Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Luns, 26 de xaneiro de 2015 Páx. 3753

III. Outras disposicións

Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 26 de decembro de 2014 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia para proxectos de equipamentos térmicos de biomasa, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se anuncia a convocatoria anticipada para o ano 2015.

O Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2007-2013 (PDR), aprobado pola Comisión Europea mediante a Decisión CE (2008) 703, do 15 de febreiro, prevé no eixe 3 diversas medidas dirixidas á mellora da calidade de vida nas zonas rurais e á diversificación da economía rural. Esas medidas están financiadas, igual que as restantes que integran o PDR, polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), xunto con fondos da Comunidade Autónoma de Galicia e da Administración xeral do Estado.

Dado que a promoción do desenvolvemento rural galego debe abordarse desde unha perspectiva integral, prevese, dando continuidade á liña de proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia, o apoio a actuacións con fins de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables.

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega) é un ente de dereito público creado especificamente mediante a Lei 3/1999, do 11 de maio, que presta soporte á consellería competente en materia enerxética e entre cuxas funcións destacan a de incidir na utilización racional da enerxía, así como diversificar as fontes enerxéticas e reducir, na medida do posible, a dependencia exterior.

Neste contexto danse as condicións para que o Inega xestione e tramite a presente liña de subvencións, co obxectivo de fomentar o aforro enerxético a través da utilización de fontes de enerxía renovables como é o caso da biomasa forestal.

Máis concretamente, preténdese fomentar a utilización da biomasa forestal con fins enerxéticos, o que implica toda unha serie de vantaxes tanto sociais coma ambientais, económicas e enerxéticas. Non se debe esquecer que a biomasa é unha enerxía renovable cun reducido impacto ambiental que, polo seu carácter de recurso autóctono, favorece, dentro do campo enerxético, o autoabastecemento e a seguridade da subministración a prezos competitivos.

Precisamente o uso térmico da biomasa pode representar para Galicia un gran xacemento de nova actividade e, por iso a Xunta de Galicia entende que é preciso facer unha aposta firme e realista cara ao futuro, materializando esta a través da concesión de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva. As subvencións centraranse na medida 321 (servizos básicos para a economía e a poboación rural do PDR 2007-2013).

As operacións da medida 321 do PDR de Galicia que poidan afectar a competencia están amparadas, segundo o caso, no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, e no Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola.

A presente convocatoria de axudas financiarase con cargo aos orzamentos do Inega para o ano 2015 sobre a base da posibilidade que ofrece o artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, existindo crédito suficiente no proxecto de orzamentos 2015 do Inega. O importe total asignado á convocatoria ascende a 9.333.333 euros.

Tendo en conta que os investimentos que se van realizar consisten en equipamentos moi específicos e con características moi definidas, faise innecesario comparar as solicitudes co fin de establecer unha prelación entre os proxectos presentados á vista duns criterios de valoración, pois o criterio determinante para a fixación do investimento elixible máximo está vinculado ás características dos propios sistemas, en virtude do rango de potencias que resulta das bases reguladoras. Por esta razón, a convocatoria tramitarase ao abeiro do artigo 19.2 da LSG. Ademais, a tramitación non competitiva vese reforzada polo amplo abano de posibles beneficiarios, así como pola busca dun efecto demostrativo da bondade e interese para Galicia da utilización deste sistema de quentamento, e que se pretende potenciar do xeito máis rápido posible o uso xeneralizado destes sistemas de obtención de calor, polo que a tramitación non competitiva redundará nunha axilización do procedemento o que, pola súa vez, vai en beneficio dos posibles interesados e do sector das empresas instaladoras de enerxías renovables.

De acordo co anterior

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Aprobar as bases reguladoras das subvencións a proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia 2015 para proxectos de equipamentos térmicos de biomasa, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, que se xuntan a esta resolución como anexo I.

2. Aprobar os formularios para a xestión da convocatoria do ano 2015 que se xuntan a esta resolución como anexos II a VI.

3. Convocar para o ano 2015, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia para proxectos de equipamentos térmicos de biomasa.

Artigo 2. Financiamento

1. A dotación máxima para financiar esta convocatoria é de 9.333.333 €, que se distribuirá do seguinte xeito:

Medida

Anualidade 2015

Aplicación orzamentaria

321.21. Servizos básicos para a economía e a poboación rural

466.667 €

08.A2.733A.713.0

933.333 €

08.A2.733A.761.0

2.800.000 €

08.A2.733A.771.0

5.133.333 €

08-A2-733A-781.0

Total

9.333.333 €

2. A contía indicada poderá incrementarse en función das solicitudes presentadas e sempre que teña lugar unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa, segundo recolle o artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita lei. O aludido incremento debe publicarse no DOG e nas páxinas web do Inega (www.inega.es).

3. Este crédito está cofinanciado nun 75 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco da medida 321 do eixe 3 (Mellora da calidade de vida nas zonas rurais e diversificación da economía rural), do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2007-2013.

4. O crédito máximo, segundo o tipo de beneficiario, será o seguinte:

Beneficiarios

Orzamento

Administración pública autonómica

466.667

Administración pública local

933.333

Pequenas e medianas empresas, as súas agrupacións e asociacións

2.800.000

Persoas físicas e institucións sen ánimo de lucro

5.133.333

Total

9.333.333

5. Segundo o número de solicitudes presentadas e resoltas por cada tipo de beneficiario, poderá redistribuírse o crédito entre os diferentes tipos de beneficiarios co obxecto de cubrir o maior número de actuacións e aproveitar o crédito total dispoñible. Non se poderán efectuar detrimentos de crédito dun tipo de beneficiario cando haxa solicitudes sen resolver.

6. O outorgamento das subvencións queda condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Artigo 3. Prazo para presentar as solicitudes e a documentación

As solicitudes presentaranse segundo os modelos do anexo II desta resolución, xunto coa documentación que se indica nas bases reguladoras. O prazo para presentar as solicitudes será dun (1) mes desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG. Se o último día do prazo for inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 4. Prazo de resolución das solicitudes

O prazo para ditar resolución expresa e notificala aos interesados será dun (1) mes contado desde o día seguinte a aquel en que foi presentada a solicitude. O interesado poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo unha vez transcorrido o prazo anterior (1 mes desde que presentou a solicitude) sen que se teña notificado a resolución expresa.

Artigo 5. Prazos de execución e xustificación dos investimentos

Os investimentos xustificaranse documentalmente de acordo co disposto nas bases reguladoras. O prazo límite para a execución dos investimentos vinculados aos proxectos subvencionados e para a xustificación dos gastos será o 30 de setembro de 2015. O feito de non xustificar correctamente os ditos investimentos devirá en perda do dereito ao cobramento da axuda concedida.

Disposición adicional primeira

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o director do Inega, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, ou recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da citada publicación no DOG.

Disposición adicional segunda. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través dos seguintes medios:

a) Na páxina web do Inega (www.inega.es).

b) No teléfono 981 54 15 00 (Inega).

c) Presencialmente, no Inega (rúa Avelino Pousa Antelo, 5. San Lázaro. 15703 Santiago de Compostela), previa cita no teléfono 981 54 15 00.

Disposición derradeira primeira

O director xeral do Inega poderá ditar os actos necesarios para asegurar a correcta aplicación desta convocatoria.

Disposición derradeira segunda

Esta resolución será aplicable desde o día da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2014

Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia

Anexo I
Bases reguladoras das subvencións a proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia para proxectos de equipamentos térmicos de biomasa, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013

Artigo 1. Obxecto

O obxecto destas subvencións é apoiar proxectos con fins de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións para o quentamento dun fluído mediante equipamentos térmicos que utilicen biomasa como combustible.

Artigo 2. Requisitos e regras xerais

Todos os proxectos deberán cumprir os requisitos seguintes:

1. Que non estean iniciados na data de presentación da solicitude da axuda. Os solicitantes poderán iniciar a execución do proxecto unha vez presentada a solicitude.

2. Que se desenvolvan no territorio de Galicia exceptuando as zonas incluídas nos perímetros urbanos, definidos como tales no planeamento urbanístico vixente, das cidades de Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo. Esta información pode ser consultada nos propios concellos ou na web
http://www.planeamentourbanistico.xunta.es.

3. Que sexan finalistas, é dicir, que no momento da certificación final cumpran os obxectivos e funcións para os cales foron aprobados. En ningún caso se admitirán fases de proxectos.

4. Que sexan viables tecnicamente.

5. Que se axusten á normativa sectorial (comunitaria, estatal e autonómica) en materia enerxética.

6. Que se axusten ás especificacións indicadas nas presentes bases.

7. Que o promotor do proxecto non teña sido sancionado pola Consellería de Economía e Industria pola comisión de infraccións en materia de subvencións no prazo dun ano se a infracción foi cualificada como leve, de dous anos se a infracción foi cualificada como grave ou tres anos se a infracción foi cualificada como moi grave. Os prazos computaranse desde a data de remate do prazo de presentación das solicitudes.

8. Cando se descubra que o beneficiario efectuou deliberadamente unha declaración falsa, a operación de que se trate quedará excluída da axuda do Feader e recuperaranse todos os importes aboados na operación, co que o beneficiario quedará excluído da axuda pola medida en cuestión durante o ano natural de que se trate e durante o seguinte (artigo 30.2 do Regulamento (UE) 65/2011 da Comisión, do 27 de xaneiro).

Artigo 3. Conceptos subvencionables

Serán subvencionables:

1. O custo do equipamento térmico e os seus accesorios principais (sistema de regulación e control, sistemas de limpeza, depuración de fumes, extracción de cinzas).

2. Resto dos accesorios da instalación para o correcto funcionamento do sistema.

3. O custo do sistema de almacenamento do combustible.

4. O custe do sistema de alimentación do combustible.

5. O custe de montaxe e conexión.

6. No caso de redes de distribución de calor (RDC, tamén denominadas district heating) o custo da rede e os principais accesorios para a súa conexión coas instalacións existentes. Considerarase RDC cando desde unha mesma sala de caldeiras, con potencia das caldeiras de biomasa propostas de máis de 200 kW, se distribúa enerxía térmica a máis de 2 edificios ou, no caso de que sexan dous, que a distancia entre ambos os dous edificios supere os 100 metros.

En todos os casos, ata o valor de mercado.

Artigo 4. Conceptos non subvencionables

Non son subvencionables:

1. O IVE, excepto cando non sexa recuperable e sexa custeado de forma efectiva e definitiva por beneficiarios distintos das persoas que non son suxeitos pasivos, aos cales se refire a sexta directiva 77/388/CEE. Os concellos e demais entidades de dereito público non teñen a consideración de suxeito pasivo, nos termos previstos no artigo 13, número 1 da Directiva 2006/112/CE do Consello; por tanto, o IVE soportado por estes non será subvencionable.

En todo caso, aquelas persoas xurídicas que gocen da exención do IVE deberán acreditar esta circunstancia mediante a presentación do correspondente certificado emitido pola Administración tributaria.

2. Os gastos de funcionamento da actividade subvencionada e material funxible en xeral.

3. Os gastos anteriores á presentación da solicitude.

4. A reposición ou mera substitución de equipamentos de biomasa existente. Para estes efectos enténdese por gastos de reposición ou substitución aqueles que se limiten a substituír unha máquina existente ou parte dela por unha máquina nova e moderna sen ampliar a capacidade de produción en máis dun 25 % ou introducir cambios fundamentais na natureza da produción ou tecnoloxía correspondente (artigo 3.15 do Real decreto 1852/2009, do 4 de decembro).

5. Equipamento e materiais non funxibles de segunda man.

6. As obras de mantemento.

7. As taxas e licenzas administrativas.

Artigo 5. Normas específicas

1. Co obxectivo de garantir ao máximo aproveitamento enerxético do combustible e minimizar as emisións de substancias contaminantes á atmosfera, os equipamentos de xeración de calor deberán ser instalacións con avanzadas prestacións operativas, con elevados niveis de eficiencia enerxética e cun bo comportamento con respecto ao ambiente.

Para tal efecto, as instalacións financiadas deben cumprir cos requisitos establecidos no Real decreto 1027/2007, do 20 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de instalacións térmicas de edificios (RITE) respecto de instalacións de biomasa térmica, coas condicións establecidas no documento recoñecido do RITE sobre biomasa térmica, así como calquera outra normativa nacional, rexional ou local que lles sexa de aplicación.

2. O investimento elixible máximo por potencia unitaria (sen IVE) estará limitado polas características do sistema segundo a seguinte táboa:

Tipoloxía

Tipo de equipamento xerador

Rango de potencias

Custo elixible máximo por potencia sen IVE (€/kW)

A1

Estufas de aire, cociñas calefactoras e xeradores de aire quente

P ≤ 25 kW

225-5 P

P > 25 kW

100

A2

Cambio de queimador en equipamento existente que non sexa de biomasa

50

B1

Caldeiras sen sistema de alimentación automática e volume de acumulación de combustible V < 250 litros

P ≤ 20 kW

300-5 P

20 kW < P ≤ 40 kW

250-2,5 P

P > 40 kW

150

B2

Caldeiras con sistema de alimentación automática e volume de acumulación de combustible V ≥ 250 litros e V < 1.000 litros

P ≤ 40 kW

300

40 kW < P ≤ 440 kW

310-(P/4)

P > 440 kW

200

B3

Caldeiras con sistema de alimentación automática e volume de acumulación de combustible con V ≥ 1.000 litros

P ≤ 40 kW

325

40 kW < P ≤ 440 kW

335-(P/4)

P > 440 kW

225

P: Potencia nominal total do sistema de caldeira(s) (kW)

V: capacidade do sistema externo de acumulación de combustible (litros)

Nas tipoloxías B1, B2 e B3, no caso de que a caldeira incorpore un sistema de limpeza automática de intercambiador, o custo elixible máximo por potencia unitaria (sen IVE) poderá incrementarse en 50 €/kW adicionais. Tamén na tipoloxía B3 no caso de proxectos de RDC o custo máximo elixible poderá incrementarse en 75 €/kW adicionais. En todo caso, o orzamento admisible da rede non poderá superar o 20 % do investimento total excluíndo este concepto.

Nas categorías B1, B2 e B3 establécese como custo máximo elixible para o equipamento térmico e os seus accesorios principais o 55 % do custo elixible máximo que lle correspondería pola táboa anterior en función da potencia e capacidade do sistema externo de acumulación do combustible, tendo en conta tamén o incremento desta ratio pola incorporación do sistema de limpeza automática do intercambiador. O Inega comprobará (con referencia dos orzamentos presentados, tarifas oficiais e outra información dispoñible) que o orzamento deste punto se corresponde co valor de mercado minorando o custo presentado no caso de que existan diverxencias.

Para o resto dos conceptos subvencionables, o importe destes puntos poderá ser corrixido unha vez valorado o orzamento presentado.

Artigo 6. Compatibilidade das subvencións

1. As subvencións reguladas nestas bases están financiadas con fondos Feader e, por tanto, serán incompatibles con calquera outra axuda que, para o mesmo proxecto ou finalidade, leve cofinanciamento comunitario, independentemente do fondo de procedencia e a súa tipoloxía (subvención directa, bonificación de xuros, ...).

2. Coa excepción anterior, as subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, tanto de orixe pública como privada. No caso de que o beneficiario sexa unha entidade pública, a intensidade máxima das axudas con fondos públicos non excederá o 100 % do importe elixible do proxecto e, no caso de que o beneficiario non sexa unha entidade pública (persoas físicas ou xurídicas de dereito privado e as súas agrupacións), a intensidade máxima das axudas con fondos públicos non excederá o 75 % do importe elixible do proxecto.

3. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos no artigo 22 destas bases reguladoras.

Artigo 7. Presentación de solicitudes

1. Reserva de fondos.

a) Dentro do prazo establecido na convocatoria, e antes de presentar a solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o cal se solicita a subvención, ao que se terá acceso a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es/) ou ben desde as páxinas web do Inega (www.inega.es).

b) Non se poderá cubrir o formulario máis dunha vez para un mesmo proxecto.

c) Para o mesmo proxecto poderá cubrirse un novo formulario descritivo sempre que se cancele o anterior. No caso de ter xa solicitada a axuda, terá que renunciar á solicitude feita antes de cubrir un novo formulario. En ambos os dous casos non se conserva a orde que lle correspondía á primeira solicitude.

d) Co fin de prestar asistencia para cubrir o formulario, o Inega porá á disposición dos interesados un servizo de asistencia técnica, a través do número de teléfono 981 54 15 00. Desde este servizo poderase acceder á aplicación informática, cubrir o formulario e xerar o identificador de documento electrónico (IDE), no caso de que o solicitante non dispoña dun acceso directo á internet.

e) O formulario inclúe o orzamento da operación, que deberá estar perfectamente detallado canto ás súas diferentes partidas económicas.

f) O interesado deberá encher todos os campos marcados como obrigatorios e a aplicación informática calculará automaticamente, en función das características do proxecto e do establecido nestas bases, a contía máxima da axuda que pode chegar a ter o proxecto proposto.

Igualmente, unha vez cubertos os campos obrigatorios do formulario, a aplicación emitirá un IDE que identificará inequivocamente a solicitude de axuda.

g) O formulario pode cubrirse a partir das 9.00 horas do primeiro día hábil despois da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e permanecerá aberta ata as 14.00 horas da data límite para presentar solicitudes prevista na resolución de convocatoria, sen prexuízo do sinalado no seguinte punto.

2. Solicitudes.

a) Tras cubrir o formulario indicado nos puntos anteriores, deberá xerarse de xeito obrigatorio a solicitude normalizada de axuda a través da mesma aplicación informática, que se xunta como anexo II a título informativo, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), ou ben desde as páxinas web do Inega (http://www.inega.es). Esta presentación deberá realizarse nos cinco (5) días hábiles seguintes ao día en que se cubriu o formulario.

No caso de non xerarse a solicitude no dito prazo de cinco días hábiles desde que se cubriu o formulario, a inscrición do formulario cancelarase, e perderase a posibilidade de xerar e, por tanto, presentar a correspondente solicitude de axuda asociada ao anterior IDE.

b) Cando as persoas interesadas teñan a consideración de Administración pública, a presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia
(https://sede.xunta.es), ou ben desde as páxinas web do Inega (http://www.inega.es) de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Para estes efectos, terá a consideración de Administración pública o sector público autonómico, nos termos definidos no artigo 3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia –Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades instrumentais dela dependentes–, así como as entidades locais previstas na Lei 5/1997, do 22 de xullo, reguladora da Administración local de Galicia e as entidades delas dependentes.

Para todas as demais persoas interesadas, as solicitudes poderán realizarse por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), ou ben desde as páxinas web do Inega (http://www.inega.es) de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado co selo de correos na cabeceira da primeira folla do documento que se quere enviar para garantir que a data de remisión é anterior á finalización do prazo de presentación.

c) A solicitude presentada non deberá engadir novos datos nin emendas ou variacións con respecto ao formulario que se validou mediante a aplicación informática. En caso contrario, as solicitudes non serán admitidas a trámite.

d) Tampouco se admitirán a trámite aquelas solicitudes referidas a proxectos que xa se presentaron en convocatorias anteriores para a mesma finalidade e ás cales foi concedida a axuda correspondente, agás que previamente se renuncie a ela.

Artigo 8. Documentación complementaria

Xunto coa solicitude todos os interesados deberán presentar a seguinte documentación:

1. Documentación acreditativa da titularidade dos terreos ou inmobles sobre os cales se vai executar o proxecto ou da súa dispoñibilidade durante un período mínimo de cinco anos que permitan concretar a situación do predio ou inmoble sobre o terreo (copia simple do título de propiedade, certificado catastral, recibo de pagamento do IBI, contrato de arrendamento ou cesión de uso, mais documento que acredite a titularidade do arrendador ou cedente...).

2. Memoria técnica da actuación, que incluirá como mínimo:

a) Descrición da instalación proxectada.

b) Descrición detallada dos sistemas da caldeira (acendemento, alimentación, limpeza, extracción de cinzas, etc.).

c) Descrición detallada do sistema de almacenamento de biomasa que se vai instalar (silo, depósito, etc.) e do sistema de alimentación de combustible ata a caldeira. No caso de proxectos de RDC, presentarase unha memoria detallada dela co seu orzamento desagregado e custos unitarios, así como os permisos necesarios para a súa execución, indicando os dispoñibles e os pendentes. Por outra banda, xustificaranse adecuadamente os prazos previstos para a obtención dos permisos pendentes.

d) Plano de situación onde se indique a localización dos equipamentos.

e) Declaración de conformidade da caldeira segundo a normativa vixente.

f) Folla de características da caldeira utilizada.

3. Con independencia do importe do gasto subvencionable, e na procura da moderación de custos propostos, é obrigatorio presentar tres ofertas da instalación que se pretende levar a cabo.

Deberá remitirse o contido de cada unha das ofertas e non se admitirá o certificado, informe, invitacións realizadas ou documento similar indicando que se solicitaron e se tiveron en conta tales ofertas na elección da proposta escollida sen que se concrete o seu alcance.

Non será necesario acreditar as 3 ofertas no suposto de que polas especiais características dos gastos que se subvencionan non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, e neste suposto o beneficiario debe prestar declaración expresa motivada en tal sentido.

Non obstante, as administracións públicas non deberán presentar tres ofertas cando estean obrigadas a tramitar un procedemento de contratación pública dos previstos no artigo 138.2 do Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, séndolles de aplicación o previsto no artigo 20.7 das presentes bases no momento da xustificación final.

No caso do sector público autonómico, integrado (de acordo coa Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia), a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades instrumentais do seu sector público aplicarán o previsto no artigo 23.1 e 23.2 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, en relación coa non vinculación das empresas invitadas e coa obriga dos órganos de contratación nos contratos menores de obra de importe superior a 25.000 € e nos restantes contratos menores de importe superior a 9.000 € de invitar para a formulación de ofertas, polo menos, tres empresas capacitadas para a realización do obxecto do contrato, sempre que isto sexa posible.

4. As administracións públicas, ademais da documentación sinalada nos puntos anteriores, deberán achegar:

a) Acreditación do nomeamento do representante da entidade solicitante.

b) Certificado do acordo adoptado polo órgano competente polo que se aproba solicitar a axuda regulada nestas bases, se procede.

c) No caso das administracións locais, certificación de que a entidade solicitante remitiu as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente está obrigado ao Consello de Contas. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas ao Consello de Contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, polo que a data de sinatura do certificado implicará que a data de remisión das respectivas contas ao Consello de Contas se efectuou en todo caso nunha data anterior á emisión do certificado.

d) Fotocopia do NIF da entidade solicitante.

5. As empresas, ademais da documentación sinalada nos puntos 1 a 3, cando non se atopen obrigadas por lei a inscribirse no Rexistro Mercantil ou calquera outro rexistro público, presentarán a documentación acreditativa da constitución e da representación correspondente (non é necesario no caso de que o solicitante sexa unha empresa pública).

6. As entidades privadas sen ánimo de lucro, ademais da documentación sinalada nos puntos 1 a 3, deberán presentar a documentación que acredite a representación con que se actúa.

7. As agrupacións de persoas físicas ou xurídicas de dereito privado, ademais da documentación sinalada nos puntos 1 a 3, deberán achegar:

a) Documentación que acredite a súa constitución.

b) Documentación que acredite a representación con que se actúa.

c) Documento en que consten os compromisos de execución asumidos por cada un dos integrantes, así como o importe de subvención que vai a aplicar cada un deles, que terán igualmente a condición de beneficiarios (anexo III).

8. Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente para a correcta avaliación do proxecto.

9. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

10. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á carpeta dos cidadáns da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Emenda

Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o Inega requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días e indicaralle que, se non o fixer, se terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 71 da LRXPAC.

Artigo 10. Non obrigatoriedade de presentar determinada documentación

Non será necesario que os solicitantes presenten a documentación que xa conste en poder do Inega, sempre que indiquen o código de expediente ou outros datos que permitan localizala e non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Artigo 11. Consentimentos e autorizacións

1. De conformidade co previsto no artigo 15 da LSG, e do artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, o Inega publicará no DOG as subvencións concedidas ao abeiro destas bases. Así mesmo, serán publicadas nas páxinas web e no taboleiro do Inega, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos de carácter persoal e da súa publicación.

2. Ademais, de acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a presentación da solicitude de axuda leva consigo o consentimento para que os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas, de ser o caso, sexan incluídos e feitos públicos no citado rexistro, que depende da Consellería de Facenda.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deberá emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, e debe presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

4. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos ou documentos coa finalidade de acreditar a identidade da persoa solicitante. Por tanto, o modelo de solicitude normalizado incluirá unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos achegados no procedemento administrativo. No caso de que a persoa interesada non autorice o órgano xestor para realizar esta operación, estará obrigada a achegalos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

Artigo 12. Beneficiarios

1. Poderán acceder á condición de beneficiarios das presentes subvencións:

a) As entidades locais de Galicia e entidades dela dependentes.

b) A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades instrumentais dela dependentes.

c) As persoas físicas ou xurídicas de dereito privado, as súas agrupacións e asociacións.

2. Quedan excluídas aquelas empresas que non teñan a consideración de pemes, segundo os termos definidos no anexo I do Regulamento xeral de exención por categorías (Regulamento (CE) 651/2014 da Comisión). Os datos para o cálculo de efectivos, os importes financeiros e o período de referencia serán os referidos nos artigos 4 e 5 do anexo I do citado regulamento.

3. As empresas deberán cumprir co criterio de autonomía, nos termos que se establecen no anexo I do Regulamento xeral de exención por categorías.

4. Se as empresas non tiveren o domicilio social en Galicia, deberán acreditar, cando menos, a existencia dun centro de traballo ou a realización dalgunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da comunidade autónoma.

5. Os requisitos para obter a condición de beneficiarios deberanse cumprir, o máis tardar, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.

6. Non poderán obter a condición de beneficiarias as empresas suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que tivese declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

7. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, nin as empresas exceptuadas do ámbito de aplicación do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, e máis do Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector da agricultura.

8. As agrupacións de persoas físicas ou xurídicas de dereito privado deberán nomear un representante ou apoderado único da agrupación con poderes bastantes para cumprir coas obrigas propias dos beneficiarios dunha subvención. Estas agrupacións non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 13. Intensidade da axuda

1. A intensidade máxima da axuda, segundo o tipo de beneficiario, será a seguinte:

Beneficiarios

Porcentaxe máxima de axuda

Entidades locais

75 %

Sector público autonómico

75 %

Persoas físicas e institucións sen ánimo de lucro

50 %

Pequenas e medianas empresas, as súas agrupacións e asociacións

50 %

2. A contía máxima da axuda por proxecto será de 200.000 €.

A contía total de axuda establecida para as axudas de minimis concedidas a unha única empresa, nun período máximo de tres anos, fíxase en 200.000 €, agás para as empresas do sector agrícola que se fixa en 15.000 € e para as empresas de transporte de mercadorías por estrada por conta allea en 100.000 €.

Artigo 14. Procedemento de concesión das axudas

1. O procedemento de concesión das subvencións tramitarase ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, polo que as solicitudes se avaliarán e resolverán conforme a orde de presentación, en tanto se dispoña de crédito suficiente, de xeito que, unha vez esgotadas as dispoñibilidades orzamentarias, as solicitudes restantes quedarán en lista de espera. O esgotamento dos fondos será obxecto de publicación no DOG e na páxina web do Inega, tal e como prevé o artigo 32 do Decreto 11/2009.

2. Para estes efectos, a orde de presentación será a que resulte da data e hora en que foi cuberto o formulario descritivo a que fai referencia o artigo 7.1.a), e sempre que a solicitude se presente dentro do prazo de cinco días a que fai referencia o artigo 7.2.a).

3. Existirá unha lista de espera por cada unha das tipoloxías de beneficiarios establecidas no artigo 13, que estará ordenada por rigorosa orde de presentación das solicitudes.

4. Poderanse activar as listas de espera cando se vaian producindo liberacións de axudas reservadas a outros promotores ou por redistribución de créditos entre as tipoloxías de beneficiarios.

5. As listaxes de espera manteranse en vigor ata a data límite para a emisión de resolucións de concesión fixada na resolución de convocatoria. Todos os expedientes para os cales, nesa data, non existan fondos suficientes para atender a axuda serán arquivados por insuficiencia de partida orzamentaria destinada a subvencións de equipamentos térmicos de biomasa comprendidas nesta convocatoria.

6. Igualmente procederá o arquivamento de todos os expedientes da lista de espera dunha tipoloxía concreta no caso de que as axudas correspondentes a expedientes con investimentos debidamente xustificados e pagados igualen a partida orzamentaria dispoñible para a dita tipoloxía.

Artigo 15. Instrución do procedemento

1. A Xerencia do Inega será o órgano competente para a instrución do procedemento administrativo de concesión das subvencións.

2. As solicitudes serán valoradas en réxime de concorrencia non competitiva de acordo co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Revisarase a documentación presentada coa solicitude de axuda e comprobarase a súa adecuación ás bases reguladoras e á normativa de aplicación, así como as dispoñibilidades orzamentarias para atender as solicitudes.

4. No suposto de que algún beneficiario renuncie á subvención concedida ou decaia no dereito á súa percepción, os créditos liberados poderán asignarse aos proxectos en lista de espera.

Artigo 16. Resolución das solicitudes

1. Corresponde ao director do Inega ditar as diferentes resolucións que deriven do dito procedemento.

2. O prazo para ditar resolución expresa e notificala aos interesados será dun (1) mes desde a data de recepción da solicitude.

3. No caso de que un expediente teña dereito a unha axuda tras atoparse nunha listaxe de espera, por dispoñibilidade de fondos, o prazo dun (1) mes comezará a contar desde o momento en que se produza a dita dispoñibilidade.

4. En calquera caso, a data última para ditar resolución será a fixada na resolución de convocatoria.

5. O interesado poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo unha vez transcorridos os prazos anteriormente referidos sen que se teña notificado a resolución expresa.

6. Nas notificacións indicarase de modo expreso a contía da subvención e que esta é concedida en virtude dun programa cofinanciado polo Feader, no marco do eixe 3 do PDR de Galicia 2007-2013. Para os beneficiarios acollidos ao réxime de minimis, indicarase esta circunstancia con indicación do título e a referencia de publicación no DOUE dos regulamentos (UE) nº 1407/2013 e 1408/2013 da Comisión, segundo corresponda.

7. Notificada a resolución, se os interesados propostos como beneficiarios non renuncian expresamente á subvención no prazo de dez días, contados desde a notificación de concesión, considerarase que a aceptan.

Artigo 17. Obrigas dos beneficiarios

1. Son obrigas dos beneficiarios as establecidas no artigo 11 da LSG e, en particular, as establecidas nestas bases reguladoras e na resolución de concesión.

2. Cando un beneficiario non poida executar o proxecto deberá renunciar á subvención. A renuncia efectuarase no anexo IV.

3. O beneficiario está obrigado a respectar o destino do investimento, polo menos, os 5 anos posteriores á data da resolución de pagamento final, salvo que existan prazos de maior amplitude aplicables no ámbito da Xunta de Galicia para proxectos determinados, caso en que se aplicarán estes.

4. Os bens subvencionados quedarán afectos á actividade subvencionada un mínimo de cinco anos desde a resolución de pagamento final, salvo que existan prazos de maior amplitude aplicables no ámbito da Xunta de Galicia para proxectos determinados, caso en que se aplicarán estes.

5. Os beneficiarios deben publicitar a concesión da axuda do seguinte xeito:

a) Se o investimento supera os 50.000 €, mediante unha placa cos logotipos da administracións financiadoras. O tamaño mínimo da placa será A4 (297×210 mm).

b) Cando o orzamento supere os 100.000 euros, o beneficiario colocará un panel publicitario durante a execución das obras e non poderá retiralo ata a visita de comprobación in situ. Para investimentos superiores a 500.000 euros, o panel será permanente.

O 25 % do espazo, como mínimo, dos paneis e placas estará ocupado pola descrición do proxecto, o logotipo do Feader e o lema: «Feader: Europa inviste no rural». Todas as actividades informativas e publicitarias incorporarán a bandeira europea e o lema anterior.

O Inega facilitará modelos aos beneficiarios ao través das súas páxinas web.

6. O beneficiario deberá conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, polo menos, durante o período de permanencia dos investimentos e está obrigado a facilitar a información que lle requira o Inega e a someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

7. Os beneficiarios estarán obrigados a levar un sistema de contabilidade separado ou ben un código contable axeitado para todas as transaccións relativas ao proxecto subvencionado (artigo 75.1.c.i do Regulamento (CE) 1698/2005).

8. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as súas entidades instrumentais, no caso de resultaren beneficiarias de subvención e sempre que non estivesen orzamentados inicialmente, deberán xerar o correspondente crédito polos ingresos que se produzan.

Artigo 18. Prazos de execución das instalacións

1. A execución da instalación deberá respectar a data de inicio establecida no artigo 2.1 destas bases. Non obstante, a data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos variará en función dos prazos que seguidamente se recollen na táboa, que se contarán a partir do día seguinte á notificación da resolución pola cal se concede a axuda.

2. O último día para presentar a documentación de xustificación será aquel en que remate o prazo que corresponda, cunha única limitación: en ningún caso esa data poderá ser posterior á data máxima que figura na resolución de convocatoria para a xustificación, aínda que do cómputo do prazo lle correspondese unha data posterior.

Prazo máximo de xustificación dos investimentos

(Contado a partir do día seguinte á notificación da resolución de concesión)

1. Equipamentos térmicos de biomasa nas administracións públicas

6 meses (3+3)

2. Resto das instalacións non incluídas na tipoloxía anterior

3 meses

3. Co obxecto de distribuír os fondos reservados para instalacións que despois non se executan, cando se trate de instalacións cuxo solicitante sexa unha Administración pública, o prazo de 6 meses establecido na táboa anterior para a xustificación do investimento (contados a partir do dia seguinte á notificación da resolución de concesión) distribuirase do seguinte xeito:

a) A entidade disporá dun prazo máximo de 3 meses para a formalización do contrato coa empresa que vai executar o proxecto e deberá remitir ao órgano xestor a documentación xustificativa desta contratación antes de que remate este prazo. No caso de non estar formalizado o contrato ou non remitirse esta documentación, arquivarase o expediente sen máis.

b) Unha vez formalizada a contratación, a entidade disporá de 3 meses adicionais para a execución do proxecto e a presentación da documentación xustificativa dos investimentos realizados ante o órgano xestor.

Artigo 19. Xustificación e pagamento das axudas

1. Os documentos de xustificación deberán presentarse dentro do prazo que corresponda ao expediente segundo o establecido no artigo 18, e nese momento os investimentos deben estar plenamente realizados, operativos e verificables.

2. O beneficiario xustificará a subvención documentalmente, presentará toda a documentación que se sinala nos puntos seguintes e solicitará o pagamento mediante a presentación do anexo V, que se xunta a título informativo. Este anexo deberá cubrirse a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.es).

3. Para xustificar cada un dos gastos realizados achegaranse as facturas ou documentos probatorios de valor equivalente –debidamente desagregadas por conceptos ou unidades de obra–, en orixinal ou fotocopia compulsada e os documentos xustificativos que aseguren a efectividade do pagamento. O Inega, cando se trate de orixinais, selará as facturas indicando a subvención para cuxa xustificación foron presentadas e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención, indicando, neste último caso, a porcentaxe que resulte afectada pola subvención e, posteriormente, devolveraas ao promotor.

Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

a) Xustificante bancario do pagamento polo beneficiario (transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo polo portelo, certificación bancaria) no cal conste o número da factura obxecto de pagamento, a identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir co beneficiario da axuda, e a identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

b) Efectos mercantís que permitan o pago aprazado. Neste caso, achegarase copia do efecto mercantil acompañada da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

c) Non se admitirán en ningún caso como xustificantes os documentos acreditativos obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

d) Tanto a data das facturas como a dos xustificantes de pagamento deberán estar comprendidas dentro do período de execución dos investimentos, é dicir, a partir do día en que foi presentada a solicitude de axuda e ata aquel en que remate o prazo que corresponda á instalación en función dos previstos no artigo 18, sempre co límite da data máxima que figura na resolución de convocatoria, que será a última data posible aínda que polo cómputo lle correspondese unha posterior.

4. Non se admitirán os supostos de autofacturación e, en relación coas empresas ou entidades vinculadas co beneficiario que executasen total ou parcialmente as actuacións subvencionadas, deberán concorrer as dúas circunstancias previstas no artigo 27.7 d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.

b) Que se obteña a pertinente autorización do órgano xestor.

En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades subvencionadas nos supostos mencionados nas letras a), b) e c) do artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Non se admitirán pagamentos en metálico.

6. No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento.

7. No caso das administracións públicas e as entidades delas dependentes, caso de seren beneficiarias, presentarán unha certificación expedida polo órgano competente en que se acredite que se respectaron os procedementos de contratación pública, así como a dispoñibilidade do expediente para a súa comprobación.

8. Os concellos, para os proxectos de investimentos promovidos por eles, deberán presentar o acordo do órgano municipal competente de aprobación do proxecto nos termos previstos no artigo 198.5 da Lei 9/2002, de 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural.

9. Achegaranse fotografías dos principais equipamentos instalados.

10. Xustificación de ter dado cumprimento ás obrigas establecidas no artigo 17.5 en relación coa publicidade que o beneficiario deberá dar ao financiamento do investimento que se subvenciona.

11. Nos proxectos de RDC o promotor deberá xuntar á xustificación a/s correspondente/s certificación/s de obra asinada/s por técnico. Ademais, naqueles casos en que así o requira a regulamentación vixente, achegarase o proxecto técnico (visado, no caso de ser necesario) e o certificado de dirección de obra. A data dos certificados referidos deberá estar comprendida, igualmente, dentro do reiterado período de execución dos investimentos (artigo 18).

12. Sempre que sexa obrigatorio para a posta en servizo da instalación, esta deberá estar autorizada ou inscrita no rexistro correspondente da consellería competente en materia de industria. No caso de que a instalación non estea definitivamente inscrita no rexistro correspondente dentro do período de xustificación, si deberá terse solicitado a dita inscrición, e achegarase a solicitude de inscrición dentro do prazo previsto para a xustificación dos investimentos (a partir do día en que se presente a solicitude de axuda e ata aquel en que remate o prazo que corresponda á instalación en función dos previstos no artigo 18, sempre co límite da data máxima establecida na resolución de convocatoria).

Transcorridos seis meses desde o remate do prazo límite para a xustificación dos investimentos, o Inega comprobará a inscrición definitiva no dito rexistro de todos os proxectos para os cales se xustificaron os investimentos a través das xefaturas territoriais da Consellería de Economía e Industria. A falta de inscrición definitiva por motivos imputables ao beneficiario da axuda considerarase un incumprimento das bases reguladoras e iniciará o correspondente procedemento de reintegro da axuda.

13. Poderanse solicitar ao beneficiario as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que o órgano xestor considere convenientes. Feito o oportuno requirimento, se transcorrido o prazo concedido para o efecto o beneficiario non os presentase, iniciarase o procedemento de perda de dereito ao cobramento da subvención.

14. Transcorrido o prazo establecido na convocatoria para a xustificación dos investimentos sen terse presentado esta, requirirase o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comporta a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades que derivan da LSG.

Artigo 20. Modificación da resolución de concesión da subvención

1. Toda alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da subvención concedida e o promotor debe notificalo mediante o modelo de anexo VI. En particular, a variación do orzamento aceptado polo Inega e a obtención concorrente de subvencións, axudas ou recursos outorgados por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da subvención concedida. Tamén dará lugar á modificación da subvención a alteración das condicións establecidas na resolución de adxudicación da subvención. Unha vez ditada a resolución de concesión e, en todo caso, cun límite de 20 días hábiles antes da data de finalización do prazo para xustificar o investimento, o beneficiario poderá solicitar a modificación do seu contido.

2. Para a modificación da resolución de concesión non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tiveron lugar con posterioridade a ela.

3. Os beneficiarios terán a obriga de comunicar ao Inega calquera alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión da subvención.

4. A modificación poderase autorizar sempre que:

a) A modificación solicitada non desvirtúe a finalidade da axuda e non supoña incremento do orzamento.

b) Non exista prexuízo a terceiros.

c) Os novos elementos e circunstancias que motivan a modificación, se concorresen na concesión inicial, non suporían a denegación da axuda.

Artigo 21. Incumprimentos do proxecto

1. Incumprimento total. Se o beneficiario xustifica conceptos, partidas e/ou elementos subvencionables aprobados que representen menos do 60 % do importe total do investimento subvencionable, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, por tanto, perderá o dereito de cobramento da subvención.

2. Incumprimento parcial. Se a xustificación é igual ou superior ao 60 %, pero sen acadar o 100 % do investimento subvencionable, o beneficiario percibirá a subvención proporcional correspondente ao investimento xustificado admisible, sempre que cumpra o resto das condicións de concesión e a finalidade ou obxectivos para os cales se concedeu a axuda.

Artigo 22. Redución adicional

Cando o importe que derive da solicitude de pagamento presentada polo beneficiario exceda en máis do 3 % a comprobación efectuada polo Inega sobre a admisibilidade dos gastos, aplicarase unha redución adicional pola diferenza entre ambos os dous importes (artigo 30.1 do Regulamento (UE) 65/2011 da Comisión).

Artigo 23. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «concesión de subvencións», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Xerencia. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Xerencia, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Rúa Avelino Pousa Antelo, nº 5, Santiago de Compostela (A Coruña) ou a través dun correo electrónico a inega.info@xunta.es.

Artigo 24. Comprobación de investimentos

As operacións de investimento, de ser o caso, de acordo co Plan galego de controis Feader en vigor, incluirán unha visita in situ para comprobar o remate da operación obxecto da solicitude de pagamento. Os gastos xustificados deben coincidir cos compromisos adquiridos segundo a resolución de concesión da subvención.

Artigo 25. Prórrogas, principio de proporcionalidade por incumprimentos, pagamentos á conta e anticipados

Dada a natureza dos investimentos a que van dirixidas estas bases, a vixencia destas e os prazos establecidos no artigo 18, non se prevé a aplicación de ningún dos conceptos aos que se refire o enunciado do presente artigo.

Artigo 26. Moderación de custos

En aplicación do disposto no artigo 30.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e do artigo 24.2.d) do Regulamento 65/2011 da Comisión, do 27 de xaneiro, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, o órgano instrutor poderá comprobar en calquera momento, e particularmente nas fases de instrución e de xustificación, a moderación dos custos ou valor de mercado dos gastos subvencionables e xustificados mediante a comparación de ofertas comerciais ou de custos de proxectos similares, prezos coñecidos de mercado ou por calquera dos medios previstos no artigo 30.5 da LSG.

Artigo 27. Reintegro da subvención

1. Procederá o reintegro das contías percibidas indebidamente e a exixencia dos xuros de demora nos supostos previstos no artigo 33.1 da LSG. Estes xuros calcularanse en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para o beneficiario indicado na orde de recuperación, que non poderá fixarse en máis de 60 días, e a data de reembolso ou dedución (Regulamento (UE) nº 937/2012 da Comisión, do 12 de outubro).

2. Tendo en conta o artigo 14.1.n) da LSG, se o incumprimento atinxe ao mantemento do ben, a cantidade que se reintegre será proporcional ao tempo de incumprimento da actividade ou requisito exixido, aplicándose a razón do 3 % por cada mes de incumprimento, ata acadar os dous anos, transcorridos os cales deberán reintegrar a totalidade das cantidades cobradas.

3. O procedemento de reintegro tramitarase nos termos previstos no artigo 77 do Decreto 11/2009.

Artigo 28. Non execución ou xustificación do proxecto

Aqueles beneficiarios das axuda que na data máxima de remate e xustificación da operación prevista no artigo 19 non renunciaron expresamente a ela e non executaron nin xustificaron o proxecto, sen causa debidamente xustificada e comunicada ao Inega, quedarán excluídos das dúas seguintes convocatorias para proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia en que poidan ser beneficiarios.

Artigo 29. Xestión informática das axudas

Os beneficiarios poderán visualizar na aplicación informática –accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es/) ou a páxina web do Inega
(www.inega.es)– o estado das súas solicitudes á medida que avanza a tramitación administrativa do expediente.

Artigo 30. Réxime sancionador

Os beneficiarios das axudas, de ser o caso, estarán suxeitos ao réxime sancionador previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e desenvolvido no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 31. Normativa de aplicación

Na medida en que as subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras están previstas pola UE, rexeranse, entre outras, polas seguintes normas:

Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2007-2013, aprobado por Decisión da Comisión C(2008) 703, do 15 de febreiro de 2008 e modificado por Decisión da Comisión C(2010), do 5 de marzo.

Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader), modificado polo Regulamento (CE) nº 74/2009, do 19 de xaneiro e 473/2009, do 25 de maio, do Consello.

Regulamento (CE) nº 1974/2006 da Comisión, do 15 de decembro, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005 relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Feader, modificado polos Regulamentos (CE) nº 1175/2008, do 27 de novembro, 363/2009, do 4 de maio, 482/2009, do 8 de xuño, 108/2010, do 8 de febreiro, e 679/2011, do 14 de xullo, da Comisión.

Regulamento (CE) nº 65/2011 da Comisión, do 27 de xaneiro, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005 no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.

Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector da agricultura.

Real decreto 1852/2009, do 4 de decembro, polo que se establecen os criterios para subvencionar os gastos no marco dos programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) (BOE núm. 1, do 1 de xaneiro de 2010).

Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público.

Así mesmo, rexeranse pola normativa aplicable ás axudas e subvencións na Comunidade Autónoma, en particular, a seguinte:

Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 32. Réxime de recursos

As resolucións dos procedementos instruídos ao abeiro destas bases esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpor os seguintes recursos:

1. Potestativamente, recurso de reposición ante o director do Inega, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da recepción da notificación, se a resolución é expresa. Se non o é, o prazo será de tres meses contados desde o día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo.

2. Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación, se a resolución é expresa. Se non o é, o prazo será de seis meses, contados desde o día seguinte a aquel en que se entenda desestimada a solicitude por silencio administrativo.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file