Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Xoves, 22 de xaneiro de 2015 Páx. 3360

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 171/2014, do 26 de decembro, polo que se declara ben de interese cultural, coa categoría de monumento, a Fábrica de Cerámica de Sargadelos ligada ao Laboratorio de Formas, no termo municipal de Cervo (Lugo).

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural incoou por medio da Resolución do 25 de xaneiro de 2013 (DOG núm. 31, do 13 de febreiro) o procedemento para a declaración de ben de interese cultural, coa categoría de monumento, da Fábrica de Cerámica de Sargadelos ligada ao Laboratorio de Formas, no termo municipal de Cervo (Lugo).

En relación co que dispón a Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, e como se recolle na propia resolución pola que se incoa o procedemento, abriuse un trámite de información pública por un período de dous meses no cal se puideron presentar as alegacións que se xulgaron oportunas. A documentación do expediente estivo á disposición do público nas oficinas da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no Edificio Administrativo de San Caetano en Santiago de Compostela durante todo o proceso. A incoación notificóuselle ao Concello de Cervo, á Fábrica de Sargadelos e ao Seminario de Sargadelos e foi posteriormente publicada no Boletín Oficial del Estado (BOE núm. 118, do 17 de maio).

Como resultado do período de información pública achegáronse catro alegacións cun contido semellante todas elas, nas cales solicitaban que o contorno de protección proposto se limitase ás parcelas pertencentes á Fábrica, e que se excluísen as restantes por non formar parte do complexo industrial.

Na instrución do procedemento a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural solicitou informe a dous dos órganos consultivos a que fai referencia a Lei do patrimonio cultural de Galicia, en concreto á Real Academia Galega de Belas Artes da Nosa Señora do Rosario e ao Consello da Cultura Galega, que concorren na súa estimación do valor sobranceiro das instalacións da Fábrica de Cerámica de Sargadelos ligada ao Laboratorio de Formas. Os dous órganos consultivos realizan unha serie de recomendacións específicas ou puntualizacións que cómpre destacar pola súa importancia na resolución definitiva do expediente.

As recomendacións da Real Academia Galega de Belas Artes estaban relacionadas coa necesidade de completar a información e a documentación sobre os bens que conforman o conxunto, tanto inmobles coma mobles e documentais, e, polo tanto, poderán ser obxecto de traballos de documentación específicos de carácter técnico e especializado futuros, e non impiden a resolución do expediente.

As puntualizacións do Consello da Cultura Galega, tanto na recomendación de cambio de categoría de protección, aconsellando a ampliación do conxunto histórico, así como a ampliación da súa delimitación, poderán ser avaliadas no marco dun procedemento diferente, no cal entre en xogo a análise de tipo territorial e paisaxístico, que complete o coñecemento do ámbito do conxunto histórico actualmente delimitado, e sen que isto impida a consideración como monumento da Fábrica de Sargadelos ligada ao Laboratorio de Formas.

Como conclusión de todos os aspectos sinalados nos diferentes informes destaca a importancia da propia actividade industrial e da necesidade de que calquera figura de protección garanta o seu desenvolvemento normal e mesmo posibilite o seu crecemento e ampliación sustentable dentro dunhas adecuadas condicións para a conservación dos seus valores culturais.

A declaración como ben de interese cultural coa categoría de monumento garante esta posibilidade, establecendo uns criterios de intervención específicos para a protección material dos edificios e instalacións máis singulares, así como os bens mobles e producións artísticas salientables, e posibilitando a integración harmoniosa dos medios ou instalacións que resulten precisas para continuar coas actividades, que son a cerna e a verdadeira razón de ser da Fábrica de Sargadelos ligada ao Laboratorio de Formas, na procura da integración total de arte e vida, principios dos que participaban os movemento culturais europeos da época da súa creación.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e seis de decembro de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Primeiro. Declarar ben de interese cultural, coa categoría de monumento, a Fábrica de Cerámica de Sargadelos ligada ao Laboratorio de Formas, no termo municipal de Cervo (Lugo), segundo a descrición e os criterios básicos para a súa protección que constan no anexo I deste decreto.

Segundo. Delimitar os inmobles e o seu contorno de protección segundo a descrición literal e os planos dos anexos II e III deste decreto.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de decembro de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I
Descrición do ben

A. Edificio circular de Andrés Fernández-Albalat Lois (UTM X: 628.877 Y: 4.836.288). O edificio circular de Andrés Fernández-Albalat Lois, membro do Laboratorio de Formas, foi o primeiro do complexo e as súas obras iniciáronse en 1968. Trátase dun edificio industrial singular con forma de coroa circular, que responde ao requirimento funcional dun proceso produtivo linear no cal debían confluír o inicio e o final. Ao mesmo tempo, debía converterse en espazo de relación entre as persoas e cultural como sede do Laboratorio de Formas, así como símbolo da propia fábrica. Nel Fernández-Albalat consegue unha superación do funcionalismo estrito, pois, dotándoo dunha forma envolvente arredor do patio, consegue unha imaxe representativa máis próxima ao cultural que ao industrial. A súa linguaxe arquitectónica conxuga tradición e modernidade, non só nas formas senón tamén nos materiais, nos cales destaca o expresionismo da estrutura de formigón, radialmente concibida, presente en todo o edificio.

B. Vivenda de Isaac Díaz Pardo (UTM X: 628.809 Y: 4.836.408). Responde á necesidade de Isaac Díaz Pardo de controlar todo o proceso produtivo e creativo do novo Sargadelos, para o cal constrúe a mediados de 1970 a súa vivenda nas inmediacións da fábrica como parte integrante do conxunto. Cun programa de mínimos, Isaac deseña un pequeno edificio de grande austeridade en dúas plantas. Utiliza unha linguaxe tradicional con incorporacións de elementos de modernidade, como as escaleiras interiores, a gran fiestra inclinada do seu estudio ou a pasarela de formigón que comunica co edificio do Auditorio e Departamento de Arte e Comunicación. O espírito artístico de Isaac emana nos pequenos detalles, o que lle confire unha especial singularidade.

C. Auditorio e Departamento de Arte e Comunicación (UTM X: 628.833 Y: 4.836.391). Constrúese a principios dos anos setenta do século XX, inmediatamente despois da primeira fase da vivenda. Tamén albergaría a biblioteca, salas de reunión e unha pequena cafetaría, dando así resposta ás inquietudes de Isaac e Luís Seoane de converteren o novo Sargadelos nun foco de actividade cultural libre, artística, de experimentación formal e investigación arredor do deseño industrial, que axudara á recuperación cultural e social de Galicia.

O edificio concíbese como os teatros clásicos, coas bancadas escavadas e apoiadas na aba do monte e a típica forma de sector circular en planta. A ambos os dous lados, de forma simétrica, sitúanse á esquerda a entrada, oficinas, salas de reunión e Departamento de Deseño, e á dereita, aseos, cafetaría e apartamentos para profesores dos talleres e convidados, destacando na última planta un apartamento estudio cunha gran fiestra aberta para o norte onde acostumaba residir Luís Seoane. As fachadas de cachotaría incorporan pedras de forma irregular que sobresaen daquelas e outorgan unha especie de ritmo escultórico á arquitectura.

A linguaxe arquitectónica segue a ser de integración da arquitectura tradicional galega coa nova arquitectura do século XX, e entronca coa idea de Isaac para a produción de cerámica de superar o racionalismo uniformizante das vangardas a través do diferencialismo baseado na tradición galega.

D. Escola de Tecnoloxía e laboratorios (UTM X: 628.858 Y: 4.836.370). Construído tamén na década dos setenta do século pasado, é un gran edificio con dous corpos diferenciados seguindo os desniveis do terreo. Foi o corazón das innovacións tecnolóxicas e de experimentación formal a través do Seminario de Sargadelos e dos innumerables cursos que ano tras ano se realizaron, dirixidos por artistas e especialistas da máxima categoría profesional no ámbito galego, nacional e internacional.

O primeiro corpo, a unha auga, sitúase elevado sobre o muro de pedra do aparcadoiro. A fachada principal, marcadamente triangular, posúe un soportal resolto mediante unha arcada de formigón con arcos de medio punto que protexe a entrada na planta baixa.

Sobre ela, elévase o resto da fachada recebada e pintada de branco, marcando a estrutura de piares de formigón, placas e arcos cunha cor marrón violácea, que lembra, en certo modo, arquitecturas tradicionais.

As carpintarías son de madeira pintadas de cor branca, combinando grandes superficies vidradas tipo galería con ocos pequenos de aspecto máis tradicional.

A cuberta cobre o diáfano e grande espazo dos talleres mediante unhas singulares e grandes vigas metálicas alveolares tipo «void», nas que Isaac verteu a súa creatividade artística deseñando uns alvéolos ondulantes en lugar dos típicos hexagonais e conseguindo, así, un elemento estrutural orixinal de gran beleza.

O segundo volume, a dúas augas, sitúase acaroado ao anterior, monte arriba no seguinte socalco. Posúe catro plantas contra a rocha existente que acompañan a pendente natural do terreo, de maneira que a cuarta se converte en baixa na parte superior. As fachadas deste corpo son tamén recebadas e pintadas de cor branca con xogos xeométricos marcados pola estrutura de formigón pintada en marrón violáceo e triangulacións en vermello. Ao norte resólvese cunha vidreira tipo galería rematada no pincho.

O aspecto de todo este conxunto é unha mestura de tradición e modernidade matizada pola especial man de Isaac, que lle conferiu unha plasticidade pictórica no tratamento das fachadas e da estrutura metálica da cuberta.

E. Pasarela metálica de comunicación co edificio circular (UTM X: 628.858 Y: 4.836.333). A pasarela metálica de comunicación co edificio circular é un elemento moi importante na configuración do conxunto. En primeiro lugar permite que os novos volumes da Escola de Tecnoloxía se afasten o suficiente do Edificio Circular como para manter a visión completa e illada deste, axudando á percepción da súa monumentalidade. Ao mesmo tempo, permitía a comunicación a salvo das inclemencias do tempo entre a fábrica orixinal e as actividades do Auditorio, Laboratorio de Formas, Seminario e talleres de experimentación creativa. En segundo lugar, é un elemento marcadamente industrial, funcional e dunha dimensión que lle outorga unha certa categoría escultórica na paisaxe, resolto con estrutura metálica a base de apoios puntuais e vigas celosía de perfís normalizados pintados en cor vermella.

F. Marquesiña de formigón ondulada e muro de pedra (UTM X: 628.844 Y: 4.836.349). A marquesiña de formigón do aparcadoiro desenvólvese linealmente apoiada no muro de pedra que salva o desnivel coa plataforma onde se constrúe a Escola de Tecnoloxía. O muro tamén debemos consideralo elemento de interese, ao ser apoio da marquesiña e ter, ademais, incorporadas unha serie de rodas de muíño de maneira escultórica acompañando as ondas. A marquesiña supón un exemplo virtuoso do emprego do formigón levado ao límite dimensional mínimo desde o punto de vista estrutural, e ao tempo, un exemplo plástico, escultórico e intencionado para resolver a necesidade de protección dos vehículos. Está pintada en cor levemente violácea dentro da gama da Escola de Tecnoloxía.

G. Pía do Xunco (UTM X: 628.805 Y: 4.836.337). É unha piscina descuberta situada no socalco inferior baixo a cota da estrada de acceso a todo o complexo e fronte á Escola de Tecnoloxía. Tiña como obxectivo inicial completar as actividades do persoal traballador da fábrica e das súas familias mellorando a súa calidade de vida e oportunidades de lecer. A súa singularidade radica na superficie do seu fondo, decorado cun mosaico mural de Luís Seoane que representa dous polbos cos seus múltiples brazos entrelazados.

Outros elementos de interese.

Ademais dos enumerados anteriormente, indícanse outros elementos do conxunto con interese arquitectónico e cultural (identificado no anexo II coa letra H seguida dos números seguintes) incluídos na identificación do monumento:

1. Torres metálicas (UTM X: 628.891 Y: 4.836.306 e X: 628.871 Y: 4.836.263) e pequenas pasarelas (UTM X: 628.864 Y: 4.836.345 e X: 628.893 Y: 4.836.313). Responden ás necesidades de comunicación ou tecnolóxicas dentro da fábrica. Construídas con estrutura metálica e cores de maneira similar á longa pasarela entre o Edificio Circular e a Escola de Tecnoloxía.

2. Muro de pedra escultórico e mural de Isaac Díaz Pardo (UTM X: 628.914 Y: 4.836.300). Sitúase no zócolo do edificio da ampliación da fábrica conformando unha pasaxe baixo ela pola que circulan camións de carga. O muro combina a cachotaría con pezas ciclópeas que sobresaen aparentemente de forma aleatoria e conseguen un efecto de gran mural escultórico en pedra. Na parte dereita apóiase sobre un muro de formigón profusamente decorado por Isaac con grosos trazos negros e manchas ovaladas na mesma cor, do cal resulta un mural de aspecto abstracto con certo aire africano. Na parte superior do mural pódese ler unha inscrición do propio Isaac que di: Formas resistentes ao que virá.

3. Escultura policromada de Isaac na esquina circular de acceso á ampliación da fábrica (UTM X: 628.895 Y: 4.836.317). Conxunto de formas xeométricas e rostros policromados en cores negra, vermella, ocre e branca, incrustados no muro cilíndrico de pedra e sobresaíndo del.

4. Depósito de auga-miradoiro (UTM X: 628.945 Y: 4.836.391). Situado na parte alta do monte sobre o cal se asenta a fábrica. Cilindro de formigón con pequenas fiestras na súa parte superior e escaleira helicoidal que o circunda, e dá acceso á terraza superior, convertida nun miradoiro sobre a paisaxe. A súa forma pura e o ritmo de ocos fai deste depósito un elemento escultórico co selo creativo de Isaac.

5. Pequeno edificio de tratamento de minerais (UTM X: 628.968 Y: 4.836.308). Trátase dun pequeno edificio seguindo o desnivel da aba para moer o mineral, que vai pasando por gravidade aos niveis inferiores. Acabamento en recebo pintado de branco con xogos xeométricos a base de bandas en cor vermella.

6. Fornos de ladrillo experimentais (UTM X: 628.890 Y: 4.836.353). Situados no exterior por riba da Escola de Tecnoloxía, son dous exemplos interesantes de arquitectura industrial en ladrillo.

Pertenzas, accesorios e bens mobles e documentais vinculados especialmente

Bens artísticos e mobles ligados ao edificio circular.

1. Mosaico mural de Luís Seoane sobre a figura de Ibáñez. Situado nun lateral da pasaxe de entrada á praza circular. É unha homenaxe a Antonio Raimundo Ibáñez, fundador do Sargadelos da Ilustración. Mosaico realizado con pezas de cerámica, branca e amarela, combinadas con anacos de lousa gris. Material natural, a lousa, a dialogar cun material artificial, a cerámica.

2. Escultura de tres caras de Isaac Díaz Pardo. Incrustada no muro de pedra da planta baixa da praza circular, preto da entrada ás oficinas e zona de exposición. Realizada en granito coloreada con trazos azuis e recheos en branco, amarelo, azul cián e vermello. Unha cara frontal no centro é flanqueada á esquerda por unha cara a tres cuartos e outra á dereita de perfil.

3. Mosaicos de Luís Seoane no comedor. Estampa popular galega. Son catro murais realizados con anacos de porcelana branca combinados con lousa negra. Tres desenvolven motivos populares e campesiños como unha homenaxe ás xentes do rural e outro é un tema mariño: Xentes do pobo bailando a muiñeira, Xentes falando, Mulleres traballando o campo e Gaivotas e ondas do mar (rodea unha porta central).

4. Táboa dos Irmandiños. Trátase dunha serie de portas de madeira de dúas follas con debuxos xeométricos inspirados no mundo celta, deseñadas por Luís Seoane.

5. Esculturas redondas incrustadas no muro de pedra do patio. Son dúas esculturas de Arcadio Blasco con forma de rodas de muíño decoradas: Para moer conciencias.

6. Esculturas e pezas de cerámica do espazo do museo. Na primeira planta do Edificio Circular, nas salas dedicadas a museo de cerámica, sitúanse pezas provenientes unhas do resto de España, como mostra de cerámica popular, e outras dos talleres dos seminarios que ano tras ano foron experimentando novas formas.

É un conxunto de centos de pezas de grande interese entre as cales atopamos exemplos de Antonio Oteiza, Silverio Rivas, ou o deseño da vaixela Camilo José Cela deseñada por Alberto Isern Castro, José M. Mir Borrut e o propio Cela.

7. Mobles deseñados por Isaac Díaz Pardo ligados ao Edificio Circular. É obrigado salientar a faceta de deseñador industrial de Isaac, que dotou o Edificio Circular de Albalat dunha serie de mobles que podemos considerar ligados ao inmoble:

a) Cadeira de brazos da serie antropomorfa.

b) Cadeira de madeira. Estrutura de táboas de piñeiro aparafusadas. Asento e respaldo acolchados. As patas triangulares danlle un aspecto propio que se repite noutros mobles de Isaac.

c) Mesas do comedor. A súa estrutura é metálica a base de dúas patas cilíndricas con pés de cartelas trianguladas e apoios circulares roscados para asegurar en todo momento o correcto apoio. O taboleiro, rectangular de madeira acabado en formica cun debuxo xeométrico monférico de dous cadrados con diagonais e mosaico azul e branco, as cores da típica cerámica de Sargadelos.

d) Barra-mostrador da cafetaría do comedor. Realizada con taboleiros de madeira industriais de forma rectilínea rematada en semicírculo. Posúe un zócolo decorado de forma similar ás mesas do comedor, pero con cores vermella, branca e gris.

e) Mesa para varios comensais. Situada na zona da exposición e venda, consiste nunha coroa circular á cal lle falta un sector cunha bandexa xiratoria para a comida. Estrutura metálica e taboleiro industrial de madeira.

f) Mesas circulares de traballo. Mesa circular de grandes dimensións xiratoria para ir retocando as pezas antes de pasar ao seguinte proceso. Estrutura metálica con patas en forma de cruz con apoios roscados e taboleiro de madeira maciza colada. Actualmente estas mesas sitúanse no novo edificio da ampliación da fábrica.

g) Mesas rectangulares de traballo. Estrutura metálica con patas e pés con apoios roscados similares aos das mesas do comedor. O taboleiro de traballo é unha placa de formigón armado, rematada superiormente con azulexos.

8. Sistema de sinalización. A creatividade de Isaac chegou tamén a toda a cartelaría e sinalización necesaria para o correcto funcionamento da fábrica. Abranguía tanto sinais direccionais ou identificativos de zonas ou actividades, como pictogramas dos aseos ou carteis didácticos dirixidos ao persoal da fábrica indicando a forma correcta de desenvolver o traballo. Isaac deseñou o tipo de letra que se empregaría, que lembra a empregada por Castelao, e a forma, cor e dimensión dos carteis levan a pegada persoal de Isaac. O sistema de sinalización esténdese a todos os edificios e espazos exteriores.

Bens artísticos e mobles deseñados por Isaac ligados á vivenda.

O interior da vivenda está repleto de detalles creativos e enxeñosos de Isaac, cunha linguaxe moderna, funcional, industrial ás veces, convivindo con outros que recollen a parte máis racional da arquitectura popular, como a porta de madeira de castiñeiro de grandes táboas na entrada:

1. No salón, dous sofás e unha mesa rectangular de centro.

2. No comedor, unha gran mesa rectangular apoiada no muro da fiestra e nunha única pata centrada e dous bancos ao xeito tradicional, todo construído con grandes táboas de castiñeiro, resolven de maneira austera e elegante as necesidades de xantar.

3. No seu estudio, diván a modo de chaise-longe con estrutura de madeira pintada de azul violáceo e tapizaría gris levemente azulada.

4. As escaleiras de dous tramos son un elemento destacable pola súa relación co movemento moderno, con chanzos de madeira pintados en gris, varanda de taboleiro pintada en cor branca e tubo circular vertical de cor vermella.

5. Outro detalle de deseño interesante é o conxunto das instalacións á vista, colocadas cun coidado criterio compositivo propio da arquitectura industrial. A tubaxe de auga pintada, a fría de azul e a quente en cor vermella, danlle un aspecto pictórico.

6. Na fachada principal á esquerda, no corpo inicial sitúase incrustada e resaltada unha escultura de Isaac consistente nun gran perpiaño cunha espiral gravada.

Bens artísticos e mobles deseñados por Isaac ligados ao Auditorio e Departamento de Arte e Comunicación.

1. Escultura de Isaac incrustada na fachada principal dos apartamentos consistente nunha cara con resaltes pintados con grosos trazos negros.

2. Asentos do Auditorio resoltos coa cadeira de madeira e tapizaría en branco, similar á do comedor do edificio circular, que se repite polas bancadas, como un produto tipicamente industrial seriado.

3. A mesa ensamblable. Onda de estrutura metálica e taboleiro curvo que, ao ensamblarse unha con outra, conforma unha curva e contracurva.

4. Mesa, cadeiras e panel-expositor do apartamento de Luís Seoane. As cadeiras son iguais ás do auditorio. A mesa é un taboleiro apoiado nunha estrutura de madeira tipo cabalete, habitual nos estudios. O panel-expositor é un gran taboleiro con volume, cun oco rectangular nun extremo que serve como estante, de composición minimalista.

5. Vitrinas na zona de entrada cos seus contidos, pezas de artesanía galega, libros de Castelao e outros autores.

6. Gran mesa rectangular de reunións de estrutura metálica e taboleiro de táboas macizas de castiñeiro e as súas cadeiras.

7. Mesa de reunións redonda con oco central de estrutura metálica e taboleiro industrial de madeira.

8. Lámpada pendurada dun guindastre. Estrutura metálica e seis focos radiais para iluminar a mesa circular.

9. Sofá apoiado na parede. Estrutura de madeira con taboleiros e tapizaría cor gris.

10. Mesa de apoio con bandexa inferior. Estrutura metálica e pés regulables. Taboleiro industrial.

11. Existen tamén unha roda de afiador e unha peza de cestaría tradicional, elementos etnográficos incorporados a este edificio.

Bens mobles deseñados por Isaac ligados á Escola de Tecnoloxía e laboratorios.

Neste edificio de experimentación formal e tecnolóxica debemos destacar as máquinas de facer cerámica nel contidas, todas elas deseñadas por Isaac e o seu equipo. Rodas de oleiro, fornos e algún aparello de laboratorio que son exemplo da evolución científica e tecnolóxica da fábrica:

1. Mesa de grandes dimensións de taboleiro de madeira maciza de castiñeiro e estrutura de táboas do mesmo material.

2. Cadeiras de madeira tapizadas en vermello, do mesmo modelo que as do Auditorio e comedor.

3. Mobles de andeis de madeira e tubos metálicos pintadas en cor amarela para pousar as pezas saídas dos talleres.

4. Cadeiras de brazos de estrutura de madeira de deseño similar á cadeira do comedor pero con brazos e inclinación do respaldo para unha maior comodidade, tapizada en tecido azul claro.

5. Mesas de traballo de estrutura de táboas de madeira e taboleiros acabados en branco.

6. Diversas máquinas de elaboración de cerámica.

Bens documentais ligados ao conxunto.

Supoñen un extenso patrimonio reflexo da actividade tecnolóxica e produtiva da fábrica, pero sobre todo son o testemuño de toda a actividade cultural, artística e intelectual que se desenvolveu nos seminarios, talleres e conferencias arredor do Laboratorio de Formas. Distribúense en diversos departamentos do edificio do Auditorio, vivenda, Escola de Tecnoloxía e Edificio Circular. Centos de fotografías das obras, dos actos celebrados, das reunións cos persoeiros mais salientables da cultura galega e internacional, debuxos de Isaac Díaz Pardo, cartas e outros documentos de interese que sería necesario rexistrar, dixitalizar e ordenar para o seu correcto arquivo.

Moi interesantes son tamén os planos e debuxos das distintas máquinas de fabricación da cerámica ideadas e deseñadas por Isaac sobre a base de modelar pasta de caolín mediante rolos xiratorios e distintos aparellos complementarios tamén deseñados por el, que foron un avance tecnolóxico no seu campo e que mesmo foron copiadas posteriormente noutros países europeos.

Segundo a información que consta na Consellería, ligados ao conxunto, a Fábrica de Sargadelos conta cun arquivo fotográfico aproximado ás 3.000 unidades, e o Seminario e o Laboratorio de Formas con unidades de documentación variada de cerca de 1.000 folios.

Criterios básicos para a protección do ben de interese cultural

A protección como ben de interese cultural da Fábrica de Sargadelos ligada ao Laboratorio de Formas en Cervo (Lugo) terá como principal obxectivo recoñecer e garantir a importancia da propia actividade industrial e o seu desenvolvemento normal, incorporando a posibilidade do seu crecemento e ampliación sustentable dentro dunhas adecuadas condicións para a conservación dos seus valores culturais, que serán tamén unha referencia principal para as actuacións que poidan desenvolverse.

En consecuencia, os usos e intervencións que se realicen no monumento ou no seu contorno terán por obxecto o mantemento da actividade industrial e cultural para a cal foron deseñados. As actividades e intervencións que teñan por obxecto ampliar ou mellorar as condicións de produción industrial da cerámica de Sargadelos serán admisibles, sempre que se desenvolvan con respecto de todos os elementos identificados na declaración, garantindo a súa conservación e a súa interpretación tanto cultural coma funcional. As instalacións e construcións necesarias para desenvolver a actividade industrial deseñaranse e executaranse de forma compatible coas existentes e procurando a mellor e máis adecuada integración no conxunto en volumes, cromatismo, materiais e composición xeral. Os elementos orixinais deberán permanecer discernibles e identificables. As intervencións que se poidan desenvolver deberán definirse por medio de proxectos técnicos en que se desenvolvan os devanditos criterios e coa base dunha adecuada memoria xustificativa que avalíe a compatibilidade das propostas cos valores culturais que se protexen.

No relativo aos bens mobles e documentais ligados ao conxunto, permanecerán preferentemente nas condicións funcionais nas cales foron creados, agás que as condicións de conservación que requiran aconsellen outro tipo de medidas, e, en calquera caso, procurarase a realización dun inventario e identificación pormenorizada de todos eles.

ANEXO II
Delimitación literal do ben inmoble e o seu contorno de protección

A delimitación do conxunto de construcións que forman parte da Fábrica de Cerámica de Sargadelos ligada ao Laboratorio de Formas identifícase coa superficie dos seguintes edificios:

A. Edificio Circular de Andrés Fernández-Albalat Lois.

B. Vivenda de Isaac Díaz Pardo e ponte de comunicación co Auditorio.

C. Auditorio e Departamento de Arte e Comunicación.

D. Escola de Tecnoloxía e laboratorios.

E. Pasarela metálica de comunicación co edificio circular.

F. Marquesiña de formigón do aparcadoiro e muro de pedra.

G. Piscina do Xunco.

H. Outros elementos:

H1 Torres metálicas e pequenas pasarelas.

H2 Muro de pedra con pintura mural de Isaac.

H3 Escultura policromada de Isaac.

H4 Depósito de auga-miradoiro.

H5 Pequeno edificio de tratamento de minerais.

H6 Forno de ladrillo.

En relación co contorno de protección, defínese un polígono irregular que xira en sentido horario, segundo a seguinte relación de puntos desde o 1 ao 11 e ata pecharse de novo no punto de orixe:

O punto 1 sitúase no encontro do lindeiro sueste da parcela catastral número 04 do polígono 90620 coa estrada CP 15-5 Vilaestrofe-Burela. Desde aquí discorre perpendicular á estrada ata o punto 2, no límite da parcela 06 do polígono 89630. Desde aquí segue pola beira da estrada ata o punto 3, no vértice noroeste da parcela 34 do polígono 91640. Desde o punto 3 ao 4 discorre polos lindeiros norte das parcelas 34 e 09 do polígono 91640. O tramo 4-5 é o linde entre as parcelas 09 e 32 do polígono 91640. A seguir continúa polos lindeiros entre as parcelas 09 e 08 e entre a 50 e a 08 do polígono 91640, ata o punto 6, no que conflúe co camiño. Desde o punto 6 defínese unha liña recta ata o punto 7, intersección do camiño coa estrada CP 15-5. Continúa pola beira da estrada e bordea polo leste a parcela 01 do polígono 90620, sen incluíla, ata o punto 8, na confluencia entre a parcela 01 e a 05 do polígono 90620 e a estrada CP 15-5. O contorno percorre o linde sur da parcela 05 devandita ata o encontro coa parcela 01 do polígono 88600, no punto 9, recorrendo o linde sur ata o encontro coa parcela 16 do polígono 88600 e o río Xunco, que conforman o punto 10. O contorno segue polo linde da parcela 05 do polígono 90620 cara ao norte, no estremo do río Xunco, ata a parcela 04 do mesmo polígono, na cal se identifica o punto 11. Desde este punto o contorno sigue a linde entre as parcelas 04 e 05 do polígono 90620 ata a confluencia de novo coa estrada CP 15-5, no cal se localiza o punto 1 de inicio desta delimitación.

ANEXO III
Plano coa identificación gráfica dos inmobles que constitúen o monumento e a delimitación do seu contorno de protección

LU Cervo Sargadelos LF Delimitacion da Declaracion 20141226 GALEGO.jpg