Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Martes, 10 de febreiro de 2015 Páx. 5873

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 29 de xaneiro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o libro galego, no que se refire á tradución a outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.

De acordo coas atribucións que asigna o marco competencial, corresponde á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria favorecer o enriquecemento cultural na sociedade galega e poñer á súa disposición materiais para o seu desenvolvemento persoal do campo da creación, do pensamento, da técnica, do lecer ou de calquera outro en que as persoas poidan expresarse, formarse ou transformar a súa percepción esencial do mundo en que habitan.

Así mesmo, é competencia desta consellería favorecer a difusión da produción intelectual e creativa de Galicia noutras culturas e, ao mesmo tempo, facilitar o acceso da cidadanía galega aos textos producidos orixinalmente noutras linguas e territorios, co fin de contribuír ao intercambio cultural e á configuración dunha sociedade plural e integradora.

Por este motivo, dentro das responsabilidades que lle competen, no uso das facultades que se lle conferiron, e de acordo co previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria establece as correspondentes liñas de subvención para a versión en galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas e para a versión noutras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego, de maneira que se poidan encontrar na nosa comunidade e na nosa lingua os textos significativos producidos no exterior, ao mesmo tempo que as nosas autoras e autores conten con vías para exportar a súa produción.

No exercicio destas competencias, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria quere, con esta orde, establecer un instrumento que, conforme a normativa legal vixente, marque as pautas para unha distribución, segundo os criterios de publicidade, obxectividade e concorrencia, dos recursos destinados ao libro, axustada ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Na súa virtude, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Finalidade e obxecto

1. Convócanse axudas á produción editorial para apoiar o libro galego, no que se refire á tradución a outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución ao galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas.

2. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Co fin de cumprir co principio de concorrencia sinalado, as solicitudes serán examinadas por unha comisión de avaliación que se axustará aos preceptos contidos no título II, capítulo II, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As axudas establecidas nesta orde para apoiar o libro galego, no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas, quedan suxeitas ao Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24.12.2013, L352/1).

4. No desenvolvemento desta orde, observarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas da administración pública galega.

d) Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

E, supletoriamente:

e) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, reguladora dos requisitos de concesión e xustificación de subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico, que resultan de aplicación á normativa desta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta orde de convocatoria.

f) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

g) Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 2. Imputación orzamentaria e contía

1. As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 09.20.432A.770.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015, por un importe de 90.000,00 euros, e, con cargo aos orzamentos de 2016, a cantidade de 110.000,00 euros.

2. A contía máxima adxudicada por medio desta orde ascende a douscentos mil euros (200.000,00 €), do seguinte modo:

a) Para a tradución desde outras linguas para o galego destínase o 60 % do orzamento total previsto, polo que se asigna unha contía de 120.000 €.

b) Para a tradución desde o galego para outras linguas destínase o 40 % do orzamento total previsto, polo que se asigna unha contía de 80.000 €.

c) Quedarán excluídas destas axudas aqueles proxectos que, logo de aplicado o baremo previsto nesta orde, acaden unha puntuación inferior ao 50 % do máximo total.

d) A contía fíxase en 20 € por páxina, como máximo.

e) O cómputo e a determinación da contía realizarase sobre unha páxina estándar de 30 liñas por 60 caracteres, para un total de 1.800 caracteres.

f) A axuda non pode superar en ningún caso os 6.000 €.

O importe final adxudicado a cada proxecto determinarase proporcionalmente ao resultado da valoración resultante da aplicación do baremo establecido no artigo 7.3º desta orde, coas limitacións establecidas neste artigo.

3. Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, se o importe total que perciba o beneficiario non supera a porcentaxe máxima do investimento.

4. Este importe inicial pode ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. As axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites sinalados no Regulamento (UE) nº 1407/2013. A contía total das axudas de minimis concedidas a unha empresa non poderá exceder 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Este limiar aplicarase independentemente da forma da axuda ou do obxectivo perseguido. As axudas de minimis non se acumularán con ningunha axuda estatal correspondente aos mesmos gastos subvencionables se a dita acumulación dá lugar a unha intensidade de axuda superior á establecida para as circunstancias concretas de cada caso pola normativa comunitaria.

Artigo 3. Requisitos das entidades solicitantes

1. Poderán optar a estas axudas todas aquelas entidades que acrediten a súa condición de editoras, de acordo co establecido no artigo 4 b) desta orde.

En todo caso estarán suxeitas as limitacións que establece o punto seguinte deste artigo.

2. Non poden beneficiarse das axudas recollidas nesta orde aqueles solicitantes que se encontren nos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Presentación de solicitudes, prazo e documentación

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica da Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario, para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica da Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

As solicitudes para a concesión das axudas, independentemente da forma de presentación, irán acompañadas da seguinte documentación xeral, que só se presentará unha vez, no caso de varias solicitudes da mesma editorial, en orixinal ou fotocopia compulsada:

a) Fotocopia do DNI, NIF, NIE ou equivalente, orixinal ou debidamente compulsado ou cotexado, só no caso de que non autorice o solicitante a súa consulta. O solicitante poderá autorizar a Secretaría Xeral de Cultura para o acceso de oficio aos datos de verificación da súa identidade, de acordo co establecido no Decreto 255/2008, do 23 de outubro. Se é unha editorial estranxeira, deberá enviar a documentación identificativa propia do seu país.

b) Acreditación da personalidade do solicitante e da súa representación, mediante fotocopia da escritura pública de constitución ou modificación, se é o caso, da sociedade, e do poder notarial correspondente, ambos os documentos debidamente inscritos no Rexistro Mercantil ou no rexistro que corresponda, de non ser sociedade mercantil.

No caso de persoas físicas, deberá acreditarse o obxecto social do solicitante mediante documento de alta na epígrafe correspondente á edición de libros do IAE.

Os solicitantes estranxeiros deberán presentar a documentación equivalente que acredite a condición de editor conforme as exixencias da lexislación vixente no país do solicitante.

c) Fotocopia do último recibo do imposto de actividades económicas, certificado de exención, no caso de proceder, ou declaración xurada de tal exención.

d) O catálogo actualizado da produción realizada pola editorial ou indicación da páxina web onde se poida consultar, e relación das súas obras galegas.

3. Polo que se refire especificamente ás obras que se proxecte traducir, é preciso achegar a seguinte documentación:

a) Calendario de investimentos para desenvolver cada proxecto editorial.

b) Modelo de contrato que a editorial asinaría co tradutor da obra, conforme o establecido na Lei de propiedade intelectual, no cal debe constar o importe da tradución.

c) Un exemplar completo da obra para a cal se solicite a axuda e referencia catalógrafica da súa edición.

d) Xustificante de ter os dereitos precisos para a publicación da obra. No caso de ser de dominio público a obra, farase constar este aspecto, indicando a data de falecemento do autor, se é o caso.

e) Plan de distribución previsto, baseado na realidade da editorial ou, se é o caso, con xustificación das expectativas, e certificado de tiraxe emitido polo impresor.

f) Currículo do tradutor, con indicación dos proxectos en que acredita a participación, número de obras traducidas, premios etc.

g) Memoria explicativa referida ao interese do proxecto para a cultura galega.

4. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

5. A documentación relacionada nas alíneas a) e b) poderá sustituírse por unha declaración do presidente ou director da editorial. No caso de editoriais estranxeiras non procede a documentación da alínea c).

6. A Secretaría Xeral de Cultura poderá pedir aos solicitantes que acheguen a documentación complementaria ou orixinais que considere necesarios para acreditar os datos que figuren na solicitude, incluídos albarás, facturas, certificados de tiraxe e de distribución etc.

7. Os beneficiarios das axudas terán a obriga de facilitar toda a información que lles requira a Intervención xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

8. A documentación que se achegue coa solicitude debe vir obrigatoriamente nunha das dúas linguas oficiais de Galicia ou, noutro caso, acompañada da súa correspondente tradución, certificada polo solicitante, que será responsable da veracidade da tradución.

Artigo 5. Autorización

A presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, e debe presentar, neste caso, a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

Artigo 6. Emenda das solicitudes

Se a documentación presentada for incompleta ou presentar erros emendables, requirirase o solicitante para que, no prazo de 10 días hábiles, rectifique a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se terá por desistido da súa solicitude, segundo o disposto no artigo 20.5º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, logo de que se dite a oportuna resolución ao abeiro do artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Instrución do procedemento e selección das solicitudes

1. Corresponde á Secretaría Xeral de Cultura a instrución do procedemento de concesión de subvencións e desenvolverá de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución.

2. A comisión avaliadora a que fai referencia o punto 2 do artigo 1 estará constituída polos seguintes membros:

– Presidenta: a subdirectora xeral de Bibliotecas.

– Secretario/a: un/unha funcionario/a de carreira da Subdirección Xeral de Bibliotecas, nomeada polo secretario xeral de Cultura.

– Vogais:

– A xefa do servizo de Bibliotecas e a xefa do servizo do Libro e Publicacións.

– Unha persoa experta por proposta do Consello da Cultura Galega.

– Dúas persoas expertas por proposta das asociacións de tradutores ou de institucións relacionadas co mundo da tradución.

– Unha persoa experta, designada polo secretario xeral de Cultura, en literatura, ensaio, pensamento e ciencia.

– Un funcionario de carreira da Subdirección Xeral de Bibliotecas.

En caso de ausencia dalgún dos membros integrantes da comisión, poderá ser substituído por outra persoa que para o efecto designe o secretario xeral de Cultura.

3. Esta comisión valorará os expedientes conforme os seguintes criterios, por orde decrecente de prioridade e coas puntuacións máximas que figuran na relación:

1) Nº de edicións da obra que se vai traducir na súa lingua orixinal:

a) Entre 2 e 5 edicións: 10 puntos.

b) Entre 6 e 8 edicións: 13 puntos.

c) Entre 9 e 12 edicións: 15 puntos.

d) A partir de 13 edicións: 1 punto máis por cada 5 edicións, ata un máximo de 20 puntos.

Máxima puntuación neste apartado: 20 puntos.

2) Actualidade da obra.

Para obras editadas orixinariamente nos últimos 10 anos: 10 puntos. Acreditarase unha tiraxe mínima de 500 exemplares.

Máxima puntuación neste apartado: 10 puntos.

3) Para obras con dereitos de propiedade intelectual vixente: 5 puntos.

Máxima puntuación neste apartado: 5 puntos.

4) Para a tradución de obras redactadas orixinariamente en galego:

Presenza de obras galegas no catálogo editorial: 5 puntos cando apareza un mínimo de 10 títulos, e 0,25 puntos máis por cada título a maiores do mínimo de 10, ata un máximo de 10 puntos.

Máxima puntuación neste apartado: 10 puntos.

5) Currículo da persoa responsable da tradución e estimación da calidade previsible no seu labor, consonte a calidade e a solvencia estimadas polas persoas expertas consonte as súas respectivas perspectivas:

a) Proxectos editoriais en que estea acreditada a súa participación: ata 10 puntos.

b) Calidade estimada da súa traxectoria como tradutor ou tradutora: ata 10 puntos.

c) Premios, distincións e recoñecementos obtidos no ámbito específico da tradución: ata 5 puntos.

Máxima puntuación neste apartado: 25 puntos.

6) Plan de distribución declarado e ponderación da súa viabilidade:

a) Impacto previsible no mercado: ata 5 puntos.

b) Distribución en librarías ou distribuidoras de toda Galicia ou outra comunidade autónoma: 4 puntos.

c) Distribución en librarías de todo o estado español: 4 puntos.

d) Distribución en librarías doutro país: 3 puntos.

e) Distribución en formato electrónico: 3 puntos.

f) Outro tipo de canle de distribución ou áreas de interese: 1 punto.

Máxima puntuación neste apartado: 20 puntos.

7) Interese do proxecto para a cultura galega.

Neste apartado as persoas expertas terán en conta a contribución do proxecto aos seguintes aspectos:

a) Difusión do patrimonio cultural galego, nas súas diversas manifestacións, referidos á persoa do autor ou autora da obra, á súa vixencia e á súa influencia sociocultural: ata 10 puntos.

b) Contribución da obra á difusión da imaxe de Galicia como sociedade avanzada: ata 10 puntos.

Máxima puntuación neste apartado: 20 puntos.

As solicitudes que se axusten aos requisitos establecidos nesta convocatoria valoraranse de acordo cos criterios antes detallados e a repartición económica realizarase proporcionalmente ás puntuacións obtidas, cos límites establecidos no artigo 2.

Realizada a avaliación, a comisión redactará un informe co resultado desta e será elevado ao órgano instrutor. Este elevará o dito informe, xunto coa proposta de resolución, ao secretario xeral de Cultura, quen resolverá por delegación do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

No suposto de que algunha entidade non acepte a axuda ou renuncie a esta, o órgano instrutor poderá formular proposta de resolución complementaria, adxudicando o importe dispoñible ás solicitudes valoradas pola comisión e que non alcanzasen axuda por límites orzamentarios, de acordo coa orde de puntuación establecida.

Artigo 8. Resolución

O secretario xeral de Cultura, por delegación do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo de 15 días desde a elevación da proposta de resolución, ditará a resolución de concesión de acordo co disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Deberá comunicarse por escrito ao beneficiario o importe da axuda (en equivalente bruto de subvención) e o seu carácter de axuda de minimis exenta en aplicación do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24.12.2013, L352/1).

Artigo 9. Notificación e desestimación

O prazo máximo para ditar a resolución expresa e notificala aos interesados non poderá superar os cinco meses, segundo establece o artigo 23.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O prazo computarase a partir do día da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

O vencemento do prazo máximo sen que se notifique a resolución expresa faculta o interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 10. Aceptación, xustificación e pagamento

1. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios dispoñerán dun prazo de 10 días para a súa aceptación. Transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique de xeito formal e expreso a renuncia á subvención concedida, debidamente asinada polo representante do beneficiario.

2. A contía correspondente á primeira anualidade (45 % do orzamento total) librarase antes do 1 de novembro de 2015, despois da aceptación da axuda por parte do beneficiario e da entrega dunha fotocopia compulsada do contrato asinado co tradutor, que terá data posterior á publicación desta orde no DOG. Para o pagamento da segunda anualidade (55 % do orzamento total) debe presentarse, antes do 1 de novembro de 2016, a factura xunto co xustificante do pagamento realizado ao tradutor, e 5 exemplares da tradución editada, a factura e o xustificante de pagamento á imprenta, onde quede acreditado que a tiraxe corresponde co manifestado na solicitude.

No caso de que a editorial conte cun equipo propio de tradución, acreditará que a persoa responsable da tradución está incluída no seu cadro de persoal, nunha categoría que a habilite para o exercicio de tal labor.

3. Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

– Xustificante bancario do pagamento polo beneficiario (transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso en efectivo polo portelo, certificación bancaria), en que conste o número da factura obxecto do pagamento.

– Identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir co beneficiario da axuda.

– Identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa e entidade que emitiu a factura.

4. Con carácter excepcional, admitiranse pagamentos en metálico cando o seu importe, individual ou en conxunto por provedor, non supere os 1.000 €. Neste caso, o pagamento xustificarase mediante a factura asinada e selada polo provedor en que figure a expresión «recibín en metálico».

5. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen que se efectúe ante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

A Secretaría Xeral de Cultura poderá requirir en todo momento calquera documentación que considere oportuna para a xustificación da axuda.

Cando as actividades sexan financiadas, ademais de coa subvención, con fondos propios ou outras subvencións ou recursos, deberá acreditarse na xustificación o importe, procedencia e aplicación de tales fondos ás actividades subvencionadas, segundo recolle o artigo 28.6º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 11. Obrigas dos beneficiarios

1. Os beneficiarios desta axuda quedan suxeitos ás obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Os beneficiarios da subvención farán constar en toda a comunicación e publicidade xerada o seguinte texto: «Esta obra recibiu unha axuda da Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia na convocatoria de axudas para a tradución do ano 2015», e cumprirán, así mesmo, coa normativa vixente exixida para o depósito legal.

3. No momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do último pagamento, o peticionario deberá presentar unha declaración complementaria das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

4. Os beneficiarios desta axuda deberán presentar a documentación xustificativa de que a obra subvencionada foi editada, onde conste expresamente o número de exemplares editados. O órgano instrutor poderá comprobar, a través das canles habituais de distribución, que as obras se encontren realmente inseridas no mercado editorial galego ou dos ámbitos para os cales estiver destinado o proxecto subvencionado, e requirir, de ser o caso, a xustificación acreditativa deste aspecto.

Artigo 12. Reintegro da axuda e procedemento sancionador

1. Procederá o reintegro total ou parcial das subvencións e axudas públicas percibidas cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que o beneficiario da axuda incumpra algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria instruirá o correspondente expediente sancionador, de conformidade co previsto no título IV da Lei 9/2007, citada no punto anterior.

3. Toda alteración das condicións observadas para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 13. Recursos

Contra os actos resolutivos que esgotan a vía administrativa, poderá interpoñer o interesado recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a recepción da notificación da resolución ou, potestativamente, interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 14. Publicidade

1. Os órganos administrativos concedentes publicarán no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con expresión da convocatoria, o programa e o crédito orzamentario a que se imputen, beneficiario, cantidade concedida e a finalidade ou finalidades da subvención, ao abeiro do disposto no artigo 15.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

3. As entidades solicitantes prestan o seu consentimento para incluír e facer públicos, no rexistro público de axudas, subvencións e convenios, creado polo artigo 16.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as axudas outorgadas ao abeiro desta orde.

Artigo 15. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes serán incluídas nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela; ou a través dun correo electrónico ao enderezo: sxt.cultura.educacion@xunta.es.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o secretario xeral de Cultura, no ámbito das súas competencias, para as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2015

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file