Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Martes, 24 de febreiro de 2015 Páx. 7682

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 11 de febreiro de 2015, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se convocan probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte en empresas de transporte por estrada.

A Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres, logo da súa modificación a través da Lei 9/2013, do 4 de xullo, exixe reunir o requisito da competencia profesional para exercer a función de transportista por estrada. Intégrase así tamén no ordenamento interno o disposto no Regulamento (CE) nº 1071/2009, do 21 de outubro, polo que se establecen as normas comúns relativas á condicións que se deben cumprir para o exercicio da profesión de transportista por estrada e polo que se derroga a Directiva 96/26/CE, de acordo co cal unha empresa que exerza a profesión de transportista por estrada nomeará cando menos unha persoa física, denominada xestor do transporte, que cumpra os requisitos de honorabilidade e competencia profesional (artigos 3 e 4). Precisamente para cumprir este requisito de competencia profesional, o artigo 8 dispón que as persoas interesadas estarán en posesión dos coñecementos que responden ao nivel recollido no anexo I, parte I, do propio regulamento. A demostración de tales coñecementos farase mediante un exame escrito obrigatorio sobre as materias que se enumeran no referido anexo.

Para estes efectos, resulta aínda de aplicación a Orde do Ministerio de Fomento do 28 de maio de 1999, de desenvolvemento do capítulo I do título II do Regulamento da Lei de ordenación dos transportes terrestres en materia de expedición de certificados de capacitación profesional, que regula a forma e periodicidade mínima destas probas, cuxo contido e requisitos se axustan aos establecidos no Regulamento 1071/2009 e á nova redacción da Lei 16/1987. Xa que logo, a falta dunha nova disposición ministerial que efectúe unha actualización dese réxime, de resultar esta necesaria, procede desenvolver as probas consonte o disposto naquela orde.

Por outra banda, a convocatoria das probas correspóndelle á Xunta de Galicia con base na delegación de competencias efectuada pola Lei orgánica 5/1987, do 30 de xullo, de delegación de competencias do Estado nas comunidades autónomas en relación cos transportes por estrada e por cable.

A citada orde exixe que as probas se convoquen como mínimo unha vez ao ano. A resolución que agora se aproba non só atende esa periodicidade mínima, senón que incluso eleva o número de probas que se deben celebrar a dúas. Deste xeito, e tendo en conta o intervalo de tempo que se prevé entre elas (arredor de seis meses), multiplícanse as posibilidades das persoas aspirantes para preparar e acceder ás probas.

En consecuencia, de conformidade coas previsións contidas no Regulamento 1071/2009, do 21 de outubro, na Lei orgánica 5/1987, do 30 de xullo, na Lei 16/1987, do 30 de xullo, no Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro, e na Orde do Ministerio de Fomento do 28 de maio de 1999, e de acordo coa autorización conferida pola Orde da Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas do 8 de xuño de 1989,

DISPOÑO:

Artigo único. Convocatoria das probas

1. Convócanse probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte en empresas de transporte por estrada, tanto na súa modalidade de mercadorías como na de persoas viaxeiras, para a Comunidade Autónoma de Galicia e para o ano 2015.

2. As probas desenvolveranse de conformidade coas bases que indican a continuación:

Primeira. Calendario das probas

1. As probas terán lugar preferentemente en sábado, domingo ou festivo abranguido entre:

– Primeira convocatoria: entre o 4 de abril e o 31 de maio de 2015;

– Segunda convocatoria: entre o 3 de outubro e o 29 de novembro de 2015.

2. As persoas aspirantes que cumpran os requisitos para presentarse ás probas poderán facelo a calquera das convocatorias, ou ás dúas sucesivamente; igualmente, en calquera delas poderán presentarse á modalidade de xestor de transporte para empresas de transporte de mercadorías por estrada e á de xestor de transporte para empresas de transporte de persoas viaxeiras por estrada, ou só a unha delas.

Segunda. Requisitos das persoas aspirantes

Para poder participar nas probas de xestor de transporte será preciso ter residencia habitual en Galicia antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Para tal efecto, presumirase que a residencia habitual da persoa aspirante está no lugar en que figure o seu domicilio no documento nacional de identidade en vigor; só se admitirá que o domicilio sexa distinto ao que apareza no referido documento cando se dea algunha das seguintes circunstancias:

– Que a persoa aspirante acredite que tivo o seu domicilio en Galicia, cando menos, durante cento oitenta e cinco (185) días naturais do último ano, contados desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes para concorrer aos exercicios;

– Que a persoa aspirante acredite que, sen cumprir o requisito do punto anterior, se viu obrigada por razóns familiares ou profesionais a cambiar a súa residencia en Galicia; non obstante, non se entenderá cumprida esta exixencia nin cando se trate de estadías temporais nunha localidade para a realización dunha actividade de duración determinada, nin cando se trate de supostos de asistencia a unha universidade, escola ou centro docente.

Terceira. Solicitudes

1. As solicitudes para tomar parte nas probas axustaranse ao modelo normalizado que se recolle como anexo I desta resolución, e que estará dispoñible tanto na guía de procedementos (https://sede.xunta.es/guia-de-procedementos) como na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) co código MT312A.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos terán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Coa solicitude deberase presentar:

a) Fotocopia compulsada do DNI en vigor, no caso de que non preste a autorización para facer a consulta telemática de acordo co disposto na base novena. No caso de que o documento non estea en vigor, deberá presentar un xustificante acreditativo da solicitude de renovación.

b) Impreso de taxa de autoliquidación correspondente á Administración.

c) Nos casos en que, consonte coa base segunda desta resolución, o domicilio que apareza no DNI non estea en Galicia, deberá presentarse a seguinte documentación, segundo corresponda:

– Certificado actualizado de empadroamento, no cal se acredite que a persoa aspirante tivo o seu domicilio en Galicia, cando menos, cento oitenta e cinco (185) días naturais do último ano, contados desde o día de finalización do prazo de presentación de solicitudes para concorrer aos exercicios. Para estes efectos, o certificado deberá especificar a data en que a persoa solicitante foi dada de alta no padrón municipal.

– Cando non se estea no suposto anterior, xunto co certificado actualizado de empadroamento achegarase a documentación que acredite que se viu obrigada a cambiar de residencia por razóns familiares ou profesionais; así, por exemplo, achegarase certificado do centro de traballo ou copia do contrato de traballo.

d) Documentación xustificativa de padecer unha discapacidade, no caso de que o órgano que realiza tal recoñecemento non dependa da Xunta de Galicia.

4. Os prazos de presentación de solicitudes establécense do seguinte xeito:

a) Primeira convocatoria: no prazo de 15 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia;

b) Segunda convocatoria: do 1 ao 20 de agosto, incluídos ambos os dous días.

5. A non presentación da solicitude e o non pagamento da taxa en tempo e forma suporá a exclusión da persoa aspirante; igualmente, a consignación de datos falsos na solicitude ou na documentación presentada polas persoas aspirantes dará lugar á súa exclusión, sen prexuízo das demais medidas legais que correspondan.

O enderezo que se faga constar na solicitude considerarase como o único válido para os efectos de notificacións, sendo responsabilidade exclusiva da persoa solicitante tanto o erro na súa consignación como a comunicación á Dirección Xeral de Mobilidade de calquera cambio del.

Cuarta. Dereitos de exame

1. De conformidade coa Lei 11/2014, do 19 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015, e coa Lei 6/2003, do 29 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, para acceder a estas probas deberá aboarse, en concepto de taxas por dereitos de exame, a cantidade de vinte e cinco euros con vinte céntimos (25,20 €), por cada un dos exames a que as persoas interesadas se presenten, e por cada convocatoria.

2. O ingreso da/s taxa/s efectuarase en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos pola Comunidade Autónoma de Galicia; para tal fin, as persoas aspirantes terán que empregar os impresos de autoliquidación oficiais, que se poderán obter nos servizos centrais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ou da Dirección Xeral de Mobilidade, nos Servizos de Mobilidade de cada provincia, ou nos departamentos territoriais da Consellería.

Os impresos de autoliquidación cubriranse indicando os seguintes códigos:

– Consellería de MATI: código: 06.

– Delegación de SS.CC.: código: 13.

– Servizo de Transportes: código: 02.

– Denominación: probas para a obtención da competencia profesional para a actividade de transporte: código: 31 01 20.

3. Así mesmo, o ingreso da/s taxa/s poderá facerse en liña, a través da Oficina Virtual Tributaria dispoñible na web da Consellería de Facenda (www.conselleriadefacenda.es), indicando para o efecto os mesmos códigos sinalados no punto anterior.

Quinta. Admisión de persoas aspirantes

1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o tribunal encargado de avaliar as probas procederá a revisalas.

Rematado o proceso, exporase no taboleiro de anuncios da Dirección Xeral de Mobilidade e na sección de formación da súa páxina web (http://www.cmati.xunta.es/mobilidade)
a lista provisional de persoas admitidas e excluídas, con indicación do motivo da súa
exclusión.

2. As persoas aspirantes excluídas disporán dun prazo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da exposición da devandita lista, para poder emendar, se é o caso, o defecto que motivou a súa exclusión.

3. Unha vez resoltas as reclamacións presentadas, o tribunal publicará no taboleiro de anuncios da Dirección Xeral de Mobilidade e na sección de formación da súa páxina web (http://www.cmati.xunta.es/mobilidade) a resolución pola que se anuncia a exposición pública das listas definitivas de persoas admitidas e excluídas, nos mesmos lugares e medios en que se expuxeran as relacións provisionais.

4. Só as persoas solicitantes que resulten definitivamente excluídas da realización das probas terán dereito á devolución do importe dos dereitos de exame, sempre que o soliciten no prazo dun mes contado a partir da publicación da resolución citada no punto anterior, empregando para o efecto o modelo que figura nesta resolución como anexo II, e que estará dispoñible tanto na guía de procedementos (https://sede.xunta.es/guia-de-procedementos) como na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) co código MT312B.

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Sexta. Desenvolvemento das probas

1. O lugar, a data e a hora de celebración dos exercicios serán acordados polo tribunal e publicados no Diario Oficial de Galicia cunha antelación mínima de quince días naturais á data elixida.

Nesta publicación o tribunal completará as instrucións de funcionamento e desenvolvemento das probas coas indicacións que resulten adecuadas para garantir a súa correcta operatividade, sen menoscabo das que, para tal fin, poida adoptar no mesmo momento da súa celebración.

2. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio en único chamamento, e perderá o dereito a realizar a proba quen non compareza.

3. As persoas aspirantes deberán presentarse á realización das probas provistos de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal; a súa omisión dará lugar á súa non admisión á realización das probas. Recoméndase igualmente que concorran provistas dunha copia da solicitude de admisión e do impreso xustificativo do pagamento das taxas.

Non se permitirá o acceso e tenza no recinto onde se realicen os exercicios de teléfonos móbiles, axendas ou demais dispositivos de carácter electrónico, agás, se é o caso, máquinas calculadoras sen memoria RAM. Do mesmo xeito, queda prohibido o acceso con calquera outro material ou instrumento do que se poidan valer as persoas aspirantes para auxiliarse na realización das probas.

4. O tribunal establecerá os mecanismos precisos para que as persoas aspirantes poidan obter copia da súa folla de respostas con posterioridade á realización do exercicio. Así mesmo, as respostas que o tribunal xulgue como correctas publicaranse na sección de formación da páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade (http://www.cmati.xunta.es/mobilidade).

Publicadas consonte co anterior as relacións de respostas correctas, as persoas interesadas disporán do prazo de tres días hábiles para presentar ante o secretario do tribunal as impugnacións que coiden procedentes; no caso de non presentalas directamente ante o secretario, para a súa toma en consideración deberá remitirse, dentro do referido prazo, copia da impugnación presentada ao número de fax 981 54 43 51 ou ao enderezo electrónico formacion.transportes@xunta.es, dirixida ao secretario do tribunal. Pasado o prazo indicado, non se admitirán novas impugnacións de respostas nin se tomarán en consideración as ditas alegacións respecto da revisión de exames.

5. Á vista das impugnacións presentadas, o tribunal elaborará a relación definitiva de respostas correctas e procederá acto seguido a corrixir os exercicios de acordo con ela. Durante a corrección o presidente adoptará as medidas oportunas para garantir o anonimato das persoas aspirantes durante todo o proceso.

A relación definitiva de respostas correctas, así como a provisional de persoas aspirantes aptas e non aptas, serán expostas no taboleiro de anuncios da Dirección Xeral de Mobilidade, así como na sección de formación da súa páxina web (http://www.cmati.xunta.es/mobilidade). Na resolución do tribunal pola que se proceda á publicación establecerase un prazo de solicitude de revisión de exercicios de cinco días hábiles, para que as persoas interesadas fagan chegar ao secretario do tribunal as peticións de revisión; para a súa toma en consideración, as solicitudes de revisión que non se presenten directamente ante o secretario do tribunal deberán adiantárselle a este, dentro do referido prazo de cinco días, mediante a remisión de copia delas ao número de fax 981 54 43 51 ou ao enderezo electrónico
formacion.transportes@xunta.es.

Revisados os exercicios, procederase polo tribunal a adoptar o acordo definitivo sobre as persoas aspirantes aprobadas.

Sétima. Estrutura e cualificación dos exercicios

1. Os exercicios de que constarán as probas, a súa estrutura, forma de cualificación e áreas de coñecemento, serán os establecidos na Orde do Ministerio de Fomento do 28 de maio de 1999, pola que se regulan estas probas.

2. Os exercicios constarán de dúas partes:

– Exercicio tipo test, onde se deberán contestar 100 preguntas, cada unha delas con catro respostas alternativas;

– Exercicio práctico, que consistirá en resolver seis supostos que requiran a aplicación das materias do programa a casos concretos; este exercicio poderá responderse mediante unha explicación escrita ou mediante a selección da resposta correcta entre varias indicadas polo tribunal.

En todo caso, a normativa a que se refire o contido do programa será a vixente o último día do prazo de inscrición para cada unha das probas.

3. O tempo dispoñible para a realización dos dous exercicios será de dúas horas para o test e outras dúas horas para o práctico, que se poderán desenvolver en unidade de acto ou por separado.

4. Cualificación dos exercicios: os exercicios cualificaranse de cero a dez puntos, consonte coas seguintes regras de valoración:

– No exercicio tipo test, cada resposta correcta valorarase con 0,04 puntos, e cada resposta incorrecta restará 0,02 puntos; as preguntas non contestadas ou que conteñan máis dunha resposta non puntuarán positiva nin negativamente.

– No exercicio práctico, cada un dos seis supostos valorarase entre 0 e 1 punto. As respostas incorrectas, non contestadas ou que conteñan máis dunha resposta non puntuarán positiva nin negativamente.

Para aprobar o exame, será preciso obter unha puntuación non inferior a 2 na primeira parte nin a 3 na segunda, e que a suma das puntuacións obtidas en ambas as dúas sexa igual ou superior a 6.

Oitava. Tribunal

1. O tribunal cualificador das probas convocadas estará integrado polo seguinte persoal da Dirección Xeral de Mobilidade:

Presidente:

Antón García Río

Presidenta suplente:

Mercedes López Caneda

Vogais:

Eva Lorenzo Queiro

María Mar Estévez Mosquera

Elena Prado Veiga

Vogais suplentes:

Mercedes López Caneda

Sonia Sánchez Carbajales

Pablo Alejandro Amenedo Bermúdez

Isabel Vila Barbosa

Secretario:

David Conde Varela

Secretario suplente:

Pablo Alejandro Amenedo Bermúdez

2. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto para os órganos colexiados nos preceptos básicos da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Os membros suplentes do tribunal participarán, xunto cos titulares, cando sexa preciso para o bo desenvolvemento das probas.

3. As sesións do tribunal faranse constar en actas sucintas que se autorizarán coa sinatura do secretario e o visto e prace do presidente.

4. O tribunal adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario, de forma que as persoas aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para a realización dos exercicios ás do resto de participantes. Neste sentido, estableceranse para as persoas con discapacidades que o soliciten as adaptacións posibles de tempo
e/ou medios para a súa realización.

Para a materialización destas previsións, as persoas aspirantes cun grao de minusvalidez igual ou superior ao 33 % deberán indicalo na solicitude, especificando claramente tanto a porcentaxe de discapacidade que teñen recoñecida oficialmente como o órgano que realizou tal recoñecemento. En caso de que este órgano non dependa da Xunta de Galicia, deberán xuntarse á solicitude os documentos xustificativos da discapacidade. Así mesmo, deberán indicar na solicitude as adaptacións de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios.

5. O presidente do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios se corrixan a través de medios automatizados, utilizando para iso os impresos adecuados.

6. Para os efectos do Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG nº 122, do 25 de xuño), cualifícase o tribunal como de categoría primeira.

Novena. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

3. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Décima. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidade» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo de San Caetano, San Caetano, s/n, Santiago de Compostela (15781), ou a través dun correo electrónico a sx.cmati@xunta.es.

Décimo primeira. Expedición dos certificados

Concluída a cualificación das probas, o tribunal remitirá á Dirección Xeral de Mobilidade a relación definitiva de persoas aprobadas, para os efectos de expedir os certificados de competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte en empresas de transporte por estrada.

Décimo segunda. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Mobilidade, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Dirección Xeral (www.cmati.xunta.es/mobilidade), sección de formación.

b) Os teléfonos 981 54 45 02 e 981 54 45 85, da devandita dirección xeral.

c) Enderezo electrónico: formacion.transportes@xunta.es

Disposición derradeira. Recursos

Contra esta resolución pode interpoñerse recurso de alzada ante a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, consonte co previsto polo artigo 114 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo de calquera outro que a persoa interesada estime pertinente.

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2015

Helena de Lucas de Santos
Directora xeral de Mobilidade

missing image file
missing image file
missing image file