Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Xoves, 15 de xaneiro de 2015 Páx. 2101

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 30 de decembro de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria das axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios e forestais cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) para o exercicio orzamentario de 2015.

As industrias agrarias e forestais teñen un carácter estratéxico en Galicia por seren elementos fundamentais para o desenvolvemento do sector agrario e, por extensión, para a promoción das zonas rurais de Galicia. As instalacións de transformación e comercialización de produtos agrarios e forestais son necesarias para dar acceso aos mercados ás producións das explotacións agrarias e forestais, fomentando, ademais, a creación e mantemento de postos de traballo, e beneficiando o tecido económico das zonas rurais.

Por todo iso, considérase de grande interese establecer medidas de apoio ao seu desenvolvemento. Nese sentido, a Consellería do Medio Rural e do Mar dispón dun Programa de desenvolvemento rural (PDR) para o período 2007-2013, cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), regulado polo Regulamento(CE) 1698/2005 e disposicións complementarias. No PDR 2007-2013 figuran na medida 123 as axudas ao aumento do valor engadido dos produtos agrícolas e forestais, e na medida 312 as axudas aos investimentos de microempresas que contribúan ao desenvolvemento rural, entre as cales figuran as serras de madeira.

A Consellería publicou a finais de 2013 a Orde do 19 de decembro na cal figuraban as bases reguladoras destas axudas así como a convocatoria do ano 2014. Os cambios normativos e orzamentarios producidos, así como a experiencia adquirida na xestión destas axudas fan conveniente introducir algunhas modificacións que afectan os requisitos dos beneficiarios e dos investimentos para seren subvencionables. En particular, a normativa das bases debe adaptarse á nova normativa europea sobre axudas de minimis, establecida mediante o Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013 (DO L 352, do 24 de decembro) referente á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado ás axudas de minimis, así como ás novas Directrices comunitarias sobre as axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crise (2014/C 249/01). Así mesmo, a publicación da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, require que se modifiquen as bases existentes.

Por outra parte, o Regulamento(CE) 1698/2005 establece como data límite para realizar pagamentos cofinanciados polo Feader neste período o 31 de decembro de 2015, e as limitacións establecidas para a adquisición de novos compromisos xurídicos sinaladas no Regulamento de execución (UE) 335/2013 da Comisión que modifica o Regulamento (CE) 1974/2006 polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) 1698/2005, non afectan as medidas amparadas por esta orde.

Por todo isto, considérase aconsellable volver publicar na súa integridade as bases reguladoras das axudas e a convocatoria correspondente ao ano 2015, que é a derradeira deste período de programación.

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e demais normativa de aplicación,

Dispoño:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras da convocatoria de subvencións da Consellería do Medio Rural e do Mar para os investimentos en mellora das condicións de transformación e comercialización dos produtos agrarios e forestais cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) correspondentes ao exercicio orzamentario de 2015.

A concesión destas axudas efectuarase mediante concorrencia competitiva.

Artigo 2. Beneficiarios

1. Poderán acollerse a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas, e as súas agrupacións, que teñan unha actividade económica, sexan titulares das instalacións obxecto de axuda, e sobre as cales recaia a carga financeira dos investimentos e gastos que se consideren subvencionables. As corporacións locais non poderán ser beneficiarias destas axudas.

2. Os beneficiarios das axudas clasificaranse segundo as seguintes categorías de empresas:

– Microempresa, pequena empresa ou mediana empresa (pemes), tal como se definen na Recomendación 2003/361/CE da Comisión (DO L 124, do 20.5.2003).

– Empresas intermedias, sendo estas as empresas non pemes que teñan menos de 750 empregados ou un volume de negocios inferior a 200 millóns de euros.

3. As empresas beneficiarias deberán estar incluídas nalgún dos grupos sinalados a continuación, establecidos en función da actividade das empresas, e da normativa comunitaria aplicable.

A. Empresas con investimentos en transformación e comercialización de produtos incluídos no anexo I do Tratado:

A.1) Microempresas, pequenas e medianas empresas e empresas intermedias nas cales o produto final do proceso de transformación e/ou comercialización derivado dos investimentos estea incluído no anexo I do Tratado. Neste caso, a normativa comunitaria de aplicación será exclusivamente a que regula o Feader.

A.2) Microempresas, pequenas e medianas empresas e empresas intermedias nas cales o produto final do proceso de transformación e/ou comercialización derivado dos investimentos non estea incluído no anexo I do Tratado. Neste caso, a normativa comunitaria de aplicación será a que regula o Feader e a establecida pola Unión Europea para as axudas de estado, e en particular o Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013 (DO L 352, do 24 de decembro) referente á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado ás axudas de minimis.

B. Empresas con investimentos relativos á serradura de madeira:

– Microempresas: neste caso a normativa comunitaria de aplicación será a que regula o Feader e a establecida pola Unión Europea para as axudas de estado e en particular o Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013 (DO L 352, do 24 de decembro) referente á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado ás axudas de minimis.

Artigo 3. Investimentos subvencionables

1. Considéranse subvencionables, con carácter xeral, os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e/ou comercialización de produtos agrarios, considerando como tales os produtos enumerados no anexo I do Tratado constitutivo da Comunidade Europea excepto os produtos da pesca. Os produtos resultantes dos procesos de transformación e/ou comercialización poderán ser produtos agrarios (incluídos no anexo I do Tratado) ou non agrarios (non incluídos no anexo I do Tratado).

Non obstante, non serán subvencionables os investimentos relativos aos produtos descritos na parte II do anexo VII do Regulamento UE nº 1308/2013 do Parlamento e do Consello, do 17 de decembro de 2013, referente aos produtos amparados polos programas de apoio no sector vitivinícola, xa que poden ser subvencionados a través deses programas específicos.

2. Consideraranse tamén subvencionables os investimentos desenvolvidos en Galicia en activos fixos destinados á serradura de madeira.

3. Serán subvencionables os seguintes tipos de gastos:

a) Construción, adquisición e mellora de bens inmobles, incluída a compra de terreos. En todo caso, a adquisición de terreos será subvencionable ata o límite do 10 % do total dos gastos subvencionables.

b) Compra de maquinaria e equipamentos novos, incluídos os programas informáticos e os soportes lóxicos.

c) Os gastos vinculados aos puntos anteriores en honorarios de proxecto e dirección de obra, estudos de viabilidade e adquisición de patentes e licenzas relacionadas co proceso produtivo.

4. Non serán porén obxecto de axuda os investimentos relativos aos conceptos e actividades sinalados no anexo I desta orde.

Artigo 4. Contía das axudas

1. As axudas teñen a natureza de subvencións de capital e poderán acadar as porcentaxes máximas de axuda do investimento subvencionable indicadas no punto seguinte, establecidas segundo a tipoloxía da empresa solicitante e as características dos produtos procesados.

2. As porcentaxes máximas de axuda serán as seguintes:

A. Empresas con investimentos en transformación e comercialización de produtos incluídos no anexo I do Tratado:

Tipo de empresa

Microempresas, pequenas e medianas empresas

Empresas intermedias

Porcentaxe máxima de axuda

50 %

25 %

B. Empresas con investimentos relativos á serradura de madeira:

Tipo de empresa

Microempresas

Porcentaxe máxima de axuda

50 %

3. En todo caso, cando os produtos finais dos procesos de transformación e/ou comercialización derivados dos investimentos para os cales se solicita axuda non estean incluídos no anexo I do Tratado, así como no caso de empresas con investimentos relativos á serradura de madeira, as axudas que se van conceder estarán amparadas polo Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013 (DO L 352, do 24 de decembro), referente á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado ás axudas de minimis, e conforme iso o importe máximo das axudas que se concederán a unha única empresa non poderá superar o importe de 200.000 €.

Artigo 5. Requisitos adicionais

Para a concesión e/ou pagamento das axudas, os investimentos e solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos adicionais:

1. Os investimentos deben mellorar o rendemento global da empresa solicitante. Para eses efectos, deben ter algún dos obxectivos seguintes:

– Aumentar a competitividade da empresa.

– Reducir os custos.

– Aumentar o valor engadido.

– Reducir o impacto ambiental.

– Mellorar a rastrexabilidade e seguridade das producións.

– Diversificar as producións e/ou os mercados.

– Mellorar a calidade das producións.

– Implantar novos produtos, procesos ou tecnoloxías.

– Mellorar a comercialización das producións.

Para acreditar isto, na memoria que se xunte á solicitude de axuda xustificarase expresamente e de forma razoada en que medida os investimentos contribúen a acadar algún dos obxectivos sinalados.

2. Os investimentos deben cumprir a normativa comunitaria aplicable en materia de ambiente e, de ser o caso, sanidade e benestar animal.

Conforme iso:

– Non se concederán axudas a solicitantes que presenten proxectos relativos a instalacións xa existentes que non realizasen a comunicación previa establecida no artigo 24 da Lei 9/2013 presentando toda a documentación requirida, ou ben, no caso de instalacións anteriores á entrada en vigor da devandita lei, que non acrediten dispoñer de licenza de actividade para estas.

Ademais, no caso de novas industrias así como en investimentos que precisen polas súas características dispoñer ou actualizar unha autorización, avaliación ou declaración ambiental legalmente establecida, deberán acreditar a súa dispoñibilidade e, de ser o caso, o cumprimento das condicións que esta estableza relativas aos investimentos afectados. O prazo máximo para a presentación desta acreditación será o establecido nesta orde para tramitación do pagamento. No caso de non cumprirse este requisito non se pagará ningunha axuda ao beneficiario.

– Non se concederán axudas a solicitantes que presenten proxectos relativos a instalacións xa existentes que non acrediten dispoñer de rexistro sanitario, ou que non cumpran, de ser o caso, a normativa de benestar animal, ou a relativa á elaboración de produtos para alimentación animal.

– Non se pagarán axudas a beneficiarios que non acrediten tras a execución dos investimentos, dispoñer de rexistro sanitario actualizado ou vixente, así como, se é o caso, cumprir a normativa de benestar animal ou a relativa á elaboración de produtos para alimentación animal. Esta acreditación non será exixida no caso de que os investimentos previstos, dadas as súas características, non supoñan unha alteración das actividades da empresa que afecten o rexistro sanitario vixente, ou alteren as condicións relativas ao benestar animal ou á elaboración de produtos para alimentación animal.

A resolución de concesión indicará, se é o caso, expresamente as acreditacións referidas que será necesario presentar para o pagamento da axuda.

3. Cando o solicitante estea sometido á normativa de contratación pública conforme o disposto no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, deberá acreditar o seu cumprimento na execución dos investimentos subvencionados con anterioridade ao pagamento da axuda.

4. Non se concederán axudas a empresas en crise, de acordo coa definición e condicións establecidas nas Directrices comunitarias sobre as axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crise (2014/C 249/01). Conforme estas considerarase que unha empresa está en crise se concorre polo menos unha das seguintes circunstancias:

a) Tratándose dunha sociedade de responsabilidade limitada, cando desaparecese máis da metade do seu capital social subscrito como consecuencia das perdas acumuladas, circunstancia que sucede cando a dedución das perdas acumuladas das reservas (e de todos os demais elementos que se adoitan considerar fondos propios da sociedade) conduce a un importe acumulativo negativo superior á metade do capital social subscrito;

b) Tratándose dunha sociedade na cal polo menos algúns socios teñen unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da sociedade, cando desaparecese polas perdas acumuladas máis da metade dos seus fondos propios que figuran na súa contabilidade;

c) Cando a empresa estea inmersa nun procedemento de quebra ou insolvencia ou reúna os criterios establecidos legalmente para ser sometida a un procedemento de quebra ou insolvencia por pedimento dos seus acredores;

d) Tratándose dunha empresa que non sexa unha peme, cando durante os dous anos anteriores:

1. A ratio: débeda/capital da empresa sexa superior a 7,5, e

2. A ratio de cobertura de xuros da empresa, calculado sobre a base do EBITDA, sexa inferior a 1,0.

As pemes con menos de tres anos de antigüidade non se considerarán empresa en crise salvo que cumpran a condición establecida na alínea c) do parágrafo anterior.

En todo caso, para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas presentarán coa solicitude de axuda unha declaración de non atoparse en situación de crise conforme a normativa comunitaria, así como, no caso de sociedades, fotocopia dos balances e contas de explotación dos tres últimos anos.

Tampouco poderán ser beneficiarias das axudas as empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión previa da Comisión Europea que as declare ilegais e incompatibles co mercado común.

5. Non se concederán axudas a investimentos iniciados con anterioridade á presentación dunha solicitude de axuda. Para estes efectos, considerarase como inicio do investimento o comezo dos traballos de construción ou o primeiro compromiso que obriga legalmente á realización dos investimentos.

6. Para a concesión das axudas teranse en conta as restricións de produción e as limitacións de apoio comunitario que existan de acordo coas organizacións comúns de mercado da Unión Europea. Non se concederán axudas que contraveñan prohibicións ou restricións establecidas nestas.

7. Os investimentos obxecto da axuda deberán ser executados, pagados e xustificados na súa totalidade con data límite do 10 de outubro de 2015. Este prazo máximo é improrrogable.

8. A actividade ou actividades obxecto de axuda, así como os conceptos subvencionados, deberanse manter durante un período non inferior a cinco anos contados a partir do momento en que os investimentos estean finalizados (executados e pagados na súa totalidade).

9. Non se concederán axudas a investimentos en construción de novas superficies cubertas ou ampliación das existentes, nin aos seus investimentos relacionados, se non se acredita coa solicitude e nos prazos establecidos a dispoñibilidade do terreo e da licenza de obras correspondente que lle permita iniciar as obras.

10. Non se concederán axudas a solicitantes nos cales concorran algunha das circunstancias que dean lugar á prohibición para obter a condición de beneficiario sinaladas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e, en particular aos solicitantes condenados mediante sentenza firme ou sancionados mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións públicas.

11. No caso de empresas lácteas que adquiran leite a terceiros, deberán acreditar que dispoñen dos contratos escritos establecidos nos artigos 10, 11 e 12 do Real decreto 1363/2012, do 28 de setembro, polo que se regula o recoñecemento das organizacións de produtores de leite e das organizacións interprofesionais no sector lácteo e se establecen as súas condiciones de contratación. Esta acreditación deberá facerse cando se solicite a axuda.

12. Débese respectar a moderación de custos tal como establece o artigo 24.2.d) do Regulamento (UE) nº 65/2011, da Comisión, do 27 de xaneiro de 2011, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.

Nese sentido, para todos os gastos incluídos na solicitude de axuda deberase solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, circunstancia que deberá ser xustificada espresamente. As ofertas solicitadas para cada gasto non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público. Non se considerarán subvencionables os gastos incluídos na solicitude de axuda en que non se acredite o cumprimento destes requisitos.

A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía e debe xustificarse expresamente nunha memoria a elección, baseada nos criterios sinalados, cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. No caso de non ser así, considerarase como importe máximo subvencionable para ese concepto o correspondente á proposta económica máis vantaxosa.

Artigo 6. Solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. As solicitudes de axuda presentaranse no modelo que figura como anexo A1, xunto coa documentación adicional seguinte:

– Memoria: anexo A2 debidamente cuberto.

– Estudo técnico: seguindo o modelo do anexo A3.

– Estudo económico: seguindo o modelo do anexo A4.

– Relación de ofertas solicitadas e elixidas: anexo A6 debidamente cuberto.

– Documentación adicional:

a) Documentos acreditativos da personalidade do solicitante. Para iso, no caso de persoas xurídicas deberase presentar unha copia das escrituras ou documento de constitución onde se recollan os estatutos ou regras fundacionais e debidamente inscritos no rexistro público que corresponda segundo o tipo de personalidade xurídica de que se trate. Así mesmo, deberanse presentar as modificacións posteriores dos documentos indicados, así como a fotocopia do NIF. No caso de persoas físicas esta acreditación realizarase mediante a fotocopia do DNI, aínda que só será necesario presentalo se o beneficiario non outorga expresamente a autorización á consellería, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 7 de xullo de 2009, que o desenvolve, para a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

b) No caso de empresas xa existentes, balance e contas de resultados dos tres últimos anos se son sociedades, e no caso de persoas físicas declaración da renda dos últimos tres anos. Se a empresa ten ou forma parte dun grupo empresarial, debe presentarse tamén o balance e contas consolidadas do último ano do grupo.

c) No caso de investimentos que inclúan a construción de novas superficies cubertas: xustificación documental da dispoñibilidade do terreo e licenza de obras.

d) No caso de industrias xa existentes, rexistro sanitario e licenza de actividade do concello ou acreditación da presentación da comunicación previa establecida no artigo 24 da Lei 9/2013 do emprendemento e da competitividade económica de Galicia con toda a documentación requirida. No caso de matadoiros, mercados, e outras actividades relacionadas co manexo de gando vivo, deberase acreditar que se cumpren as normas mínimas relativas ao benestar animal, mediante informe ou certificado actualizado expedido por autoridade competente. No caso de industrias de alimentación animal deberase acreditar que se cumpre a normativa específica sobre elaboración dese tipo de produtos, mediante informe ou certificado actualizado expedido por autoridade competente.

e) Declaración do beneficiario sobre outras axudas concedidas e/ou solicitadas para os mesmos investimentos, conforme o modelo establecido no anexo A5, e achegando no caso de concesión, fotocopia da resolución correspondente.

f) No caso de solicitudes de axuda nas cales os produtos finais dos procesos de transformación e/ou comercialización derivados dos investimentos non estean incluídos no anexo I do Tratado, así como no caso de empresas con investimentos relativos á serradura de madeira, deberá presentarse unha declaración de axudas específica relativa as axudas recibidas (concedidas e/ou cobradas) nos tres últimos exercicios fiscais (2013, 2014 e 2015) ao abeiro do Regulamento (CE) 1998/2006 da Comisión, e do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, referente á aplicación dos artigos do Tratado 87 e 88, e 107 e 108 respectivamente, ás axudas de minimis, conforme o modelo establecido no anexo A7.

g) Todas as ofertas solicitadas relativas aos investimentos que se van realizar e incluídas no anexo A6 desta orde.

h) No caso de empresas lácteas que adquiran leite a terceiros, acreditación de que dispoñen dos contratos escritos establecidos nos artigos 10, 11 e 12 do Real decreto 1363/2012, do 28 de setembro, polo que se regula o recoñecemento das organizacións de produtores de leite e das organizacións interprofesionais no sector lácteo e se establecen as súas condicións de contratación.

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria será dun mes contado a partir do día seguinte ao de publicación desta orde. Non obstante, no caso de que o investimento inclúa a construción de novas superficies cubertas ou ampliación das existentes, o solicitante terá un prazo adicional de dous meses para presentar a preceptiva licenza de obras.

4. Se o solicitante non presenta a documentación requirida no prazo máximo establecido ou se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, requirirase o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días. De non facelo así, terase por desistido da súa solicitude, logo da resolución ditada nos termos previstos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. Non obstante o disposto nos puntos anteriores deste artigo, dada a natureza deste procedemento como de concorrencia competitiva, non será susceptible de emenda a presentación fóra do prazo indicado na convocatoria da seguinte documentación, considerada como mínimo imprescindible para a tramitación da solicitude de axuda:

– Anexo A1 de solicitude da axuda.

– Anexo A2 de memoria cuberto adecuadamente, e que inclúa en particular a relación pormenorizada dos investimentos previstos co seu importe sinalados no seu apartado 12.

Non serán admitidas aquelas solicitudes nas cales se aprecie a ausencia desta información. Nestes casos emitirase resolución de inadmisión. Así mesmo, non se admitirá con posterioridade ningunha modificación dos investimentos para os cales se solicita axuda que supoña o aumento do seu importe ou a inclusión de novos elementos ou gastos.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único do rexistro.

7. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Criterios de prioridade

Para a selección dos proxectos que se aprobarán, e para establecer a axuda que se vai conceder, utilizaranse os seguintes criterios de valoración:

A) Criterios positivos:

Epígrafe I: asignaranse 20 puntos aos proxectos que sexan dalgún dos seguintes tipos:

– Proxectos de cooperativas agrarias galegas ou de empresas participadas maioritariamente (máis do 50 %) por estas.

– Proxectos desenvolvidos por produtores agrarios galegos ou entidades participadas por estes que, facturando menos de 150.000 €/ano, procesen ou comercialicen materias primas agrarias que procedan maioritariamente (máis do 50 %) das súas explotacións.

– Proxectos de industrias que teñan contratos de compravenda homologados pola Consellería con produtores agrarios galegos da maioría (máis do 50 %) das materias primas que procesan.

– Proxectos con investimentos destinados exclusivamente á elaboración de produtos da agricultura ecolóxica, ou que sen ser de uso exclusivo os realicen industrias nas cales polo menos o 25 % da súa facturación, ou o 10 % no caso de matadoiros, corresponda a produtos da agricultura ecolóxica. En todo caso as materias primas agrarias procesadas deben proceder maioritariamente (máis do 50 %) de explotacións agrarias galegas.

– Proxectos de investimentos en industrias de elaboración de produtos derivados da pataca localizadas en zonas de produción das cales proceda a maioría (máis do 50 %) da materia prima procesada.

– Proxectos de transformación de produtos agrarios localizados en concellos de zonas de montaña tal como se definen no Regulamento(CE) 1257/99, e nos cales as materias primas agrarias procesadas procedan maioritariamente (máis do 50 %) de explotacións agrarias galegas.

– Proxectos de serradura de madeira que teñan certificación forestal (cadea de custodia).

Ademais, no caso de proxectos de empresas que, independentemente de utilizar materias primas agrarias propias, adquiran materias primas a terceiros para as cales a Consellería homologou contratos-tipo de compravenda, débese cumprir o requisito adicional de que máis do 50 % dos produtos adquiridos deben estar amparados por este tipo de contratos.

Epígrafe II: asignaranse 14 puntos aos proxectos de procesado de produtos procedentes maioritariamente (máis do 50 %) de explotacións agrarias e forestais localizadas en Galicia, que non estean incluídos na epígrafe I, e que sexan dalgún dos seguintes tipos:

– Proxectos incluídos nalgún dos tipos sinalados para a epígrafe I, pero que non cumpran o requisito adicional exixido relativo aos contratos-tipo homologados.

– Proxectos localizados en concellos de zonas desfavorecidas tal como se definen no Regulamento (CE) 1257/99.

– Proxectos desenvolvidos por produtores agrarios galegos ou entidades participadas por estes, nos cales as materias primas agrarias procesadas ou comercializadas procedan maioritariamente (máis do 50 %) das súas explotacións, e non estean incluídos na epígrafe I.

– Proxectos de industrias que teñan contratos escritos con produtores agrarios ou forestais galegos da maioría (máis do 50 %) das materias primas que procesan e non estean incluídos na epígrafe I. Os proxectos de industrias que non adquiran materias primas agrarias directamente a produtores, serán tamén incluídos neste punto se acreditan expresamente que os seus subministradores teñen contratos escritos con produtores agrarios galegos da maioría (máis do 50 %) das materias primas que procesan.

Epígrafe III: asignaranse 12 puntos aos proxectos non incluídos nos dous puntos anteriores de industrias que procesen produtos procedentes maioritariamente (máis do 50 %) de explotacións agrarias ou forestais galegas así como os relativos a industrias de alimentación animal.

Epígrafe IV: aos proxectos de investimento non incluídos nos tres puntos anteriores asignaranse 8 puntos cando estean localizados nas provincias de Lugo ou Ourense e 6 puntos se están localizados na Coruña e Pontevedra.

Epígrafe V: asignarase 1 punto aos proxectos de cooperativas agrarias galegas ou de empresas participadas maioritariamente (máis do 50 %) por estas.

B) Criterios negativos:

Epígrafe VI: asignaranse 4 puntos negativos aos proxectos que sexan dalgún dos seguintes tipos:

– Proxectos relativos a refrixeración e/ou termizado de leite de industrias non transformadoras.

– Proxectos de instalacións dedicadas maioritariamente ao despezamento e/ou comercialización de carne que non estean relacionadas accionarialmente con matadoiros ou outras industrias cárnicas.

Epígrafe VII : grao de execución financeira dos proxectos subvencionados anteriormente ao solicitante ao abeiro da medidas 123 e 312.30 do PDR de Galicia 2007-2013:

– Asignaranse 6 puntos negativos aos solicitantes con algunha axuda concedida anteriormente na que houbo un incumprimento total que causase a perda do dereito ao cobramento da totalidade da axuda concedida.

– Asignaranse 3 puntos negativos aos solicitantes non incluídos no caso anterior que renunciaron en máis dunha ocasión á axuda concedida.

Para os efectos de aplicación destes criterios consideraranse como «cooperativas agrarias galegas» as cooperativas agrarias formadas por produtores agrarios galegos, e consideraranse como «produtores agrarios galegos» os produtores con explotacións agrarias localizadas en Galicia.

Estes criterios aplicaranse de forma independente para os grupos de beneficiarios indicados a continuación xa que as partidas orzamentarias que financian as axudas de cada grupo son independentes:

1. Microempresas forestais

2. Resto de casos

Artigo 8. Promoción do uso do galego

Para promover a utilización do galego na redacción dos proxectos e/ou estudos de viabilidade, os importes máximos admisibles como subvencionables para estes conceptos (alínea C do anexo I) incrementaranse en 1.000 € en total neses casos. Para acollerse a isto, o solicitante deberá indicar expresamente na súa solicitude que o proxecto e/ou estudos de viabilidade estarán redactados en galego.

Artigo 9. Tramitación das solicitudes

1. O órgano responsable da instrución dos expedientes destas axudas será a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria. A resolución dos expedientes corresponderalle á conselleira do Medio Rural e do Mar por proposta do órgano instrutor do procedemento, logo da avaliación das solicitudes por un órgano colexiado, que estará presidido polo subdirector de Industrias e Calidade Agroalimentaria, e integrado por dous funcionarios desta mesma subdirección xeral con categoría non inferior á de xefe de sección.

2. As solicitudes serán resoltas nun prazo máximo de seis meses contados desde o día seguinte á finalización do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o prazo máximo para resolver sen que o interesado reciba comunicación expresa, poderase entender desestimada a súa petición por silencio administrativo.

3. A Dirección Xeral de Produción Agropecuaria poderá solicitar calquera aclaración ou documento que considere necesario para a correcta tramitación do expediente.

4. Non se concederán nin pagarán subvencións a solicitantes ou beneficiarios que non estean ao día nas obrigas tributarias (Ministerio de Economía e Facenda) e fronte á Seguridade Social, ou que teñan débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma (Consellería de Facenda).

Para eses efectos, a presentación da solicitude de axuda comporta a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións acreditativas correspondentes da Axencia Estatal da Administración Tributaria, Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento e nese caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

Artigo 10. Resolución de concesión

1. A resolución de concesión indicará os investimentos considerados como subvencionables, así como as condicións xerais e particulares que se deben cumprir para poder percibir a axuda concedida.

2. A resolución indicará tamén a data máxima para xustificar o investimento, incluído a súa facturación e pagamento efectivo así como a presentación da documentación necesaria para tramitar o cobramento da subvención correspondente. Esta data será cando menos posterior en dez días á data prevista no calendario presentado, sen que se supere a data do 10 de outubro de 2015.

3. A resolución poderá incluír a obriga de executar investimentos indicados na solicitude presentada que, aínda que non sexan considerados subvencionables, sexan necesarios para o correcto desenvolvemento do proxecto aprobado.

Artigo 11. Pagamento das axudas

1. As solicitudes de pagamento presentaranse prioritariamente nos rexistros das xefaturas territoriais correspondentes da Consellería do Medio Rural e do Mar, xunto coa seguinte documentación:

a) Relación de xustificantes, seguindo o modelo incluído como anexo B.1, xunto cos xustificantes dos investimentos efectuados, que consistirán de forma xeral nas facturas orixinais sobre as cales se realizará a toma de razón, e das cales se entregará unha fotocopia. As facturas deberán estar acompañadas dos xustificantes do seu pagamento efectivo que deberá realizarse a través de entidades financeiras. O pagamento efectivo acreditarase presentando a copia do documento de pagamento (cheque, orde de transferencia, letra de cambio, etc..) xunto co orixinal do estrato ou de certificado bancario que xustifique inequivocamente o seu cargo na conta bancaria do beneficiario. Non se admitirá como xustificante do pagamento a simple certificación da empresa facturante de ter cobrado o seu importe, salvo de forma excepcional no caso de gastos inferiores a 1.000 euros.

b) Declaración do beneficiario relativa ao financiamento dos gastos efectuados segundo o modelo B2. No caso de financiamento mediante créditos ou préstamos deberá presentarse ademais fotocopia da escritura de formalización destes.

c) Relación das diferenzas existentes entre os traballos previstos e os realizados, seguindo o modelo do anexo B3. Ademais, no caso de modificacións que afecten os conceptos e elementos subvencionados, deberá presentarse o anexo A6, no cal se indicará para cada elemento novo as ofertas solicitadas, a oferta elixida, o criterio de elección e a xustificación, se é o caso, da elección da oferta económica distinta da máis vantaxosa. A aceptación destas modificacións estará suxeita ao cumprimento deste requisito, así como ao establecido nos artigos 12 e 13.

d) Análise das diferenzas cuantitativas entre os investimentos previstos e os efectuados, seguindo o modelo incluído como anexo B4.

e) Declaración do beneficiario sobre outras axudas concedidas e/ou solicitadas para os mesmos investimentos, conforme o modelo establecido no anexo A5, e achegando no caso de concesión, fotocopia da resolución correspondente.

f) No caso de adquisición de terreos e edificacións, deberase presentar, ademais, un certificado dun taxador independente debidamente acreditado ou un órgano ou organismo público debidamente autorizado, no cal se acredite que o prezo de compra non excede o valor de mercado.

g) No caso de beneficiarios nos cales os produtos finais dos procesos de transformación e/ou comercialización derivados dos investimentos subvencionados non están incluídos no anexo I do Tratado, así como no caso de empresas con investimentos relativos á serradura de madeira, deberá presentarse unha declaración de axudas específica relativa as axudas recibidas (concedidas e/ou cobradas) nos tres últimos exercicios fiscais (2013, 2014 e 2015) ao abeiro do Regulamento (CE) 1998/2006 da Comisión e do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, referentes á aplicación dos artigos do Tratado 87 e 88, e 107 e 108 respectivamente, ás axudas de minimis, conforme o modelo establecido no anexo A7.

h) Calquera outra que se indique expresamente na resolución de concesión.

2. A Consellería comprobará que a solicitude de pagamento cumpre os requisitos para aboar a subvención concedida. A comprobación incluirá como mínimo unha inspección in situ dos investimentos realizados para cada expediente de axuda.

3. As propostas de pagamento das axudas por parte do órgano xestor acomodaranse ás dispoñibilidades económicas existentes en cada momento, derivadas das transferencias de fondos do Feader e do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente que se reciban.

4. En aplicación do establecido no artigo 30 do Regulamento (UE) 65/2011 do 27 de xaneiro de 2011, a solicitude de pagamento presentada polo beneficiario será examinada para determinar o importe subvencionable, establecéndose o seguinte:

a) O importe que pode concederse ao beneficiario en función exclusivamente da solicitude de pagamento.

b) O importe que pode concederse ao beneficiario tras o estudo da admisibilidade da solicitude de pagamento.

Se o importe establecido en virtude da letra a) supera o importe establecido en virtude da letra b) en máis dun 3 %, aplicarase unha redución ao importe establecido en virtude da letra b). O importe da redución será igual á diferenza entre os dous importes citados.

Este criterio aplicarase a todas as axudas concedidas independentemente da fonte de financiamento.

5. No suposto de falta de xustificación ou de concorrencia dalgunha das causas previstas nos artigos 13 e 14 desta orde o beneficiario perderá o dereito ao cobramento total ou parcial da subvención.

Artigo 12. Modificación de proxectos

1. Calquera modificación dos investimentos aprobados que supoña un cambio de beneficiario, obxectivos, prazos ou variación do orzamento, así como de calquera condición específica indicada na resolución, deberá solicitarse á Consellería antes da finalización do prazo de xustificación establecido na resolución de concesión.

2. Non se admitirán gastos nin modificacións que supoñan cambio de localización dos investimentos aprobados.

3. Non se admitirán ampliacións do prazo de execución e xustificación establecido que superen a data do 10 de outubro de 2015. Non obstante, no caso de proxectos que, finalizado o prazo máximo permitido para a súa execución e xustificación, teñan executados e pagados os investimentos pero carezan dalgún documento exixido para acreditar o cumprimento de requisitos adicionais, poderá concedérselle unha prórroga adicional para presentar a referida documentación nas condicións establecidas no Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, e sen que en ningún caso supere a data do 10 de novembro de 2015.

4. Modificacións do importe dos investimentos subvencionables.

4.1. Non se admitirán modificacións que supoñan unha execución total inferior ao 60 % do importe do investimento subvencionable aprobado na resolución de concesión.

4.2. Non se admitirán modificacións que supoñan incrementos do custo unitario dos conceptos e elementos subvencionados.

4.3. Non se admitirán modificacións que supoñan incrementos do importe do investimento subvencionable correspondente aos conceptos de urbanización e obra civil.

5. Modificacións das características dos conceptos subvencionados.

5.1. Non se admitirán gastos ni modificacións que impliquen que non se executan como mínimo conceptos e elementos subvencionados coincidentes cos incluídos na resolución de concesión que representen en conxunto como mínimo o 60 % do importe do investimento total subvencionable.

5.2. Non se admitirán gastos nin modificacións relativos á substitución de conceptos ou elementos subvencionados por outros diferentes se estes non cumpren os requisitos establecidos nesta orde, e en particular o establecido no número 12 do artigo 5 referente á solicitude previa de tres ofertas.

6. Modificación de beneficiario.

Non se admitirán modificacións que supoñan cambio de beneficiario, salvo que o novo sexa resultante dun proceso de fusión, un cambio de denominación da empresa ou transformación do tipo de sociedade.

7. Modificacións por causas excepcionais.

Independentemente do citado nos puntos deste artigo, a Consellería poderá excepcionalmente aprobar modificacións da resolución de concesión que non se axusten ás condicións indicadas nos puntos anteriores, no caso de que a execución do proxecto se vexa afectada notoriamente por causas externas á empresa imprevisibles e inevitables de orixe natural, como terremotos, furacáns ou inundacións, así como por incendios. Incluirase dentro desta excepción o suposto de falecemento ou enfermidade grave do empresario cando este sexa o beneficiario a título individual.

Artigo 13. Incumprimentos

1. Se o beneficiario da axuda cumpre as condicións establecidas na resolución de concesión, executando e xustificando todos os conceptos e elementos dos investimentos aprobados nos prazos establecidos, e cumprindo co resto dos requisitos da resolución de concesión, procederá a aboarse a totalidade da subvención concedida.

2. Se o beneficiario xustifica conceptos e elementos subvencionables aprobados incluídos na resolución de concesión que representen como mínimo o 80 % do importe do investimento subvencionable, percibirá a subvención proporcional correspondente ao investimento xustificado admisible sempre que cumpran o resto das condicións da concesión e se manteñan os obxectivos do proxecto aprobado. Neste caso, considerarase incluído no investimento admisible a substitución de conceptos ou elementos subvencionados por outros diferentes (ata o límite do 20 % do investimento subvencionable aprobado) se estes manteñen os obxectivos do proxecto e cumpren os requisitos establecidos nesta orde, e en particular o establecido no número 12 do artigo 5 referente á solicitude previa de tres ofertas.

3. En calquera outro caso, considerarase que existe un incumprimento, que poderá ser parcial ou total.

4. Incumprimento total.

4.1. Considerarase que existe un incumprimento total nos seguintes casos:

a) Cando o importe total do investimento xustificado polo beneficiario e admisible sexa inferior ao 60 % do importe total do investimento subvencionable aprobado.

b) Cando o importe dos gastos e elementos admisibles realizados e xustificados polo beneficiario que sexan coincidentes cos aprobados incluídos na resolución de concesión non acade como mínimo o 60 % do investimento total subvencionable aprobado.

c) No caso de investimentos ou actividades que precisen polas súas características dispoñer dunha autorización, avaliación ou declaración ambiental legalmente establecida antes do pagamento da axuda, existirá un incumprimento total cando non se acredite nos prazos máximos establecidos nesta orde a súa dispoñibilidade e o cumprimento, de ser o caso, das condicións establecidas nelas relativas aos investimentos afectados.

d) No caso de investimentos ou actividades que precisen polas súas características dispoñer antes do pagamento da axuda dun novo rexistro sanitario ou actualizar o existente, existirá un incumprimento total cando non se acredite nos prazos máximos establecidos nesta orde a súa dispoñibilidade. Así mesmo, no caso de que se deba acreditar antes do pagamento da axuda o cumprimento da normativa de benestar animal ou da relativa á elaboración de produtos para alimentación animal, existirá un incumprimento total cando non se acredite nos prazos máximos establecidos nesta orde.

e) Cando non se acredite nos prazos establecidos o cumprimento de calquera outra condición que figure na resolución de concesión e para a cal se indique expresamente que o seu incumprimento suporá un incumprimento total.

4.2. No caso de incumprimento total, o beneficiario non percibirá ningunha axuda.

5. Incumprimento parcial.

Existirá incumprimento parcial cando o beneficiario execute e xustifique nos prazos establecidos gastos e elementos subvencionables coincidentes cos aprobados incluídos na resolución de concesión por un importe total igual ou superior ao 60 % e inferior ao 80 % do investimento subvencionable, cumpra o resto das condicións da concesión e se manteñan os obxectivos e condicións do proxecto aprobado. Neste caso, o beneficiario percibirá a subvención proporcional correspondente ao investimento xustificado admisible, que incluirá exclusivamente os gastos e elementos xustificados coincidentes cos aprobados incluídos na resolución de concesión.

Artigo 14. Reintegro das axudas, infraccións e sancións

1. Non se poderá exixir o pagamento da axuda concedida e procederá o reintegro total ou parcial da contía percibida xunto, se é o caso, cos xuros de mora calculados conforme o establecido no artigo 5 do Regulamento(UE) 65/2011, modificado polo Regulamento (UE) 937/2012, nos supostos sinalados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En particular, procederá o reintegro total ou parcial da axuda percibida, no caso de incumprimento da obriga de xustificación ou doutras obrigas derivadas da concesión da subvención. Neses casos, se o incumprimento supón a necesidade de deixar sen efecto con carácter definitivo a resolución de concesión de axuda, o órgano xestor iniciará o procedemento correspondente para a súa revogación.

2. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, e na normativa comunitaria aplicable, aos beneficiarios das axudas reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Regulamento (UE) 65/2011 do 27 de xaneiro de 2011. En particular, e en aplicación do establecido no artigo 30 do Regulamento (UE) 65/2011, no caso de que se descubra que un beneficiario fixo deliberadamente unha declaración falsa, revogarase a axuda concedida, non se pagará ningunha cantidade e o beneficiario deberá reintegrar as contías percibidas xunto, se é o caso, cos xuros de mora calculados conforme ao establecido no artigo 5 do Regulamento (UE) 65/2011, modificado polo Regulamento (UE) 937/2012. Ademais, ao beneficiario non se lle poderán conceder nin pagar axudas ao abeiro desta orde nas dúas convocatorias seguintes.

Artigo 15. Seguimento e control

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, ó reintegro total ou parcial da subvención concedida.

2. Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lles poidan exixir os órganos correspondentes da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, os beneficiarios deberán someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro das entidades competentes, e en particular da Consellería do Medio Rural e do Mar, Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), Consello de Contas, Tribunal de Contas, e ás que sexan realizadas por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

3. Así mesmo, e co fin de que o órgano xestor das axudas poida cuantificar correctamente os indicadores de resultados establecidos no PDR de Galicia 2007-2013, os beneficiarios deberán presentar cando llo solicite a Consellería do Medio Rural e do Mar, os datos relativos ás súas contas de perdas e ganancias do exercicio contable en que finalizaron os investimentos subvencionados, así como os correspondentes ao segundo exercicio posterior a este.

4. Conforme o disposto no artigo 75.1.c) do Regulamento (CE) 1698/2005, o beneficiario da axuda deberá levar un sistema de contabilidade separado ou ben un código contable adecuado para todas as transaccións relativas á operación subvencionada.

Artigo 16. Compatibilidade

1. Estas axudas son compatibles con calquera outra para o mesmo fin sempre que a suma total das axudas concedidas, incluídas as de minimis, non supere, no caso de pemes, a porcentaxe de axuda do investimento subvencionable sinalado no número 2 do artigo 4, e para o resto das empresas o 30 % do investimento subvencionable.

2. No caso das axudas concedidas ao abeiro da normativa de minimis, o importe total das axudas de minimis concedidas a unha única empresa non superará o importe de 200.000 € durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para estes efectos, entenderase por empresa única a definida no número 2 do artigo 2 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión.

3. Estas axudas son en todo caso incompatibles con calquera outra para o mesmo fin se teñen financiamento parcial ou total do Feader ou doutros fondos da Unión Europea, así como con calquera outro instrumento financeiro comunitario.

Artigo 17. Medidas informativas e publicitarias

As resolucións de concesión informarán os beneficiarios da participación do Feader no financiamento das axudas, así como do eixo prioritario do PDR de Galicia 2007-2013 en que se encadra.

Así mesmo, e conforme o establecido no artigo 58 e no anexo VI do Regulamento (CE) 1974/2006, o beneficiario das axudas deberá cumprir coa normativa sobre información e publicidade das axudas do Feader indicadas no anexo VI do referido regulamento. En particular, no caso de investimentos subvencionados cun custo total superior a 50.000 €, o beneficiario deberá colocar unha placa explicativa, conforme o modelo establecido, na cal figurará unha descrición do proxecto así como a bandeira europea e o lema «Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural: Europa inviste nas zonas rurais».

Artigo 18. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 19. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante Secretaría Xeral Técnica mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería do Medio Rural e do Mar, Secretaría Xeral Técnica, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña) ou a través dun correo electrónico a secretariaxeraltecnica.cmrm@xunta.es.

Artigo 20. Réxime de recursos

A resolución da subvención porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante a conselleira do Medio Rural e do Mar no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben ser impugnada directamente perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución for expresa ou de seis meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo.

Artigo 21. Cumprimento da normativa comunitaria sobre axudas públicas

1. As axudas establecidas nesta orde cofinanciadas polo Feader ampáranse no disposto no Regulamento (CE) 1698/2005 do 20 de setembro de 2005, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e disposicións que o desenvolven, así como no Real decreto 1852/2009, do 4 de decembro, que establece os criterios para subvencionar os gastos no marco dos programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Feader.

2. Así mesmo, as axudas establecidas nesta orde referentes a investimentos en que o produto final non está incluído no anexo I do Tratado e as axudas a microempresas forestais, están amparadas polo Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013 (DO L 352, do 24 de decembro) referente á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado ás axudas de minimis.

Artigo 22. Financiamento

1. As axudas concedidas financiaranse con cargo aos seguintes conceptos orzamentarios e proxectos:

Concepto orzamentario

Codigo de proxecto

Taxa de cofinanciamento
do Feader

Anualidade 2015 (€)

12.22.741A.770.0

200700448

75 %

7.700.000

201100769

90 %

54.000

12.22.713D.770.0

201100767

75 %

900.000

2. Esta orde tramítase conforme o establecido na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro do 2000 e do 25 de outubro de 2001, relativa á tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que queda condicionada a súa eficacia a que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o vindeiro ano 2015 aprobados polo Consello da Xunta de Galicia, e en trámite parlamentario actualmente.

3. Os importes establecidos nesta orde poderanse incrementar nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Autorízase a directora xeral de Produción Agropecuaria para ditar as instrucións que considere oportunas para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2014

P.A. (Decreto 161/2014, do 26 de decembro; DOG do 30 de decembro)
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Anexo I
Investimentos non auxiliables

A. Actividades non subvencionables.

Non se considerarán subvencionables os investimentos referentes ás seguintes actividades:

1. Investimentos relativos a actividades de venda polo miúdo. Non obstante, serán subvencionables os locais e equipamentos que formen parte das instalacións industriais de elaboración de produtos, destinadas a venda dos produtos da empresa, sempre que cumpran o resto das condicións establecidas na orde.

2. Investimentos en instalacións dedicadas á venda por xunto, aínda que inclúan pequenas transformacións de produtos xa elaborados, salvo no caso de instalacións de comercialización en orixe de produtos procedentes como mínimo nun 25 % de explotacións agrarias galegas.

3. Investimentos realizados por un produtor primario relativos á primeira venda de produtos a intermediarios ou transformadores. Tampouco serán subvencionables os investimentos relativos á saca de madeira.

4. No sector do leite de vaca e dos seus produtos derivados, os investimentos en novas instalacións dedicadas a recollida e refrixeración de leite, ou á elaboración e envasado de leite UHT e esterilizado, salvo que comporten o peche doutras instalacións existentes e con actividade en 1.1.2007 en Galicia dedicadas a esas actividades. Tampouco se concederán axudas para elaboración ou comercialización dos produtos que imiten ou substitúan o leite ou os produtos lácteos, e que son mencionados no artigo 3, número 2, do Regulamento (CEE) 1898/87 do Consello.

5. No sector da alimentación animal os investimentos en instalacións dedicadas a elaboración de produtos para animais de compañía e cría de peixes, así como en novas fábricas de pensos, salvo que se dediquen a elaboración de produtos ecolóxicos, ou que comporten o peche doutras instalacións existentes e con actividade en 1.1.2007 en Galicia dedicadas a esa actividade.

Independentemente do citado, no caso de fábricas ou liñas de elaboración de mesturas húmidas para alimentación de ruminantes, soamente serán subvencionables os investimentos desenvolvidos por cooperativas de produtores para os seus socios. Neste caso, a subvención máxima que se concederá non superará o 40 % do investimento subvencionable no caso de cooperativas que teñan unha sección específica para esta actividade e o 25 % no resto dos casos.

6. No sector cárnico os investimentos en novos matadoiros de gando porcino, bovino e polos, salvo que deriven do traslado doutro matadoiro existentes en 1.1.2007 en Galicia, que se dediquen á produción ecolóxica, ou que formen parte dun proxecto de elaboración de produtos cárnicos ou que promovan o desenvolvemento gandeiro dunha zona con deficiente servizo de sacrificio.

7. No sector vitivinícola os investimentos relativos aos produtos descritos na parte II do anexo VII do Regulamento UE nº 1308/2013 do Parlamento e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo aos productos amparados polos programas de apoio no sector vitivinícola, xa que poden ser subvencionados a través deses programas específicos.

8. Investimentos de industrias existentes dedicadas á transformación e comercialización de produtos incluídos no anexo I do Tratado, que non estean inscritas no Rexistro de Industrias Agrarias, sendo este preceptivo.

9. Investimentos sen viabilidade técnica, económica, financeira ou relativos a produtos para os cales non existan demanda e saídas normais no mercado.

10. Investimentos destinados á transformación de produtos da pesca, ou non incluídos no anexo I do Tratado (salvo a madeira). Porén, serán subvencionables os investimentos que, tendo como obxecto principal a transformación de produtos agrarios, procesen adicionalmente eses produtos formando parte da actividade principal das instalacións. En todo caso, as materias primas procesadas deben ser agrarias en máis do 50 % do total procesado polas instalacións proxectadas.

11. Non se subvencionarán investimentos que incrementen a produción, excedendo restricións de produción ou limitacións respecto da axuda comunitaria a instalacións de transformación, impostas por unha organización común de mercado, réximes de axuda directa inclusive, financiada polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga).

12. Non se subvencionaran proxectos de organizacións de produtores de froitas e hortalizas (OPFH) cando o investimento subvencionable non acade 50.000€, xa que nese caso o proxecto é subvencionable a través dos programas operativos establecidos especificamente para este tipo de organizacións na OCM de froitas e hortalizas.

13. Non se subvencionarán investimentos relativos ao cumprimento de normas comunitarias. Porén, no caso de microempresas, serán subvencionables os investimentos que se realicen para efectos do cumprimento de novas normativas comunitarias

B. Conceptos non subvencionables.

Non se considerarán subvencionables:

1. Investimentos de simple reparación do inmobilizado da industria, así como de reposición ou simple substitución de equipamentos e maquinaria, salvo que a nova adquisición corresponda a equipamentos ou maquinaria distintos aos anteriores, ben pola tecnoloxía utilizada ou polo seu rendemento. Non serán subvencionables os investimentos que substitúan outros subvencionados con anterioridade nos que aínda non pasasen cinco anos desde a súa adquisición, aínda que estes supoñan unha mellora.

En todo caso, para determinar o importe admitido como subvencionable, restaráselle ao importe de adquisición do novo equipamento o importe de venda do equipamento substituído, de ser o caso.

2. Investimentos en maquinaria e equipamentos de tecnoloxía non contrastada, que non cumpra os requisitos legais, ou non subministrados por fabricantes ou distribuidores autorizados.

3. Investimentos relativos á posta en marcha de proxectos subvencionados anteriormente ao abeiro desta orde de axudas.

4. Investimentos non relacionados directamente coas actividades (subvencionables) desenvolvidas polo solicitante.

5. Investimentos non axustados no seu dimensionamento e capacidade ás actividades que vai desenvolver a empresa a curto prazo, ou dun importe unitario superior ao básico do mercado para unidades ou elementos de igual capacidade. Nese caso admitirase como subvencionable o custo básico de mercado do investimento coa capacidade ou dimensionamento axustado, se é o caso.

6. Os investimentos relativos a almacéns frigoríficos para produtos conxelados ou ultraconxelados, excepto se as súas capacidades de almacenamento son proporcionais á capacidade de produción das instalacións de transformación a que estean vinculadas e que se destinen exclusivamente ao almacenamento dos produtos das ditas instalacións.

7. A compra de terreos por un importe superior ao 10 % do total dos gastos subvencionables ou no caso de que a axuda non teña cofinanciamento do Feader.

8. A compra de locais ou edificios que vaian ser derrubados, ou se recibiron nos dez últimos anos algunha subvención nacional ou comunitaria. Tampouco serán subvencionables os investimentos en reforma de locais que foran subvencionados anteriormente por esta consellería nos que aínda non pasasen cinco anos desde a súa finalización.

9. Obras de ornamentación e equipamentos de recreo (xardinaría, bar e semellantes).

10. Investimentos relacionados con medidas de seguridade tales como alarmas, sistemas antirroubo, barreiras de seguridade e similares.

11. Investimentos relativos á promoción e publicidade, como elaboración de vídeos, páxinas web, rotulación, etc.

12. Mobiliario de oficina. Non teñen esa consideración as instalacións telefónicas fixas, fax e ordenadores incluídos os programas informáticos. Admítense a adquisición de equipamentos de laboratorio se son específicos, pero non o material funxible.

13. Compra de material normalmente amortizable nun ano (botellas, embalaxes, material funxible de laboratorio e semellantes). Considérase que as tarimas, caixóns-tarima e caixas de campo teñen unha duración de vida superior a un ano e, polo tanto, son auxiliables, coa condición de que se trate dunha primeira adquisición ou dunha adquisición suplementaria, proporcional a unha ampliación prevista, e de que non sexan vendidas coa mercadoría. Tampouco serán auxiliables outros investimentos que figuren na contabilidade como gastos.

14. Compra e instalacións de maquinaria e equipamentos de segunda man. Tampouco serán subvencionables os gastos relativos ao traslado de maquinaria xa existente ata o local ou localización en que se vai realizar o proxecto.

15. Reparacións e obras de mantemento. Non teñen a consideración de reparacións as operacións feitas sobre maquinaria instalada para ampliar a súa capacidade ou mellorar as prestacións.

16. O imposto do valor engadido (IVE) e calquera outro imposto recuperable polo beneficiario.

17. Os gastos de alugamento de equipamentos e os investimentos financiados mediante arrendamento financeiro (leasing). Porén, os investimentos en maquinaria e equipamentos financiados mediante leasing poden ser auxiliables se existe un compromiso de adquisición do ben ao termo do contrato de leasing e, en todo caso, dentro do prazo previsto para a execución do proxecto. Outros custos ligados ao contrato de arrendamento financeiro, tales como impostos, marxe do arrendador, custos de refinanciamento, gastos xerais ou seguros, non serán subvencionables.

Así mesmo, non serán subvencionables as adquisicións de bens no marco dun sistema de venda e arrendamento retroactivo.

18. A man de obra propia nin os materiais de igual procedencia. Non obstante, serán subvencionables os soldos e gastos sociais do persoal, pagados polo beneficiario, sempre e cando se cumpran todas as condicións seguintes:

a) Que o persoal fose contratado especial e exclusivamente para executar o proxecto.

b) Que o persoal sexa despedido ao concluír as obras.

c) Que se respecte a normativa nacional en materia de seguridade social.

19. A compra de vehículos de transporte exterior. No entanto, cando o solicitante sexa unha empresa con instalacións de transformación ou manipulación de produtos agrarios, ou, unha entidade asociativa de produtores dedicada á comercialización de produtos agrarios, a compra de vehículos de transporte de produtos será subvencionable se a axuda ten cofinanciamento do Feader e se se trata de novas adquisicións e non substitución de vehículos utilizados anteriormente.

20. Traballos ou investimentos comezados con anterioridade á presentación dunha petición de axuda ao abeiro desta orde.

21. Investimentos en urbanización exterior aos edificios de fabricación, salvo que formen parte dun proxecto que inclúa aumento da superficie edificada. Nese caso serán subvencionables en función á nova superficie construída e conforme os módulos establecidos. Tampouco serán subvencionables os investimentos realizados fóra do recinto da industria.

22. O importe dos investimentos e conceptos que superen os módulos máximos e limitacións establecidos no punto seguinte.

C. Conceptos con módulos e outras limitacións.

I. Urbanización:

Soamente se admitirán investimentos en peche da parcela, explanadas e firmes, coas seguintes limitacións en todo caso:

– En peches o perímetro máximo subvencionable será o equivalente (igual valor) ao dobre da superficie cuberta nova subvencionable, cun custo máximo admisible de 30 €/m, incluídos os elementos singulares.

– En explanadas e firmes a superficie máxima atendible será igual á superficie construída nova subvencionable, cun custo máximo admisible de 25 €/m2, incluídos todos os elementos e conceptos.

II. Edificacións de nova construción e ampliación das existentes

Aplicaranse módulos máximos de investimento subvencionable (€/m2 construído e atendible) aplicable ao custo total de execución do investimento en obra civil, excluídas instalacións, e incluídas as divisións interiores con todos os seus elementos, independentemente do material utilizado. Incluirá tamén os locais climatizados (ata 0ºC), pero non as instalacións e equipamentos de frío ou calor.

O importe dos módulos será:

1. Módulo A: 380 euros/m2 construído, aplicable ás novas industrias con altos requirimentos sanitarios e de climatización de locais (Industrias cárnicas, lácteas, do pan e derivados e instalacións de subprodutos). Aplicarase tamén as industrias xa existentes que fagan edificacións para ampliación de zonas de fabricación e novas liñas con altos requirimentos sanitarios e de climatización (zonas de envasado de produtos, etc.).

2. Módulo B: 340 euros/m2 construído, aplicable ás novas industrias con requirimentos medio (resto das agroindustrias) así como industrias xa existentes que fagan edificacións de ampliación de actividade con requirimentos sanitarios e de climatización medios.

3. Módulo C: 290 euros/m2 construído, aplicable a industrias xa existentes que fagan edificacións sinxelas destinadas ao almacenamento de materias primas, produtos finais, vehículos, etc, sen especiais requirimentos sanitarios nin de climatización .

Estes módulos poderán incrementarse ata 60€/m2 no caso de edificacións que requiran, polos equipamentos utilizados, unha altura de beirado superior a 6 metros, ou, no caso de varias plantas, unha altura libre entre plantas superior a 6 metros. Este incremento será tamén aplicable no caso de edificacións localizadas en áreas de protección especial, onde sexa exixible o emprego de elementos construtivos que harmonicen e se integren co contorno.

O importe destes módulos aplicarase tamén como investimento máximo que se subvencionará para a adquisición de edificacións incluído o seu acondicionamento ou reforma.

III. Acondicionamentos en edificacións existentes:

Aplicarase un módulo máximo de investimento subvencionable de 280 €/m2 útil aplicable ao custo total de execución do investimento en obra civil.

IV. Outras limitacions aplicables a zonas e equipamentos especificos:

1. No caso de oficinas, aseos, vestiarios, comedores e outros locais e equipamentos para o persoal subvencionables, a superficie admisible avaliarase conforme o número de traballadores da empresa que os vaian utilizar.

2. No caso de áreas dedicadas a salas de conferencias, catas, e outras relacionadas coa promoción e mellora da produción e comercialización das producións, a superficie máxima subvencionable será de 100 m2 sen que en ningún caso supere o 15 % da superficie restante subvencionable da industria incluída na solicitude de axuda.

3. No caso de superficies dedicadas especificamente dentro dunha industria, á exposición e venda polo miúdo dos produtos da empresa, a superficie máxima subvencionable será de 50 m2, sen que en ningún caso supere o 15 % da superficie restante subvencionable da industria incluída na solicitude de axuda.

4. En todo caso, os investimentos en industrias xa existentes relativos a todos estes conceptos, admitiranse na medida en que se acredite que contribúen a mellorar o rendemento global da empresa.

V. Outros gastos:

Os gastos en estudos de viabilidade técnica e económica serán admisibles sempre que o estudo se presente coa solicitude e estea asinado por profesional competente, sendo en todo caso o importe máximo admisible de 1.700 €. Non serán, porén, admisibles se se subvencionan os honorarios de proxecto e dirección de obra nun importe superior a contía sinalada.

Para os honorarios de proxecto e dirección de obra admitiranse como máximo subvencionable a suma de:

– 10 % do orzamento en obra civil.

– 5 % do orzamento en instalacións básicas e especiais.

– 1 % da maquinaria e equipamentos. Non se considerarán incluídos neste punto o carrozado de vehículos, o material e equipamento de laboratorios, e os equipamentos e material informático, incluído o software.

Previamente ao cálculo, aplicarase a cada grupo de partidas (partidas ao 10 %, 5 % e 1 %), os coeficientes correctores seguintes:

Investimento subvencionable considerado

Coeficiente

Correspondencia

Ata 150.000 euros

1

150.000

Exceso de 150.000-300.000 €

0,8

120.000

Exceso de 300.000-600.000 €

0,4

120.000

Exceso de 600.000-3.000.000 €

0,2

480.000

Exceso de 3.000.000

0,1

Non se terán en conta a efectos do cálculo, os orzamentos en activos considerados non subvencionables. O resultado redondarase por defecto nas centenas. En todo caso, o proxecto e dirección de obra deben estar realizados por técnico competente.

Anexo A3
Estudo técnico

Constará como mínimo de:

1. Proxecto, anteproxecto ou memoria técnica.

Incluirá unha memoria explicativa dos obxectivos do proxecto, cunha xustificación razoada dos investimentos que son necesarios acometer para conseguir eses fins.

A iso xuntarase unha relación desagregada e cuantificada dos investimentos en:

1.1. Urbanización: indicando dimensións, características,medicións, materiais e custos desagregados por unidades obra.

1.2. Construcións: indicando dimensións e características (distribución de superficies e destino destas, xustificación do dimensionamento), medicións, materiais e custos desagregados por unidades obra.

1.3. Instalacións: indicando dimensións e características, medicións, materiais e custos desagregados por unidades obra, para cada tipo de instalación (auga, electricidade, vapor, depuración e tratamento de residuos, frío, etc.).

1.4. Maquinaria e equipamentos: indicando para cada liña de produción as características técnicas de cada elemento, así como o seu custo.

1.5. Estudos, proxecto, dirección de obra, e adquisición de patentes e licenzas: características e custos.

Incluirá, así mesmo, un resumo do orzamento previsto por conceptos.

Nos capítulos de edificios e construcións, instalacións e maquinaria indicarase a súa localización mediante os planos que se consideren necesarios. O dimensionamento e uso dos locais e superficies construídas deben xustificarse.

2. Planos.

Polo menos os seguintes:

– Plano de situación e localización.

– Plano no que se especifiquen, se é o caso, as actuacións previstas en urbanización, delimitando con precisión as superficies de actuación.

– Plano xeral do conxunto de obras e instalacións básicas, antes e despois do investimento.

– Plano de distribución da maquinaria e outras instalacións, antes e despois do investimento.

– Planos acotados de seccións e alzados antes e despois do investimento

3. Xustificación dos investimentos. Para o investimento obxecto da axuda, xustificarase o custo previsto da seguinte forma:

– Urbanización, construcións e instalacións: factura pro forma ou orzamento de empresa construtora ou instaladora e desagregado por unidades de obra.

– Maquinaria, equipamentos e outros conceptos: ofertas ou facturas pro forma dos subministradores.

Para todos os gastos incluídos na solicitude de axuda deberase solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten. Non se considerarán subvencionables os conceptos incluídos na solicitude de axuda dos cales non se acredite o cumprimento deste requisito.

A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía e debe xustificarse expresamente nunha memoria a elección, baseada nos criterios sinalados, cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. No caso de non ser así, considerarase como importe máximo subvencionable para ese concepto o correspondente á proposta económica máis vantaxosa. As ofertas solicitadas para cada gasto non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público.

En todo caso o solicitante presentará todas as ofertas solicitadas relativas aos investimentos que se van realizar, xunto cun cadro resumo asinado e que figura como anexo A6, no cal se indicarán para cada elemento as ofertas solicitadas, a oferta elixida, o criterio de elección e a xustificación, se é o caso, da elección da oferta económica distinta da máis vantaxosa.

Anexo A4
Estudo económico

Constará como mínimo de:

1. Situación actual.

– Descrición resumida de actividades desenvolvidas.

– Indicar o tipo de empresa (micro/pequena/mediana/empresa intermedia/gran empresa) tal como se definen na Recomendación 2003/361/CE da Comisión (DO L 124, do 20.5.2003) e no artigo 2 desta orde. Conforme iso, para a súa determinación terase en conta a súa facturación, balance (no caso de sociedades) e número de empregados, calculados, sen prexuízo do sinalado na Recomendación 2003/361/CE, da seguinte forma:

• Se a empresa non participa nin está participada en máis dun 25 % por outras empresas, os datos serán os da propia empresa.

• Se a empresa participa e/ou está participada en máis dun 25 % por outras empresas, os datos serán os das contas consolidadas do grupo empresarial ás que se sumarán, se é o caso:

– Os datos das empresas en que participa e/ou está participada en máis dun 50 % e non incluídas nas contas consolidadas.

– A parte proporcional (á participación) dos datos das empresas nas cales participa e/ou están participadas nun 25-50 % e non incluídas nas contas consolidadas.

Se a empresa é de nova constitución, os datos que se considerarán serán os previsionais.

En todo caso, se a empresa participa e/ou está participada en máis dun 25 % por outras empresas, debe indicarse expresamente as empresas en que participa e/ou está participada, así como as porcentaxes de participación e os datos de facturación, balance e número de empregados desas empresas.

– Produción: descrición do proceso. Capacidade de produción (referirase a capacidade inscrita no Rexistro de Industrias Agrarias, de ser o caso). Instalacións e tecnoloxía dispoñible. Produtos vendidos: tipos, cantidades e prezos de venda.

– Comercialización: indicar para cada tipo de produto os seus destinos e os principais canais de comercialización.

– Materias primas utilizadas. Para cada tipo de materia prima utilizada indicarase a súa procedencia (galega, resto da UE, fóra da UE) , a relación cos produtores (se son de Galicia), e os prezos medios pagados.

No caso de materia prima propia ou dos socios da empresa ou cooperativa, indicar cantidades e porcentaxe sobre o total de materias primas utilizadas.

No caso de ter contratos escritos con produtores agrarios deberase incluír unha relación totalizada deles que conteña o DNI/NIF do produtor e cantidades contratadas ou superficies de produción afectadas, así como unha fotocopia dos contratos. En sectores con contratos-tipo homologados deberá incluírse, así mesmo, e de ser o caso, unha relación independente deles totalizada que conteña o DNI/NIF do produtor e cantidades contratadas ou superficies de produción afectadas, así como unha fotocopia dos contratos.

– No caso de serras de madeira que teñan certificación forestal (cadea de custodia) e compren madeira certificada, deberase incluír a acreditación da certificación forestal (cadea de custodia) e unha relación que conteña o número de certificado dos subministradores de madeira certificada e as cantidades adquiridas.

– Outros consumos do proceso produtivo, indicando os prezos de compra.

– Persoal: relación dos traballadores existentes por categorías laborais e o período de ocupación(días/ano). Custo total.

– Outros gastos de explotación: servizos, gastos financeiros, amortizacións, subministros,...).

– Xuntar balance e contas de resultados dos tres últimos anos. No caso de persoas físicas declaración da renda dos últimos tres anos. Se a empresa ten ou forma parte dun grupo empresarial, debe presentarse tamén o balance e contas consolidadas do último ano do grupo

2. Situación tras o investimento.

– Indicar en que medida o investimento afectará a capacidade de produción, tecnoloxía utilizada, producións, materias primas utilizadas, relación con produtores, comercialización, persoal contratado. Realizarase unha análise comparativa tendo en conta a situación inicial presentada no punto 1 e a incidencia dos investimentos sobre as materias primas utilizadas e os produtos transformados/comercializados.

– No caso de novas industrias indicar expresamente as previsións a curto prazo nas relacións cos produtores galegos (materias primas agrarias de procedencia galega, contratos escritos ou homologados previstos).

– No caso de novos produtos, xustificar ou explicar a súa viabilidade comercial derivada das demandas do mercado.

– Contas de explotación previsionais para os tres exercicios consecutivos desde o comezo dos investimentos. Estimaranse as variacións previsibles como consecuencia dos investimentos e respecto da situación actual nos seguintes aspectos:

• Vendas: volume e estimación xustificada do prezo probable da venda.

• Custos: compras de materias primas.

• Gastos variables: persoal, subministracións e servizos, portes, etc.

• Previsión de balances (en sociedades) e contas de resultados para os vindeiros tres anos.

3. Financiamento dos investimentos.

Recursos propios. Subvencións. Créditos e préstamos, indicando a repartición dos distintos préstamos subscritos ou que se pretendan subscribir cos seus respectivos tipos de xuro e prazos en anos. Outras fontes de financiamento.

No caso de novas actividades, capital circulante necesario: existencias de insumos, produtos en curso e produtos finais. Caixa e bancos. Provedores e clientes. Fondo de manobra.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file