Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Martes, 13 de xaneiro de 2015 Páx. 1489

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 22 de decembro de 2014, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas para a realización, polas asociacións de nais e pais do alumnado, nos centros educativos de Galicia sostidos con fondos públicos, de programas de actividades complementarias e extraescolares que teñan como fin facilitar a conciliación da vida familiar e laboral, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE), e se procede á súa convocatoria para o curso escolar 2014/15.

É un feito indubidable que a incorporación das mulleres ao mercado de traballo sitúa a cuestión da conciliación da vida familiar e laboral nun primeiro plano e que ademais supuxo unha transformación non só laboral senón tamén social que provocou, así mesmo, modificacións nos valores culturais dominantes respecto ao papel das familias, da maternidade e da repartición de roles entre mulleres e homes.

A necesidade de compaxinar a vida familiar e laboral leva consigo, ademais dos cambios necesarios no ámbito lexislativo, a obriga de promover servizos e recursos complementarios que dean resposta ás demandas da poboación, como son os servizos de atención a menores, dado que permiten adecuar os horarios escolares dos e das menores cos horarios laborais das súas familias, e os poderes públicos deben ter un papel importante na potenciación de programas e accións facilitadores da conciliación. Nesta liña, o VI Plan galego para a igualdade entre mulleres e homes considera, no seu eixe 4, actuacións dirixidas a estimular formas de organización dos tempos de traballo para facilitar a conciliación de homes e mulleres, así como tamén medidas dirixidas a adecuar e potenciar o desenvolvemento de servizos e recursos favorecedores da conciliación.

O desequilibrio na repartición dos tempos dedicados ás tarefas de reprodución e coidado, desfavorable para as mulleres, é un aspecto prioritario que debe ser abordado á hora de reducir a discriminación por razóns de xénero no mercado laboral. Con esta finalidade, recóllense no eixe 2, tema prioritario 69 do programa operativo FSE Galicia 2007-2013, medidas para mellorar o acceso das mulleres ao mercado laboral, así como a súa participación e o seu progreso permanente no dito mercado e para impulsar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, co fin de reducir a segregación sexista en materia de emprego e reconciliar a vida laboral e privada, por exemplo, facilitando o acceso aos servizos de coidado e atención de nenos e nenas.

De conformidade co Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, correspóndelle á Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano superior da Administración autonómica en materia de igualdade, entre outras, as funcións de planificar, deseñar, coordinar e avaliar a xestión das políticas da Xunta de Galicia en materia de promoción da corresponsabilidade entre mulleres e homes no eido persoal, familiar e laboral, así como tamén propor medidas, programas e normas dirixidas á promoción do exercicio efectivo dos dereitos das mulleres, a incrementar a súa participación na vida económica, laboral, política, social e cultural e a eliminar as discriminacións existentes entre sexos.

Polo anteriormente exposto, a Secretaría Xeral da Igualdade pretende con esta convocatoria impulsar a conciliación do traballo e da vida familiar de mulleres e homes adoptando medidas que a favorezan, polo que se considera oportuno realizar unha convocatoria de axudas destinadas á realización, polas asociacións de nais e pais do alumnado, de programas de actividades complementarias e extraescolares nos centros educativos de Galicia sostidos con fondos públicos, que teñan como fin facilitar a conciliación da vida familiar e laboral.

As subvencións concedidas a través da presente resolución estarán cofinanciadas polo Fondo Social Europeo a través do programa operativo do Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013, eixe 2, tema prioritario 69, e axustaranse ás normas sobre elixibilidade aplicables ás axudas financeiras con fondos comunitarios e, en particular, ao disposto no Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión do 8 de decembro, que fixa normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello do 11 de xullo, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, no Regulamento (CE) 1080/2006, do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (DOUE L 45, do 15 de febreiro de 2007) e na Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2007-2013 e na Orde TIN/788/2009 e a Orde ESS/1337/2013, do 3 de xullo, que a modifican.

A convocatoria destas axudas axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño), no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xaneiro, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (DOG núm. 214, do 5 de novembro), e no que resulte de aplicación, na Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 276, do 18 de novembro) e no seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2007, do 21 de xullo (BOE núm. 176, do 25 de xullo).

Esta convocatoria tramítase como expediente anticipado de gasto ao abeiro do disposto no artigo 1.1º da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto (DOG núm. 34, do 19 de febreiro), modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG núm. 209, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG núm. 201, do 29 de outubro), ao existir crédito axeitado e suficiente para este fin no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 17 de outubro de 2014.

Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta resolución enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Por todo o exposto, unha vez obtidos os informes preceptivos na tramitación, no uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, ás asociacións de nais e pais de alumnos/as (ANPAS) legalmente constituídas, dos centros educativos sustentados con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, para a realización de programas de actividades extraescolares e complementarias dirixidas ao alumnado de educación infantil, primaria e de centros de educación especial, que teñan como fin contribuír á conciliación da vida familiar e laboral no curso escolar 2014/15.

2. O outorgamento das axudas a que se refire esta convocatoria realizarase en réxime de concorrencia competitiva baixo os principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

Artigo 2. Financiamento

1. As axudas obxecto desta convocatoria financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 05.11.312 G.481.0 por un importe total máximo de douscentos cincuenta mil euros (250.000 euros), estando cofinanciadas ao 80 % con fondos FSE no programa operativo de Galicia 2007-2013, eixe 2, tema prioritario 69.

De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015.

De acordo co disposto no artigo 30.2 do Regulamento de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias sinaladas e, de ser o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que isto implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

2. O crédito asignado será obxecto de desconcentración nas xefaturas territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza de maneira proporcional ao número de instancias presentadas en cada provincia.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta convocatoria as asociacións de nais e pais de alumnos/as dos centros educativos sostidos con fondos públicos que, con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, estean legalmente constituídas e inscritas no censo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

2. As entidades solicitantes deberán cumprir, en todo caso, ademais dos requisitos e obrigas exixidos nos artigos 10 e 11 respectivamente da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os seguintes:

a) Manter un sistema de contabilidade separada ou cunha codificación adecuada que permita identificar todas as transaccións realizadas relativas ao proxecto subvencionado e conservar os documentos xustificativos por un período de tres anos a partir do peche do programa operativo, ou ben durante un período de tres anos a partir do ano en que tivese lugar o peche parcial deste, de acordo co disposto no artigo 90 do Regulamento (CE) 1083/2006.

b) Facilitarlle ao persoal designado pola Secretaría Xeral da Igualdade, para a verificación do cumprimento do disposto nestas bases, o acceso ás instalacións onde se leven a cabo as accións subvencionadas e a toda a documentación de carácter técnico, administrativo ou contable que teña relación coa subvención concedida. No caso de estar permitida a subcontratación de acordo co establecido no artigo 15, as/os subcontratistas están obrigadas/os a facilitaren ao persoal de auditoría e control toda a información necesaria relativa ás accións subcontratadas.

c) Dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e de acordo co disposto no Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, que fixa normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Feder, ao FSE e ao Fondo de Cohesión.

Artigo 4. Programas e gastos subvencionables

1. Poderán ser obxecto de subvención ao abeiro desta convocatoria a realización de programas de actividades extraescolares dirixidos ao alumnado de educación infantil, primaria e de centros de educación especial, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que contribúan ao desenvolvemento integral do alumnado, reforzando os valores igualitarios, libres de prexuízos e de estereotipos sexistas así como á concienciación contra a violencia de xénero. Co dito fin primarase na valoración das solicitudes a programación de actividades ou accións de sensibilización dirixidas a promover a igualdade e a prevención da violencia de xénero.

b) Que a programación das actividades se leve a cabo nas dependencias do centro e fóra do horario lectivo, de luns a venres no curso escolar, e durante unha hora diaria como mínimo. En caso de non acadar esta periodicidade, será necesario acreditar a realización doutras actividades que cubran as necesidades de conciliación nos días correspondentes.

c) Que a programación das actividades sexa en horario continuado desde a hora de inicio á hora de remate co fin de evitar baleiros intermedios que dificulten a conciliación.

d) Que as actividades que formen parte do programa se centren en aspectos lúdicos, artísticos, culturais, tecnolóxicos e/ou deportivos.

e) Que cada actividade se dirixa obrigatoriamente a un mínimo de 10 alumnas/os, agás naqueles casos debidamente xustificados, nos cales, polas características do contexto ou do centro docente, sexa imposible acadar o mínimo establecido.

2. Os programas achegados deberán considerar expresamente de que xeito se van atender as necesidades das nenas e nenos con discapacidade.

3. Queda expresamente excluído desta convocatoria a prestación do servizo de comedor, así como calquera outro gasto en concepto de alimentos.

4. Gastos subvencionables.

4.1. Terán a consideración de subvencionables os gastos ocasionados polo desenvolvemento dos programas de actividades extraescolares que a seguir se relacionan, tendo en conta o establecido nas normas sobre elixibilidade aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e en especial o artigo 11 do Regulamento 1081/2006, do Parlamento e do Consello do 5 de xullo, relativa ao Fondo Social Europeo:

a) Gastos do persoal necesario para a execución das accións: serán subvencionables as retribucións totais correspondentes, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social, segundo a contía establecida na normativa aplicable por xornada real de traballo para os correspondentes grupos profesionais nos seus respectivos convenios colectivos.

b) Gastos de seguros de accidentes e pólizas de responsabilidade civil, se é o caso.

c) Gastos de materiais funxibles necesarios para o desenvolvemento das accións.

4.2. Os gastos anteriormente mencionados deberán cumprir os seguintes requisitos: ser un gasto directo da acción, adecuado aos obxectivos, que exista constancia documental sobre a súa realización de forma verificable, que se acredite mediante facturas ou documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa (ex.: nóminas, boletíns de cotización á Seguridade Social), que se realice no primeiro semestre de 2015 e que sexa efectivamente pagado pola entidade beneficiaria dentro do período de referencia establecido no punto 6 deste artigo.

5. No caso de que o orzamento presentado pola entidade solicitante incluíse conceptos considerados como non subvencionables de acordo co previsto neste artigo, estes non serán tidos en conta no orzamento de gastos elixibles para efectos de determinar o importe da subvención.

6. O período de referencia para a realización do pagamento dos gastos xerados polo desenvolvemento das actuacións terá como data límite o 8 de xullo de 2015.

7. A contía destas axudas determinarase sobre a base da puntuación asignada en función dos criterios de valoración establecidos no artigo 11, por proposta do órgano instrutor, e será de ata 6.000 euros por entidade.

8. Para os efectos desta subvención, non se considera subvencionable ningún tipo de taxa, tributo ou imposto, agás o imposto sobre o valor engadido non susceptible de repercusión ou compensación e ningún gasto que, incluso tendo natureza de gasto subvencionable, non sexa posible determinar o seu alcance, ou sobre o que non se achegue documentación económica completa conforme o establecido nestas bases.

9. Cando, de acordo co artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado por Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, para o contrato menor, a entidade beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou agás que o gasto se tivese realizado con anterioridade á solicitude de subvención.

Artigo 5. Compatibilidade das axudas

1. Nestas axudas é posible a concorrencia con calquera outra axuda para o mesmo obxecto e finalidade, pero o seu importe, en ningún caso, poderá ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións e axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, superen o custo das accións subvencionadas.

Non obstante o anterior, de acordo co artigo 54.5 do Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo, os gastos cofinanciados polos Fondos no poderán acollerse a axudas procedentes de ningún outro instrumento financeiro comunitario, polo que os gastos de FSE non poderán cofinanciarse con outros instrumentos financeiros comunitarios, a excepción do propio FSE.

2. No caso de entidades solicitantes que sexan perceptoras doutras axudas para o mesmo fin concedidas por outra entidade, deberán acreditar documentalmente a súa natureza e contía.

Artigo 6. Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.es,
de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións dirixiranse, xunto coa documentación necesaria, á Xefatura Territorial da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza competente en función da provincia na cal a asociación teña establecida a súa sede social.

3. O prazo para a presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 20 de febreiro de 2015.

Artigo 7. Documentación

1. Con cada solicitude é obrigatoria a presentación da seguinte documentación, que será imprescindible para a súa valoración:

a) Solicitude que deberá presentarse no modelo anexo I, que inclúe as seguintes declaracións, compromisos e autorizacións:

– Declaración do conxunto de todas as solicitudes de axudas concedidas, solicitadas e/ou percibidas para as actuacións previstas nesta convocatoria, procedentes das distintas administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

– Declaración de que todos os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

– Declaración de que a entidade solicitante:

• Coñece que a obtención de axuda comunitaria implica a aparición na lista pública de persoas beneficiarias, na cal figuran os datos de identidade ou denominación social, das operacións e da contía de fondos públicos asignada a cada operación, que a autoridade de xestión do programa operativo publicará conforme ao previsto no artigo 7.2.d) do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro (DOUE L/45, do 15 de febreiro de 2007).

• Non está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

• Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos apartados 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

• Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.f) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

– Declaración de que a entidade cumpre todos os requisitos para obter a condición de beneficiaria das axudas reguladas nesta resolución e polo tanto non está incursa en ningunha das circunstancias de prohibición ás que se refire o artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Declaración de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

– Declaración de estar de acordo coas actuacións de control e supervisión destas axudas que leve a cabo o Fondo Social Europeo, a unidade administradora do FSE do Ministerio de Emprego e Seguridade Social e do órgano concedente.

– Declaración de facer uso non sexista da linguaxe en todas as súas formas de expresión e comunciación.

b) Fotocopia do NIF da entidade.

c) Fotocopia compulsada dos estatutos da entidade debidamente dilixenciados, salvo que xa estea en poder da Secretaría Xeral da Igualdade, circunstancia que haberá que facer constar expresamente identificando o procedemento no que consta.

d) Documentación acreditativa da representatividade suficiente para asinar a solicitude.

e) Certificacións da/o secretaria/o da entidade solicitante, segundo modelo que se determina no anexo II.

f) Certificado da dirección do centro educativo que acredite a súa conformidade para o desenvolvemento das actividades nas instalacións do centro.

g) Memoria detallada do programa de actividades solicitado, que deberá vir asinada. Esta memoria recollerá expresamente como se integra o fomento da igualdade entre os xéneros masculino e feminino e como se atenden as necesidades de nenas e nenos con discapacidade, e fará referencia necesariamente aos seguintes aspectos:

– Obxectivos perseguidos polo programa e xustificación da súa incidencia na conciliación da vida familiar e laboral.

– Datas de inicio e fin da programación.

– Descrición de cada unha das actividades propostas: contidos, metodoloxía, medios materiais e persoais precisos, duración, resultados previstos e persoas responsables da súa execución:

• Lugar e data de realización.

• Número estimado de persoas participantes desagregado por sexo.

• Se é o caso, importe dos ingresos xerados por inscricións ou matrículas nas actividades, distinguindo entre os ingresos xa obtidos e os previstos para os efectos do sinalado no artigo 17.1.k) desta resolución, e con indicación do seu detalle por alumno/actividade.

• Sistema de avaliación, mediante o establecemento de indicadores ou medidores cuantificables do grao de cumprimento do obxectivo ou obxectivos perseguidos.

– Se é o caso, a descrición de actividades ou accións de sensibilización dirixidas a promover a igualdade e a prevención da violencia de xénero.

h) Orzamento estimado de gastos para cada unha das actividades propostas (anexo III).

i) Calendario semanal de realización das actividades (anexo IV).

2. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos terán a mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante superase os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

3. O órgano instrutor reservará para si a facultade de solicitar a información complementaria que considere conveniente para a correcta definición, avaliación, seguimento e comprobación da solicitude presentada.

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións

1. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, en cuxo caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Secretaría Xeral da Igualdade publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 9. Instrución dos procedementos

1. A instrución dos procedementos corresponde ás unidades de igualdade das delegacións territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria, o órgano instrutor requirirá ás persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixesen, se considerará que desisten da súa petición, logo da correspondente resolución. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59, 60 e 61 da indicada Lei 30/1992, os citados requirimentos de emenda poderanse facer ben a través de notificación individualizada, ben mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade, a cal producirá os mesmos efectos que a devandita notificación.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria, serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo 10.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, que non conteñan a documentación necesaria, ou, de ser o caso, non a presenten nos modelos normalizados, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na que se indicarán as causas desta.

Artigo 10. Comisión de valoración

1. Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia crearase en cada delegación unha comisión de valoración para estes efectos, a cal estará presidida pola/o xefa/e territorial da respectiva delegación e da que formarán parte ademais dúas/dous traballadoras/es designados polo/a respectivo/a xefe/a territorial. Actuará como secretaria/o unha/un traballador/a da xefatura territorial. Se por calquera causa algunha das persoas que a compoñen non puidese asistir ás reunións, será substituída pola/o funcionaria/o que designe o órgano competente para o outorgamento da axuda.

2. A comisión de valoración, motivadamente, poderá requirir das entidades solicitantes das subvencións información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

3. Avaliadas as solicitudes seguindo os criterios establecidos no artigo 11, a comisión de valoración emitirá un informe con base no cal o órgano instrutor elevará unha proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou denegación da subvención solicitada. Nesta proposta figurarán as solicitudes propostas para obter a axuda e o importe para cada unha delas, ata esgotar o crédito dispoñible. O resto das solicitudes consideradas subvencionables quedará en reserva para seren atendidas no suposto de quedar crédito libre por producirse algunha renuncia ou de producirse un incremento do crédito inicialmente dispoñible, de acordo co establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para estes efectos poderanse realizar sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

Artigo 11. Criterios de avaliación

1. Na valoración das solicitudes presentadas polas entidades peticionarias que, en todo caso, deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 3, teranse en conta os seguintes criterios, e de acordo coas ponderacións sinaladas a seguir:

a) Interese e calidade do programa que se propón, valorado en función da súa claridade expositiva; da complementariedade e coherencia entre a xornada escolar e as actividades extraescolares en relación coas necesidades de conciliación; da descrición, contido e características da actividade ou actividades programadas; así como a incorporación, ademais do fomento efectivo da igualdade entre os xéneros e da atención das necesidades de nenas e nenos con discapacidade, doutros valores que contribúan ao desenvolvemento integral da personalidade: ata 42 puntos segundo a seguinte desagregación:

a.1) Interese e calidade do programa: ata 20 puntos.

a.2) Actividades ou accións de sensibilización dirixidas a promover a Igualdade e a prevención da violencia de xénero: ata 12 puntos.

a.3) Fomento da interculturalidade, de hábitos de vida saudable, respecto polo medio natural e/ou consumo responsable: ata 10 puntos.

b) Número de alumnos/as que se benefician do programa: ata 20 puntos segundo a seguinte escala:

b.1) Máis de 100 alumnas/os: 20 puntos.

b.2) Entre 10 e 100 alumnas/os: proporcionalmente de 0 a 19 puntos.

c) Número de persoas asociadas: ata 15 puntos, que se distribuirán proporcionalmente segundo o número de familias asociadas con respecto ao total de familias do centro.

d) Grao de consolidación e experiencia previa da entidade en actuacións similares nos cinco últimos cursos: ata 5 puntos a razón de 1 punto por curso.

e) Cofinanciamento por parte da entidade solicitante: ata 5 puntos, dos cales corresponderán 1 punto por cada 10 % de financiamento con recursos propios.

f) Amplitude do horario do programa das actividades: ata 5 puntos.

f.1) Unha hora e media diarias: 3 puntos.

f.2) Dúas horas diarias: 5 puntos.

g) Actividades complementarias e extraescolares que se desenvolvan en centros educativos situados en concellos onde a proporción de mulleres paradas con respecto aos homes parados nese concello sexa superior á proporción de mulleres paradas no conxunto da comunidade autónoma: 3 puntos. Estas porcentaxes calcularanse con bases nas medias do ano 2014, segundo os datos de paro rexistrado do Servizo Público de Emprego de Galicia.

h) Centro educativo situado nun municipio con poboación inferior a 5.000 habitantes: 5 puntos.

2. Á solicitude que acade maior puntuación corresponderalle, dentro dos límites establecidos no artigo 4.7, unha axuda do 100 % do orzamento elixible; ás seguintes a contía da axuda reducirase proporcionalmente. No suposto de que máis dunha proposta obteña a mesma puntuación e non sexa posible por razóns orzamentarias adxudicar axuda a todas elas, o desempate establecerase en función das puntuacións máis altas segundo as epígrafes parciais dos criterios empezando pola letra a).

Artigo 12. Resolución e notificación

1. Avaliadas as solicitudes segundo os criterios establecidos no artigo 11 desta resolución, o órgano instrutor, á vista do informe da comisión de valoración, elevará unha proposta de resolución á/ao xefa/e territorial da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que resolverá a concesión ou denegación da axuda solicitada ao abeiro desta convocatoria por delegación da secretaria xeral da Igualdade.

2. A/o xefa/e territorial da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, resolverá dentro das dispoñibilidades orzamentarias sen que, en ningún caso, o importe total das axudas poida superar o límite establecido no artigo 2 desta resolución.

3. O prazo para resolver será de catro meses. Transcorrido o dito prazo sen que tivese recaído resolución expresa, entenderase desestimada.

4. A publicidade das subvencións realizarase segundo dispón a normativa vixente. Nos cinco días seguintes á notificación da concesión publicarase na páxina web oficial da Secretaría Xeral da Igualdade a relación de beneficiarias con expresión da entidade beneficiaria, a contía e a finalidade, segundo indica o artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

5. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da indicada lei, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, a entidade beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como as solicitudes desestimadas con expresión dos motivos da desestimación.

6. Na resolución de concesión informarase ás entidades beneficiarias de que a obtención de axuda comunitaria implica a aparición na lista pública de persoas beneficiarias que a autoridade de xestión do programa operativo publicará conforme o previsto no artigo 7.2.d) do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006 (DOUE L/45, do 15 de febreiro de 2007) e de que na devandita lista figuran os datos de identidade ou denominación social, das operacións e da contía de fondos públicos asignada a cada operación.

Artigo 13. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro da presente resolución poñerán fin á vía administrativa e contra estas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o órgano que ditou o acto no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto ou ben recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 14. Modificación da resolución de concesión das axudas

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, tal e como se establece no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Subcontratación

1. Para os efectos previstos nesta convocatoria, a subcontratación poderá chegar ao 100 % das actividades subvencionadas, entendendo por esta a concertación con terceiras persoas da execución total ou parcial da actividade que constitúe o obxecto da subvención.

2. Todo procedemento de contratación deberá respectar os principios de transparencia, publicidade e libre concorrencia.

3. Os/as subcontratistas quedarán obrigados/as soamente ante a entidade beneficiaria, que asumirá a total responsabilidade da execución da actividade fronte á Administración. As entidades beneficiarias das subvencións serán as responsables de que na execución da actividade subvencionada concertada con terceiras persoas se respecten os límites establecidos nesta resolución en canto á natureza e contía dos gastos subvencionables e exixiranlles aos/ás subcontratistas os documentos acreditativos dos pagamentos correspondentes.

4. Os/as subcontratistas están obrigados/as a lles facilitar aos organismos de auditoría e control toda a información necesaria relativa ás accións subcontratadas.

5. En ningún caso poderá concertar a entidade beneficiaria a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con:

a) Persoas ou entidades incursas nalgunha das prohibicións do artigo 10 da Lei 9/2007.

b) Persoas ou entidades que percibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto de contratación.

c) Intermediarios/as ou asesores/as cuxos pagamentos se definan como unha porcentaxe do custo total da operación, agás que o dito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou dos servizos prestados.

d) Persoas ou entidades vinculadas coa entidade beneficiaria, agás que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado e que se obteña a previa autorización do órgano concedente nos termos que se fixen nesta resolución.

e) Persoas ou entidades solicitantes de axuda ou subvención na mesma convocatoria e programa que non obtivesen subvención por non reuniren os requisitos ou non alcanzaren a valoración suficiente.

Artigo 16. Responsabilidade

A organización e materialización das accións obxecto de subvención será responsabilidade exclusiva da entidade beneficiaria. A actuación da Secretaría Xeral da Igualdade quedará limitada ao seu outorgamento e a garantir o cumprimento da normativa en materia de axudas públicas.

Artigo 17. Xustificación

1. Conforme o establecido no artigo 48 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para cobrar as axudas concedidas ao abeiro desta resolución, as entidades beneficiarias deberán presentar, con data límite do 8 de xullo de 2015, nos lugares indicados no artigo 6 desta convocatoria, os orixinais da seguinte documentación:

a) Solicitude de cobramento asinada segundo o modelo do anexo V.

b) Unha relación dos gastos xerados polo desenvolvemento das actuacións e pagados coa data límite do 8 de xullo de 2015, onde conste a natureza e o importe de cada un deles, coa identificación do acredor e do documento, data de emisión e data de pagamento, expedida pola secretaría da entidade co visto e prace da súa presidencia, segundo o modelo que se achega como anexo VI.

c) As facturas orixinais ou documentos de valor probatorio equivalente dos gastos subvencionados. Estes documentos deberán estar emitidos conforme a normativa aplicable e acompañaranse dos xustificantes bancarios de pagamento e, de ser o caso, dos xustificantes de ter aboado as cotas, taxas ou impostos correspondentes. As entidades presentarán os orixinais para seren selados pola unidade tramitadora correspondente. Unha vez completa esta dilixencia e sempre que se solicite expresamente, os ditos orixinais serán devoltos á maior brevidade posible.

Nos xustificantes bancarios que se presenten deberá constar o número da factura ou facturas obxecto de pagamento, a identificación da persoa pagadora e da destinataria do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emite a factura ou ben acreditar a súa relación con esta.

As facturas deberán traer o IVE desagregado.

d) No caso de que se contraten monitoras/es para a realización das actividades, a xustificación deste gasto farase por calquera das seguintes formas: se as actividades as desenvolven empresas externas e/ou profesionais autónomos/as, achegaranse facturas ou recibos de honorarios, onde consten, de forma detallada as actividades desenvolvidas; no caso de que a entidade solicitante contrate directamente o monitor/a das actividades, será necesario achegar as nóminas da persoa ou persoas contratadas, así como acreditar o ingreso en concepto de retención a conta do IRPF e os documentos xustificativos de ingreso dos seguros sociais.

e) Memoria de execución do programa, que deberá recoller como mínimo: descrición das actividades desenvolvidas (datas de realización, duración, contidos e metodoloxía empregada no seu desenvolvemento). Valoración do cumprimento do obxectivo de fomento da igualdade entre os xéneros masculino e feminino, indicación de como se atenderon as necesidades de nenas e nenos con discapacidade, publicidade e divulgación que se realizou así como a seguinte información:

– Número de persoas participantes desagregadas por sexo.

– Número de nenas/os participantes con discapacidade.

– Número de familias beneficiarias, identificando o número de familias monoparentais.

Así como a descrición das actividades ou accións de sensibilización dirixidas a promover a igualdade e a prevención da violencia de xénero.

f) Enquisa de satisfacción ás nais e pais do alumnado que participase nas actividades complementarias e/ou extraescolares (anexo VII).

g) Os tres orzamentos que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado a entidade beneficiaria.

h) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas, como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades (anexo VIII).

i) Copia do material impreso usado para a difusión das actividades subvencionadas, que incorporará, de forma visible, o logotipo do Fondo Social Europeo (FSE), o cal levará debaixo a seguinte inscrición: «O Fondo Social Europeo inviste no teu futuro», e o logotipo da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, de acordo co establecido no artigo 21.1 desta resolución.

j) Un exemplar de todos os materiais elaborados (carteis, folletos, enquisas, material didáctico, fotografías ou outra documentación elaborada ad hoc e que complemente a xustificación da actividade subvencionada).

k) Se é ocaso, certificación dos ingresos xerados por inscricións ou matrículas en cada actuación programada. Cando figuren cantidades non recollidas como ingresos percibidos na memoria presentada xunto coa solicitude serán descontadas da subvención concedida, dado que os ingresos constitúen rendas que reducen a subvención do Fondo Social Europeo segundo o establecido no artigo 9 da Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación de 2007-2013.

2. Cando o importe dalgún xustificante non se impute totalmente á finalidade da subvención concedida indicarase a contía exacta daquel que resulte afectado por esta.

3. Transcorrido o prazo establecido neste artigo sen ter presentada a correspondente xustificación requirirase a entidade para que, no prazo improrrogable de 10 días, a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo anteriormente sinalado comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención.

4. Para os efectos do establecido nestas bases, a condición de elixibilidade do gasto imputable a unha actuación deriva do cumprimento dos seguintes requisitos: que sexa un gasto directo da acción, que sexa axeitado aos obxectivos da medida a que pertence a actuación, que exista constancia documental sobre a súa realización de xeito verificable e que se realice dentro do período establecido no artigo 1 desta convocatoria, que se acredite mediante facturas ou documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa (ex.: nóminas, boletíns de cotización á Seguridade Social) e que sexa efectivamente pagado pola entidade beneficiaria dentro do prazo de xustificación establecido no punto 1 deste artigo, agás que se trate de gastos correspondentes a impostos ou cotas por seguros sociais relativos a gastos directos da acción liquidables con posterioridade a esta data; neste caso, o período de elixibilidade excede do prazo de xustificación e abrangue ata o derradeiro día do mes seguinte ao último trimestre do exercicio da convocatoria. En todo caso, observarase o cumprimento das condicións establecidas na Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2007-2013 e na Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo, e a Orde ESS/1337/2013, do 3 de xullo, que a modifican.

Nas facturas todos os conceptos de gasto deberán estar perfectamente detallados co fin de acreditar a relación directa e adecuación do gasto co proxecto subvencionado.

5. No caso de que a xustificación fose incorrecta e/ou incompleta requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, advertíndolle de que, de non facelo, se procederá, logo de resolución, á revogación da subvención e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á esixencia dos xuros de demora.

6. De acordo co artigo 65.4.f) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, quedan exoneradas de constituír garantía as entidades beneficiarias das subvencións reguladas na presente resolución.

Artigo 18. Pagamento

1. Unha vez xustificada a subvención, o órgano competente, antes de proceder ao seu pagamento, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da conduta e/ou actividade subvencionada.

2. As xefaturas territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de atoparen conforme a documentación xustificativa, proporán o pagamento do importe concedido ou do resultante da minoración determinada conforme o número 4 deste artigo.

3. Antes de proceder ao pagamento da liquidación final, o órgano xestor incorporará ao expediente a acreditación de que as entidades adxudicatarias están ao día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración da Comunidade Autónoma.

4. Nos supostos en que o custo total definitivo do proxecto ou a actividade subvencionada sufra unha minoración respecto do que se tomou en consideración para calcular a subvención, ou cando a cantidade xustificada mediante documentos acreditativos do gasto (facturas, tíckets, etc.) fose inferior á da axuda concedida, efectuarase a correspondente e proporcional diminución no montante da subvención.

5. Cando formen parte da conta xustificativa documentos de gastos que impliquen ingresos a conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación, o importe destes ingresos ou cotas considérase xustificado coa presentación do documento de gasto (factura ou documento equivalente) no cal se reflicta o importe da retención ou cotización devengadas na data de xustificación, quedando as entidades beneficiarias obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario; en todo caso, a dita presentación terá como data límite o 31 de xullo de 2015.

Artigo 19. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta operativa do Tesouro número 2080 0300 87 3110063172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, e que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 20. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

3. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 21. Control

1. A Secretaría Xeral da Igualdade poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das axudas reguladas nesta convocatoria.

2. Sen prexuízo do indicado no punto anterior, a Secretaría Xeral da Igualdade poderá realizar, ben con persoal propio ou ben a través de empresas auditoras, actuacións de comprobación e control para verificar sobre o terreo o cumprimento das condicións para a percepción das axudas. As comprobacións incidirán sobre todos aqueles aspectos que garantan a realización dos compromisos adquiridos e o cumprimento dos requisitos fixados nesta resolución.

3. O persoal encargado da verificación levantará acta da actuación de control, que asinará a entidade á cal se lle entregará unha copia, e presentaralla ao órgano competente da Secretaría Xeral da Igualdade xunto co informe de verificación. A entidade queda obrigada a facilitarlle ao persoal asignado copia da documentación que se lle solicite relativa ao expediente obxecto de control.

4. Ademais do anterior, todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás verificacións do artigo 13 do Regulamento (CE) nº 1828/2006 e ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 22. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación é autorizado polas persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral da Igualdade. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante Secretaría Xeral da Igualdade, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Secretaría Xeral da Igualdade, Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a: igualdade@xunta.es

Artigo 23. Publicidade e información

1. As entidades beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do programa, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En concreto, deberán facer constar, na súa publicidade ou na información que xeren en relación co programa subvencionado, o financiamento dos seus activos con fondos da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral da Igualdade e do Fondo Social Europeo. Para isto, no lugar onde se realicen as actuacións, deberá figurar, de forma visible, un cartel informativo en que aparezan os anagramas da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia e do Fondo Social Europeo, en aplicación do disposto na normativa aplicable. Na páxina web oficial da Secretaría Xeral da Igualdade informarase das características do dito cartel e dos logos e lendas de obrigada inclusión.

Cando o proxecto teña publicidade nun sitio da internet, deberán figurar na súa páxina de inicio e en lugar visible as citadas referencias; cando se materialice nunha aplicación informática, deberán facerse as citadas referencias na zona de inicio ou menú principal da aplicación informática, así como na epígrafe de información da aplicación (axuda, acerca de ou similares).

Toda a documentación a que dea lugar o programa (cadernos, enquisas, folletos, notas informativas, CD-Rom) deberá conter as citadas referencias, que se colocará na contraportada no caso das publicacións.

2. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, as xefaturas territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publicarán no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, entidade beneficiaria do programa e crédito orzamentario, contía e finalidade da axuda, en aplicación do disposto no artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión. Igualmente, nos cinco días seguintes á notificación da concesión publicarase na páxina web oficial da Secretaría Xeral da Igualdade a relación de beneficiarias con expresión da entidade beneficiaria, a contía e a finalidade, segundo indica o artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

Artigo 24. Remisión normativa

Para todo o non previsto nesta resolución observarase o disposto no Regulamento (CE) nº 1081/2006, do 5 de xullo, relativo ao Fondo Social Europeo; no Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión; no Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, que fixa normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; no disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento; na Orde do 21 de decembro de 2009, da Consellería de Facenda, pola cal regulan as normas para a execución, seguimento e control dos programas operativos Feder de Galicia 2007-2013 e FSE de Galicia 2007-2013; na Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2007-2013, e na Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo, a Orde ESS/1337/2013, do 3 de xullo, que a modifican e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Artigo 25. Información ás persoas interesadas

Sobre o procedemento administrativo asociado a esta resolución, que ten o código SI449A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional nas unidades de igualdade das xefaturas territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es/guia-de-procedementos, ou da Secretaría Xeral da Igualdade: http://www.igualdade.xunta.es

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición adicional

Apróbase a delegación de atribucións nos/as xefes/as territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nos ámbitos competenciais respectivos, para resolver a concesión, denegación, modificación das subvencións previstas nesta resolución, así como para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta dos pagamentos, e as relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira

A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2014

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file