Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Venres, 10 de abril de 2015 Páx. 13848

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 31 de marzo de 2015 pola que se establecen as bases de subvencións a salas de artes escénicas e se convocan para o ano 2015.

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) é unha entidade de dereito público con personalidade xurídica propia, patrimonio propio e autonomía na súa xestión, que ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, segundo o previsto nos artigos 3, 4 e 5 da Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais. A Axencia Galega das Industrias Culturais é o organismo en que a Xunta de Galicia, coa participación necesaria dos sectores culturais implicados, centraliza os programas de apoio destinados a reforzar o papel dos creadores individuais, empresas e industrias culturais privadas, dentro do obxectivo xenérico de promoción e fomento da cultura galega impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O obxectivo da axencia é consolidar o tecido industrial no sector cultural galego para promover un tecido empresarial capitalizado, competitivo e innovador, fomentar a creación e potenciar a comercialización de bens e servizos culturais de calidade, favorecendo a difusión da lingua e da cultura galegas como elementos singularizadores.

Con esta convocatoria de axudas, a Axencia Galega das Industrias Culturais quere cumprir co establecido no artigo 5 da Lei 4/2008.

En consonancia cos seus obxectivos e fins, a Agadic exercerá as seguintes funcións:

a) Promover a distribución e comercialización dos produtos culturais dentro e fóra do noso país, fomentando a captación de públicos e facilitando o acceso da cultura galega a novos mercados internacionais.

b) Fomentar a creación, o mantemento e a utilización de infraestruturas e equipamentos por parte dos axentes culturais, en especial o impulso de centros que faciliten o acceso á cultura dos cidadáns e das cidadás.

Por todo isto, en consonancia cos seus obxectivos inmediatos, apróbase a convocatoria pública de subvencións a salas de artes escénicas de carácter privado, para o exercicio 2015, de acordo coas seguintes bases:

Primeira. Obxecto, finalidade, principios de xestión e ámbito de aplicación

1. Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para o fomento da estabilidade e consolidación das salas de artes escénicas de titularidade privada que desenvolvan programacións artísticas de carácter profesional.

2. Estas subvencións son incompatibles con outras axudas polo mesmo proxecto da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ou de calquera organismo dependente.

3. Estas subvencións son compatibles con outras axudas polo mesmo proxecto do resto da Administración da Xunta de Galicia e organismos dependentes, así como doutras administracións públicas e entidades públicas ou privadas, e con outros ingresos ou recursos para a mesma finalidade. A suma das distintas axudas públicas para a mesma finalidade non pode superar o 100 % do custo da actividade subvencionada.

4. As axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) nº 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

5. No desenvolvemento desta resolución aplicarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 11/2014, do 19 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015.

d) Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas da Administración pública galega.

E, supletoriamente:

e) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que regula os requisitos de concesión e xustificación de subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico que son de aplicación á normativa desta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta resolución de convocatoria.

f) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

g) Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

Segunda. Beneficiarios da subvención

Poderán solicitar as subvencións as persoas físicas ou xurídicas xestoras de salas de artes escénicas de titularidade privada con capacidade igual ou inferior a 250 localidades que presenten un proxecto de programación artística para o ano 2015. Exclúense salas cuxa titularidade pertenza á asociacións ou outras entidades sen ánimo de lucro. O solicitante deberá probar a dispoñibilidade da sala mediante copia da escritura de propiedade, contrato de alugamento ou outros documentos válidos en dereito, e deberá estar en posesión da licenza de apertura da sala para a que solicita a axuda na actividade correspondente.

Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, os solicitantes presentarán unha declaración responsable de non estaren incursos en tales circunstancias, consonte o modelo establecido no anexo I desta convocatoria.

Terceira. Importes e límites das subvencións

1. O importe máximo para o financiamento das axudas incluídas nesta convocatoria é de 70.000 euros, da partida orzamentaria 2015.09.A1.432.B.470.0.

Concederase unha dotación unitaria máxima de 30.000 euros por entidade beneficiaria, co límite do 50 % do orzamento do proxecto presentado.

Cuarta. Inicio do procedemento: solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. Estas bases, as solicitudes e os anexos que se xuntan, así como a guía de procedementos e servizos, estarán dispoñibles no seguinte enderezo web https://sede.xunta.es/guia-de-procedementos nas dependencias desta axencia e na súa páxina web, e tamén quedarán expostas no taboleiro de anuncios da Agadic e debidamente publicadas no Diario Oficial de Galicia.

3. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinta. Prazo de presentación das solicitudes

1. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte á data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. Se a solicitude non está debidamente cuberta, non se achega a documentación exixida ou non se reunen os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o interesado será requirido para que no prazo de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte á notificación do requirimento, emende o defecto advertido, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos, e indícase ademais que, de non o facer, se considerará que desiste na súa petición, logo de resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da dita lei, segundo o previsto no artigo 71.

Sexta. Documentación requirida aos solicitantes

1. Ás solicitudes dos interesados xuntaranse os documentos e informacións previstos no parágrafo seguinte, salvo que a documentación exixida xa estivese en poder da Agadic; neste caso, o solicitante poderase acoller ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, e quedará eximido da súa presentación, sempre e cando así o faga constar e especifique a data e o órgano ou a procedencia en que foron presentados ou emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan; todo isto de conformidade co estipulado no artigo 20.3 da Lei de subvencións de Galicia.

2. Ademais da solicitude, os interesados nestas subvencións presentarán a seguinte documentación, mediante orixinal ou copia compulsada ou debidamente autenticada:

2.1. Documentación xeral:

2.1.1. DNI ou NIE do solicitante, só no caso de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade.

2.1.2. Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual, só no caso de que o interesado denegue expresamente a súa consulta.

2.1.3. Se o solicitante é unha persoa xurídica:

– Copia compulsada ou cotexada do NIF ou documento equivalente, só no caso de que o interesado denegue expresamente a súa consulta.

– DNI ou NIE do representante, só no caso de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade.

– Certificado do acordo de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade.

– Copia compulsada ou cotexada dos estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no Rexistro Mercantil ou o que corresponda;

– Documentación que acredite de forma suficiente a representación de quen asina a solicitude.

2.2. Documentación específica

– Copia da escritura de propiedade, contrato de alugamento ou outros documentos válidos en dereito que acrediten a dispoñibilidade da sala por parte do solicitante.

– Licenza de apertura do espazo.

– Contratos laborais do persoal vinculado ao proxecto.

– Ficha do proxecto de programación (anexo II).

– Plan de comunicación e xestión de públicos coa explicación detallada do plan de accións de comunicación e márketing correspondente.

– Plan económico financeiro (anexo III).

3. A documentación poderá ser entregada en soporte papel, CD-Rom ou en memoria USB. En calquera dos soportes que se presente deberán figurar os mesmos ficheiros e con igual contido. Todos os ficheiros deberán incorporar un índice do seu contido. Os formatos dos ficheiros poderán ser PDF ou Excel. Se se inclúen ficheiros con fotografías ou debuxos, serán en formato JPG.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sétima. Autorizacións e consentimentos

1. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

2. A tramitación do procedemento require a verificación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

3. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a Agadic publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade.

Oitava. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Subvencións cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Axencia Galega das Industrias Culturais. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Agadic, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Cidade da Cultura de Galicia, Monte Gaiás, s/n, 15707 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a agadic@xunta.es.

Novena. Procedemento de concesión das subvencións: instrución e competencia para a avaliación das solicitudes

1. Na concesión das subvencións seguirase un procedemento de concorrencia competitiva, no que a comisión de avaliación ordenará os expedientes por puntuación, segundo os criterios de avaliación establecidos na presente convocatoria. A asignación das contías farase en proporción á puntuación recibida e ao orzamento solicitado, sen exceder os límites establecidos.

2. A Dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos que se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:

a) Examinar as solicitudes e documentación presentadas.

b) Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resulte de obrigado cumprimento.

c) Formular a proposta de resolución, debidamente motivada.

3. Co fin de facilitar unha mellor avaliación das solicitudes, poderáselles pedir información complementaria aos interesados, así como a outros servizos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ou aos profesionais ou expertos consultados. En todo caso, a Dirección da Agadic poderá requirir os solicitantes para que proporcionen calquera información aclaratoria que resulte necesaria para a xestión da súa solicitude.

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Dirección da Agadic e as unidades administrativas encargadas da tramitación e seguimento do expediente respectivo poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados, e levarán a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos labores e demais actuacións que deriven destas bases. Para estes efectos, os beneficiarios deberán cumprir coas obrigas de comprobación que se establezan nesta resolución e na de adxudicación da subvención. Para realizar estas funcións, poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Dirección da Agadic para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta resolución e na restante normativa vixente que resulte de aplicación.

4. O presidente do Consello Reitor da Agadic deberá ditar resolución expresa, no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución. A citada resolución deberase ditar e notificar no prazo máximo de cinco meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria pública, será motivada e fará mención expresa dos beneficiarios e da contía da axuda.

5. O prazo máximo para resolver e notificarlle a resolución ao interesado será de cinco meses, contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

6. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.5.b) da indicada lei, no caso das subvencións concedidas poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Agadic. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada. As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación.

7. Os beneficiarios poderán enviar, no prazo de 15 días desde a notificación da subvención concedida, un plan económico adaptado á subvención concedida, para o suposto de que esta fose inferior á contía solicitada, e pola diferenza entre ambas as dúas cantidades.

Décima. Comisión e criterios de valoración

1. A comisión de avaliación estará presidida pola persoa titular da Dirección da Agadic, que nomea os seus membros, e que está constituída por:

a) Dúas persoas do cadro de persoal da Agadic.

b) Unha persoa do cadro de persoal da Agadic, sen dereito a voto, que fará as funcións de secretario/a.

A condición de vogal da comisión ten carácter persoal, e non pode actuar por delegación nin ser substituído en ningún caso.

2. Os criterios xerais de valoración serán os seguintes:

1. Antigüidade da empresa como xestora da sala para a que solicita axuda: 6 puntos.

– De 2 a 5 anos: 1 punto.

– De 6 a 10 anos: 3 puntos.

– Máis de 10 anos: 6 puntos.

2. Capacidade da sala: 6 puntos.

– De 30 a 60 espectadores: 1 punto.

– De 61 a 100 espectadores: 3 puntos.

– Máis de 100 espectadores: 6 puntos.

3. Pertenza da sala á Rede galega de salas: 4 puntos.

4. Interese artístico, calidade e relevancia do proxecto de programación: 20 puntos.

5. Número de funcións que se van realizar (excluídas as da Rede galega de salas): 10 puntos.

– Entre 20 e 30 funcións: 1 punto.

– Entre 31 e 50 funcións: 4 puntos.

– Entre 51 e 80 funcións: 8 puntos.

– Máis de 80 funcións: 10 puntos.

6. Número de días con actividade aberta ao público (tense en conta todo tipo de actividade: funcións tanto da RGS coma non, actividades complementarias de calquera tipo, presentacións, etc.): 10 puntos.

– De 30 a 50 días: 1 punto.

– Entre 51 e 70 días: 4 puntos.

– Entre 71 e 100 días: 6 puntos.

– Máis de 100 días: 10 puntos.

7. Programación de compañías galegas: 10 puntos.

– Entre o 20 e 40 % do total das compañías programadas: 1 punto.

– Do 41 ao 60 % do total das compañías programadas: 5 puntos.

– Máis do 60 % do total das compañías programadas: 10 puntos.

8. Actividades complementarias: 6 puntos.

Valóranse os proxectos que conteñan actividades dos seguintes programas: fomento de novos creadores, programas formativos, programas de colaboración con centros de ensino.

– 2 actividades: 1 punto.

– Entre 3 e 5 actividades: 3 puntos.

– Máis de 5 actividades: 6 puntos.

9. Plan de comunicación e xestión de públicos: 8 puntos.

A comisión valorará a orientación da sala á xeración de novos públicos, debéndose reflectir detalladamente o plan de actuación das accións de comunicación e márketing correspondentes.

10. Porcentaxe de subvención solicitada con respecto ao orzamento do proxecto: 7 puntos.

– Ata o 25 %: 7 puntos.

– Máis do 25 % ata o 40 %: 3 puntos.

– Máis do 40 % ata o 70 %: 1 punto.

11. Adecuación do orzamento ao proxecto: 5 puntos.

A comisión valorará a maior aproximación do custo real ás actuacións que se vaian realizar.

12. Recursos humanos implicados no proxecto: 8 puntos.

A comisión valorará o cadro de persoal implicado no proxecto con contrato laboral no momento de presentarse a solicitude.

– Ata 2 traballadores: 1 punto.

– De 3 a 5 traballadores: 4 puntos.

– Máis de 5 traballadores: 8 puntos.

Décimo primeira. Pagamento

1. O pagamento das axudas farase efectivo a partir da data da resolución definitiva de concesión e realizarase sempre e cando se acredite que a actividade foi executada de acordo co programa e/ou proxecto presentados e se xustifique correctamente o seu emprego, todo isto sen prexuízo do réxime de pagamentos anticipados.

2. A Agadic, consonte as previsións estipuladas no artigo 31.6 da Lei de subvencións de Galicia, e no 63.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderá aboar como pagamento anticipado, que suporá entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, de acordo coas seguintes condicións:

– Cando o importe da subvención non supere os 18.000 euros, ata un 80 % da subvención concedida, e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

– Cando o importe da subvención concedida supere os 18.000 euros, ademais, un 10 % adicional sobre o importe que exceda os 18.000 euros, e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

O importe restante aboarase tras a acreditación polo beneficiario do cumprimento total das obrigas establecidas nestas bases.

3. Os beneficiarios que reciban pagamentos anticipados, cando estes excedan a cantidade de 18.000 euros, deberán constituír unha garantía, mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que deberá cubrir o 110 % do importe do pagamento á conta, e deberá alcanzar, como mínimo, ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación. Quedan exonerados da constitución de garantía os beneficiarios e nos casos establecidos no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Décimo segunda. Xustificación e liquidación da subvención outorgada

1. O prazo de xustificación da presente subvención remata o 15 de novembro de 2015.

2. Gastos subvencionables.

Só se admitirán como gastos subvencionables os efectivamente pagados con anterioridade ao remate da xustificación, que indubidablemente sexan custos vinculados ao funcionamento da sala e ao desenvolvemento do proxecto de programación presentado con data comprendida entre o 1 de novembro de 2014 e o 31 de outubro de 2015, e que se inclúan entre os seguintes:

– Gastos do persoal contratado (salarios e cotizacións sociais) vinculado ao proxecto e dos socios traballadores, cun límite global do 40 % do gasto total do proxecto, e con límite por traballador de 2.000 euros brutos mensuais.

– Gastos xerais do funcionamento da sala: alugamentos, subministracións, gastos correntes e de servizos, seguros, gastos de xestoría, cun límite do 40 % do gasto total do proxecto.

– Gastos vinculados á programación (remuneración por espectáculos, gastos por servizos asociados á programación, dereitos de autor, gastos de difusión e publicidade).

Non serán subvencionables os gastos relativos:

– Ao imposto sobre o valor engadido, así como os impostos de natureza similar que sexan recuperables pola entidade.

– A calquera outro non vinculado directamente coa actividade obxecto da subvención.

Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non existan no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

3. Os beneficiarios deberán entregar a seguinte documentación xustificativa:

– Memoria xeral da actividade realizada, segundo o orzamento presentado coa solicitude.

– Balance de ingresos e gastos (anexo IV).

– Relación completa dos gastos realizados, polo importe total do orzamento presentado dos gastos de explotación (anexo V).

– Xustificantes, orixinais ou copias compulsadas dos gastos realizados e imputados á subvención.

– Certificación bancaria acreditativa da realización dos pagamentos correspondentes a todos os gastos de importe unitario superior a 400 euros imputados á subvención concedida, así como de todos os gastos de persoal e colaboracións profesionais. Para os gastos de importe igual ou inferior a 400 euros, achegarase para acreditar o pagamento un recibín do provedor, de acordo co previsto no artigo 42.3 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

– Unha copia en formato CD, DVD ou outro sistema analóxico ou dixital, dos soportes visuais, gráficos ou sonoros (catálogos, programas, carteis, vídeos, etc.) empregados para a difusión e promoción da actividade subvencionada; esta documentación poderase achegar igualmente por vía electrónica ou telemática e para os únicos efectos da comprobación da realización da actividade.

– Relación de subvencións, achegas ou outros recursos concedidos para o mesmo obxecto por outras administracións públicas, así como declaración das axudas concedidas en réxime de minimis durante os tres últimos exercicios (anexo VI).

Décimo terceira. Obrigas específicas asumidas polos beneficiarios

A entidade subvencionada asume a obriga de cumprir a presente convocatoria e, en concreto, as obrigas seguintes:

1. Facer constar os logotipos da Agadic e da Xunta de Galicia, segundo a súa normativa básica de identidade corporativa, en todos os elementos de difusión relacionados coa actividade subvencionada normas de identidade corporativa, inseríndoos nun lugar preferente ou, cando menos, en igualdade de condicións que a entidade subvencionada.

2. Proporcionar en todo momento a información que sexa solicitada respecto da subvención concedida e someterse ás actuacións de comprobación da Agadic, da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no título III da Lei 9/2007, ou do Consello de Contas ou Tribunal de Contas, segundo a súa normativa.

Décimo cuarta. Réxime de recursos

A presente resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpoñer os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Décimo quinta. Modificación da resolución

1. A Axencia Galega das Industrias Culturais ten a facultade de revisar as axudas concedidas e modificar a resolución de concesión no caso de alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

2. O beneficiario ten a obriga de solicitar á Agadic a aceptación de calquera modificación ou alteración relevante ou significativa sobre o proxecto subvencionado.

3. A Agadic poderá acordar, motivadamente, a modificación da resolución de concesión, coa minoración proporcional derivada das alteracións.

Décimo sexta. Reintegro

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes, nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2015

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file