Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Luns, 9 de febreiro de 2015 Páx. 5677

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 6 de febreiro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2015 para a adxudicación de vehículos e motocicletas a concellos de menos de 50.000 habitantes, que conten con corpo de policía local, en réxime de concorrencia competitiva, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder-Galicia 2007-2013.

Conforme o Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, este departamento é o encargado de xestionar as competencias que en materia de coordinación de policías locais ten atribuídas a Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, establece no seu título III que á Xunta de Galicia lle corresponde a coordinación das policías locais, respectando a autonomía local recoñecida pola Constitución, así como as competencias estatais en materia de seguridade.

A Unión Europea, a través do programa operativo Feder 2007-2013, eixe 3 tema prioritario.53 «Protección de riscos», tenta garantir a mellora, conservación e protección dos recursos naturais, xunto con un uso sustentable da auga, incidindo na prevención de riscos, no incremento da eficiencia enerxética, na utilización de fontes renovables e nas oportunidades de progreso que representa o ambiente para o desenvolvemento da Comunidade Autónoma de Galicia.

Neste senso, no punto 3.53.15 «Mellora de infraestruturas e equipamentos de emerxencias nos servizos municipais de protección civil e emerxencias» sitúase a dotación de equipamento á seguridade e á protección e prevención de riscos nos concellos, mancomunidades e asociacións de concellos, xa que supón unha mellora na atención das necesidades cidadás tanto en situacións de emerxencia como na súa prevención.

O actual escenario de crise económica que afecta tamén os concellos obriga a impulsar medidas de xestión eficaz e eficiente dos recursos dispoñibles co fin de continuar prestando servizos de calidade aos cidadáns, optimizando os recursos económicos das administracións mediante fórmulas que permitan a xestión compartida na prestación dos servizos públicos.

Pola súa banda, a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece na súa disposición adicional terceira que as entregas de bens, dereitos ou a prestación de servizos adquiridos ou contratados coa finalidade exclusiva de entregalos a terceiros que cumpren os requisitos establecidos nas letras a), b) e c) do artigo 2.1º da referida lei, terán a consideración de subvención en especie e quedarán suxeitas ás previsións desta lei.

No exercicio destas competencias, a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza quere establecer con esta orde un instrumento que, adecuándose á normativa xeral vixente, marque as pautas para unha distribución, consonte os criterios de publicidade, obxectividade e concorrencia, dos recursos destinados á mellora e equipamento dos concellos en tarefas de seguridade cidadá e prevención de riscos en emerxencias e protección civil, de acordo cos principios recollidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Ó tratarse dunha orde con aplicación de fondos cofinanciados pola Comunidade Europea a través dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (Feder), estará suxeita á regulamentación comunitaria aplicable ao seu obxecto.

Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas, polos decretos 229/2012 e 320/2012, do 2 de decembro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras para a adxudicación, en réxime de concorrencia competitiva, de vehículos policiais de emerxencias aos concellos galegos que conten con corpo de policía local, de acordo coas previsións contidas na Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, e a súa convocatoria para o ano 2015.

O equipamento que se vai ceder distribúese nas seguintes liñas de axudas:

Liña 1: 50 vehículos tipo turismo.

Liña 2: 26 motocicletas tipo trail.

Artigo 2. Crédito

A adquisición do equipamento de emerxencias lévase a cabo mediante subministración por procedemento aberto suxeito a regulación harmonizada e foi cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), nun 80 %, no marco do programa operativo Feder-Galicia 2007-2013, eixe 3, tema prioritario 53 «Protección de riscos», con cargo a aplicación orzamentaria 05 25 212A 624.0. Para estes efectos tramitouse anticipadamente o correspondente expediente de contratación número 2014-05-01830, por importe de 1.070.000,00 euros, para a adquisición dos equipamentos sinalados no artigo 1 desta orde.

Artigo 3. Beneficiarios

Poderán solicitar este equipamento os concellos de menos de 50.000 habitantes, que cumpran as seguintes condicións:

a) Que o solicitante dispoña de corpo de policía local, conforme a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais.

b) Ter presentadas as contas a que se refire o artigo 208 e seguinte do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, correspondentes ao exercicio orzamentario 2013 no Consello de Contas de Galicia.

c) Que non recibisen axudas por parte da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para o mesmo fin nos seis últimos anos .

Artigo 4. Iniciación e prazo de presentación de solicitudes

1. Os concellos que desexen acollerse aos beneficios desta orde presentarán solicitude dirixida á persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segundo o modelo que figura como anexo I desta orde. A solicitude deberá ir acompañada da documentación que se establece no artigo 5 desta orde, segundo proceda.

Cada solicitante deberá pedir por orde de preferencia o equipamento a que se refire cada unha das liñas sinaladas no artigo primeiro desta orde, de acordo coas súas necesidades, e en función da súa puntuación concederáselle o solicitado ata o límite de existencia.

2. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

5. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao de publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 5. Documentación que integra a solicitude

1. Solicitude no modelo normalizado que se xunta como anexo I (PR 451A) a esta orde.

2. Certificación ou declaración responsable asinada polo representante do concello, do acordo da entidade pola que se solicita a subvención en especie e se aceptan as condicións e demais requisitos exixidos nesta convocatoria (recollidos no anexo I) en que se faga constar:

a) O conxunto de todas as axudas concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, polas distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados e o compromiso de comunicar de contado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

b) Que o concello non está incurso en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10.2 e 10.3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención.

Para os efectos do previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que concello está ao día das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedor por resolución de procedemento de reintegro.

3. Certificado do/a secretario/a do concello da presentación das contas deste no Consello de Contas de Galicia, a que fai referencia o artigo 3.

4. Certificación do/a secretario/a do concello respecto ao número de habitantes deste en 31 de decembro de 2014.

5. Certificación do/da secretario/a do concello respecto da actual configuración da RPT do cadro de persoal do corpo de policía local, con indicación dos postos vacantes actualmente.

6. Certificación do/a secretario/a do concello respecto dos vehículos e motocicletas para servizo do corpo de policía local que recibise o concello nos últimos 10 anos desde a Xunta de Galicia, con indicación do ano de matriculación.

7. Certificación do/a secretario/a do concello respecto do equipamento actual de vehículos e motocicletas para servizo do corpo de policía local, con indicación do ano de matriculación.

8. Os defectos nas solicitudes seranlles notificados aos interesados pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior que é o órgano competente para a instrución do procedemento e, de conformidade co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, daráselles un prazo improrrogable de dez días para emendar os erros ou omisións.

Transcorrido o dito prazo e de non producirse a dita emenda, as peticións serán arquivadas conforme o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Instrución

1. Recibidas as solicitudes e a súa documentación serán analizadas por unha comisión de valoración, presidida pola persoa titular da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior ou persoa en quen delegue, e formada polas cinco persoas responsables das delegacións territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, actuando como secretario/a a persoa titular da Subdirección Xeral de Seguridade e Coordinación da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, ou un/unha funcionario/a da citada dirección xeral con nivel mínimo de xefe/a de servizo, que non terá dereito a voto.

2. A referida comisión fará unha proposta de resolución, tendo en conta os criterios sinalados no seguinte artigo, co número de beneficiarios, e conterá unha lista de reserva cara á posible renuncia dalgún beneficiario, que será elevada posteriormente ao órgano competente para resolver.

3. Unha vez elaborada a correspondente proposta mediante acta motivada, elevarase á persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, quen resolverá.

Artigo 7. Criterios de valoración e repartición

A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva e, para a elaboración da proposta de resolución, teranse en conta os seguintes criterios, que serán valorados segundo a gradación que en cada caso se indica, ata un máximo de 100 puntos:

1. O mellor ratio derivada da relación entre o número de funcionarios do corpo de policía local e o número de habitantes do concello en 31 de decembro de 2014 (expresado en miles). Outorgarase ata un máximo de 20 puntos. A maior puntuación corresponderá ao concello que teña unha mellor ratio e ao resto de xeito proporcional.

2. A mellor cobertura efectiva do cadro de persoal. Outorgarase ata un máximo de 20 puntos. A maior puntuación corresponderá ao/s concello/s que teña/n todos os postos do cadro de persoal cubertos no momento de presentación da solicitude e ao resto de xeito proporcional.

3. Maior antigüidade dos vehículos ou motocicletas recibidos nos dez últimos anos desde a Xunta de Galicia. Outorgarase ata un máximo de 20 puntos. A maior puntuación corresponderá ao/s concello/s que nunca recibisen vehículos ou axudas para este fin. O resto de xeito proporcional en función dos anos transcorridos desde a última recepción dun vehículo ou motocicleta da Xunta de Galicia.

4. A ratio entre o número vehículos turismos e o total de persoal funcionario existente, así como a mesma ratio respecto do número de motocicletas, se é o caso. Outorgarase 20 puntos á ratio máis baixa. O resto de xeito proporcional.

5. Cumprimento polos concellos solicitantes da normativa de coordinación de policías locais. Outorgaranse 20 puntos polo dito cumprimento. Serán penalizados con cero puntos aqueles concellos aos cales lles formulase reparos nas súas actuacións pa unidade directiva competente en materia de coordinación, e non fosen atendidos debidamente.

Artigo 8. Resolución, publicación e notificación

1. A resolución adoptarase polo vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, tendo en conta a proposta que faga a comisión de valoración, procedéndose á súa publicación posterior no Diario Oficial de Galicia.

2. A notificación da resolución efectuarase pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Na notificación da resolución faranse constar as seguintes condicións particulares que deberá cumprir o interesado ao cal se lle conceda o equipamento e que serán recollidos na acta de cesión correspondente:

a) Serán por conta dos beneficiarios os gastos de matriculación, incluído, se é o caso, o imposto especial sobre determinados medios de transporte, seguros, mantemento, conservación e calquera outro gasto que poida supoñer a cesión, así como as indemnizacións derivadas de posibles declaracións de responsabilidade civil ou criminal polo uso dos vehículos e demais equipamento, calquera que sexa a súa contía.

b) Compromiso de que o equipamento cedido sexa destinado ás funcións de seguridade e protección cidadá. O incumprimento da obriga de destino referida será causa de reintegro, nos termos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

c) Compromiso da inalterabilidade das condicións tidas en conta para a concesión.

d) O/a alcalde/sa do concello, ao cal se lle conceda o equipamento solicitado, disporá dun prazo de dez días hábiles, contados a partir da recepción da comunicación individual da resolución favorable, para a súa aceptación ou renuncia.

No suposto de que, transcorridos cinco meses contados desde a publicación desta orde non se dita e notifica resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Contra a resolución do vicepresidente e conselleiro poderá interporse, ante el, recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte á notificación daquela ou desde o día en que se produza o acto presunto.

Así mesmo, poderá interporse directamente recurso contencioso-administrativo perante a sala do contencioso administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas e subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 9. Formalización da cesión

De acordo co disposto na disposición adicional terceira da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entregas de bens ou dereitos ou a prestación de servizos adquiridos ou contratados coa finalidade exclusiva de entregalos a terceiros e que cumpran os requisitos establecidos nas letras a), b), e c) do artigo 2.1º da Lei 9/2007, terán a consideración de subvención en especie e quedarán suxeitas ás previsións desta lei.

Para estes efectos, o equipamento adquirido por parte da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e adxudicado aos beneficiarios desta orde está afecto ao cumprimento dunha finalidade de carácter público, polo que ten a consideración de subvención en especie e a súa cesión formalizarase mediante acta subscrita polo/pola secretario/a xeral técnico desta consellería ou funcionario/a en que delegue; deberá constar nela o regulado no artigo 8 ao respecto.

No momento de asinar a acta de cesión, os beneficiarios deberán presentar a declaración actualizada do modelo do anexo II asinada polo representante do concello.

Dado que os fondos achegados proveñen do programa de fondos Feder-Galicia 2007-2013, o concello quedará obrigado a cumprir cos requisitos de publicidade establecidos no Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, e deberá manterse o rotulado do equipamento cedido. Así mesmo, tamén deben adoptarse medidas para garantir a compatibilidade coas políticas comunitarias en materia ambiental, de contratación pública, igualdade de oportunidades e as regras de competencia.

De igual xeito, e de acordo co establecido no artigo 57 do Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello Europeo os concellos quedarán obrigados ao mantemento dos bens cedidos un mínimo de cinco (5) anos.

Artigo 10. Reversión dos bens na Comunidade Autónoma

1. Se o equipamento cedido non se aplica ao fin sinalado ou deixa de estalo con posterioridade, se descoida ou utiliza con grave quebrantamento ou se incumpren as condicións que se detallan nesta orde, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán á Comunidade Autónoma, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor dos detrimentos ou das deterioracións que experimentasen.

2. A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza estará dotada de facultades de vixilancia e control para comprobar o cumprimento das obrigas que comporta a cesión e, de ser o caso, para a resolución dos expedientes de reversión.

Artigo 11. Consentimentos e autorizacións

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se poidan impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade

Artigo 12. Protección de datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo de San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a emerxencias.interior@xunta.es.

Artigo 13. Modelos normalizados

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Facúltase o director xeral de Emerxencias e Interior para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposicións derradeira segunda. Lexislación aplicable

En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvenciones de Galicia.

Disposicións derradeira terceira. Lexislación como fondo Feder

Ao tratarse dunha orde con aplicación de fondos da Comunidade Europea (Feder), estará suxeita á regulamentación comunitaria aplicable recollida no Regulamento (CE) nº 1083/2013, do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Feder, FSE e Fondo de Cohesión e normativa de desenvolvemento.

Disposicións derradeira cuarta. Delegación de competencias

De conformidade co previsto no artigo 4 da Orde do 14 de maio de 2013 sobre delegación de competencias (DOG núm. 92, do 15 de maio), delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior a competencia para resolver os procedementos de subvención que se inicien en virtude desta orde.

Disposición derradeira quinta. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2015

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

missing image file
missing image file
missing image file