Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Martes, 27 de xaneiro de 2015 Páx. 3938

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 31 de decembro de 2014, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, dirixidas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego e se procede á súa convocatoria para o ano 2015. Código de procedemento PR858A.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 5 que a lingua propia de Galicia é o galego e que os poderes públicos potenciarán o seu uso en todos os planos da vida pública, cultural e informativa.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, establece o apoio económico e material para os medios de comunicación que, sen seren de titularidade pública nin sometidos á xestión ou competencia de institucións da comunidade autónoma, empreguen o galego dun xeito habitual e progresivo.

O Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia o 22 de setembro de 2004, establece como obxectivos centrais da área de medios de comunicación a necesidade de incrementar anualmente e de maneira constante o uso do galego nos medios públicos e privados, que supere a actual situación de marxinación e de confinamento no eido cultural; lograr unha ampla oferta informativa lúdica e cultural, cunha temática variada e de calidade; pór ao alcance dos profesionais do sector os medios formativos, didácticos e técnicos suficientes que lles aseguren unha completa capacitación lingüística e un emprego doado do galego no seu traballo profesional; e incrementar a presenza do galego na publicidade.

O plan establece ademais como medidas transversais aos diferentes sectores a promoción da cortesía lingüística e da oferta positiva, consistente na adopción do galego como lingua inicial, neste caso, no contacto coa persoa entrevistada.

En consonancia cos textos referidos e en cumprimento do disposto no Decreto 103/1994, do 21 de abril, modificado polo Decreto 237/2008, do 16 de outubro, no que se establecen as axudas dirixidas ás publicacións escritas integramente en galego e en uso das facultades que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras, que se inclúen como o seu anexo I, polas que se rexerá a concesión de axudas económicas ás empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego e efectuar a convocatoria para o ano 2015.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

Artigo 2. Financiamento

Esta orde tramítase conforme o establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo que a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015, aprobados polo Consello da Xunta de Galicia.

De acordo co artigo 3.2 da Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, poderase chegar como máximo ata o momento inmediatamente anterior ao da disposición ou compromiso de gasto.

A concesión das axudas reguladas nesta resolución financiarase con cargo á aplicación 04.20.461A.470.0, por importe de 41.341 euros dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2015, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria nos termos do artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Réxime de recursos

Contra estas bases reguladoras e a convocatoria de axudas cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira única

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2014

Mar Sánchez Sierra
Secretaria xeral de Medios

ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, dirixidas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. De acordo co artigo 2 do Decreto 103/1994, do 21 de abril, polo que se establecen axudas dirixidas ás publicacións periódicas escritas integramente en galego normativizado, estas axudas económicas teñen por obxecto a expansión e difusión do galego normativizado e da cultura nas tarefas de información xornalística.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

Artigo 2. Actuacións e gastos subvencionables

1. Poderán ser subvencionables aquelas publicacións que reúnan as seguintes condicións:

a) Que estean escritas integramente en galego conforme a normativa oficial vixente.

b) Que teñan un mínimo de 16 páxinas en formato DIN A-3 ou de 26 páxinas en formato DIN A-4 (ou o equivalente noutros formatos) e que publicasen un mínimo de doce números no ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.

c) Que se publiquen periodicamente.

d) Que inclúan o pé de imprenta con todos os datos que estableza a lexislación vixente.

2. Consideracións xerais sobre os gastos subvencionables.

A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme ao establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen nos prazos establecidos nesta resolución.

En ningún caso o importe da subvención concedida poderá superar illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos o custo da actividade subvencionada.

Os custos indirectos formarán parte da xustificación da subvención, sempre que se imputasen polo beneficiario á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda de acordo cos principios e normas xerais de contabilidade e, en todo caso, na medida en que tales custos correspondan ao período no que efectivamente se realiza a actividade.

Artigo 3. Definicións

Para os efectos destas bases e de acordo co establecido no artigo 3 do Decreto 103/1994, do 21 de abril, polo que se establecen axudas dirixidas ás publicacións periódicas escritas integramente en galego normativizado, entenderanse por publicacións periódicas as que teñan un contido informativo ou de opinión, que se impriman baixo un mesmo título en serie continua, con numeración correlativa e data de publicación, que aparezan con periodicidade fixa e con propósito de permanencia indefinida no tempo.

Artigo 4. Beneficiarios e solicitudes

1. Os beneficiarios destas axudas serán as empresas xornalísticas, inscritas no Rexistro Mercantil, que realizaran publicacións periódicas escritas integramente en galego durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.

2. Quedan excluídas da concesión de axudas:

a) Os boletíns de información interior ou de institucións.

b) As publicacións de organizacións políticas, empresariais, profesionais, sindicais ou de entidades públicas.

c) As publicacións que se distribúan como suplemento ou de forma conxunta con outra publicación.

d) As publicacións que, estando sometidas ao control da Oficina de Xustificación da Difusión (OXD), non presenten o certificado acreditativo da difusión expedido polo dito organismo.

e) As publicacións que durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria non se publicasen en galego normativizado, segundo informe da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que se incorporará á acta da comisión de avaliación, de acordo co establecido no Decreto 173/1982, do 17 de novembro, de normativización da lingua galega (DOG do 20.4.1983) e na disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística e as que incluísen publicidade que non se ateña ao disposto no artigo 10 da dita lei en materia de toponimia.

f) Aquelas publicacións que non se editasen durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria ou non manteñan a súa actividade no momento da solicitude da subvención.

Artigo 5. Competencia

A competencia para resolver os procedementos de concesión obxecto destas bases correspóndelle á persoa titular da Secretaría Xeral de Medios, ao abeiro do establecido na disposición adicional segunda, epígrafe 1.c), do Decreto 88/2013, do 30 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

3. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación do contido da convocatoria e das bases reguladoras, así como a asunción da veracidade dos datos nela recollidos e a responsabilidade sobre a inclusión dos ditos datos, mesmo a responsabilidade que se asume por posibles erros producidos a título de simple neglixencia.

4. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice ao órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao cal correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, en cuxo caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 8. Documentación

1. As solicitudes de axuda deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE do solicitante, en caso de ser persoa física ou do representante legal da empresa, no caso de non prestar autorización para a consulta dos datos de identidade do solicitante no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas (anexo II).

c) Escritura de poder que acredite a representación cando a persoa solicitante actúe en representación da persoa xurídica titular do medio.

d) Certificación actualizada da inscrición no Rexistro Mercantil.

e) Declaración responsable subscrita por quen asine a solicitude en que se faga constar, tanto no que se refire ás persoas físicas como ás xurídicas solicitantes, que non están incursas en ningunha das prohibicións recollidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo II).

f) Declaración comprensiva do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para esta mesma finalidade, das distintas administracións públicas (anexo II).

g) Memoria asinada en que se fagan constar os números publicados durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria e na cal se recolla de xeito específico o cumprimento dos requisitos lingüísticos establecidos nestas bases reguladoras.

h) Declaración da tiraxe e do número de exemplares difundidos da publicación de que se trate, durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria, acompañado da documentación que o acredite.

i) Documentación pola que se acredite, se é o caso, a prestación da asesoría lingüística a particulares, institucións e outras empresas.

j) Un exemplar de cada número das publicacións para as cales se solicita a axuda, en arquivos informáticos en formato pdf.

2. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizo públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

3. A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións publicas e do procedemento administrativo común.

4. As copias dos documentos gozaran da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

6. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante superase os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Artigo 9. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral de Medios.

Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral de Medios mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Xunta de Galicia. Secretaría Xeral de Medios. Edificio Administrativo San Caetano, s/n. 15781 Santiago de Compostela, ou a través do correo: axudas.medios@xunta.es.

Artigo 10. Instrución do procedemento

1. A unidade administrativa que teña asignada a función de xestión de axudas e subvencións relativos aos medios informativos é o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións, polo que lle corresponde o exercicio das facultades previstas no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións estime necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución.

2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude presentada non reunise algún dos requisitos contidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que se así non o fixese, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da dita lei.

3. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderá requirirse ao solicitante calquera dato, documento complementario e aclaración que puidese resultar necesario para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez verificadas e revisadas as solicitudes e emendados os erros, de ser o caso, os expedientes administrativos que reúnan as condicións exixidas e que conten coa documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa avaliación e informe, regulada no artigo seguinte.

5. No caso de que o órgano instrutor aprecie que un expediente non reúne as condicións exixidas nesta resolución ou na restante normativa de aplicación, elaborará a correspondente proposta de resolución de inadmisión que, en todo caso, será motivada con indicación das causas desta.

Artigo 11. Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración é o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte. Para tal fin elaborará un informe no que se especificarán as solicitudes admitidas e a avaliación que lles corresponde, segundo os criterios recollidos no artigo seguinte, así como importe da axuda para cada un dos solicitantes.

2. A Comisión de Valoración terá a seguinte composición:

Presidente: a persoa cun rango mínimo de director/a xeral ou equivalente do órgano competente en materia de medios de comunicación.

Vicepresidente: a persoa cun rango mínimo de director/a xeral ou equivalente do órgano competente en materia de política lingüística.

Vogais:

– A persoa responsable do gabinete de prensa do órgano competente en materia de medios de comunicación.

– Unha persoa funcionaria do órgano competente en materia de medios de comunicación con categoría non inferior a xefe de servizo.

– Unha persoa funcionaria do órgano competente en materia de política lingüística con categoría non inferior a xefe de servizo.

– Unha persoa funcionaria do órgano competente en materia de política lingüística nomeado por esta.

Secretario: unha persoa funcionaria do órgano competente en materia de medios de comunicación.

Artigo 12. Criterios de cuantificación das axudas

1. A valoración das solicitudes presentadas basearase e distribuirase de forma proporcional aos seguintes criterios:

a) Criterio referido a números editados.

Distribuirase segundo este criterio o 90 % do crédito total. Distribuirase proporcionalmente en función dos números editados.

b) Criterio referido á tirada e difusión de exemplares.

Distribuirase segundo este criterio o 10 % do crédito total. A distribución do crédito será do 5 % en proporción directa á tirada e do 5 % en proporción directa á difusión de exemplares da publicación obxecto de avaliación.

Para o cálculo individualizado do importe de cada axuda teranse en conta o número de exemplares tirados e difundidos por cada un dos beneficiarios, en relación co número total de exemplares tirados e difundidos por todos eles ao longo do ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.

Os números dobres dunha publicación serán considerados un único número para efectos de subvención.

2. O importe máximo de axuda por publicación será de 50.000 euros.

Se como consecuencia do establecemento deste importe máximo de axuda por publicación existira remanente no crédito, procederase á súa repartición entre as axudas individualizadas que non acadasen importe máximo sinalado.

Artigo 13. Resolución e notificación

1. O órgano instrutor elevará o informe da Comisión de Valoración xunto coa proposta de resolución ao titular do órgano competente en materia de medios, o cal ditará a correspondente resolución, e estirará ou denegará, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a contía da axuda concedida ou, de ser o caso, a causa de denegación, e fará constar, se é o caso, de maneira expresa a desestimación do resto das solicitudes.

A concesión ou a denegación da axuda seralle notificada ao solicitante de acordo co establecido nos artigos 58 e 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, serán causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorrese este prazo sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Réxime de recursos

As resolucións ditadas polo titular do órgano competente en materia de medios de comunicación poñerán fin á vía administrativa, polo que, contra elas, poderán os interesados interpoñer os seguintes recursos, sen prexuízo da interposición de calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir daquel en que se produza o acto presunto, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 15. Xustificación e pagamento

1. A conta xustificativa acreditarase de acordo co disposto no artigo 48 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O pagamento das axudas quedará condicionado á presentación, nun prazo de 10 días desde a notificación da resolución de concesión, da documentación que se exixa de maneira expresa nela. Utilizaranse os modelos normalizados e que figuran como anexos numéricos a esta resolución, incluíndo, en todo caso:

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

b) Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor ou provedor, concepto, importe, data de emisión da factura ou documento probatorio e data de pagamento (anexo III).

c) As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa incorporados na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior, e acreditación do pagamento mediante transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario.

d) Os documentos acreditativos dos gastos realizados con medios ou recursos propios e a indicación, se é o caso, dos criterios de repartición dos custos xerais e/ou indirectos incorporados na relación a que se fai referencia na letra b).

e) Declaración do representante da empresa responsabilizándose de que continuará realizando as publicacións en galego ata o 31 de decembro do ano da convocatoria, para os efectos de xustificar o compromiso establecido no artigo 3 destas bases, relativo ao propósito de permanencia indefinida no tempo (anexo IV).

Para acreditar este compromiso, as empresas beneficiarias presentarán, durante o mes de xaneiro posterior ao do ano natural da convocatoria, declaración responsable do representante da empresa nos termos do artigo 71 bis da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na cal se certifique que se cumpriu o dito compromiso, xunto coa documentación que o acredite.

O incumprimento deste compromiso será considerado incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda coas consecuencias que se reflicten no artigo 17 destas bases.

f) Certificación, debidamente actualizada, acreditativa de se encontraren ao día das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, unicamente no suposto de que o solicitante denegase expresamente a autorización para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

g) Declaración responsable, debidamente actualizada, de non estar incursa en ningunha das prohibicións para obter a condición de empresa beneficiaria das axudas recollidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo IV).

h) Escrito de aceptación expresa da axuda.

Transcorrido o prazo concedido para a súa aceptación na resolución de concesión, sen que se produza manifestación expresa entenderase tacitamente aceptada.

i) Declaración comprensiva do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para esta mesma finalidade, das distintas administracións públicas (anexo IV).

j) Calquera outra documentación que se estableza pola normativa reguladora.

Artigo 16. Obrigas das empresas beneficiarias

1. As empresas beneficiarias das axudas quedan obrigadas:

a) Ao reintegro, total ou parcial, da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, e en todo caso, nos supostos regulados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) A someterse ás actuacións de comprobación que poida efectuar o órgano competente en materia de medios de comunicación, así como calquera outra de comprobación e control financeiro que poidan realizar a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, para o que achegarán canta información lles sexa requirida.

c) Dar unha adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que se deriven da execución das actividades que se subvencionan.

d) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma. No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte co artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que o solicitante ou o beneficiario ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requiriráselle ao solicitante ou beneficiario que regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado.

e) A non estar incursas en ningunha das prohibicións para obter a condición de empresa beneficiaria das axudas recollidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) A comunicarlle ao órgano competente en materia de comunicación, no momento no que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos subvencionados a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as publicacións subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da axuda.

g) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamente a concesión da subvención.

h) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

i) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable a persoa beneficiaria en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

j) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

Artigo 17. Compatibilidade

As axudas previstas nesta resolución serán compatibles con outras axudas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais sempre que a acumulación de axudas non supere o custo total da actividade subvencionada e se respecten as condicións establecidas en cada réxime de axudas na normativa nacional e comunitaria aplicable.

Artigo 18. Modificación da resolución e reintegro das subvencións

1. Toda alteración nas condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas, para a mesma finalidade, por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora producidos desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde o reintegro nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ao abeiro do disposto no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, os criterios de graduación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se vai minorar serán os seguintes:

a) O incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda ou da obriga de xustificación, dará lugar á perda ao dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

b) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a axuda e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou non xustificado.

4. A tramitación do expediente de reintegro realizarase de acordo co procedemento establecido no capítulo II do título II da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Infraccións e sancións

As empresas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Publicidade

1. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

2. Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas sexan de contía inferior a 3.000 euros publicarase na páxina web da Secretaría Xeral de Medios.

Artigo 21. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta bancaria de titularidade da Xunta de Galicia que corresponda, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

Artigo 22. Remisión normativa

Para todo o non regulado nas presentes bases estarase ao previsto nas seguintes disposicións:

1. Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Preceptos con carácter básico da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e do seu Regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

4. O Decreto 103/1994, do 21 de abril, polo que se establecen axudas dirixidas a publicacións periódicas escritas integramente en galego normativo, modificado por Decreto 237/2008, do 16 de outubro.

5. Resto de normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file