Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Luns, 13 de abril de 2015 Páx. 14013

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 24 de marzo de 2015 pola que se clasifica de interese para a defensa do medio natural a Fundación Eira.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Eira con domicilio na Eira da Xoana. Ramil, Agolada (Pontevedra).

Feitos:

1. Fins Iago Eirexas Santamaría, secretario do Padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Eira foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela (A Coruña) o 11 de xullo de 2014, ante a notaria Inmaculada Espiñeira Soto, co número de protocolo 1.204, pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza. Adega, representada pola súa presidenta Virginia Rodríguez Álvarez.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto a defensa do patrimonio natural e cultural de Galicia, para o cal promoverá e fomentará o estudo e protección do equilibrio ecolóxico do noso país, tanto na fauna e na flora como no ambiente que a sustenta. Asemade, e como exixencia inmediata da ecoloxía humana e, polo tanto, da saúde e benestar do home e da muller galegos, velará porque en Galicia se aseguren as condicións idóneas, obxectivas e ambientais para o desenvolvemento integral da poboación.

4. O Padroado inicial da Fundación está formado por Adela Clorinda Figueroa Panisse como presidenta; Marcial Barral Vasques como vicepresidente; Ángel Méndez Méndez como tesoureiro; e Virginia Rodríguez Álvarez, Xoán Antón Louzao Rodríguez, Froilán Pallín Seco, Xosé Luís Salvadores Cobas, Alexandre García Regueira, Manuel Soto Castiñeira, Xurxo Mouriño Lourido, J. Elvira Cienfuegos López, Tamara Salvadores Villanueva, María Montserrat Lombardía Fernández e Esther Gómez Forneas como vogais. Secretario non patrón: Fins Iago Eirexas Santamaría.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese para a defensa do medio natural da Fundación Eira, de acordo coas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo a proposta da Comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como de interese para a defensa do medio natural e a súa adscrición á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 17 de marzo de 2015.

DISPOÑO:

Clasificar de interese para a defensa do medio natural a Fundación Eira, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Contra esta orde que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; poderase interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2015

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e Conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza