Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Venres, 9 de xaneiro de 2015 Páx. 841

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 10 de decembro de 2014 pola que se aproban as bases e se procede á convocatoria de axudas para estudos universitarios no curso académico 2014/15 de segundo e posteriores cursos nas universidades do Sistema universitario de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, regula o dito sistema, con respecto á autonomía universitaria, no marco do Sistema universitario español e do Espazo europeo de educación superior.

No artigo 108.1) da referida lei establécese que, sen prexuízo das competencias do Estado, a Xunta de Galicia articulará unha política en materia de axudas e bolsas ao estudo e á investigación, mediante convocatorias anuais, para garantir que todo o estudantado que cumpra as condicións para cursar estudos universitarios con aproveitamento poida acceder, en condicións de igualdade, aos estudos universitarios e poida desenvolvelos sen ser excluído por razóns económicas.

O Real decreto 1000/2012, do 29 de xuño, polo que se establecen os limiares de renda e patrimonio familiar e as contías das bolsas e axudas ao estudo para o curso 2012/13, e se modifica parcialmente o Real decreto 1721/2007, do 21 de decembro (BOE núm. 160, do 5 de xullo), cambiou os requisitos académicos xerais para poder acceder ás bolsas de carácter xeral para ensinanzas universitarias convocadas polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.

O cambio de requisitos académicos afectou, entre outros, ao alumnado de segundo e posteriores cursos, que ten que acreditar ter superado unha porcentaxe de créditos ECTS superior á exixida ata ese momento, en función da rama de coñecemento a que se adscribe o título. Así, na rama de Enxeñaría e Arquitectura deben ter superado nos últimos estudos cursados o 65 % dos créditos matriculados e nas ramas de Arte e Humanidades e Ciencias Sociais e Xurídicas, o 90 % dos créditos matriculados.

Neste contexto, no marco da súa competencia a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria desenvolve anualmente diversas liñas de axuda coa finalidade de cubrir, na medida do posible, as necesidades do alumnado universitario, liñas que, en prol da súa eficacia e eficiencia, deben adaptarse ás cambiantes circunstancias do contorno socioeconómico actual e ás variacións normativas producidas a nivel estatal.

Na súa consecuencia, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria considera prioritario continuar coa súa política de apoio económico ao alumnado universitario a través desta orde de axudas destinada a facer fronte aos gastos derivados da matrícula dos/as alumnos/as de segundo e posteriores cursos que cumpran os requisitos establecidos na presente convocatoria.

Esta orde axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de axudas e subvencións, e no establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, e ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, á Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e o Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas.

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é convocar, en réxime de concorrencia competitiva, axudas destinadas a financiar os gastos derivados da matrícula no curso académico 2014/15 dos alumnos e alumnas de segundo e posteriores cursos matriculados en estudos universitarios oficiais conducentes a unha titulación de grao, licenciatura, diplomatura, enxeñaría, arquitectura, enxeñaría técnica ou arquitectura técnica nunha universidade do Sistema universitario de Galicia.

Artigo 2. Orzamento

Esta convocatoria tramítase ao abeiro do disposto no artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, existindo crédito suficiente previsto no proxecto de lei de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2015. Na súa virtude, a concesión das subvencións condiciónase á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria financiará estas axudas con cargo á aplicación orzamentaria 09.40.422C.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015, cunha contía global de 200.000 euros, sen prexuízo de poderen ser incrementadas de acordo coas dispoñibilidades económicas da Consellería, de conformidade cos supostos establecidos na Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 3. Requisitos dos/as solicitantes

Poderán solicitar estas axudas os alumnos e alumnas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Posuír a nacionalidade española, ou doutro país da Unión Europea ou de terceiros países, cando se acredite a condición de residente en España, quedando excluídos os que se atopen en situación de estadía.

b) Non estar en posesión dunha titulación universitaria do mesmo nivel ou superior ao correspondente aos estudos para os cales solicita a axuda.

c) Estar matriculado en segundo e posteriores cursos nunha universidade do Sistema universitario de Galicia no curso académico 2014/15 dun mínimo de 60 créditos en ensinanzas conducentes a unha titulación de grao, licenciatura, diplomatura, enxeñaría, arquitectura, enxeñaría técnica ou arquitectura técnica nunha universidade do Sistema universitario de Galicia, agás o alumnado a que lle reste un número inferior de créditos para rematar os seus estudos, que deberá de estar matriculado de 45 créditos como mínimo.

d) Ter sido beneficiario/a da bolsa de carácter xeral do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte no curso 2013/14 e non tela obtido no curso 2014/15.

e) Ter superado no curso 2013/14 a seguinte porcentaxe dos créditos matriculados, excluíndo os validados, recoñecidos ou adaptados:

• En estudos pertencentes á rama de coñecemento de Ensinanzas Técnicas (enxeñaría ou arquitectura), igual ou superior ao 60 % e menos do 65 %.

• En estudos pertencentes ás ramas de Artes e Humanidades ou de Ciencias Sociais e Xurídicas, igual ou superior ao 80 % e menos do 90 %.

f) Non estar incluídos nos casos de exención total de matrícula previstos no artigo 11 do Decreto 77/2014, do 20 de xuño (DOG núm. 123, do 1 de xullo de 2014), polo que se fixan os prezos correspondentes aos estudos conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional no ensino universitario para o curso 2014/15.

g) Que a renda da unidade familiar non supere os seguintes limiares:

– Familias de 1 membro: 14.112,00 euros

– Familias de 2 membros: 24.089,00 euros

– Familias de 3 membros: 32.697,00 euros

– Familias de 4 membros: 38.831,00 euros

– Familias de 5 membros: 43.402,00 euros

– Familias de 6 membros:46.853,00 euros

– Familias de 7 membros: 50.267,00 euros

– Familias de 8 membros: 53.665,00 euros

A partir do oitavo membro engadiranse 3.391,00 euros por cada novo membro computable da familia.

Artigo 4. Contía da axuda

1. A dotación asignada a cada beneficiario/a será a do importe total da matrícula, incluídas as taxas, que será dun máximo de 862,9 euros para as titulacións encadradas dentro da rama de Enxeñaría e Arquitectura e dun máximo de 618,1 euros para as titulacións encadradas dentro da rama de Artes e Humanidades e Ciencias Sociais e Xurídicas, consonte as contías establecidas no Decreto 77/2014, do 20 de xuño, polo que se fixan os prezos correspondentes aos estudos conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional no ensino universitario para o curso 2014/15 (DOG núm. 123, do 1 de xullo).

2. A axuda só alcanzará aos créditos dunha única titulación e especialidade.

3. Quedan excluídas do importe da axuda as exencións e bonificacións do pagamento das taxas a que tiver dereito o/a beneficiario/a.

Artigo 5. Forma e prazo de presentación de solicitudes e documentación que hai que presentar

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado ED441D dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
(https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Para dúbidas relacionadas con dificultades técnicas ou no caso de necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios e da súa presentación por vía electrónica, as persoas interesadas poderán facer as súas consultas ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.es.

Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico orientacion.sug@edu.xunta.es

2. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. O prazo de presentación de solicitudes será contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia ata o 16 de febreiro de 2015.

4. Xunto coa solicitude (anexo I, modelo normalizado ED441D) deberase de achegar:

a) O anexo II desta orde debidamente cuberto.

b) Orixinal ou copia cotexada da autorización de residencia no caso de que o/a solicitante sexa extracomunitario/a.

c) Extracto do expediente académico actualizado en que conste a totalidade das materias cos seus correspondentes créditos e cualificacións, relativo ao curso 2013/14, así como a totalidade de materias e créditos en que está matriculado/a no curso 2014/15.

d) Documento acreditativo de matrícula na universidade en que deberá figurar o importe da matrícula, as materias e o número de créditos en que está matriculado/a no curso 2014/15.

e) Copia da resolución de concesión da bolsa do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte do curso 2013/14.

f) Copia da resolución de denegación da bolsa do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte do curso 2014/15, se foi peticionario/a dela.

g) Certificado de convivencia emitido polo concello de todos/as os/as membros que compoñan a unidade familiar que residan co solicitante no domicilio habitual en 31 de decembro de 2013.

h) No caso de que o/a solicitante ou os membros da unidade familiar non autoricen a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para realizar as comprobacións e verificacións incluídas no anexo I e II desta orde deberán achegar, ademais:

1º. Copia do DNI ou do NIE do/a solicitante e dos/as demais membros computables da unidade familiar maiores de idade.

2º. Copia cotexada do certificado municipal de residencia de todos/as os/as membros que compoñan a unidade familiar que residan co solicitante no domicilio habitual en 31 de decembro de 2013.

3º. Copia da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas dos/as membros computables da unidade familiar ou, na falta desta, do certificado tributario de imputacións do exercicio fiscal 2013.

i) Cando a persoa solicitante alegue a súa independencia familiar e económica, deberá de presentar a documentación xustificativa de ter domicilio en propiedade ou en aluguer e de dispoñer dos medios económicos suficientes para facer fronte aos seus gastos.

5. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Instrución do procedemento e exposición de listaxes provisionais para emenda de solicitudes e documentación

1. A Secretaría Xeral de Universidades, rematado o prazo de presentación de solicitudes e, unha vez examinadas estas xunto coa documentación presentada polos/as solicitantes exporá as listaxes provisionais de solicitudes admitidas e as excluídas, sinalando, os motivos de exclusión nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, nas súas xefaturas territoriais e nas vicerreitorías de estudantes das tres universidades galegas. Así mesmo, poderán ser consultadas no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (www.edu.xunta.es/) na epígrafe de Ensinanza/Universidade.

2. As persoas interesadas disporán dun prazo de reclamación de dez días durante o cal poden emendar erros e a falta de documentación ante a Secretaría Xeral de Universidades, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, considerarase que o/a interesado/a desiste da súa petición, nos termos e condicións establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Comisión avaliadora

1. A comisión avaliadora estará integrada polos seguintes membros:

Presidente/a: o titular da Secretaría Xeral de Universidades ou a persoa en quen delegue.

Vogais: dous/dúas representantes da Secretaría Xeral de Universidades.

Secretario/a: a xefa do Servizo de Apoio e Orientación aos Estudantes Universitarios, que actuará con voz e voto.

2. A comisión avaliadora, para o exercicio das súas funcións, poderá contar co asesoramento de expertos/as na materia obxecto da convocatoria.

3. Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún/ha dos/as compoñentes non poden asistir, será substituído/a pola persoa que para o efecto se nomee. O devandito nomeamento deberá recaer noutra persoa da Secretaría Xeral de Universidades.

Artigo 8. Criterios de avaliación

A comisión avaliadora levará a cabo a selección ordenando todas as solicitudes que cumpran os requisitos establecidos nesta orde en función da renda familiar establecida no artigo 3 g).

1. Terán prioridade as solicitudes que teñan a menor renda per cápita, empezando polas rendas máis baixas, de acordo coa renda individual familiar resultante de dividir a renda da unidade familiar entre o número de membros.

2. A renda da unidade familiar obterase pola suma das rendas do exercicio 2013 de cada un dos membros computables da familia que obteña ingresos de calquera natureza, calculadas segundo se indica nos parágrafos seguintes e de conformidade coa normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas.

3. Para a determinación da renda dos membros computables que presenten declaración polo imposto sobre a renda das persoas físicas procederase do seguinte xeito:

– Primeiro: sumarase a base impoñible xeral coa base impoñible de aforro.

– Segundo: deste resultado restarase a cota resultante da autoliquidación.

4. Para a determinación da renda dos membros computables que obteñan ingresos propios e non presentasen declaración polo imposto sobre a renda das persoas físicas procederase do seguinte xeito:

– Primeiro: sumarase a base impoñible xeral coa base impoñible de aforro.

– Segundo: deste resultado restaranse os pagamentos á conta efectuados.

5. Para os efectos previstos nesta orde, e con referencia á situación familiar en 31 de decembro de 2013, considérase que:

a) Conforman a unidade familiar:

– A persoa solicitante.

– Os pais non separados legalmente e, se é o caso, o titor ou titora, ou a persoa encargada da garda e protección do menor.

– Os irmáns solteiros menores de vinte e cinco anos e que convivan no domicilio familiar ou os maiores de idade cando se trate de persoas con discapacidade

– Os ascendentes que convivan no domicilio familiar

b) Cando non exista vínculo matrimonial, a unidade familiar entenderase constituída polo pai, a nai e todos os descendentes e ascendentes que convivan con eles.

c) A persoa que, por novo matrimonio ou por convivencia en situación de unión de feito ou análoga, viva no domicilio familiar coa nai ou co pai do solicitante.

d) No caso de divorcio, separación legal ou de feito dos pais, non se considerará membro computable aquel deles que non conviva co solicitante da axuda.

e) No caso de separación ou divorcio dos proxenitores con custodia compartida acreditada mediante sentencia xudicial, as rendas de ambos os proxenitores incluiranse dentro do cómputo da renda familiar.

f) Nos casos en que o solicitante alegue a súa emancipación ou independencia familiar e económica, calquera que sexa o seu estado civil, deberá probar que conta con medios económicos propios suficientes que permitan a dita independencia. Se os ingresos acreditados resultan inferiores aos gastos soportados considerados indispensables (vivenda, manutención etc.), entenderase non probada a independencia, polo que para o cálculo da renda para os efectos desta axuda, se computarán os ingresos correspondentes aos membros computables da familia aos cales se refire este artigo.

6. En caso de empate entre dous ou máis solicitantes procederase ao desempate tendo en conta o maior número de créditos cursados y superados.

Artigo 9. Proposta de resolución

Unha vez efectuada a selección, a comisión avaliadora elevará, a través da Secretaría Xeral de Universidades, un informe-proposta ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a adxudicación das bolsas mediante a correspondente resolución.

Artigo 10. Resolución

1. A resolución terá o seguinte contido:

a) Listaxe de beneficiarios/as.

b) Listaxe de solicitudes denegadas por non reuniren algún ou algúns dos requisitos exixidos nesta convocatoria.

2. Para os efectos establecidos no artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de cinco meses, e comezará a contar desde o día seguinte á data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se dite resolución expresa, os/as interesados/as poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. A resolución de concesión das bolsas publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
(http://www.edu.xunta.es) pola que se entenderán notificados para todos os efectos os solicitantes, de conformidade co artigo 58 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas afectadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

5. Os/as solicitantes aos/ás cales lles sexa denegada a axuda poderán solicitar a devolución da documentación presentada no prazo máximo de dous meses a partir da publicación da resolución de concesión das axudas no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11. Pagamento

O pagamento das axudas convocadas nesta orde realizarase de acordo co estipulado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de conformidade co previsto no último parágrafo da alínea 1ª do artigo 60 do Regulamento da Lei 9/2007, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

As axudas concedidas faranse efectivas mediante libramento único e directo na conta bancaria indicada polo/a beneficiario/a.

Artigo 12. Obrigas dos/as beneficiarios/as

A presentación da solicitude implica a aceptación das bases desta convocatoria e a obriga de:

a) Informar o órgano que concede a bolsa da obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración pública, ente público ou privado.

b) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, así como da Intervención xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, segundo dispón o artigo 14.1º.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Acreditar mediante certificación que se atopa ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Esta certificación poderá ser substituída pola declaración responsable que figura dentro do anexo I desta orde, segundo se regula no artigo 11 do Regulamento da Lei 9/2007.

d) Seguir con aproveitamento durante o curso académico con carácter presencial os estudos en que se atope matriculado e non anular a matrícula.

Artigo 13. Compatibilidades, alteración, modificación e reintegro das axudas

1. Estas axudas son incompatibles con outras axudas e subvencións concedidas para a mesma finalidade, calquera que sexa a súa natureza ou entidade que a conceda.

Non será admisible a percepción de máis dunha axuda para o aboamento dos prezos por servizos académicos das previstas nesta convocatoria, aínda que se solicite para estudos diferentes.

2. O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que supere o custo da actividade subvencionada de conformidade co establecido no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas para a mesma finalidade por outras administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión segundo prevé o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. O incumprimento total ou parcial por parte do/a bolseiro/a de calquera das condicións e obrigas establecidas nesta orde e demais normas aplicables, poderá constituír causa determinante de revogación da axuda e do reintegro total ou parcial polo/a beneficiario/a das cantidades percibidas xunto cos xuros de mora que lle puideren corresponder en cada caso, en aplicación do disposto nos artigos 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Procederá a devolución íntegra das cantidades percibidas cando se obteña a axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión ou se falseen ou oculten feitos ou datos que motivaron a súa concesión.

Artigo 14. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento e presentar, entón, a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 15. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a
sxu@edu.xunta.es.

Disposición adicional primeira

Os/as beneficiarios/as destas axudas quedan suxeitos/as ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional segunda

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o titular da Secretaría Xeral de Universidades para ditar, dentro das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2014

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file