Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Xoves, 15 de xaneiro de 2015 Páx. 2031

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 22 de decembro de 2014, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se regulan as bases para a concesión das axudas á conciliación da vida familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade para os traballadores que se acollan á redución da súa xornada de traballo, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE), e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.

A Declaración das Nacións Unidas de Beijing e a Plataforma de Acción de 1995 para o potenciamento do papel da muller xa alentaban os homes a participar no fomento da igualdade de xénero, todo o cal se reiterou no debate sobre o tema do papel dos homes e dos nenos en acadar a igualdade de xénero, mantido na Comisión da Condición Xurídica e Social da Muller en 2004.

A Folla de ruta da igualdade entre homes e mulleres (2006/2010) da Comisión Europea declaraba que os homes aínda estaban a participar menos que as mulleres nas responsabilidades domésticas e familiares, pola súa banda o Consello da Unión Europea no documento «Os homes e a igualdade de xénero» observa que para mellorar a situación das mulleres e fomentar a igualdade de xénero debe prestarse maior atención ao modo en que os homes se involucran na consecución da igualdade de xénero e o impacto positivo que esta ten sobre os homes e sobre o benestar da sociedade no seu conxunto. Así mesmo, recoñece a importancia de establecer políticas de reconciliación da vida profesional e privada tanto para homes como para mulleres co fin de apoiar que se compartan dunha forma equilibrada as responsabilidades e as tarefas domésticas e de coidado de persoas a cargo entre mulleres e homes instando os Estados membros a dar pasos concretos para promover que os homes compartan coas mulleres as responsabilidades parentais e outras responsabilidades de coidado.

Malia os logros acadados ao longo destes anos, cómpre pór de manifesto que os indicadores de igualdade en relación co traballo doméstico e de coidados así como cos usos do tempo, seguen mostrando unha realidade de relacións persoais e sociais asimétricas entre mulleres e homes. Os roles e estereotipos manexados socialmente durante séculos inciden aínda fortemente no imaxinario colectivo e a suposta maior capacidade das mulleres para atender as responsabilidades de carácter familiar continúa dificultando o seu acceso e permanencia no mercado laboral, debido, entre outras cuestións, a que son as que continúan acolléndose maioritariamente ás diferentes medidas postas en marcha desde as diferentes administracións públicas para promover políticas de conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

O mantemento desta crenza ademais ten efectos negativos na empregabilidade e na promoción profesional das mulleres da nosa comunidade, pois tal e como se recolle no programa operativo FSE Galicia 2007-2013, a súa situación laboral segue estando por debaixo dos estándares europeos e, aínda que a súa taxa de actividade sexa superior á media nacional, a súa taxa de desemprego continúa sendo alta.

O desequilibrio na repartición dos tempos dedicados ás tarefas de reprodución e coidado é un aspecto prioritario que debe ser abordado á hora de reducir a discriminación por razóns de xénero no mercado laboral. Con esta finalidade, recóllense no eixe 2, tema prioritario 69 do dito programa operativo FSE Galicia 2007-2013, medidas para mellorar o acceso das mulleres ao mercado laboral, así como a súa participación e o seu progreso permanente nel e para impulsar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, co fin de reducir a segregación sexista en materia de emprego e reconciliar a vida laboral e privada, pois mentres as responsabilidades produtivas e reprodutivas non se repartan equitativamente non se poderá acadar un mercado de traballo igualitario nin un escenario de conciliación da vida familiar, persoal e profesional razoablemente construído.

A Comunidade Autónoma de Galicia recoñece na Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, a importancia da corresponsabilidade na vida familiar, particularmente no mantemento, coidado e educación dos fillos e fillas e comprométese a promover a igualdade de mulleres e homes no acceso ao mundo laboral e na asunción das tarefas familiares, mediante actuacións que procuren a conciliación da vida persoal, familiar e laboral. Nesta mesma liña, o VI Plan galego para a igualdade entre mulleres e homes contén como un dos seus eixes de actuación a conciliación corresponsable e a calidade de vida, co obxectivo de reforzar unha asunción equilibrada entre mulleres e homes dos tempos dedicados ás tarefas domésticas e familiares e dos tempos dedicados aos traballos remunerados e á formación, de forma que se reduza a fenda de xénero e se avance nun modelo de organización social que facilite unha boa calidade de vida para todas as persoas.

De conformidade co Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, correspóndelle á Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano superior da Administración autonómica en materia de igualdade, entre outras, as funcións de planificar, deseñar, coordinar e avaliar a xestión das políticas da Xunta de Galicia en materia de promoción da corresponsabilidade entre mulleres e homes no eido persoal, familiar e laboral, así como tamén propor medidas, programas e normas dirixidas á promoción do exercicio efectivo dos dereitos das mulleres, a incrementar a súa participación na vida económica, laboral, política, social e cultural e a eliminar as discriminacións existentes entre sexos.

En consecuencia, e coa dobre vontade de apoiar a asunción de responsabilidades familiares por parte dos homes e de axudar á desaparición dos estereotipos sobre a mellor ou menor disposición de mulleres e homes a asumir as tarefas do coidado dos e das menores, a Secretaría Xeral da Igualdade quere apoiar economicamente aqueles traballadores que reduzan a súa xornada laboral por razón da atención dos seus fillos e fillas menores de tres anos, entendendo que se trata dunha medida que, indirectamente, favorece tamén o mantemento das traballadoras que teñen responsabilidades familiares no mercado de traballo. As familias monoparentais son incluídas tamén na convocatoria por entender que a súa situación precisa de apoio específico para favorecer a conciliación da vida persoal, laboral e familiar.

As subvencións concedidas a través desta resolución estarán cofinanciadas polo Fondo Social Europeo a través do programa operativo do Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013, eixe 2, tema prioritario 69, e axustaranse ás normas sobre elixibilidade aplicables ás axudas financeiras con fondos comunitarios e, en particular, ao disposto no Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, que fixa normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, no Regulamento (CE) nº 1081/2006, do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xullo, que regula o Fondo Social Europeo (FSE) e mais na Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2007-2013 e na Orde TIN/788/2009 e a Orde ESS/1337/2013, do 3 de xullo, que a modifican.

Así mesmo, esta resolución adáptase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e demais normativa de desenvolvemento e ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos. A concesión destas axudas realizarase segundo o procedemento previsto nos artigos 19.2 e 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Esta convocatoria tramítase como expediente anticipado de gasto ao abeiro do disposto no artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto (DOG núm. 34, do 19 de febreiro), modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG núm. 209, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG núm. 201, do 29 de outubro), ao existir crédito adecuado e suficiente para este fin no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 17 de outubro de 2014.

Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta resolución enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e réxime das axudas

1. O obxecto desta resolución é a convocatoria e regulación do réxime de concesión de axudas económicas a aqueles/as traballadores/as que entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2014 tivesen unha situación de redución da súa xornada de traballo para o coidado do seu/da súa fillo/a e de acordo co establecido no artigo 5 desta resolución.

2. A concesión das axudas as que se refire esta convocatoria realizarase a través da modalidade de pagamento único e de forma continuada ata esgotar o crédito orzamentario consignado para estes efectos, segundo a orde de recepción de solicitudes e baixo os principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

Artigo 2. Compatibilidade das axudas

As axudas por redución de xornada previstas nesta resolución serán compatibles con calquera outra que, co mesmo obxecto, teñan establecidas ou poida establecer calquera das administracións públicas, dos seus organismos autónomos, entes ou sociedades, así como por calquera entidade privada.

Non obstante, os gastos cofinanciados polos fondos comunitarios non poderán acollerse a axudas procedentes de ningún outro instrumento financeiro comunitario.

Artigo 3. Financiamento

1. Ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de 440.000 euros que se imputarán á aplicación orzamentaria 05.11.312G.480.0, cofinanciadas ao 80 % con fondos FSE no programa operativo de Galicia 2007-2013, eixe 2, tema prioritario 69.

De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda condicionada á existencia crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015.

2. De acordo co disposto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo; e no suposto previsto no artigo 25.3 do dito regulamento. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que isto implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán beneficiarse das axudas previstas nesta resolución:

a) Homes que se acollan á redución de xornada a que se alude no artigo 5 desta resolución e sexan traballadores por conta allea, tanto da empresa privada como das administracións públicas, organismos autónomos, entes públicos de dereito privado e empresas públicas dependentes delas, con independencia de que o seu vínculo sexa laboral, funcionarial ou estatutario e os socios das sociedades cooperativas sempre que estes últimos pertenzan ao réxime xeral da Seguridade Social.

b) Familias monoparentais nas cales a persoa solicitante, home ou muller, sexa traballadora por conta allea e se acolla á redución de xornada a que se alude no artigo 5 desta resolución. Segundo a definición que establece o artigo 13 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, por familia monoparental entenderase o núcleo familiar composto por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa que manteña unha relación análoga á conxugal e os fillos ou as fillas menores ao seu cargo.

2. As persoas solicitantes, para obter a condición de beneficiarias, deberán cumprir, ademais das exixencias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas no padrón de calquera municipio dos integrados no territorio da Comunidade Autónoma galega, polo menos cun ano de antelación ao inicio do período subvencionado.

b) Convivir co/coa fillo/a durante o período subvencionado.

c) No caso das familias non monoparentais, o cónxuxe ou parella deberá ser unha persoa traballadora por conta allea ou ben autónoma e manter esa situación durante todo o período subvencionado. Entenderase cumprido este requisito cando, habendo períodos non traballados, a suma destes non supere o 5 % do período subvencionado, sexa este continuado ou fraccionado.

3. En ningún caso poderán ser beneficiarios desta axuda os proxenitores privados da patria potestade dos seus/das súas fillos/as, ou se a súa tutela ou garda foi asumida por unha institución pública.

Artigo 5. Accións subvencionables

1. As axudas serán concedidas aos traballadores que, entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2014, tivesen unha situación de redución da súa xornada de traballo para o coidado dun/dunha fillo/a menor de tres anos ou menor de 12 anos no suposto de que padeza unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33 %.

Así mesmo, poderán acollerse a esta axuda os traballadores que, cumprindo os requisitos establecidos neste artigo, adopten un/unha menor ou o/a teñan en situación de acollemento familiar, nas modalidades de acollemento familiar permanente ou acollemento familiar preadoptivo. Nestes supostos para ter dereito a axuda non poderán ter transcorrido máis de tres anos desde a data da decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou da resolución xudicial pola que se constitúe a adopción. En calquera caso, o/a fillo/a polo/a que se solicita a axuda terá que ser menor de 12 anos.

2. O período máximo subvencionable, continuado ou fraccionado, será de oito (8) meses comprendidos entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2014. Para ter dereito á axuda deberase manter a situación de redución de xornada durante un mínimo de 60 días naturais ininterrompidos.

Para a determinación do período subvencionable terase en conta o seguinte:

a) Para os efectos desta axuda, serán acumulables todos os períodos traballados durante o ano con redución de xornada, co límite máximo de oito (8) meses, sempre e cando un dos períodos sexa dun mínimo de 60 días naturais ininterrompidos, aínda que o resto sexan inferiores aos 60 días. No caso de familias non monoparentais, para o computo do período total subvencionable terase en conta o disposto no artigo 4.2, alínea c).

b) En ningún caso o período para o cal se solicita a subvención pode coincidir co permiso por maternidade nin con calquera outro permiso, licenza ou excedencia para a mesma finalidade da persoa solicitante ou do seu cónxuxe ou parella. De producirse este suposto, o período coincidente non se terá en conta no cómputo do período subvencionable.

3. Na concesión destas axudas respectaranse as condicións da Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo FSE modificada pola Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo, e a Orde ESS/1337/2013, do 3 de xullo.

Artigo 6. Contía das axudas

1. A contía desta axuda determinarase en función da porcentaxe de redución da xornada laboral desfrutada e da súa duración, en atención ao número de fillas/os a cargo da persoa solicitante, de acordo cos seguintes tramos:

a) Cando a redución de xornada sexa de ata o 15 % dunha xornada laboral a tempo completo e a súa duración se estenda á totalidade do período subvencionable (8 meses):

i. Unha/un filla/o a cargo: 1.600 euros.

ii. Dúas/dous fillas/os a cargo: 1.900 euros.

iii. Tres ou mais fillas/os a cargo: 2.200 euros.

b) Cando a redución de xornada sexa superior ao 15 % e ata o 33,33 % dunha xornada laboral a tempo completo e a súa duración se estenda á totalidade do período subvencionable (8 meses):

i. Unha/un filla/o a cargo: 2.700 euros.

ii. Dúas/dous fillas/os a cargo: 3.000 euros.

iii. Tres ou mais fillas/os a cargo: 3.300 euros.

c) Cando a redución de xornada sexa superior ao 33,33 % dunha xornada laboral a tempo completo e a súa duración se estenda á totalidade do período subvencionable (8 meses):

i. Unha/un filla/o a cargo: 3.000 euros.

ii. Dúas/dous fillas/os a cargo: 3.300 euros.

iii. Tres ou mais fillas/os a cargo: 3.600 euros.

2. Cando a xornada se realice a tempo parcial, ou cando o período subvencionable sexa inferior ao máximo, as contías das axudas reduciranse proporcionalmente.

3. Para o cómputo do número de fillos/as teranse en conta unicamente as/os fillas/os menores de 12 anos, incluído o fillo/a polo/a que se solicita a redución de xornada, segundo o establecido no artigo 5.1.

Artigo 7. Solicitudes, documentación e prazo de presentación

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. Documentación que se deberá presentar:

a) Anexo I. Solicitude e declaracións da persoa solicitante, relativas a:

1º. Que coñece que a obtención da axuda comunitaria implica a aparición na lista pública de persoas beneficiarias, na cal figuran os datos de identidade ou denominación social, das operacións e da contía de fondos públicos asignada a cada operación, que a autoridade de xestión do programa operativo publicará conforme o previsto no artigo 7.2.d) do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro (DOUE L/45, do 15 de febreiro de 2007).

2º. Que non está incurso/a en ningún procedemento de reintegro ou sancionador.

3º. Que está de acordo coas actuacións de control e supervisión destas axudas que leven a cabo o Fondo Social Europeo, a unidade administrativa do FSE do Ministerio de Emprego e Seguridade Social e do órgano concedente.

4º. Que está ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

5º. Que durante o período desta solicitude conviviu coa/co filla/o polo/a cal solicita a subvención.

6º. Que o período de redución de xornada para o cal solicita a axuda non coincide co permiso por maternidade, nin con ningún outro permiso, licenza ou excedencia para o mesmo fin do cónxuxe ou parella.

7º. Declaración do conxunto de todas as solicitudes de axudas concedidas e/ou solicitadas para a mesma finalidade, procedentes das distintas administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais; así como de non estar incurso en ningunha das prohibicións para obter a condición de beneficiario que establece o artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

8º. Ás datas de desfrute do permiso por maternidade en 2014 da solicitante ou do cónxuxe ou parella, relativo ao/aos fillo/s polo/s que se solicita a axuda.

b) Anexo II. Declaración responsable para o caso de proxenitores solteiros cun/unha fillo/a recoñecido/a polo outro proxenitor pero sen que exista convivencia entre pai e nai durante o período obxecto da axuda.

c) Anexo III. Certificación da empresa ou, se é o caso, da Administración pública correspondente, acreditativa da redución de xornada. No suposto de que durante o período de redución de xornada polo que se solicita a axuda se producise un aumento ou diminución da porcentaxe inicial de redución da xornada de traballo deberá cubrirse un anexo III por cada unha das variacións producidas. Igualmente se a redución de xornada non fose desfrutada de modo ininterrompido, cubrirase un anexo III por cada un dos períodos nos cales se estivo nesta situación.

d) Anexo IV. Recollida de datos para a análise de resultados.

e) Fotocopia compulsada do libro de familia.

f) Fotocopia compulsada da sentenza de nulidade, separación ou divorcio e do convenio regulador, se é o caso.

g) Nos supostos de adopción, fotocopia compulsada da resolución xudicial pola que se constitúa a adopción.

h) No caso de acollemento familiar copia compulsada da resolución administrativa ou xudicial de acollemento.

i) No suposto de fillos/as afectados/as por unha discapacidade igual ou superior ao 33 %, certificación actualizada acreditativa de tal condición. Non será necesario achegar esta documentación no caso de que fose expedida pola Xunta de Galicia no desenvolvemento das súas competencias e a persoa solicitante da autorización expresa para a súa comprobación por parte da unidade tramitadora.

j) Certificación de empadroamento en que se acredite a data de empadroamento da persoa solicitante dentro do territorio da Comunidade Autónoma galega e tendo en conta o establecido no artigo 4.2.a) (estar inscrito/a no padrón de calquera municipio dos integrados no territorio da Comunidade Autónoma galega, polo menos cun ano de antelación ao inicio do período subvencionado.

k) Documento da Tesouraría Xeral da Seguridade Social (IDC expedido pola empresa) no que se acredite a situación de redución de xornada por garda legal, durante o período polo que se solicita a axuda. No caso de pertencer a sistemas de previsión social distintos ao da Seguridade Social (Muface, Isfas, Muxexu, etc.), certificación en que se acredite a referida situación.

l) Certificado de vida laboral emitida pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social relativa á persoa solicitante da axuda. No caso de pertencer a sistemas de previsión social distintos ao da Seguridade Social (Muface, Isfas, Muxexu, etc.), certificación acreditativa equivalente.

m) No caso de familias non monoparentais certificación de vida laboral emitida pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social relativa ao cónxuxe ou parella. No caso de pertencer a sistemas de previsión social distintos ao da Seguridade Social (Muface, Isfas, Muxexu, etc.), certificación acreditativa equivalente.

n) Para o caso de non autorizar a Secretaría Xeral da Igualdade a obter os datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, fotocopia compulsada do DNI ou NIE da persoa solicitante.

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante supere os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

3. A elaboración e presentación da solicitude farase segundo as especificacións destas bases, empregando os anexos normalizados para os documentos que se sinalan neste artigo.

4. O prazo para a presentación de solicitudes comezará o día seguinte á data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 20 de febreiro de 2015.

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco (5) anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Secretaría Xeral da Igualdade publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se poidan impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 9. Instrución dos procedementos

1. A instrución dos procedementos corresponde á Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade. Este proceso efectuarase de forma continuada segundo a orde de recepción de solicitudes.

2. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

3. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria, o órgano instrutor requirirá as persoas interesadas para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fan, se terán por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución.

Artigo 10. Resolución e notificación

1. Correspóndelle á Secretaría Xeral da Igualdade, de acordo co establecido na disposición adicional segunda do Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a proposta do órgano instrutor e logo da fiscalización pola intervención delegada, a resolución destas axudas.

2. A resolución da subvención será notificada no prazo máximo de catro (4) meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, se transcorrido o dito prazo non se notifican as resolucións, as solicitudes entenderanse desestimadas.

3. Co obxecto de dar cumprimento ás obrigas establecidas nos artigos 8 e 9 do Regulamento (CE) nº 1828/2006, da Comisión, do 8 de decembro de 2006 (DOUE L/45, do 15 de febreiro de 2007) na resolución de concesión informaranse as persoas beneficiarias de que a axuda está cofinanciada polo programa operativo FSE Galicia 2007-2013, con indicación do concreto eixe e tema prioritario en que se enmarca a axuda e a porcentaxe de cofinanciamento. Así mesmo, informarase de que a aceptación da axuda comunitaria implicará a súa aparición na lista pública cos nomes dos beneficiarios, das operacións e a cantidade de fondos públicos asignada a cada operación e que a autoridade de xestión do programa operativo publicará conforme o previsto no artigo 7.2.d) do mesmo Reglamento (CE) nº 1828/2006.

Artigo 11. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro desta resolución poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres (3) meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis (6) meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 12. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias das axudas quedan obrigadas a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e demais normativa aplicable, e especificamente o seguinte:

a) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

b) Someterse ás actuacións de supervisión e control dos órganos da Administración do Estado e da Comunidade Autónoma, do Fondo Social Europeo, da unidade administradora do Fondo Social Europeo do Ministerio de Emprego e Seguridade Social, e da Secretaría Xeral da Igualdade, para realizar as comprobacións e verificacións que se consideren precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Así mesmo, estará sometida ás verificacións do artigo 13 do Regulamento (CE) nº 1828/2006.

Artigo 13. Pagamento

A axuda concedida será aboada nun pagamento único polo importe que corresponda segundo as contías determinadas no artigo 6 desta resolución, unha vez notificada a resolución de concesión. O pagamento farase unicamente na conta que as persoas solicitantes fagan constar no anexo I.

Artigo 14. Incumprimento, reintegros e sancións

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, da axuda pública percibida e dos xuros de demora que procedan, nos seguintes casos:

a) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentan a concesión da subvención.

c) Incumprimento das obrigas impostas pola Administración ás entidades colaboradoras e aos/ás beneficiarios/as, así como dos compromisos por estes/as asumidos, con motivo da concesión da subvención, distintos dos anteriores, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e a regularidade das actividades subvencionadas.

d) Incumprimento de adoptar as medidas de difusión contidas no número 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e a regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) Adopción, en virtude do establecido nos artigos 87 a 89 do Tratado da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro.

g) Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

3. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 15. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta operativa do Tesouro nº 2080 0300 87 3110063172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número de expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 16. Control

1. A Secretaría Xeral da Igualdade poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das axudas reguladas nesta resolución.

2. Ademais do anterior, todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás verificacións do artigo 13 do Regulamento (CE) nº 1828/2006 e ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 17. Publicidade e información

1. No prazo máximo de tres (3) meses contados desde a data de resolución da concesión, a Secretaría Xeral da Igualdade publicará no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, persoa beneficiaria do programa e crédito orzamentario, contía e finalidade da axuda, en aplicación do disposto no artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia e dos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión. Igualmente, nos cinco (5) días seguintes ao da notificación da concesión publicarase na páxina web oficial da Secretaría Xeral da Igualdade a relación de beneficiarias con expresión da persoa beneficiaria, a contía e a finalidade, segundo indica o artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

2. As persoas beneficiarias, coa presentación das solicitudes, autorizan a Secretaría Xeral da Igualdade a incluír e facer público, nos rexistros de axudas, subvencións, e convenios e de sancións, regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos á axuda recibida así como ás sancións impostas.

A reserva que a persoa solicitante poida facer no sentido de non autorizar a obtención de datos ou a publicidade de datos nos rexistros, que en todo caso terá que ser expresa, poderá dar lugar a exclusión do proceso de participación para obter a subvención ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido.

Artigo 18. Información ás persoas interesadas

Sobre o procedemento administrativo asociado a esta resolución, que ten o código SI440A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral da Igualdade, nas unidades de igualdade das xefaturas territoriais da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, http://www.xunta.es/resultados-da-guia-do-cidadan, ou da Secretaría Xeral da Igualdade, http://www.igualdade.xunta.es, do teléfono 881 99 91 63, no enderezo electrónico promocion.igualdade@xunta.es, ou presencialmente.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 19. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral da Igualdade. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante Secretaría Xeral da Igualdade, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Secretaría Xeral da Igualdade, Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a igualdade@xunta.es

Artigo 20. Remisión normativa

Para todo o non recollido nesta resolución aplicarase o disposto no Regulamento (CE) nº 1081/2006, do 5 de xullo, relativo ao Fondo Social Europeo; no Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión; no Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, que fixa normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; no disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento; na Orde do 21 de decembro de 2009, da Consellería de Facenda, pola que regulan as normas para a execución, seguimento e control dos programas operativos Feder de Galicia 2007-2013 e FSE de Galicia 2007-2013; na Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2007-2013 e na Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo, e a Orde ESS/1337/2013, do 3 de xullo, que a modifican; e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Disposición derradeira única

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2014

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file