Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Mércores, 4 de marzo de 2015 Páx. 8898

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 23 de febreiro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para o pagamento de parte da factura eléctrica a través do tícket eléctrico social de Galicia para o segundo semestre do 2014 e primeiro semestre do 2015, e se procede á súa convocatoria (código do procedemento IN414A).

A Lei orgánica 1/1981, de 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia, atribúe á Comunidade Autónoma de Galicia no seu artigo 28.3 o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación estatal respecto do réxime enerxético.

O artigo 1 do Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria dispón que esta é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponde o exercicio das competencias e funcións no ámbito, entre outros, da enerxía, de acordo co establecido na Constitución española e no Estatuto de autonomía de Galicia.

O acceso á enerxía eléctrica é unha necesidade básica. O importe da factura eléctrica incrementouse considerablemente nos últimos anos debido principalmente ao aumento dos custos fixos derivados do déficit de tarifa que se inclúen na factura eléctrica, e que non se poden reducir mediante un menor consumo enerxético. Este feito, unido ao contexto económico actual, dá lugar a que moitas familias non teñan posibilidades económicas para o pagamento da cantidade de enerxía suficiente para cubrir as súas necesidades básicas, e máis concretamente, aquelas que teñen menores ingresos e cargas familiares.

Resulta conveniente, polo tanto, realizar algunha actuación co obxectivo de paliar estas dificultades, polo que se establece esta resolución de axudas para o pagamento de parte da factura eléctrica a través do tícket eléctrico social de Galicia ás familias nas que convivan fillos menores de 18 anos e que teñan uns ingresos totais da unidade de convivencia non superiores a 1,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM).

O tícket eléctrico social de Galicia vén completar o bono social que establece a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico que se aplica aos consumidores vulnerables, definidos no artigo 45 desta lei como aqueles consumidores de electricidade que cumpran coas características sociais, de consumo e de poder adquisitivo que se determinen.

En virtude do exposto, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión de subvencións da Consellería de Economía e Industria en réxime de concorrencia non competitiva, para o pagamento de parte da factura eléctrica a través do tícket eléctrico social de Galicia.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o segundo semestre do ano 2014 e primeiro semestre do ano 2015.

Artigo 2. Solicitudes. Lugar e prazo de presentación

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde (só para efectos informativos), que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 5º das bases reguladoras.

2. As solicitudes deberán presentarse unicamente por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es ou desde o enlace https://tícketelectrico.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do
Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

3. No suposto de que o peticionario non teña capacidade técnica ou económica, ou que por outros motivos non teña garantido o acceso e dispoñibilidade dos medios tecnolóxicos precisos, a súa identificación ou autenticación poderá ser validamente realizada por empregado público, mediante o uso do sistema de sinatura electrónica do que estea dotado, segundo dispón o artigo 14 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, que regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades de ela dependentes. Para estes efectos, o peticionario poderá dirixirse ás oficinas de calquera das catro xefaturas territoriais da Consellería de Economía e Industria, así como á Dirección Xeral de Enerxía e Minas para que lle fagan a solicitude.

4. A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantiran a fidelidade do orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

5. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición dos persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. O prazo de presentación de solicitudes para as axudas ao pagamento das facturas eléctricas do segundo semestre de 2014 comezará ao día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de abril de 2015. Para as axudas ao primeiro semestre
do 2015 o prazo de presentación de solicitudes comezará o 1 de xullo de 2015 e rematará o 15 de setembro de 2015. Terá que facerse unha solicitude distinta para cada semestre.

7. No entanto, no suposto de que antes de finalizar o prazo de presentación de solicitudes se esgotase o crédito establecido na convocatoria para cada semestre, o órgano concedente acordará a inadmisión de solicitudes e publicará tal circunstancia no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da consellería.

8. A presentación fóra de prazo da solicitude, así como a presentación de máis dunha solicitude por unidade de convivencia, implicará a súa inadmisión.

Artigo 3. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a tres meses.

Artigo 4. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN414A, poderase obter información adicional na Dirección Xeral de Enerxía e Minas e nas xefaturas territoriais da Consellería de Economía e Industria, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería: http://economiaeindustria.xunta.es

b) Os seguintes teléfonos:

A Coruña: 981 18 49 95 e 981 18 49 36.

Santiago: 981 95 71 85 e 981 54 55 53.

Lugo: 982 29 49 75 e 982 29 46 70.

Ourense: 988 38 67 10.

Pontevedra: 986 80 52 13 e 986 80 52 22.

Vigo: 986 81 75 61, 986 81 78 22 e 986 81 77 64.

c) O enderezo de correo electrónico: cei.dxiem.axudasenerxia@xunta.es

d) Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase o director xeral de Enerxía e Minas para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2015

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía e Industria

ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva, para o pagamento de parte da factura eléctrica a través do tícket eléctrico social de Galicia para o segundo semestre do 2014 e primeiro semestre do 2015 (código do procedemento IN414A)

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto subvencionar parte da factura eléctrica ás familias con fillos menores a cargo cuxos ingresos totais da unidade de convivencia non superen 1,5 veces o IPREM (indicador público de renda de efectos múltiples).

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que no seu artigo 19.2 establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Artigo 2. Actuacións e gastos subvencionables

1. Os gastos subvencionables serán as facturas de electricidade (IVE incluído) cuxo período de lectura estea incluído dentro do segundo semestre do 2014 ou primeiro semestre do 2015, segundo corresponda. No caso de que unha factura abranga un período que saia parte do semestre correspondente, considerarase subvencionable o custo prorrateado dos días incluídos no semestre.

Artigo 3. Financiamento e concorrencia

1. Na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o
ano 2015 está consignado crédito por importe de 1.500.000,00 € na aplicación orzamentaria 08.03.733A.480.0 «Ticket eléctrico social» para atender as axudas da presente orde. O orzamento máximo destinado á convocatoria de axudas para o segundo semestre
do 2014 será de 750.000 € e de outros 750.000 € para o primeiro semestre do 2015.

2. Poderase ampliar o crédito máximo destinado a esta convocatoria cando o aumento veña derivado de:

a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

3. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

4. A contía da subvención será unha cantidade fixa de 90 € ao semestre para as unidades de convivencia que cumpran os requisitos, e de 150 € ao semestre para as que acrediten ser ademais familia numerosa.

5. O importe da subvención regulada nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións das distintas administracións ou calquera dos seus entes público ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total do gasto subvencionable.

Artigo 4. Beneficiarios

Poderán solicitar esta axuda as persoas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que teñan ao seu cargo fillos menores de 18 anos e un gasto derivado da subministración de enerxía eléctrica na súa vivenda habitual. Os requisitos que deben cumprir os beneficiarios da axuda son:

1. Ser residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Ter fillos menores a cargo.

3. Estar aboando a correspondente factura de enerxía eléctrica a unha comercializadora e figurar como pagador na correspondente factura.

4. Que os ingresos totais da unidade de convivencia non superen 1,5 veces o IPREM (indicador público de renda de efectos múltiples). A estes efectos, considérase unidade de convivencia o conxunto de todas as persoas que viven no mesmo domicilio. A determinación dos membros da unidade de convivencia realizarase atendendo á situación existente no momento da solicitude. Tomarase o importe dos ingresos totais da unidade de convivencia, que será o resultado da agregación das rendas do exercicio 2013 de cada un dos membros da unidade de convivencia, calculadas por agregación da base impoñible xeral coa base impoñible do aforro, calculadas segundo os criterios establecidos na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas.

5. Non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario, recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións.

6. Só poderá presentarse unha única solicitude por unidade de convivencia.

Artigo 5. Solicitudes

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e prazo que se indica no artigo 2 da convocatoria.

2. Xunto coa solicitude deberase presentar copia dixitalizada da seguinte documentación:

a) No caso de non autorizar a consulta de datos por parte da Xunta de Galicia no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, de conformidade co disposto no artigo 2 do Decreto 255/2008, copia dixitalizada do documento de identidade en vigor da persoa solicitante, e do resto das persoas integrantes da unidade de convivencia, no caso de non autorizar a consulta a través do anexo III.

b) Declaración do IRPF ou, se é o caso, certificado emitido pola Axencia Tributaria relativos ao ano 2013 de todos os membros con ingresos que compoñen a unidade de convivencia, ou autorización á Consellería de Economía e Industria para obter da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) e da Consellería de Facenda os datos de carácter tributario necesarios para a determinación da renda da unidade de convivencia (anexo III). No caso de falta de acreditación documental suficiente, poderase presentar informe social de valoración de ingresos da unidade de convivencia, emitido polos servizos sociais do concello correspondente ou por traballador social das entidades de iniciativa social previstas na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, que presten labor asistencial ao solicitante, segundo o modelo do anexo V.

c) De ser o caso, autorización aos funcionarios correspondentes para a presentación electrónica da solicitude e da documentación relativa ao tícket eléctrico social de Galicia (anexo IV).

d) Copia dixitalizada do libro de familia ou, no seu defecto, outro documento que acredite oficialmente a súa situación familiar.

e) Facturas do correspondente semestre en concepto de subministración eléctrica da vivenda que é residencia habitual do solicitante da axuda e xustificantes de pagamento.

f) Certificado de convivencia.

g) Copia do título de familia numerosa no caso en que o dito título non fose expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia, ou no caso en que si fose expedido pola Xunta de Galicia e o solicitante non autorice a súa consulta.

Artigo 6. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que corresponda. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión da subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, en cuxo caso, deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 7. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación de solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía e Industria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 5, planta 4ª, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a: lopd.industria@xunta.es

Artigo 8. Órganos competentes

As xefaturas territoriais da Consellería de Economía e Industria e a Dirección Xeral de Enerxía e Minas serán os órganos competentes para a instrución do procedemento de concesión das subvencións.

Segundo o establecido no artigo 21.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o expediente de concesión de subvencións conterá o informe do órgano instrutor no que conste que da información que ten no seu poder se desprende que os beneficiarios cumpren todos os requisitos necesarios para acceder a elas.

A Dirección Xeral de Enerxía e Minas será o órgano competente para formular a proposta de resolución, e correspóndelle ao conselleiro de Economía e Industria ditar a resolución da concesión.

Artigo 9. Instrución do procedemento

1. De acordo co establecido no artigo 74.2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a instrución das solicitudes efectuarase seguindo a orde correlativa de entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación, sempre que exista consignación orzamentaria.

2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase ao interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

3. Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 6.2 resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, ou no suposto de que sexa necesario achegar calquera outra documentación, logo de aplicarse o disposto na liña f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

4. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse ao solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. Os expedientes que non cumpran as esixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 10. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 11. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia a Dirección Xeral de Enerxía e Minas formulará a proposta de resolución, que se elevará ao conselleiro.

2. O conselleiro, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, canto menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía, ou, se é o caso, a causa de denegación.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable establecida nestas bases.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de tres meses, que se contará a partir do seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992,
do 26 de novembro, de reximen xurídico das administracions públicas e do procedemento administrativo común. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da indicada lei, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Economía e Industria. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada. Coa publicación no Diario Oficial de Galicia poderá remitirse aos beneficiarios a que consulten información detallada da resolución nun taboleiro da citada web.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas de desestimación. Non obstante, poderase substituír a dita notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia, coa indicación de que os non beneficiarios consulten a información detallada da súa resolución nun taboleiro da citada web.

Artigo 12. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Artigo 13. Modificación da resolución

Toda alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, tal e como se establece no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Ademais, a Consellería de Economía e Industria poderá rectificar de oficio a resolución cando exista un erro material, de feito ou aritmético, tal e como se recolle o artigo 35 do Decreto 11/2009,
do 8 de xaneiro, polo que se aproba el Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Aceptación e renuncia

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, transcorridos dez días desde a notificación ou publicación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

2. A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o conselleiro ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1 da mesma lei.

Artigo 15. Obrigas dos beneficiarios

A concesión da axuda comporta as seguintes obrigas:

a) Seguir as directrices que marca a resolución de convocatoria.

b) Cooperar coa administración en cantas actividades de inspección e verificación se leven a cabo, para asegurar o correcto destino da axuda.

c) As establecidas para os beneficiarios no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Xustificación e pagamento das axudas

1. As axudas concedidas en concepto de tícket eléctrico non requirirán outra xustificación que a acreditación da condición de beneficiario, segundo o previsto no artigo 28.9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Tal condición debe acreditarse co cumprimento do estipulado no artigo 4 desta orde, mediante a presentación da documentación estipulada no artigo 5 desta. Logo da comprobación de que a dita documentación é correcta e de que o solicitante cumpre todos os requisitos exixidos para ter a condición de beneficiario, procederase ao pagamento segundo o establecido no artigo 60.1 do
Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba el Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O pagamento da axuda establecida nesta resolución farase unicamente na conta que os solicitantes fagan constar na solicitude, que deberá permanecer activa mentres non se teña constancia da finalización do expediente. A Administración non se fará responsable da imposibilidade de efectuar o ingreso por causas alleas á propia tramitación do expediente.

Artigo 17. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativas aplicables, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases reguladoras seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Control

1. A Consellería de Economía e Industria poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, se é o caso, dos servizos da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 19. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Malia o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Economía e Industria.

Artigo 20. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases observarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e demais normativa de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file