Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Martes, 28 de abril de 2015 Páx. 16214

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 10 de abril de 2015 pola que se convoca unha xornada sobre as futuras leis de procedemento administrativo e de réxime xurídico do sector público a exame.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2015 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, convócase unha xornada sobre as futuras leis de procedemento administrativo e de réxime xurídico do sector público a exame, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

A Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común supuxo a unificación nun único texto normativo dos aspectos organizativos da Administración e da súa actividade. A aprobación polo Consello de Ministros dos anteproxectos de Lei de réxime xurídico do sector público e do procedemento administrativo común supón a volta a unha regulación diferenciada de ambas as dúas materias. Estas dúas normas esenciais para o funcionamento das administracións públicas poñen de relevo a importancia da xornada que se convoca, que analizará o contido de ambos os dous anteproxectos, dedicando especial atención ás novidades máis destacadas.

2. Contidos.

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

– Análise do anteproxecto de Lei do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Análise do anteproxecto de Lei de réxime xurídico do sector público (ALRXSP).

– Dixitalización e garantías xurídicas nos anteproxectos de Lei do procedemento administrativo común das administracións públicas e de Lei de réxime xurídico do sector público.

3. Destinatarios.

Empregados das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica coma local e de xustiza, das universidades do Sistema universitario de Galicia, persoal das entidades do sector público, xuristas, profesionais e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

Lugar: EGAP, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Data: 6 de maio de 2015.

Horario: mañá.

Duración: 4 horas lectivas.

5. Número de prazas.

Limitado pola capacidade do local.

6. Inscrición.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP: https://egap.xunta.es/matricula/

O prazo para inscribirse estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 11.00 horas do día 5 de maio de 2015.

Poderá obterse calquera outra información, desde as 8.30 ás 14.30 horas, nos teléfonos: 981 54 62 41; 981 54 62 39.

7. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta xornada, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

8. Certificado de asistencia oficial.

Ao final da xornada entregarase un certificado de asistencia a aquelas persoas inscritas que tivesen participado asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas; para estes efectos, todos os alumnos deberán identificarse nos preceptivos controis de asistencia. Neste documento aparecerán, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data, o lugar de realización e o selo oficial da institución.

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2015

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública