Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Mércores, 21 de xaneiro de 2015 Páx. 3104

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 14 de xaneiro de 2015, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se convoca a proba para a obtención do título de bacharel para maiores de vinte anos e se ditan instrucións para a súa realización.

A Orde do 10 de febreiro de 2012 pola que se regula a proba para a obtención do título de bacharel para persoas maiores de vinte anos establece os obxectivos e características desa proba e prevé no seu artigo 4 que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa realizará a convocatoria ou as convocatorias anuais desta, sinalando os centros onde terán lugar e as súas datas de inscrición e de realización.

En consecuencia, e ao abeiro da autorización que figura na disposición derradeira primeira da mencionada orde,

RESOLVO:

Convocar a proba para a obtención do título de bacharel para maiores de vinte anos no ano 2015, nas modalidades de Ciencias e Tecnoloxía e Humanidades e Ciencias Sociais, conforme se dispón nas epígrafes seguintes:

1. Condicións das persoas aspirantes.

1. Poderán participar nestas probas as persoas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ser maior de 20 anos ou cumprir esa idade no ano 2015.

b) Non estar en posesión do título de bacharel ou de calquera outro título declarado equivalente para os efectos académicos.

c) Non estar a cursar ensinanzas de bacharelato en ningunha das súas modalidades ou réximes nin ter estado matriculado nesas ensinanzas no curso escolar 2014/15.

O incumprimento dalgún destes requisitos suporá a anulación da inscrición na convocatoria das probas e dos posibles resultados académicos obtidos nelas.

2. Os aspirantes poderán matricularse dos dous exercicios que integran a proba ou dun deles.

Poderanse matricular tamén na proba, para realizar o exercicio correspondente ás materias comúns, os aspirantes que teñan superadas as materias de modalidade de calquera das dúas vías da modalidade de Artes.

2. Forma, lugar e prazo de presentación.

1. O prazo de presentación das solicitudes será entre o 16 e o 27 de febreiro de 2015.

2. As solicitudes deberán presentarse en soporte papel, de acordo co modelo que se incorpora como anexo I a esta resolución, nos centros sinalados no número 3 desta epígrafe ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es.

3. Os centros onde se pode presentar a solicitude son os seguintes:

a) Centro EPA Eduardo Pondal, rúa Pepín Rivero 3, 15003 A Coruña.

b) IES San Clemente, rúa San Clemente s/n, 15705 Santiago de Compostela.

c) Centro EPA Albeiros, parque da Milagrosa s/n, 27003 Lugo.

d) Centro EPA de Ourense, rúa Álvarez de Sotomayor 4, 32002 Ourense.

e) Centro EPA Río Lérez, avenida de Buenos Aires 26, 36002 Pontevedra.

f) Centro EPA Berbés, rúa Marqués de Valterra 8-1º, 36202 Vigo.

3. Consentimentos e autorizacións.

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas o órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións determinados no número 3 desta epígrafe, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento o que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á publicación das listas provisionais de persoas admitidas.

3. Xunto coa solicitude presentarase a seguinte documentación:

a) Copia do DNI ou doutro documento equivalente cando non se autorice a súa consulta.

b) Certificación do ditame de discapacidade no caso de que se solicite o recoñecemento de necesidades especiais, cando esta fose recoñecida por outra Administración distinta da Xunta de Galicia ou non se autorice a súa consulta.

c) Acreditación de proceder doutra comunidade autónoma ou dun país estranxeiro no caso de solicitar a exención das materias de Lingua Galega e Literatura I e II.

d) Se procede, certificacións académicas ou copia compulsada do libro de escolaridade e/ou historial académico, onde se acredite ter superado materias para validar algún exercicio.

4. Datos de carácter persoal.

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Alumnado» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a sxeefp@edu.xunta.es.

5. Listas de admitidos e reclamacións.

1. Concluído o prazo de presentación de solicitudes, o tribunal celebrará unha sesión para determinar as listas provisionais de persoas admitidas e excluídas, con expresión neste último caso das causas que motivaron a exclusión.

2. No prazo de quince días posteriores á conclusión do prazo de presentación de solicitudes, o tribunal publicará esas listas (anexo II).

Xunto coa relación de persoas admitidas indicaranse os exercicios validados coa nota correspondente e as exencións da materia de Lingua Galega e Literatura (I e II), de conformidade coa documentación presentada. A equivalencia entre as materias superadas no bacharelato e os exercicios da proba aparece no anexo III desta resolución.

3. O tribunal resolverá as reclamacións que se presenten, concedendo un prazo de emenda e mellora das solicitudes de tres días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación da relación.

4. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa (https://sede.xunta.es/modelos-normalizados), que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. Unha vez resoltas as reclamacións, o tribunal publicará no centro correspondente a lista definitiva dos aspirantes inscritos e remitirá o anexo IV desta resolución á xefatura territorial correspondente e ao correo electrónico educadultos@edu.xunta.es do Servizo de Xestión Económica e Educación de Persoas Adultas da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

6. Xunto coas listas de admitidos, informaranse os aspirantes do material que se pode utilizar na realización da proba, como se especifica na epígrafe 9.4 desta resolución.

6. Tribunais.

1. A xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria na Coruña nomeará o tribunal encargado de avaliar a proba, con sede no instituto San Clemente de Santiago de Compostela.

2. Á vista das especialidades dos vogais do tribunal, a presidencia deste proporá á xefatura territorial, para o seu nomeamento, os asesores especialistas das distintas materias necesarios para colaborar na corrección dos exercicios.

3. Os membros do tribunal e os asesores especialistas poderán percibir axudas de custo por asistencia e axudas para gastos de locomoción por concorreren ás sesións de avaliación, consonte o Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, e o Decreto 96/2011, do 5 de maio, polo que se modifica o Decreto 144/2001, do 7 de xuño.

4. A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, á vista dos aspirantes inscritos, poderá establecer outros tribunais cando sexan necesarios para a celebración da proba.

7. Celebración da proba.

A proba celebrarase o día 24 de abril de 2015 en sesións de mañá e tarde no IES San Clemente de Santiago de Compostela.

8. Características da proba.

1. A proba organizarase de xeito diferenciado segundo as dúas modalidades de bacharelato para as cales se convoca.

2. A proba constará de dous exercicios: o primeiro deles terá unha duración de cinco horas e o segundo, de tres horas trinta minutos. Entre os dous exercicios haberá un descanso de dúas horas.

3. Os contidos dos exercicios terán como referente os aspectos básicos do currículo recollido no Decreto 126/2008, do 19 de xuño, polo que se establece a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Primeiro exercicio, de materias comúns.

a) Primeira parte: Lingua Galega e Literatura. Incluirá cuestións que medirán as habilidades e destrezas de expresión e comprensión e as capacidades de reflexión sobre aspectos lingüísticos, de interpretación crítica de textos e de análise e recoñecemento das características textuais. Tamén conterá preguntas sobre movementos literarios, obras e autores relevantes da literatura galega, nas cales se valorarán as capacidades de comparación, interpretación e valoración crítica do aspirante.

b) Segunda parte: Lingua Castelá e Literatura. Incluirá cuestións que medirán as habilidades e destrezas de expresión e comprensión e as capacidades de reflexión sobre aspectos lingüísticos, de interpretación crítica de textos e de análise e recoñecemento das características textuais. Tamén conterá preguntas sobre movementos literarios, obras e autores relevantes da literatura en lingua castelá, nas cales se valorarán as capacidades de comparación, interpretación e valoración crítica do aspirante.

c) Terceira parte: lingua estranxeira. A partir dun texto ou textos propostos, o aspirante deberá demostrar as súas capacidades de comprensión e expresión escritas na lingua obxecto de exame, que poderá ser inglés ou francés.

d) Cuarta parte. Resposta por escrito a unha serie de cuestións relativas aos contidos das materias de Ciencias para o Mundo Contemporáneo, Filosofía e Cidadanía, Historia da Filosofía e Historia de España.

5. O segundo exercicio, diferente para cada modalidade, versará sobre as materias de modalidade establecidas no artigo 7 do Decreto 126/2008, do 19 de xuño, polo que se establece a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia. Avaliará o logro dos obxectivos propios do bacharelato e a adquisición das destrezas básicas das materias de modalidade, como a comprensión de conceptos, o manexo da linguaxe científica, a resolución de problemas e as capacidades de analizar, relacionar e sintetizar.

O aspirante realizará os exercicios correspondentes ás materias obrigatorias da modalidade que seleccione, e doutras catro elixidas de acordo coas especificacións do anexo V.

Para cada unha das partes do segundo exercicio integraranse nun mesmo exame cuestións das materias incluídas nelas.

9. Normas de realización da proba.

1. Entre as 8.30 e as 9.00 horas realizarase o chamamento para o acceso aos espazos de realización da proba. Os aspirantes identificaranse debidamente con DNI ou pasaporte antes de entrar neles.

2. A sesión da mañá durará das 9.00 ás 14.30 horas e dedicarase á realización do exercicio correspondente ás materias comúns. Organizarase en dous períodos:

Primeiro, das 9.00 ás 12.00 horas: realizaranse os exames correspondentes ás materias comúns Lingua Galega e Literatura (I e II) e Lingua Castelá e Literatura (I e II). Ao comezo deste período, o tribunal repartirá entre os aspirantes os exames correspondentes a ambas as dúas linguas, para que estes dosifiquen o tempo dispoñible de acordo coas súas preferencias.

Segundo período, das 12.30 ás 14.30 horas: realizaranse os exames correspondentes a Lingua estranxeira (I e II) e cuestións de Ciencias para o Mundo Contemporáneo, Filosofía e Cidadanía, Historia da Filosofía e Historia de España. Igualmente, ao comezo deste período, o tribunal repartirá entre os aspirantes os dous exames para que estes dosifiquen o tempo dispoñible de acordo coas súas preferencias.

3. A sesión da tarde dedicarase á realización do exercicio das materias de modalidade, de acordo coas especificacións do anexo V, e durará das 16.30 ás 20.30 horas. Organizarase en tres períodos:

Primeiro, das 16.30 ás 18.00 horas: realizarase a parte ou exame correspondente ás materias de modalidade obrigatorias.

Segundo, das 18.00 ás 19.00 horas: realizarase a parte segunda das probas de modalidade. Os aspirantes escollerán unha entre as dúas opcións sinaladas para esa segunda parte na modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais ou unha entre as catro opcións da modalidade de Ciencias e Tecnoloxía.

Terceiro, das 19.30 ás 20.30 horas: realizarase a parte terceira das probas de modalidade. Os aspirantes escollerán unha entre as tres opcións sinaladas para a terceira parte na modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais ou unha entre as tres opcións sinaladas para a modalidade de Ciencias e Tecnoloxía.

4. Os aspirantes poderán utilizar os seguintes materiais na realización da proba:

a) Nas materias que implican operacións numéricas (exames con contidos de Matemáticas, Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais, Física e Química, Física, Química, Electrotecnia, Tecnoloxía Industrial e Economía) poderán utilizar unha calculadora científica, agás as que sexan programables, gráficas ou con capacidade para almacenar e transmitir datos.

b) Nas materias de Latín e Grego, dicionario desas linguas.

c) Na materia de Debuxo Técnico, portaminas ou lapis, goma, regra milimetrada, escuadro, cartabón e compás.

Os aspirantes non poderán utilizar durante a realización da proba teléfono móbil nin calquera outro dispositivo de almacenamento ou transmisión de datos.

10. Certificación e expedición do título.

1. A acta de avaliación recollerá os resultados de cada un dos exercicios e, se é o caso, a súa validación (anexo VI).

2. O tribunal deixará tamén constancia das cualificacións obtidas polos aspirantes nas diferentes partes do exercicio segundo, de materias de modalidade (anexo VII), para os efectos da certificación mencionada no número 4 deste punto.

3. O tribunal utilizará os modelos que figuran nos anexos VIII e IX para expedir aos aspirantes as certificacións de ter superado algún dos exercicios ou de ser propostos para a expedición do título de bacharel.

4. As persoas que superen os dous exercicios ou as que tivesen validado o primeiro exercicio e superen o segundo poderán solicitar unha certificación das cualificacións obtidas en cada unha das partes do segundo exercicio, de materias de modalidade, para que poidan xuntala á documentación de solicitude de prazas en ensinanzas de ciclos de formación profesional de grao superior. O tribunal estenderá esa certificación segundo o modelo do anexo X.

5. Concluído o proceso de avaliación, a presidencia do tribunal remitirá a ficha estatística do anexo XI ao correo electrónico educadultos@edu.xunta.es do Servizo de Xestión Económica e Educación de Persoas Adultas da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

6. Concluído ese proceso de avaliación por parte do tribunal, as certificacións posteriores solicitadas polos aspirantes serán asinadas polo director ou directora e polo secretario ou secretaria do centro onde se custodia a documentación das probas.

Disposición derradeira única.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2015

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file