nematodo do piñeiro) e se ordena comezar as medidas para a súa erradicación.

2. O día 26 de novembro de 2010 publicouse no Diario Oficial de Galicia (en diante DOG) a dita resolución.

3. Mediante o Decreto 10/2011, do 28 de xaneiro, declárase de utilidade pública a erradicación do organismo de corentena do nematodo do piñeiro Bursaphelenchus xylophilus e ordénanse as medidas para evitar a súa propagación.

Neste decreto, o artigo 18.2 establece que as medidas adoptadas serán realizadas polos titulares do aproveitamento nos prazos sinalados pola normativa de aplicación. Se non se adoptasen nos ditos prazos, a Administración poderá proceder á súa execución de forma subsidiaria.

No artigo 20.1 di que no caso de desistencia do propietario de realizar as tarefas de erradicación, ou ben porque se teñan decretado de utilidade pública os traballos de erradicación, a Administración realizará os traballos silvícolas con medios propios ou mediante contratos con empresas do sector.

4. A Orde do 22 de marzo de 2012 pola que se establecen medidas sobre a sanidade vexetal nunha área demarcada polo organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus indica que, unha vez rematados os traballos na zona de erradicación comprendida entre 0 e 1,5 km do foco, cómpre continuar fixando medidas para a segunda e a terceira área delimitadas no Decreto 10/2011, entre as zonas comprendidas entre 1,5 e 20 km ao redor do foco. Nestas zonas realizaranse prospeccións de árbores de plantas sensibles que mostren síntomas de estaren afectadas polo organismo mediante inspeccións visuais e un labor de eliminación das ditas árbores sintomáticas. Procederase á destrución inmediata por incineración baixo control oficial en lugares adecuados ou conversión en estelas para seren trasladadas baixo control a instalacións industriais para a utilización enerxética da madeira procedente da corta destas árbores sintomáticas.

5. No artigo 13 establécense as medidas complementarias ás actuacións en zona demarcada e, ademais:

1. A obriga por parte dos propietarios da eliminación de todas as árbores sintomáticas na franxa tampón de 20 km coa fronteira con Portugal, entendendo como o lugar xeométrico dos puntos que disten menos desa distancia da liña de puntos que delimita a separación entre os dous países.

2. A obriga por parte dos propietarios ou administracións implicadas da eliminación de todas as árbores sintomáticas a unha distancia inferior a 100 metros das vías ferroviarias, estradas, autoestradas e outras vías de alta capacidade de ámbito estatal ou autonómico que constitúan vías directas de comunicación con Portugal ou estean a menos de 100 km da fronteira con este país.

6. O artigo 5.3 desta orde, en relación coas actuacións da Administración, establece que no caso de que o propietario non realice ou desista da retirada das árbores sintomáticas, decaídas ou mortas nas parcelas da súa propiedade, a Administración mediante os seus medios propios podería proceder á corta e destrución das árbores, de conformidade co establecido no artigo 18.2 do Decreto 10/2011, do 28 de xaneiro.

7. A disposición adicional única desta orde establece que a vixencia das medidas adoptadas nesta orde será de tres anos desde a publicación desta orde, agás que se detecten novos focos, caso en que se podería prorrogar por períodos anuais mediante resolución do secretario xeral de Medio Rural e Montes.

Consideracións legais e técnicas:

1. Segundo o disposto no Decreto 132/2014, do 2 de outubro, polo que se establece a estrutura da Consellería do Medio Rural e do Mar, a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria é o órgano competente en materia de protección e control da sanidade vexetal.

2. Mediante Resolución do 17 de novembro de 2010, o director xeral de Produción Agropecuaria declarou no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia a presenza do organismo de corentena nematodo do piñeiro e ordenou comezar as medidas para a súa erradicación.

3. O artigo 14 da Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal, habilita a Comunidade Autónoma de Galicia para adoptar algunha das medidas fitosanitarias establecidas no artigo 18 da dita lei, o que implica a facultade de desinsectar, desinfectar, inmobilizar, destruír, transformar ou someter a calquera outra medida profiláctica os vexetais e os seus produtos, así como o material con eles relacionado que sexa ou poida ser vehículo de pragas (A.18.b).

4. A adopción destas medidas implica a entrada nos predios e parcelas dos particulares afectados polo organismo de corentena para a erradicación de todas as especies sensibles, sen prexuízo de que os titulares dos aproveitamentos procedan á execución das medidas previstas na Resolución do 17 de novembro de 2010, de conformidade co previsto no artigo 19 da Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

1. Iniciar a execución das medidas fitosanitarias establecidas na normativa vixente co obxecto de erradicar o organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al. (nematodo do piñeiro) en todas as parcelas forestais tanto na zona demarcada de protección fitosanitaria como na franxa tampón da zona de 20 km coa fronteira con Portugal.

2. Outorgar aos titulares dos aproveitamentos afectados un prazo ata o día 31 de xaneiro de 2015, para comunicar (caso da franxa tampón de 20 km coa fronteira de Portugal e 100 m a ambos os lados das vías a menos de 100 km de Portugal) ou solicitar autorización de corta (caso da zona demarcada das Neves) ao Servizo Territorial de Explotacións Agrarias, que van realizar persoalmente as medidas previstas na Resolución do 17 de novembro de 2010 que os afecten. A execución destas medidas deberá realizarse ata o día 28 de febreiro de 2015.

3. Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderán as persoas interesadas interpoñer recurso de alzada ante a conselleira do Medio Rural e do Mar no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2014

Patricia Ulloa Alonso
Directora xeral de Produción Agropecuaria