Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Mércores, 29 de abril de 2015 Páx. 16351

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 21 de abril de 2015, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se fai pública a convocatoria para a incorporación de novas seccións bilingües en centros sustentados con fondos públicos de ensino non universitario para o curso 2015/16.

A Orde do 12 de maio de 2011, DOG do 20 de maio, regula as seccións bilingües en centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia e establece o procedemento de incorporación de novas seccións bilingües nos centros sustentados con fondos públicos de ensino non universitario.

Na sección segunda da citada orde descríbese o procedemento de autorización dos centros: solicitude e documentación, lugar e prazo de presentación.

Ademais, na disposición derradeira segunda autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para realizar as sucesivas convocatorias anuais de incorporación dos centros educativos ao programa de seccións bilingües, así como de ampliación do programa nos centros xa autorizados.

De acordo co anteriormente exposto, esta dirección xeral

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

A presente resolución ten por obxecto realizar a convocatoria para o curso 2015/16 de autorización de novas seccións bilingües nos centros sustentados con fondos públicos de ensino non universitario.

Artigo 2. Solicitude e documentación

1. Os centros que desexen iniciar a implantación de novas seccións bilingües deberán facer a correspondente solicitude (anexo, modelo normalizado ED504D) e dirixila á xefatura territorial correspondente, achegando a documentación que se relaciona a seguir:

a) Proxecto de participación no plan, en que se recollan, entre outros aspectos: profesorado e alumnado participante; os obxectivos propostos e os contidos; etapas e cursos en que se desenvolverá; áreas, materias ou módulos; estratexias metodolóxicas e pautas para a avaliación do proxecto.

b) Certificación da aprobación do proxecto polo consello escolar, unha vez oído o claustro.

c) Compromiso por parte do profesorado implicado (profesorado responsable da sección e profesorado coordinador) de formar parte do proxecto durante, como mínimo, dous anos.

d) Relación do profesorado da área, materia ou módulo non lingüísticos, xunto coas credenciais de posuír destino definitivo no centro e a titulación que acredite a súa competencia lingüística no nivel requirido (B2).

e) Certificación da dirección do centro co número de alumnos/as que participarán nas seccións bilingües que se solicitan.

2. A Inspección Educativa informará a solicitude a través da xefatura territorial correspondente.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 3. Forma de presentación, lugar e prazo

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es , de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, as persoas representantes dos centros educativos solicitantes poderán completar «en liña» o formulario electrónico dispoñible no punto «Linguas estranxeiras, Programa de seccións bilingües» (http://www.edu.xunta.es/programaseducativos ). Unha vez cuberto este formulario, gravarán os datos na aplicación, o que xerará un documento en formato Adobe Acrobat que a persoa representante deberá imprimir, asinar e enviala á xefatura territorial correspondente.

Así mesmo, tamén poderán presentarse as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. A solicitude de autorización formulada pola dirección do centro deberá dirixirse á xefatura territorial correspondente que a trasladará, co informe da Inspección Educativa, á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

3. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e no artigo 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

4. O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 31 de maio de 2015.

Artigo 4. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a: dxefpie@edu.xunta.es .

Artigo 5. Autorización dos centros

1. Corresponderalle á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa a autorización dos centros para participar neste programa.

2. A valoración das solicitudes presentadas realizarase considerando a viabilidade do proxecto. Para iso terase en conta o profesorado e alumnado participante; os obxectivos propostos e os contidos; etapas e cursos en que se desenvolverá; áreas, materias ou módulos; estratexias metodolóxicas e pautas para a avaliación do proxecto.

3. Aqueles centros que precisen autorización de seccións bilingües en cursos distintos daqueles para os que foron autorizados, deberán formalizar unha nova solicitude cun novo proxecto e con toda a documentación requirida, segundo establece o artigo 2 desta resolución.

4. No caso de centros concertados, a autorización do proxecto de sección bilingüe, en ningún caso significará modificación das condicións do concerto educativo subscrito.

Artigo 6. Seguimento e avaliación

1. A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa levará a cabo o seguimento e posterior avaliación dos proxectos co fin de verificar a súa realización, a calidade e os resultados obtidos.

2. Antes do 5 de xullo, o profesorado de cada área, materia ou módulo non lingüísticos implicado no programa de sección bilingüe deberá elaborar unha memoria avaliativa que trasladará á dirección do centro para o seu visto e prace. A devandita memoria será remitida pola dirección do centro á correspondente xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que a tramitará á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, acompañada dun informe da Inspección Educativa.

3. A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa facilitará o formulario para a elaboración da devandita memoria.

Artigo 7. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2015

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

missing image file