Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Xoves, 9 de abril de 2015 Páx. 13548

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 43/2015, do 26 de marzo, polo que se aproba o cambio de titularidade do treito da estrada autonómica AC- 415 desde o p.q. 2+420 ao p.q. 7+680, a prol do Concello de Arteixo.

A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Arteixo solicitou á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas a cesión do treito da estrada autonómica AC-415 que transcorre polo termo municipal de Arteixo.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito da estrada autonómica AC- 415 compredido entre o p.q. 2+420 ao 7+680, comezando no límite do dito concello e finalizando na intersección coa estrada AC-552, e cunha lonxitude de 5,26 km, a prol do Concello de Arteixo.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e seis de marzo de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade, a prol do Concello de Arteixo, do treito da estrada autonómica AC- 415 desde o p.q. 2+420 ao p.q. 7+680, desde o límite do termo municipal ata a intersección coa estrada autonómica AC- 552, cunha lonxitude de 5,26 km.

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Arteixo deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire o presente decreto.

Artigo 3

A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponderanlle ao Concello de Arteixo, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación do treito sinalado, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que poida corresponderlle como nova Administración titular.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de marzo de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas