Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Venres, 9 de xaneiro de 2015 Páx. 864

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 30 de decembro de 2014 pola que se anuncia a convocatoria de subvencións para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego dos centros de titularidade privada de Galicia que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios, para o curso escolar 2014/15 (ED101A).

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, en desenvolvemento das previsións dos artigos 3.2 e 148.1.17 da Constitución española e mais do artigo 5 do Estatuto de autonomía de Galicia, establece a obriga dos poderes públicos de garantiren o uso normal do galego e do castelán (artigo 2), así como que o galego, como lingua propia de Galicia, é lingua oficial no ensino en todos os niveis educativos (artigo 12).

Así mesmo, no artigo 14 da citada lei establécese expresamente que a lingua galega é materia de estudo obrigado en todos os niveis educativos non universitarios e que se garantirá o uso efectivo deste dereito en todos os centros públicos e privados. No parágrafo 3 do mesmo artigo, encoméndase ás autoridades educativas da comunidade autónoma garantir que, ao remate dos ciclos educativos en que o ensino do galego é obrigatorio, o alumnado coñeza esta lingua, nos seus niveis oral e escrito, en igualdade co castelán.

Nesta mesma liña tamén se pronuncian a Carta europea das linguas rexionais e minoritarias de 1992 (ratificada polo Goberno español en 2001), o Plan xeral de normalización da lingua galega (aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia en setembro de 2004) e a Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa.

Deste obxectivo nace a necesidade de adoptar un conxunto de medidas de dinamización dirixidas á promoción da lingua galega nos centros educativos.

O Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, sinala a necesidade de afondar no desenvolvemento dos preceptos da Lei de normalización lingüística no tocante ao ensino. Pretende reforzar a dimensión comunicativa do galego en relación con contextos vivos e facilitar ao alumnado unha oferta educativa que lle axude a percibir a utilidade da lingua e que o capacite para o seu uso correcto e eficaz, afastado de usos sexistas e respectuoso coa situación sociolingüística en que se enmarca cada centro. Con este obxectivo, a consellería competente en materia de educación establecerá un programa de actividades de fomento da lingua en cada centro educativo, no marco do seu proxecto lingüístico e coa participación de toda a comunidade educativa, con especial atención ás liñas de actuación que permitan un incremento do uso do galego nas actividades extraescolares e complementarias.

O devandito decreto regula, no artigo 15, a constitución dun equipo de dinamización da lingua galega para potenciar o uso da lingua galega nos centros educativos sostidos con fondos públicos, así como a coordinación destes a través das respectivas comisións que se constituirán en cada xefatura territorial de Educación. Estes equipos terán un papel fundamental no deseño, posta en práctica e revisión dos programas de promoción da lingua galega nos centros educativos, contarán co apoio técnico necesario e os centros educativos terán a debida dotación de recursos didácticos, pedagóxicos e material en galego.

Daquela, e co fin de valorar e apoiar o labor dos equipos de dinamización da lingua galega dos centros de ensino, considérase necesario, igual ca en exercicios anteriores, convocar axudas para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino privado. A achega económica que se lle asigne a cada proxecto determinarase segundo os criterios establecidos na convocatoria.

Neste caso, segundo o establecido no artigo 2.1.b) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as achegas económicas que se asignen aos proxectos con motivo desta convocatoria terán carácter de subvención e estarán destinadas á execución dos proxectos de fomento do uso do galego polos equipos de dinamización da lingua galega dos centros de ensino privado. É por isto polo que as bases que rexen esta convocatoria seguen o estipulado polo artigo 14 da devandita lei.

En consecuencia, e en virtude das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia

DISPOÑO:

Anunciar a convocatoria para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino privado de Galicia para o curso escolar 2014/15, segundo as seguintes bases:

1. Obxecto.

O establecemento de subvencións para a realización de proxectos de fomento do uso do galego nos centros privados de ensino de Galicia, promovidos polos equipos de dinamización da lingua galega e polo profesorado responsable do proxecto, naqueles centros de ensino que conten con menos de seis unidades, durante o curso escolar 2014/15.

As subvencións reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non-discriminación, eficacia e eficiencia.

Estas axudas serán compatibles con outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou de entes públicos ou privados. En todo caso, a suma das contías recibidas non pode superar o 100 % do custo total das actividades do proxecto.

2. Beneficiarios.

Os centros de titularidade privada de Galicia que imparten ensino regrado de nivel non universitario, sexan persoas físicas ou xurídicas, que cumpran os requisitos e as condicións que se establecen nesta orde.

Os beneficiarios deberán cumprir os requisitos e as obrigas sinalados nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Requisitos.

Os proxectos e as actividades desenvolvidos ao abeiro desta convocatoria, así como a memoria descritiva e xustificativa do gasto, deberanse presentar e desenvolver de acordo coa vixente normativa ortográfica e morfolóxica do idioma galego, fixada pola Real Academia Galega o 12 de xullo de 2003, tal e como se establece na disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística (DOG núm. 84, do 14 de xullo). Así mesmo, coidarán o respecto da toponimia oficial nos termos previstos no artigo 10 desta lei.

4. Dotación orzamentaria.

O crédito destinado ao financiamento dos proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino privados ascende á cantidade de 22.600 euros, sen prexuízo de ulteriores variacións que se poidan producir como consecuencia de modificacións orzamentarias. Este crédito financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 09.30.151A.770.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia de 2015.

5. Presentación de solicitudes e prazo.

5.1. Os centros de ensino privado de Galicia que desexen acollerse aos beneficios desta convocatoria deberán formalizar a súa solicitude no modelo normalizado que se publica como anexo I a esta orde.

5.2. As solicitudes dirixiranse á xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da provincia que corresponda. Os formularios de solicitude, segundo o modelo ED101A, estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.es, e na páxina web http://www.xunta.es/linguagalega, que permite cubrir e editar a solicitude.

5.3. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
(https://sede.xunta.es), de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e no artigo 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para o que se utilizará o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5.4. O prazo de presentación das solicitudes e da documentación sinalada na base sexta será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

6. Documentación que se xuntará á solicitude.

Á solicitude xuntaráselle a seguinte documentación:

6.1. Copia do proxecto, asinado pola persoa coordinadora do equipo de dinamización da lingua galega, co visto e prace do director ou directora do centro. O proxecto deberá analizar a realidade concreta do centro e, a partir dela, establecer os obxectivos e deseñar as actividades que permitan modificar a situación de partida. Desenvolverá os seguintes puntos:

a) Breve estudo sociolingüístico actualizado en que se tocarán os puntos que se indican a seguir:

– O contorno sociolingüístico do centro.

– A situación do profesorado.

– A situación do alumnado.

– A situación lingüística do centro.

b) Descrición dos obxectivos adecuados a cada un dos catro puntos anteriores.

c) Descrición detallada das actividades de dinamización lingüística para cada un dos obxectivos propostos.

6.2. Cadro resumo das actividades asinado polo director ou directora do centro. No cadro teñen que constar de forma resumida a temporización, o nome da actividade, o/a responsable ou responsables do departamento ou departamentos a que pertencen, as persoas destinatarias, así como o orzamento previsto e o material necesario para a realización das actividades. O modelo deste cadro resumo figura no anexo II desta orde.

6.3. Copia cotexada do NIF do centro, se for unha persoa xurídica, ou do DNI do seu titular, se se trata dunha persoa física. Neste último caso, non será necesario presentar o documento sempre que o titular autorice a Secretaría Xeral de Política Lingüística para que verifique os seus datos de identidade, de acordo co establecido no artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos.

6.4. O centro deberá acreditar, con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión da subvención e con carácter previo ao seu pagamento, que está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou do seu representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos e no artigo 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

No caso de que algún dos documentos que vaia presentar de forma electrónica a persoa solicitante ou o seu representante supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, os protocolos e o tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou o seu representante deberán indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

7. Procedemento.

7.1. Unha vez que remate o prazo de presentación de instancias, os gabinetes provinciais de normalización lingüística revisarán as solicitudes recibidas e a documentación achegada. No caso de que as solicitudes estean incompletas, de que conteñan erros ou de que non se achegue toda a documentación acreditativa dos requisitos exixidos por medio desta convocatoria, requiriranse as persoas solicitantes para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou presenten os documentos preceptivos, coa indicación de que, de non o faceren, se considerará que desisten da súa petición e de que se arquivará o seu expediente na forma e nos termos indicados no artigo 71.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e consonte os artigos 59.6.b), 60 e 61 da Lei 30/1992, os requirimentos faranse mediante a súa publicación na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística
(http://www.xunta.es/linguagalega).

7.2. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

8. Análise e cualificación dos proxectos.

Comisións de cualificación.

Unha vez completados os expedientes administrativos, procederase á cualificación dos proxectos que resulten admitidos por teren sido presentados en tempo e forma. Con este fin, constituirase en cada gabinete provincial de normalización lingüística unha comisión provincial de cualificación, que adaptará o seu funcionamento ao previsto nesta convocatoria e, supletoriamente, aos preceptos contidos no capítulo II, título II, artigos 22 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na sección terceira do capítulo I, título I da Lei 16/2012, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Cada comisión provincial estará integrada por:

Presidencia:

– O xefe ou xefa do gabinete provincial de normalización lingüística.

Vogais:

– O coordinador ou coordinadora provincial dos equipos de dinamización da lingua galega.

– Un ou unha representante da Inspección Educativa, que será designado/a polo xefe ou xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

– Un ou unha especialista en planificación lingüística, designado/a pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Cando o número de proxectos o aconselle, poderán designarse ata tres especialistas máis por comisión.

– Un profesor ou profesora con experiencia nos equipos de dinamización da lingua galega, designado/a pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Secretaría:

Desenvolverá estas funcións un funcionario ou funcionaria do gabinete provincial de normalización lingüística ou xefatura territorial.

No seo das comisións provinciais poderanse constituír unha ou varias comisións técnicas para facilitar a análise detallada dos proxectos.

9. Criterios para a cualificación dos proxectos.

Para a concesión de incentivos de apoio ao financiamento dos proxectos de fomento do uso do galego, as comisións terán en conta fundamentalmente a calidade do proxecto e ponderarase o número de estudantes do centro.

9.1. A calidade do proxecto terá un peso do 80 %. Quedarán desestimadas aquelas solicitudes que non reúnan un mínimo de 6 puntos nesta epígrafe. A porcentaxe do 80 %, correspondente á calidade, será puntuada de 0 a 24 puntos. As variables que se avaliarán coas respectivas puntuacións, repartidas de xeito proporcional, serán as seguintes:

a) Grao de implicación activa dos membros da comunidade no proxecto (pais/nais, profesorado dos distintos departamentos, alumnado dos distintos ciclos, etapas e niveis, así como persoal de administración e servizos): de 0 a 4 puntos.

b) Nivel de utilización das novas tecnoloxías: de 0 a 4 puntos.

c) Grao de colaboración con outras institucións, entidades ou asociacións externas ao centro, co obxectivo de potenciar o uso da lingua galega fóra do centro: de 0 a 4 puntos.

d) Grao de colaboración con outros centros educativos no deseño da planificación lingüística e/ou na realización de actividades dinamizadoras: de 0 a 4 puntos.

e) Realización de actividades plurianuais: de 0 a 4 puntos.

f) Tipoloxía de actividades organizadas ao longo do curso: de 0 a 4 puntos.

Esta tipoloxía de actividades abrangue celebracións e festas tradicionais, promoción da lingua oral, promoción da lingua escrita, tecnoloxías da información e da comunicación (TIC), dinamización do centro, dinamización do contorno, intercambios e posta en valor da lingua mediante a cultura e a etnografía.

Establécese a puntuación do seguinte xeito:

Ata dous tipos de actividades inclusive: 1 punto.

De tres a catro tipo de actividades inclusive: 2 puntos.

De cinco a seis tipos de actividades inclusive: 3 puntos.

De máis de seis tipos de actividades: 4 puntos.

9.2. O número de estudantes terá un peso do 20 %. A cada centro concederánselle 0,30 puntos por cada 50 estudantes ou fracción, ata un máximo de 6 puntos.

10. Contías máximas por proxecto.

a) O financiamento máximo que poderán recibir os centros cunha matrícula superior a 50 alumnos e alumnas é de 800 euros.

b) O financiamento máximo que poderán recibir aqueles centros cunha matrícula comprendida entre 25 e 50 alumnos e alumnas é de 300 euros.

c) O financiamento máximo que poderán recibir aqueles centros cunha matrícula inferior a 25 alumnos e alumnas é de 150 euros.

11. Criterios para a repartición das axudas concedidas.

Unha vez que as comisións provinciais avalíen e fixen a puntuación que ten cada proxecto, establécense os seguintes criterios para a repartición das axudas:

11.1. Distribuiranse 19.000 € da seguinte maneira: fixarase un valor económico por punto obtido nos proxectos e a multiplicación dese valor polo total dos puntos acadados por cada proxecto dará como resultado a contía económica da axuda que recibirá cada un.

11.2. A maiores, distribuiranse 3.600 € entre os proxectos dos centros cunha matrícula superior a 50 alumnos e alumnas que acaden 22 ou máis puntos na epígrafe 9.1 (calidade do proxecto). Ningún centro poderá recibir máis de 300 € nesta distribución.

En caso de que non se reparta a totalidade desta contía, o remanente sumarase á cantidade prevista no punto anterior.

11.3. En todo caso, ningún proxecto poderá recibir unha axuda que exceda as máximas establecidas na epígrafe 10 nin o custo total do proxecto.

11.4. Tanto o establecemento do valor económico por punto obtido (11.1) como a distribución da cantidade prevista na epígrafe 11.2 fixaranse na Secretaría Xeral de Política Lingüística, nunha sesión conxunta, na que participarán o presidente ou presidenta de cada comisión provincial e un técnico ou técnica da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

12. Proposta de resolución.

Unha vez rematadas as sesións, as comisións provinciais elaborarán un informe onde se concrete o resultado da avaliación efectuada e unha listaxe coa puntuación outorgada a cada solicitante admitido. Este informe elevarase á xefatura do gabinete de normalización lingüística correspondente, quen formulará unha proposta provisional de resolución de adxudicación en que conste a puntuación acadada para cada centro admitido, así como as causas que determinaron a exclusión das restantes solicitudes. Estas propostas faranse públicas na web www.xunta.es/linguagalega

Os centros interesados disporán de 10 días hábiles, que se contarán a partir do seguinte ao da data de publicación da proposta de resolución provisional, para formularen as alegacións que consideren oportunas sobre esta proposta ante a xefatura do gabinete de normalización lingüística, nos lugares e forma indicados na base quinta da convocatoria. En todo caso, os centros que presenten alegacións enviarán un correo electrónico aos gabinetes de normalización lingüística da súa provincia, no cal indicarán o día en que presentaron a alegación e o motivo desta.

Unha vez examinadas as alegacións aducidas, se é o caso, e celebrada a sesión de valoración económica por cada punto obtido de acordo co disposto na base 11.4, a xefatura do gabinete de normalización lingüística de cada provincia formulará a proposta de resolución definitiva ante o respectivo xefe ou xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Nesta proposta constará a puntuación do proxecto, o valor económico por punto e a contía da axuda.

13. Resolución.

Ao abeiro da disposición adicional da Orde do 25 de xaneiro de 2012 de delegación de competencias nos órganos superiores e periféricos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (DOG núm. 27, do 8 de febreiro de 2012), delégase nos respectivos xefes e xefas territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a competencia para resolver a convocatoria, asignar o financiamento definitivo a cada proxecto e pagar os importes correspondentes a cada centro de ensino adxudicatario da súa provincia. A resolución definitiva do procedemento de concesión farase no prazo de quince días desde a data de elevación da proposta de resolución e publicarase no Diario Oficial de Galicia e na web www.xunta.es/linguagalega, logo da súa fiscalización por parte das intervencións territoriais, pola que se entenderán notificados para todos os efectos os centros de ensino interesados.

Contra a resolución de concesión os centros interesados poderán interpoñer, con carácter potestativo, un recurso de reposición ante o órgano que a ditou (é dicir, a xefatura territorial correspondente), no prazo dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, quen resolverá por delegación de acordo co disposto na disposición adicional da referida Orde do 25 de xaneiro de 2012. Ou ben poderán interpoñer directamente un recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa (BOE núm. 167, do 14 de xullo).

As solicitudes entenderanse desestimadas se non recae resolución expresa no prazo de catro meses, contados a partir da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

14. Xustificación de gastos.

14.1. A data límite para presentar a xustificación dos gastos correspondentes aos centros que obtiveron financiamento mediante esta convocatoria para o curso 2014/15 é o 30 de xuño de 2015. Deberá presentarse ante os gabinetes provinciais de normalización lingüística, tal e como se indica no punto 5 desta orde.

Para estes efectos considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do referido prazo de xustificación.

14.2. A xustificación de gastos incluirá a seguinte documentación:

a) Unha relación numerada das actividades desenvolvidas no proxecto, co importe do gasto asociado e o material empregado, segundo o modelo do anexo IV desta orde.

b) Unha memoria descritiva e gráfica. Nela aparecerán todas as actividades realizadas, detallaranse aquelas para as cales se concedeu a asignación económica e relacionarase cada gasto en que se incorreu coa actividade do proxecto a que vai imputado.

Esta memoria deberá dar conta dos cambios realizados con respecto á programación inicial e nela avaliarase, ademais, a consecución ou non dos obxectivos previstos e proporanse actuacións de mellora para vindeiros proxectos.

c) Facturas orixinais correspondentes ao ano 2015, comprendidas entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño e expedidas a nome do centro, e xustificación acreditativa do seu pagamento. Tamén se poderán presentar copias compulsadas establecidas polas oficinas de rexistro que establezan as disposicións vixentes. Tanto nunhas coma noutras deberase expresar, de xeito explícito, o concepto e a súa relación coas actividades programadas.

Para a súa consideración como subvencionable, entenderase como efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados ou por calquera outro medio de proba que acredite a realización do pagamento, segundo especifican os artigos 42 e 49 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar unha relación, na cal se especifique o emisor, o número de factura e o importe.

d) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas coma das pendentes de resolución para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes públicos ou privados, coa indicación do importe concedido e da súa procedencia, ou declaración de non ter solicitado ningunha outra axuda para a mesma finalidade, segundo o modelo do anexo III desta orde.

e) Poderase pedir calquera outra documentación complementaria que se considere necesaria para a xustificación.

14.3. De acordo co establecido no artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en relación co establecido no artigo 76 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común), cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada pola entidade beneficiaria, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez días para a súa corrección. A falta de presentación da documentación requirida no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención.

15. Pagamento.

O aboamento da subvención asignada realizarase logo de que cada centro privado beneficiario da subvención xustifique o gasto, de acordo co previsto na base anterior.

O pagamento non poderá ser superior á contía concedida na resolución da convocatoria nin aos gastos realmente realizados, de seren estes inferiores ao importe concedido. No caso de que ao centro se lle conceda outra axuda ou subvención para o mesmo proxecto, o importe da axuda concedida con cargo a esta convocatoria minorarase cando a súa contía, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, supere o 100 % do custo das actividades do proxecto.

Os pagamentos serán efectuados a través das respectivas xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

16. Perda do dereito ao cobramento da subvención.

O centro perderá o dereito ao cobramento da subvención concedida polas seguintes causas:

– Xustificacións presentadas fóra do prazo (con posterioridade ao 30 de xuño de 2015).

– Non realización das actividades e/ou incumprimento dos fins, obxectivos ou variación substancial na realización do proxecto, sen o xustificar debidamente.

– Incumprimento na execución do proxecto no tocante ao punto 3 da convocatoria.

17. Perda ou modificación da subvención.

Estarase obrigado ao reintegro, total ou parcial, da subvención no suposto de que non se cumpran as condicións establecidas para a súa concesión, e á modificación da subvención como consecuencia da alteración das condicións que se tiveron en conta para a súa concesión.

18. Seguimento e avaliación da realización dos proxectos.

O seguimento e a avaliación da realización dos proxectos de fomento da lingua galega que presenten os equipos serán realizados polos coordinadores e coordinadoras provinciais dos equipos de dinamización da lingua galega sobre a base das memorias de xustificación.

19. Desconcentración de créditos.

Para unha xestión máis eficaz, a Secretaría Xeral de Política Lingüística desconcentrará os créditos necesarios para sufragar os gastos desta convocatoria nas correspondentes xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, nas que teñen establecida a súa sede os gabinetes de normalización lingüística de cada provincia.

20. Consentimentos e autorizacións.

20.1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para que realice as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

20.2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que corresponden.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante ou ao seu representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

20.3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou polo seu representante comportará a autorización ao órgano xestor para que solicite as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou o seu representante poderán denegar expresamente o consentimento, e neste caso deberán presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

20.4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

21. Datos de carácter persoal.

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante esta secretaría xeral técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico dirixido a: sx@edu.xunta.es

22. Normativa aplicable.

A esta orde seranlle de aplicación as normas básicas do texto articulado da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE do 18 de novembro), e o seu desenvolvemento; a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño de 2007) e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

23. Réxime de recursos.

Esta orde poderá ser impugnada mediante o recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente mediante a interposición dun recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística para que adopte todos os actos e medidas necesarios para a execución, desenvolvemento e resolución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2014

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file