Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Mércores, 22 de abril de 2015 Páx. 15350

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 10 de abril de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións ás organizacións profesionais agrarias para actividades de interese agrario e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.

A Lei 1/2006, do 5 de xuño, do Consello Agrario Galego, recoñece o papel que as organizacións profesionais agrarias cumpren na vertebración social e profesional do sector primario. A súa achega para artellar mecanismos eficaces de participación direta do sector agrario coa Administración, asegurando a presenza dos intereses dos produtores agrarios nos procesos de avaliación e decisión das políticas agrarias, así como o constante traballo a prol dunha garantía de rendas dignas para os agricultores e da mellora da calidade de vida no medio rural contribuíron ao recoñecemento por parte dos poderes públicos da súa lexítima representatividade como interlocutores sociais no eido agrario e mesmo tamén pola sociedade civil como entidades representativas do sector agrario de Galicia.

En concordancia con esa función vertebradora da trama social do medio rural, cómpre artellar medidas de apoio institucional ás organizacións profesionais agrarias. Esta orde establece o marco regulador das subvencións ás organizacións representativas do sector agrario en Galicia co obxectivo de fortalecer a súa implantación e consolidación.

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que establece o réxime xeral de concesión de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, dispón no seu artigo 14 que, con carácter previo á disposición dos créditos, os órganos concedentes establecerán as bases reguladoras aplicables ás subvencións. Esta orde adáptase a esa normativa, tendo en conta en todo caso os principios recollidos no artigo 5.2 da devandita lei.

Xa que logo, de conformidade co artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Capítulo I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto da orde

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das subvencións que a Consellería do Medio Rural e do Mar conceda con cargo aos seus orzamentos ás organizacións profesionais agrarias para actividades de interese agrario.

2. As bases reguladoras publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na páxina web oficial da consellería consonte o previsto no artigo 5.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Así mesmo, por medio desta orde convócase a devandita axuda para o ano 2015.

Capítulo II
Bases reguladoras

Artigo 2. Obxecto e finalidade

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto establecer a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia polo sistema de rateo, da Consellería do Medio Rural e do Mar con cargo aos seus orzamentos, ás organizacións profesionais agrarias para actividades de interese agrario.

2. A finalidade das axudas concedidas ao abeiro destas bases reguladoras é a realización de actividades de representación e de formación dos asociados das organizacións profesionais agrarias con implantación en Galicia e dos agricultores galegos en xeral.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. Serán beneficiarias as organizacións profesionais agrarias legalmente constituídas en Galicia que concorreron ás eleccións a cámaras agrarias que tiveron lugar o 26 de maio de 2002, segundo o recollido na disposición transitoria única da Lei 1/2006, do 5 de xuño, do Consello Agrario Galego, e nas que concorran as circunstancias previstas nesta orde, e non incorran nas circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Actividades subvencionables

1. Serán obxecto de subvención os custos derivados das actividades que se relacionan a seguir, que desenvolverán as organizacións profesionais agrarias con implantación en Galicia:

a) Funcións e actuacións que lles son propias conforme a normativa legal.

b) Funcións ordinarias de xestión interna das organizacións profesionais agrarias.

c) Representación perante as institucións.

d) Participación nos órganos colexiados, comisións, mesas sectoriais que, para a defensa dos intereses dos seus representantes, foron constituídos pola Administración galega.

e) Formación dos asociados e dos seus familiares.

f) Impulso do asociacionismo agrario.

2. A determinación dos gastos subvencionables axustarase ao disposto nos artigos 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Particularmente, de acordo co recollido no artigo 29 da dita Lei 9/2007, cando o importe do investimento subvencionable supere as contías establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, de contratos do sector público para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás nos casos en que polas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren.

A elección destas ofertas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía e debe xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

O IVE será subvencionable se concorren as circunstancias previstas no artigo 29.9 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Prazo e forma das solicitudes

Para participar no procedemento de concesión, as solicitudes de axuda presentaranse na forma e prazo que se indiquen na convocatoria.

Artigo 6. Criterios de valoración

A repartición das axudas realizarase polo sistema de rateo. Atenderase ao emprego da lingua galega na realización das actividades recollidas no artigo 4, en concreto, valorarase a realización de todas as actuacións relacionadas coa formación dos asociados e dos seus familiares mediante cursos, seminarios, xornadas formativas, así como o material didáctico necesario para o seu desenvolvemento sexa publicado en galego. Tamén se valorará a utilización do galego en publicacións técnicas en temas de actualidade que se realicen para a información aos seus asociados e para o impulso do asociaciacionismo na sociedade conforme o punto 2.l do artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As solicitudes da axuda serán valoradas de xeito que a súa distribución se efectúe de forma que o 85 % do seu importe se repartirá a partes iguais, e o 15 % restante atendendo ao recollido no parágrafo anterior, entre as organizacións profesionais agrarias que concorreron ás eleccións a cámaras agrarias que tiveron lugar o 26 de maio de 2002, segundo o recollido na disposición transitoria única da Lei 1/2006, do 5 de xuño, do Consello Agrario Galego.

Artigo 7. Órganos competentes

1. O órgano competente para a ordenación e instrución do procedemento de concesión é a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria da Consellería do Medio Rural e do Mar.

2. A resolución das axudas, logo da proposta elaborada pola comisión de valoración e fiscalización da Intervención Delegada, competeralle o secretario xeral do Medio Rural e Montes por delegación da conselleira do Medio Rural e do Mar.

Artigo 8. Instrución dos procedementos

1. As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes á Dirección Xeral de Produción Agropecuaria da Consellería do Medio Rural e do Mar, co fin de comprobar se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde.

2. Se os impresos de solicitude non están debidamente cubertos, se non se achega a documentación establecida ou se o expediente presenta defectos corrixibles, requirirase o interesado para que, nun prazo máximo de dez días, emende os erros ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non facelo, se terá por desistido da súa petición, logo de resolución, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro (BOE nº 285, do 27 de novembro), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE nº 12, do 14 de xaneiro).

3. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderá requirirse o/a solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na que se indicarán as causas desta.

6. Na resolución aprobatoria indicarase o prazo de execución dos investimentos aprobados establecido no artigo 3.

Artigo 9. Comisión de valoración

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados nestas bases reguladoras, así como de propoñer a concesión ou denegación da axuda ás entidades interesadas.

2. A comisión de valoración, baixo a dependencia da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, estará presidida polo subdirector xeral de Apoio ás Explotacións Agrarias, e integrado por tres funcionarios desa mesma subdirección xeral con categoría non inferior a xefe de negociado, un dos cales actuará como secretario. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algún ou algunha dos seus integrantes non puidese asistir, será substituído polo funcionario ou funcionaria que para o efecto designe a subdirector/a xeral de Apoio ás Explotacións Agrarias cun rango equivalente ao substituído.

3. Logo da avaliación das solicitudes polo órgano colexiado, a comisión elaborará un informe que elevará á directora xeral de Produción Agropecuaria da Consellería do Medio Rural e do Mar, quen redactará a oportuna proposta de resolución.

Artigo 10. Resolución

1. A proposta de resolución será elevada ao secretario xeral do Medio Rural e Montes, quen, á vista da mesma, ditará a correspondente resolución por delegación da Consellería do Medio Rural e do Mar, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a axuda concedida e a súa contía, ou, se é o caso, a causa de denegación.

2. En ningún caso o importe da axuda concedida poderá superar o custo da actividade que desenvolverá a entidade beneficiaria.

3. A resolución será notificada ás entidades interesadas nun prazo de dez días, a partir da data na que for ditada.

4. O prazo máximo para resolver este procedemento será de cinco meses, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

5. No suposto de vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución os interesados poderán entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

Artigo 11. Recursos administrativos

As resolucións expresas ou presuntas dos expedientes tramitados en aplicación desta orde ou na respectiva orde de convocatoria esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

1. Potestativamente, recurso de reposición ante a conselleira do Medio Rural e do Mar, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redación dada pola Lei 4/1999.

2. Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación, se é expresa.

Artigo 12. Anticipos

1. Unha vez ditada a resolución e notificada aos interesados, estes poderán solicitar o pagamento dun anticipo de ata o 25 por 100 do importe total concedido, de conformidade co establecido no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A solicitude de anticipo realizarase ante a Consellería do Medio Rural e do Mar no prazo de quince días, desde a notificación da resolución de concesión.

Artigo 13. Xustificación e pagamento das subvencións

1. O pagamento total da subvención xustificarase por medio de memoria na que se detallen as accións e actividades desenvolvidas durante o exercicio anual, acompañada da seguinte documentación:

a) Certificación que acredite, de xeito desagregado, os gastos contraídos polas actividades obxecto de subvención.

b) Xustificantes de pagamento mediante transferencia bancaria e estratos bancarios.

c) Copia compulsada das nóminas, TC1 e TC2 do persoal da organización. A suma do seu importe non poderá superar o 70 % do total dos gastos presentados.

d) Facturas orixinais dos gastos, ou as súas copias cotexadas, debidamente conformada polo presidente, secretario xeral ou representante legal da organización beneficiaria. As facturas deberán traer o IVE desagregado correctamente.

e) Xustificación documental que acredite o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita axuda.

f) Certificación de todas as axudas solicitadas ante as distintas administracións públicas para os mesmos fins recollidos nesta orde, tanto as concedidas como as pendentes de resolución. Esta certificación debe vir asinada polo presidente, secretario xeral ou representante legal da respectiva organización.

2. A Administración poderá solicitar a documentación adicional de carácter complementario que se considere necesaria para a xustificación das subvencións concedidas ao abeiro desta orde.

3. A documentación e xustificantes do gasto presentaranse antes da data que se indique na correspondente convocatoria anual.

4. A documentación xustificativa do gasto presentarase preferentemente no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, no Edificio Administrativo de San Caetano en Santiago de Compostela, e dirixirase a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria (Consellería do Medio Rural e do Mar).

5. A liquidación do importe final das axudas concedidas calcularase en función das facturas, documentación e demais xustificantes que se presenten ao respecto, de acordo co establecido nestas bases reguladoras e na resolución de concesión.

6. No caso de que os gastos totais xustificados e admitidos, sexan inferiores ao importe da subvención concedida, practicarase a redución proporcional correspondente, sempre que se cumprisen os obxectivos previstos.

7. O pagamento da subvención realizarase, logo de xustificación polo beneficiario, nos termos recollidos neste artigo, e de acordo co previsto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

8. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación ou de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Serán motivo de reintegro cando se dean algunha das causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Importe máximo das subvencións

1. O importe das subvencións reguladas nesta orde non poderá, en ningún caso, ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo das actividades que vai desenvolver a entidade beneficiaria.

2. Os rendementos financeiros que se xeren polo fondos librados aos beneficiarios incrementarán o importe da subvención concedida e aplicaranse igualmente á actividade subvencionada.

Artigo 15. Incompatibilidade

1. As subvencións reguladas por estas bases son incompatibles con calquera outra axuda procedente das administracións públicas que se conceda para os mesmos obxectivos e gastos.

2. A vulneración deste precepto dará lugar á perda da subvención concedida.

Artigo 16. Obrigas das entidades beneficiarias

Cada entidade beneficiaria estará obrigada ao disposto con carácter xeral no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ás derivadas do reintegro das cantidades percibidas nos casos establecidos no artigo 33 da devandita norma legal.

Artigo 17. Circunstancias para a modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. En caso de incumprimento parcial, a fixación da contía que deba ser reintegrada determinarase en aplicación do principio de proporcionalidade.

3. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo secretario xeral do Medio Rural e do Mar, por delegación da persoa titular da consellería, logo da instrución do correspondente expediente no cal se lle dará audiencia á entidade interesada.

Artigo 18. Seguimento e control

1. As organizacións profesionais beneficiarias deberán comunicarlle obrigatoriamente á Dirección Xeral de Produción Agropecuaria da Consellería do Medio Rural e do Mar, con antelación suficiente, calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente o destino ou correcta aplicación da subvención concedida.

2. Calquera irregularidade ou ocultación de datos que poida afectar para a concesión desta axuda será causa suficiente para a súa denegación ou posterior devolución.

3. Así mesmo, a Consellería do Medio Rural e do Mar poderá realizar as comprobacións e inspeccións que considere oportuno co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como lóxico seguimento e control das axudas concedidas. Tamén facilitará toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei de subvencións de Galicia e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 19. Infraccións e sancións

A cada entidade beneficiaria das axudas reguladas nestas bases seralle de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e a súa normativa de desenvolvemento.

Capítulo III
Convocatoria pública para 2015

Artigo 20. Solicitudes

1. As solicitudes de axuda presentaranse mediante instancia segundo o modelo anexo I, debidamente cubertas e asinadas polo presidente, secretario xeral ou representante legal da organización peticionaria, xunto coa documentación que se detalla deseguido:

1) Acordo do órgano competente, debidamente acreditado, polo que se decide solicitar a subvención e se autoriza a persoa encargada dos trámites.

2) Memoria xustificativa e suficientemente detallada das actividades que teña previsto desenvolver cada organización profesional, ao longo do ano 2015 e, en particular, do emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita axuda.

3) Copia cotexada do NIF da entidade solicitante, só no caso de que denegue expresamente a súa verificación; e copia cotexada do DNI do representante, só no caso de non autorizar a Consellería do Medio Rural e do Mar á consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

Artigo 21. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

3. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante superase os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

4. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contados a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 22. Consentementos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos cales se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, en cuxo caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 23. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo:

Consellería do Medio Rural e do Mar/Secretaría Xeral Técnica

Edificio Administrativo San Caetano

San Caetano s/n

15781 Santiago de Compostela (A Coruña)

Ou a través dun correo electrónico a secretariaxeraltecnica.cmrm@xunta.es .

Artigo 24. Prazo de presentación da xustificación

A documentación e xustificantes presentaranse antes do día 30 de outubro de 2015.

Artigo 25. Financiamento

1. As axudas económicas reguladas nesta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 12.22.712C.481.1 por un importe de 143.730 euros e á aplicación orzamentaria 12.10.711A.481.0 por un importe de 143.730 euros dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015.

Disposición adicional única

En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2015

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file