Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Luns, 12 de xaneiro de 2015 Páx. 1326

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 22 de decembro de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para programas de calidade desenvolvidos por consellos reguladores de denominacións de calidade agroalimentarias e se convocan para 2015.

A Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, configurou os consellos reguladores das denominacións xeográficas de calidade como corporacións de dereito público, con personalidade xurídica de seu, autonomía económica e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins. A dita lei atribúelles a estes organismos a xestión da respectiva denominación xeográfica, o que supón a realización de diversas funcións, entre as cales están a de velar polo prestixio da denominación e polo cumprimento das súas disposicións normativas e aplicar, de ser o caso, os sistemas de control necesarios para garantir a calidade e a orixe dos produtos certificados.

A realización destas tarefas de control supón un labor de notable complexidade, cuxo desenvolvemento eficaz constitúe un factor clave na credibilidade da denominación, e que representa un importante custo económico para os consellos reguladores.

Para apoiar a realización destas actividades polos consellos reguladores aprobouse a Orde do 12 de decembro de 2013, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para programas de calidade desenvoltos por consellos reguladores de denominacións de calidade agroalimentarias e se convocan para 2014.

Ao estar próximo o inicio do exercicio orzamentario 2015, procede facer algunha modificación puntual nas ditas bases reguladoras, en particular para adaptalas á nova normativa europea sobre axudas de mínimis, e realizar a convocatoria correspondente ao dito ano. Para unha maior seguranza xurídica e para facilitar o manexo da norma aos interesados, óptase pola publicación, xunto coa convocatoria, dunhas novas bases reguladoras que recollan estes cambios.

Estas axudas acóllense ao establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de mínimis (DOUE L 352,
do 24 de decembro).

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3º do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

Dispoño:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas que, en réxime de concorrencia polo sistema de rateo, vai conceder a Consellería do Medio Rural e do Mar para actuacións relacionadas coa implantación e desenvolvemento de programas de mellora e control da calidade e da orixe dos produtos agroalimentarios galegos amparados por algunha denominación xeográfica de calidade das reguladas no capítulo II do título III da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, ou acollidos á produción ecolóxica, así como efectuar a convocatoria para o ano 2015.

Capítulo I
Bases reguladoras das axudas para programas de calidade desenvolvidos por consellos reguladores de denominacións de calidade agroalimentaria

Artigo 2. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios destas axudas os consellos reguladores das distintas denominacións de calidade agroalimentaria existentes no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia sempre que non incorran nalgunha das prohibicións do artigo 10º.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Ademais, os beneficiarios deberán cumprir os requisitos do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de mínimis

Artigo 3. Actividades subvencionables

Serán subvencionables:

a) Todas aquelas actuacións realizadas, directa ou indirectamente, polos consellos reguladores, encamiñadas a garantir a calidade e a orixe dos produtos da correspondente denominación.

b) As actuacións en estudos, investigacións e desenvolvemento de programas encamiñados á mellora da calidade dos produtos obxecto de protección.

c) Os gastos relacionados coa acreditación do consello regulador no cumprimento da norma EN-45011 ou na norma ISO 17065, aplicables a entidades que certifican produto, así como os das auditorías necesarias para o mantemento da acreditación. Tamén serán subvencionables os gastos para a acreditación na norma ISO 17025, e o mantemento desta, en que incorran os consellos reguladores que conten con laboratorio propio.

Artigo 4. Gastos subvencionables

Consideraranse subvencionables:

a) Os gastos orixinados pola participación do persoal propio do consello regulador no desenvolvemento e execución dos programas de calidade.

b) A adquisición de bens de equipamento e materiais, incluídos os equipamentos e aplicacións informáticas, que se empreguen na execución dos programas de control. Tamén será subvencionable o aluguer e o leasing deste equipamento.

c) Os gastos derivados da realización de análises de laboratorio relacionadas coa certificación do produto.

d) Os gastos de consultoría externa en que incorra o consello regulador para a preparación da documentación necesaria para acadar a acreditación e os das auditorías a que se vexa sometido tanto para a acreditación nas normas EN 45011, ISO 17065 ou ISO 17025, como para o seu mantemento.

e) Os gastos en estudos realizados por terceiros cuxo obxecto sexa a mellora da calidade do produto ou a mellora dos sistemas para o seu control.

Artigo 5. Límites e contías das axudas

1. Para a concesión destas subvencións resulta de aplicación o disposto no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de mínimis.

2. A subvención asignada para cada programa poderá acadar como máximo o 50 % do importe da actividade subvencionable.

3. A repartición das axudas farase polo sistema de rateo. Atenderanse en primeiro lugar os gastos relacionados coa acreditación dos consellos reguladores na norma de calidade para entidades que certifican produto (norma UNE-EN 45011 ou ISO 17065, que a substitúe), cun máximo de gasto subvencionable de 12.000 € e de 6.000 € de axuda. Para consellos reguladores que teñan acreditados máis dun alcance, o investimento subvencionable incrementarase en 6.000 € e a axuda en 3.000 € por cada alcance adicional acreditado. Incluiranse aquí tamén os alcances acreditados no marco da norma ISO 17025 para aqueles consellos reguladores que conten con laboratorio propio.

Todos estes gastos estarán directamente relacionados co mantemento da acreditación e coas determinacións analíticas realizadas, por obriga da acreditación, por laboratorios acreditados para tales determinacións. Tamén poderán percibir esa cantidade os consellos reguladores aínda non acreditados para cubrir os gastos en que incorran polas actuacións relacionadas directamente co proceso de acreditación.

Para os demais gastos non incluídos no parágrafo anterior, o gasto máximo subvencionable será de 28.000 € e o importe máximo de axuda por entidade beneficiaria será de 14.000 €.

Artigo 6. Compatibilidade con outras axudas

1. Estas axudas son compatibles con calquera outra para o mesmo fin sempre que a suma total das axudas concedidas, incluídas as de mínimis, non supere o investimento subvencionable.

O beneficiario queda obrigado a comunicarlle de inmediato ao órgano concedente calquera subvención, axuda ou ingreso que, para a mesma finalidade e de calquera procedencia, solicitase ou lle fose concedida ou pagada.

2. Ademais, e segundo o recollido no dito regulamento, o importe da subvención concedida sumado a outras axudas de mínimis recibidas polo beneficiario non superará o importe de 200.000 € nun período de tres exercicios fiscais.

Artigo 7. Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse en formulario dirixido á Consellería do Medio Rural e do Mar, de acordo co modelo que figura no anexo I que vai con esta orde, xunto coa documentación complementaria que se indica no punto 3 deste artigo.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Como documentación complementaria ao formulario de solicitude presentarase a seguinte documentación:

a) Memoria explicativa en que se recollan detalladamente todos os gastos que se pretende que sexan subvencionados, especificando o cronograma de execución e cales deles están directamente vinculados coa consecución da acreditación ou co seu mantemento.

b) Orzamento pormenorizado dos gastos previstos.

Esta documentación poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

4. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. O prazo de presentación de solicitudes será o que se estableza na convocatoria anual correspondente.

6 Non se concederán nin pagarán subvencións a solicitantes ou beneficiarios que non estean ao día nas obrigas tributarias (Ministerio de Economía e Facenda) e coa Seguridade Social, ou que teñan débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia (Consellería de Facenda).

Artigo 8. Instrución e resolución

1. Correspóndelle á Dirección Xeral de Produción Agropecuaria a instrución do procedemento, para o cal poderá solicitar do peticionario calquera documento que considere necesario para a correcta tramitación do expediente.

2. As solicitudes serán resoltas pola persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar, no prazo máximo de cinco meses contados desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria e, en todo caso, antes do 30 de xuño de 2015. Transcorrido o prazo máximo para resolver sen que a persoa interesada recibise comunicación expresa, poderase entender desestimada a súa pretensión por silencio administrativo.

3. A resolución de concesión indicará os investimentos considerados como subvencionables, así como as condicións xerais e particulares que se consideren necesarias para garantir o cumprimento dos obxectivos da axuda. Especificamente indicará o prazo máximo para a realización e xustificación dos investimentos realizados, que será polo menos posterior en quince días á finalización da realización do gasto subvencionado segundo o calendario presentado e, en calquera caso, anterior á data límite do 15 de setembro dese ano.

Ademais, a resolución de concesión indicará que a subvención concedida ten o carácter de axuda de mínimis, conforme o establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de mínimis (DOUE L 352,
do 24 de decembro).

Artigo 9. Tramitación e pagamento das axudas

1. Realizados os gastos, o beneficiario presentará, con destino á Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, en Santiago de Compostela, a seguinte documentación:

a) Memoria explicativa do programa desenvolvido e xustificantes dos gastos realizados, xunto cunha relación numerada de todos eles. No caso das facturas, presentarase orixinal, e no do pagamento de salarios a traballadores, fotocopia compulsada das nóminas e TC2. Presentarase tamén a documentación que acredite o pagamento dos gastos realizados (extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados polo beneficiario). Na memoria especificaranse cales dos gastos realizados están, de ser o caso, directamente vinculados coa acreditación do consello regulador, conforme o establecido no artigo 5.3 desta orde.

b) Declaración do beneficiario sobre calquera outra axuda de mínimis (Regulamento (UE) 1407/2013) solicitada ou recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso.

c) Declaración do beneficiario sobre outras axudas solicitadas ou concedidas para os mesmos gastos, das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

As declaracións a que se refiren as letras b) e c) presentaranse conforme o modelo de declaracións do anexo II.

2. De acordo co establecido no artigo 62 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderanse efectuar pagamentos á conta a medida que o beneficiario xustifique a realización das accións subvencionadas. Estes pagamentos non superarán o 80 % da subvención concedida, e o importe restante librarase no momento da completa xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade e das demais condicións para as cales lle foi concedida.

Estes pagamentos á conta quedan exonerados da constitución de garantía ao serlles de aplicación o establecido na letra i) da alínea 4 do artigo 65 do citado Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 10. Seguimento e control

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. As resolucións de concesión de subvención establecerán o prazo máximo de xustificación dos investimentos. Non obstante, poderase conceder, por pedimento xustificado do interesado realizado antes da finalización do prazo establecido e sempre que as dispoñibilidades orzamentarias o permitan, unha ampliación do dito prazo.

3. Calquera modificación que afecte substancialmente a realización dos investimentos e gastos aprobados deberá ser previamente comunicada á Dirección Xeral de Produción Agropecuaria. No caso de redución da contía dos gastos realizados, e sempre que se manteñan os obxectivos iniciais e se cumpran os requisitos recollidos no artigo 35 do Decreto 11/2009 e de conformidade co artigo 14.m) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a subvención verase reducida na contía proporcional correspondente.

4. Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lles poidan exixir as unidades correspondentes da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, os beneficiarios deberán someterse ás actuacións de comprobación que deban efectuar estas, ás de control financeiro que lle correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e ás que sexan realizadas por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 11. Incumprimento, reintegro e réxime de infraccións e sancións

1. Se o beneficiario da axuda cumpre as condicións establecidas na resolución de concesión, de xeito que executa e xustifica todos os conceptos dos gastos aprobados nos prazos establecidos e cumpre co resto dos requisitos da resolución de concesión, procederá a aboarse a totalidade da subvención concedida. No caso contrario existirá un incumprimento, en que se aplicarán os seguintes criterios:

– Cando o beneficiario non realice e non xustifique nos prazos establecidos ningunha das actuacións obxecto da axuda, existirá un incumprimento total e non se pagará ningunha axuda.

– Cando o beneficiario realice parcialmente e xustifique nos prazos establecidos as actuacións obxecto da axuda, aboarase a subvención proporcional correspondente sempre que estea relacionada con actuacións finalizadas e se cumpra o resto das condicións establecidas.

2. En calquera caso, procederá o reintegro total ou parcial das axudas concedidas ao abeiro desta orde, e dos xuros de demora acumulados desde o momento da notificación da resolución do procedemento de reintegro ao interesado, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en xeral, nos casos establecidos na normativa de aplicación vixente.

3. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, aos beneficiarios das axudas reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 12. Réxime de recursos

A resolución da subvención porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben ser impugnada directamente perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución fose expresa.

Artigo 13. Consentimentos e autorizacións

1. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento; neste caso, deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se poidan impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 14. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a secretariaxeraltecnica.cmrm@xunta.es

Capítulo II
Convocatoria 2015

Artigo 15. Convocatoria

Convócanse para o exercicio orzamentario 2015 as axudas reguladas por esta orde. As solicitudes, a documentación, as condicións e o procedemento de xestión das axudas serán os establecidos con carácter xeral nos artigos anteriores.

Artigo 16. Prazo

O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria será dun mes contado dende o día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro do mes.

Artigo 17. Financiamento das axudas

1. As axudas concedidas financiaranse con cargo aos orzamentos da Consellería do Medio Rural e do Mar para o ano 2015, na aplicación orzamentaria 12.22.713D.781.0, código de proxecto 2011 00765, cunha dotación de douscentos mil euros (200.000 €).

2. Esta orde tramítase conforme o establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, relativa á tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que queda condicionada a súa eficacia a que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o vindeiro ano 2015, aprobados polo Consello da Xunta de Galicia e en trámite parlamentario actualmente.

3. Os importes establecidos nesta orde poderanse incrementar nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional única. Réxime xurídico

En todas aquelas cuestións non previstas nesta orde haberá que aterse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria para ditar as instrucións que sexan necesarias para a aplicación desta orde

Disposición derradeira segunda

Esta orde terá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2014.

Rosa M. Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file