Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Martes, 10 de marzo de 2015 Páx. 9686

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

DECRETO 34/2015, do 5 de marzo, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015.

A Lei 36/2014, do 26 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2015, no seu artigo 21 dispón que durante o presente exercicio non se procederá no sector público autonómico á incorporación de novo persoal, agás a que poida derivar da execución de ofertas de emprego público de exercicios anteriores.

Non obstante, sempre que se respecten as dispoñibilidades orzamentarias do capítulo I, a dita lei exceptúa da anterior limitación determinados sectores e colectivos de marcado carácter prioritario respecto dos cales a taxa de reposición de efectivos se fixa ata un máximo do 50 %. Para estes efectos, consideraranse efectivos aqueles que veñan desempeñando a súa actividade en servizos que teñen carácter permanente na Comunidade Autónoma.

Entre estes sectores a lei inclúe o control e a loita contra a fraude fiscal, laboral, subvencións públicas, asesoramento xurídico, xestión e control da asignación eficiente dos recursos públicos e prazas correspondentes ao persoal dos servizos de prevención e extinción de incendios e de salvamento. Para atender a estes sectores a Comunidade Autónoma de Galicia conta con corpos e escalas de Administración xeral, especial e con persoal laboral.

O artigo 70 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, establece a posibilidade de que a oferta de emprego conteña non só o referente á incorporación de persoal de novo ingreso, senón tamén outras medidas derivadas da planificación de recursos humanos, e esta oferta vai dirixida a sectores e colectivos de marcado carácter prioritario.

O texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, no seu artigo 31.6 establece os criterios xerais en que debe enmarcarse a oferta de emprego público, sen prexuízo das especificidades que se poidan establecer nas convocatorias respectivas, concibida como instrumento de programación das necesidades de persoal e de racionalización do emprego público e dos procesos de selección do persoal ao servizo das administracións públicas, nos cales deben primar os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, así como o de publicidade.

Nesta oferta inclúense as prazas que figuran no anexo I e II tendo en conta o total de vacantes existentes nos corpos e escalas da Administración xeral, especial e de persoal laboral, o número de xubilacións producidas durante o ano 2014, as excedencias concedidas, as baixas definitivas e os reingresos producidos, así como o número de vacantes ocupadas por persoal interino e laboral indefinido non fixo.

Así mesmo, prevese un plan de promoción interna para o persoal funcionario dos corpos xerais e da escala técnica de finanzas, que consiste nunha promoción interna independente das convocatorias ordinarias cuxo número de prazas se especifican no anexo III.

Nos procesos de promoción interna que se celebren poderá participar o persoal laboral fixo que no momento da entrada en vigor do Estatuto básico do empregado público estivese ocupando un posto de traballo que figure na relación de postos de traballo clasificado para persoal funcionario.

Con respecto á reserva da cota para persoas con discapacidade, aínda que xa se acadou o 2 % dos efectivos totais nesta Administración pública e a normativa de función pública permite que a porcentaxe de reserva mínima sexa dun 5 %, esta Administración considera conveniente manter a porcentaxe do 7 % das vacantes que se distribuirá segundo se establece nos anexos I e III das prazas obxecto desta oferta.

A reserva do sete por cento indicado realizarase de xeito que o 2 % das prazas ofertadas o sexa para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual, e o 5 % das prazas ofertadas o sexa para persoas que acrediten calquera outro tipo de discapacidade.

En cumprimento do disposto no número cinco da disposición adicional sétima do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, non serán de aplicación os números 3 e 4 da devandita disposición.

Así mesmo, e dado que na data de aprobación deste decreto non se convocaron os procesos selectivos correspondentes ás escalas de veterinarios e de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, incorporaranse as ditas prazas a esta oferta, nos termos previstos no artigo 1 deste decreto.

Por outra banda, modifícase o anexo do decreto de oferta de emprego público do ano 2014, respecto á escala de químicos, para reservar unha das prazas para o proceso extraordinario de consolidación nos termos previstos na disposición adicional primeira deste decreto.

O artigo 31.6 do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, establece o procedemento de autorización da oferta de emprego público que corresponde ao Consello da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de función pública.

Pola súa banda, o artigo 13 da Lei 11/2014, do 19 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015, exixe o informe favorable da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos.

Neste marco e tendo en conta os postos de traballo vacantes en distintos corpos e escalas da Administración xeral e especial así como de persoal laboral desta Comunidade Autónoma que afectan o funcionamento dos servizos públicos esenciais, de conformidade co previsto no artigo 13 da Lei 11/2014, do 19 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015, así como o artigo 21 da Lei 36/2014, do 26 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2015, cómpre a aprobación da oferta de emprego público relativa ao persoal funcionario de escalas da Administración xeral, especial e persoal laboral do ano 2015, establecéndose os criterios en que debe enmarcarse esta oferta.

Na súa virtude, consultadas as organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos, logo do informe da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos e da Comisión de Persoal, e de conformidade co establecido no artigo 13.8 do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, por proposta do conselleiro de Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do cinco de marzo de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo 1. Aprobación da oferta de emprego público

1. De conformidade co disposto no artigo 31.6 do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, no artigo 70 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, no artigo 21 da Lei 36/2014, do 26 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2015, así como no artigo 13 da Lei 11/2014, de 19 do decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015, apróbase a oferta de emprego público correspondente a distintos corpos, escalas e categorías de Administración xeral e especial e de persoal laboral da Xunta de Galicia para o ano 2015, nos termos que se establecen neste decreto.

Así mesmo, de acordo co artigo 28 da dita Lei 11/2014, do 19 de decembro, incorpóranse a esta oferta as prazas derivadas de sentenzas declaratorias de relacións laborais de carácter indefinido e creadas a través das relacións de postos de traballo (RPT).

2. As corenta e oito (48) prazas do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, subgrupo A1, escala de veterinarios, correspondentes á oferta de emprego público do ano 2008, aprobada polo Decreto 88/2008, de 30 de abril, en que o proceso selectivo non se convocou, incorpóranse á oferta de emprego público para o ano 2015, acumulándose estas ás prazas da oferta de emprego público do ano 2014, aprobada polo Decreto 154/2014, do 11 de decembro, co fin de ser convocadas nun proceso selectivo único.

No anexo II do presente decreto figura unha praza afectada polo proceso extraordinario de consolidación previsto na disposición transitoria cuarta da Lei 7/2007, do 12 de abril, e na disposición transitoria décimo cuarta do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo.

3. As dezasete (17) prazas do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, subgrupo A1, escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros da oferta de emprego público do ano 2011, aprobada polo Decreto 55/2011, do 31 de marzo, en que os procesos selectivos non se convocaron, incorpóranse á oferta de emprego público para o ano 2015.

Nesta escala están prestando servizos tres (3) funcionarios/as interinos/as aos cales lles resulta de aplicación o disposto nas disposicións transitorias oitava e novena do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, e, así mesmo, hai sete (7) postos que están afectados polo proceso extraordinario de consolidación regulado pola disposición transitoria cuarta da Lei 7/2007, do 12 de abril, e da disposición transitoria décimo cuarta do texto refundido da Lei da función pública de Galicia.

Todas estas prazas (17) serán convocadas nun proceso selectivo único a través do sistema de concurso oposición.

Artigo 2. Cuantificación da oferta de emprego público

A oferta de emprego público 2015 inclúe as necesidades de recursos humanos, con asignación orzamentaria, que deban proverse mediante a incorporación de persoal de novo ingreso.

A distribución realizarase de conformidade cos criterios en que se enmarca esta oferta e segundo a composición que se detalla nos anexos deste decreto tendo en conta o disposto no artigo 63 do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, e a disposición transitoria segunda da Lei 7/2007, do 12 de abril.

De acordo co punto anterior, aplicarase o criterio de reposición selectiva de baixas, o que supón que os novos ingresos se dirixirán aos sectores, funcións e localidades máis necesitados de efectivos e se dará preferencia na reposición aos sectores e as actividades e funcións esenciais da organización dentro dos colectivos que figuran nesta oferta.

Artigo 3. Criterios xerais de aplicación nos procesos selectivos

1. De acordo coa Lei 7/2007, do 12 de abril, do estatuto básico do empregado público, sinálanse os seguintes principios reitores para o acceso ao emprego público e a adquisición da relación de servizo:

A) Na selección do seu persoal, a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia garantirá, ademais dos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, os principios de:

– Publicidade das convocatorias e das súas bases.

– Transparencia.

– Imparcialidade e profesionalidade dos órganos de selección e os seus membros.

– Independencia e discrecionalidade técnica na actuación dos órganos de selección.

– Adecuación entre o contido dos procesos selectivos e as funcións e tarefas que van desenvolver.

– Axilidade, sen prexuízo da obxectividade, nos procesos selectivos.

B) Os procesos selectivos terán carácter aberto e garantirán a libre concorrencia, sen prexuízo do establecido para a promoción interna e das medidas de discriminación positiva previstas neste decreto.

C) A composición dos tribunais de selección do persoal da Administración pública galega será paritaria para o conxunto da oferta pública de emprego, tanto se se trata de acceso ao emprego como se se trata de promoción interna, de acordo co disposto no artigo 36 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes, modificado pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres en Galicia.

Os órganos de selección aplicarán na súa actuación principios de austeridade e axilidade á hora de ordenar o desenvolvemento dos procesos selectivos, sen prexuízo do cumprimento dos principios de actuación de conformidade co establecido no Estatuto básico do empregado público.

D) Os procesos selectivos que prevexan a realización de probas con respostas alternativas farán públicos os cadros de respostas na páxina web da Xunta de Galicia, ademais de nos lugares que se estipulen na convocatoria.

E) O funcionamento e actuación dos tribunais de selección axustaranse ás instrucións ditadas para o efecto polo órgano competente.

2. Se nun determinado corpo, escala, subgrupo ou categoría da Administración pública galega se verifica a infrarrepresentación do sexo feminino, entendendo por infrarrepresentación cando exista unha diferenza porcentual de, polo menos, vinte puntos entre o número de mulleres e o número de homes, de existir méritos iguais entre dous ou máis candidatos ao finalizar o proceso selectivo e antes da proposta de nomeamento dos candidatos aprobados, deberá aplicarse como primeiro criterio de desempate a preferencia das mulleres, salvo se considerando obxectivamente todas as circunstancias concorrentes nos candidatos de ambos os sexos existen motivos non discriminatorios para preferir o home, de acordo co artigo 37 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes.

Artigo 4. Promoción interna independente

1. No ano 2015, co obxecto de fomentar a promoción interna, convocaranse as prazas que se detallan no anexo III. Estes procesos selectivos de promoción interna levaranse a cabo en convocatorias independentes das de ingreso, de conformidade co previsto no artigo 63.2 do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo.

2. Para os corpos de Administración xeral realizarase unha promoción interna separada para permitir que os/as funcionarios/as da Administración xeral, excluídas as escalas, poidan promocionar ao grupo inmediato superior sempre e cando posúan a titulación necesaria, teñan prestados servizos efectivos, durante polo menos dous anos, como funcionario/a de carreira no corpo do grupo de titulación inmediatamente inferior ao do corpo ao cal pretende acceder, reúnan os requisitos exixidos na convocatoria e superen as probas que para cada caso estableza a consellería competente en materia de función pública.

3. Para os funcionarios do corpo de xestión da Administración da Xunta de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas, realizarase unha promoción interna separada para permitir que este persoal funcionario poida promocionar ao corpo superior da Administración da Xunta de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas sempre e cando posúan a titulación necesaria, teñan prestados servizos efectivos, durante polo menos dous anos, como funcionario/a de carreira no corpo de xestión da Administración da Xunta de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas, reúnan os requisitos exixidos na convocatoria e superen as probas que para cada caso estableza a consellería competente en materia de función pública.

4. Aos aspirantes dos corpos de Administración xeral que superen o proceso de promoción interna adxudicaráselles destino no mesmo posto que viñan desempeñando con carácter definitivo sempre que estivese aberto aa corpo do grupo de titulación a que se acceda e figure na relación de postos de traballo aberto á Administración xeral, quedando excluídos, expresamente, os postos que só estean abertos a escalas.

No caso de que o aspirante ocupe un posto con carácter definitivo que non estivese aberto ao corpo do grupo de titulación a que se acceda, ofertarase na elección de destino unha vacante aberta a grupo de titulación a que accedeu por promoción interna, que poderá ser de nivel superior ao nivel mínimo do grupo, no caso de que non haxa vacantes deste nivel.

5. Aos aspirantes da escala técnica de finanzas que superen o proceso de promoción interna adxudicaráselles destino no mesmo posto que viñan desempeñando con carácter definitivo sempre que puidera ser ocupado por un funcionario/a da escala superior de finanzas de acordo coa relación de postos de traballo.

No caso de que o aspirante ocupe un posto con carácter definitivo que non estivera aberto á escala superior de finanzas, ofertarase na elección de destino unha praza vacante aberta a esa escala.

6. As convocatorias de procesos selectivos de promoción interna independentes das de ingreso poderán establecer a conservación da nota dos exercicios, sempre que a dita nota sexa igual ou superior ao 60 por cento da cualificación máxima. A validez desta medida será aplicable á convocatoria inmediata seguinte, sempre e cando esta sexa análoga no contido e na forma de cualificación.

7. Se unha vez realizados os procesos selectivos quedan prazas sen cubrir acumularanse á oferta de emprego público seguinte, para seren cubertas por promoción interna independente.

8. O persoal laboral fixo que no momento da entrada en vigor do Estatuto básico do empregado público estivese ocupando un posto de funcionario dos corpos ou escalas da Xunta de Galicia así establecido nas relacións de postos de traballo, de conformidade co establecido na disposición transitoria segunda da Lei 7/2007, do 12 de abril, polo que se aproba o Estatuto básico do empregado público, poderá tamén participar nos procesos de promoción interna, tanto os realizados de forma independente como os realizados de forma conxunta cos procesos selectivos de libre concorrencia naqueles corpos ou escalas a que figure adscrito o posto de traballo que estean desempeñando, sempre que posúan a titulación necesaria, teñan prestado servizos efectivos durante polo menos dous anos e reúnan os restantes requisitos exixidos na correspondente convocatoria.

Ao persoal que supere este proceso selectivo adxudicaráselle destino no mesmo posto que viña desempeñando con carácter definitivo.

Artigo 5. Persoas con discapacidade

1. Nos procesos serán admitidas as persoas con discapacidade nos termos previstos no presente artigo e demais normativa aplicable.

As convocatorias non establecerán exclusións por limitacións psíquicas e/ou físicas sen prexuízo das incompatibilidades co desempeño das tarefas ou funcións correspondentes.

2. De conformidade co previsto no artigo 59 do Estatuto básico do empregado público e na disposición adicional sétima do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, reservarase unha cota do sete por cento das vacantes ofertadas para seren cubertas por persoas con discapacidade, considerando como tales as definidas no número 2 do artigo 4 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, sempre que superen os procesos selectivos e acrediten a súa discapacidade así como a compatibilidade no desempeño das súas funcións, de modo que, progresivamente, se acade o dous por cento dos efectivos totais da Administración da Xunta de Galicia.

Non obstante, e ao acadarse nesta Administración o obxectivo do 2 % dos efectivos totais, pola quenda de discapacitados, non será de aplicación o disposto nos números 3 e 4 da disposición adicional sétima do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo.

A reserva do sete por cento indicado realizarase de xeito que o 2 % das prazas ofertadas o sexa para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual e o 5 % das prazas ofertadas o sexa para persoas que acrediten calquera outro tipo de discapacidade.

Nos anexos do presente decreto figura a reserva de prazas nos corpos, escalas ou categorías en que as actividades ou funcións son compatibles, en maior medida, coa posible existencia dunha discapacidade.

3. As prazas reservadas para persoas con discapacidade xeral poderán convocarse conxuntamente coas prazas ordinarias ou mediante convocatorias independentes a dos procesos libres garantíndose, en todo caso, o carácter individual dos procesos. Cando a convocatoria sexa conxunta, as prazas reservadas para persoas con discapacidade que non se cubran nesta quenda, acumularanse á quenda libre do correspondente proceso selectivo.

As prazas reservadas para persoas con discapacidade intelectual realizarase en convocatoria independente.

4. A opción a prazas reservadas terá que formularse na solicitude de participación nas convocatorias con declaración expresa dos interesados de reunir a condición exixida ao respecto, que se acreditará, se obtén praza, mediante certificación dos órganos competentes. As probas selectivas terán idéntico contido e realizaranse en condicións de igualdade co resto dos aspirantes, dándose un tratamento diferenciado ás quendas durante o procedemento selectivo, no que se refire ás relacións de admitidos e excluídos, aos chamamentos, aos exercicios e á relación de aprobados. Non obstante, ao finalizar o proceso elaborarase unha relación única na cal se incluirán todos os candidatos que superasen todas as probas selectivas, ordenados pola puntuación total obtida, con independencia da quenda pola que participen. A dita relación será a determinante para a petición e a adxudicación de destinos, agás o previsto no punto 7 deste artigo, de acordo co previsto no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade.

Se na súa realización se lle suscitan dúbidas ao órgano de selección respecto da capacidade do aspirante para o desempeño das actividades habitualmente desenvolvidas polos funcionarios/as do corpo ou escala a que se opta, poderán solicitar o correspondente ditame do órgano competente.

5. Nas probas selectivas, incluíndo os cursos de formación ou os períodos de prácticas, estableceranse para as persoas con discapacidade que o soliciten as adaptacións e os axustes razoables necesarios de tempo e medios para a súa realización, de acordo co disposto na Orde PRE/1822/2006, do 9 de xuño, pola que se establecen criterios xerais para a adaptación de tempos adicionais nos procesos selectivos para o acceso ao emprego público de persoas con discapacidade, para asegurar que estas persoas participen en condicións de igualdade. Nas convocatorias indicarase expresamente esta posibilidade, así como que os interesados deberán formular a correspondente petición concreta na solicitude de participación.

Para tal efecto, os tribunais ou comisión de selección poderán requirir informe e, se é o caso, colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou dos órganos competentes.

6. Con anterioridade ao nomeamento e unha vez superado o proceso selectivo a consellería competente en materia de función pública requirirá, respecto das persoas que acceden por esta cota de reserva, ditame do órgano competente sobre a compatibilidade do candidato para o posto de traballo ou sobre as adaptacións deste último.

7. As ordes polas que se convoquen os procesos selectivos incluirán a posibilidade de que nas convocatorias en que se estableza unha cota de reserva para persoas con discapacidade, unha vez cubertas as prazas desta cota, os aspirantes que superasen a fase de oposición, pero non obteñan praza pola cota de reserva poidan optar, en igualdade de condicións, ás prazas do sistema xeral, tanto no caso de acceso por promoción interna como no de quenda libre.

8. Tras superar o proceso selectivo, as persoas que ingresen en corpos ou escalas de persoal funcionario e que fosen admitidas na convocatoria ordinaria con prazas reservadas para persoas con discapacidade poderanlle solicitar ao órgano convocante, por motivos de dependencia persoal, dificultades de desprazamento ou outras análogas, a alteración da orde de prelación para a escolla das prazas dentro do ámbito territorial que se determine na convocatoria.

O órgano convocante estimará a devandita alteración cando estea debidamente xustificada, e limitarase a realizar a mínima modificación na orde de prelación necesaria para posibilitar o acceso ao posto da persoa discapacitada.

Disposición adicional única

Modifícase o anexo do Decreto 154/2014, do 11 de decembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, respecto das tres (3) prazas do corpo facultativo superior da Xunta (subgrupo A1), escala de químicos, no sentido de que unha (1) praza se convocará mediante o proceso extraordinario de consolidación previsto na disposición transitoria cuarta da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público e na disposición transitoria décimo cuarta do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento do decreto

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de función pública para ditar, dentro das súas competencias, as normas precisas para o desenvolvemento do presente decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de marzo de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda

ANEXO I
Prazas correspondentes á oferta para o ingreso nas escalas de
Administración xeral, especial e persoal laboral no ano 2015
Acceso libre

Administración xeral

Cota xeral

Persoas con discapacidade xeral

Persoas con discapacidade intelectual

Total prazas

Corpo superior da Administración da Xunta de Galicia (subgrupo A1)

28

2

30

Corpo superior da Administración da Xunta de Galicia (subgrupo A1)

Escala de letrados

4

4

Escala superior de finanzas

6

6

Escala superior de estatísticos

4

4

Escala de informáticos. Sistema e tecnoloxías da información

4

4

Corpo de xestión da Administración da Xunta de Galicia (subgrupo A2)

9

9

Corpo de xestión de Administración da Xunta de Galicia (subgrupo A2)

Escala técnica de finanzas

9

1

10

Corpo administrativo da Xunta (subgrupo C1)

19

1

20

Corpo auxiliar da Xunta (subgrupo C2)

41

3

44

Administración especial

Cota xeral

Persoas con discapacidade xeral

Persoas con discapacidade intelectual

Total prazas

Corpo facultativo superior da Xunta (subrupo A1)

Escala de enxeñeiros de camiños, canles e portos

8

8

Escala de veterinarios

44

3

47

Escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros (disposicións transitorias 8ª, 9ª, 14ª DL 1/2008, do 13 de marzo)

– Especialidade de máquinas e instalacións mariñas

6

6

– Especialidade de lexislación marítima

1

1

– Especialidade de navegación marítima

1

1

– Especialidade de pesca marítima

1

1

– Especialidade de procesos de cultivo acuícola

6

6

– Especialidade de inglés marítimo

1

1

– Intervención subacuática e hiperbárica

1

1

Corpo facultativo de grao medio da Xunta (subgrupo A2)

Escala de enxeñeiros técnicos de obras públicas

3

3

Escala de subinspección urbanísitica

3

3

Corpo de axudantes facultativos (subgrupo C1)

Escala de delineantes

3

3

Escala de axentes do Servizo de Gardacostas

20

20

Persoal laboral

Cota xeral

Persoas con discapacidade xeral

Persoas con discapacidade intelectual

total prazas

Grupo IV. Categoría 003. Auxiliar de enfermaría

23

3

26

Grupo V. Categoría 003. Ordenanza

6

6

ANEXO II

Praza reservada ao proceso de consolidación

Admnistración especial

Cota

xeral

Persoas con discapacidade xeral

Persoas con discapacidade intelectual

Total prazas

Corpo facultativo superior da Xunta (subrupo A1)

Escala de veterinarios

1

1

Total xeral

246

13

6

265

ANEXO III

Promoción interna

Administración xeral

Cota xeral

Persoas con discapacidade xeral

Persoas con discapacidade intelectual

Total prazas

Corpo superior da Administración da Xunta de Galicia (subgrupo A1)

Escala superior de finanzas

8

8

Corpo superior da Administración da Xunta de Galicia (subgrupo A1)

13

1

14

Corpo de xestión da Administración da Xunta de Galicia (subgrupo A2)

18

2

20

Corpo administrativo da Xunta (subgrupo C1)

28

2

30

Corpo auxiliar da Xunta (subgrupo C2)

33

3

36

Total xeral

100

8

108