Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Xoves, 30 de abril de 2015 Páx. 16848

III. Outras disposicións

Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia

RESOLUCIÓN do 2 de marzo de 2015 pola que se aproba a convocatoria ordinaria para a obtención da avaliación previa á contratación de profesorado polas universidades do Sistema universitario de Galicia e se abre o prazo para a presentación de solicitudes.

A Lei 6/2013, do parlamento de Galicia, de 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia (LSUG), establece que é a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACUSG) a entidade que posúe as competencias en materia de avaliación da calidade, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, ás cales se fai referencia na propia LSUG, na Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, modificada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril (LOU), así como aqueloutras competencias que se lle poidan atribuír polo ordenamento xurídico.

Por outra banda, os estatutos da ACSUG, publicados mediante a Resolución do 10 de decembro de 2008, da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, e o Decreto 326/2009, do 11 de xuño, polo que se modifica o 270/2003, do 22 de maio, regulador da ACSUG, configuraron a Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA) como o órgano superior en materia de avaliación, competente para a elaboración dos protocolos e procedementos específicos de avaliación e informe.

Posteriormente, a Orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 17 de setembro de 2009, unificou a normativa existente relativa aos distintos procesos de avaliación e informe atribuídos á ACSUG, previos á contratación, progresión e consolidación do profesorado universitario. Así mesmo, esta orde regula os supostos de validación automática e establece o procedemento común que se debe seguir nos distintos procesos de avaliación e informe.

Finalmente a CGIACA, en virtude das competencias que ten atribuídas, aprobou mediante Acordo do 9 de novembro de 2010, o protocolo de avaliación e informe para a contratación de profesorado polas universidades integrantes do Sistema universitario de Galicia (SUG), que substitúe o anterior protocolo aprobado mediante Acordo do 10 de novembro de 2009.

De conformidade co exposto, a presidenta do Consello de Dirección da ACSUG, en virtude das competencias que ten delegadas por Resolución do 21 de setembro de 2006 (DOG do 3 de outubro),

RESOLVE:

Primeira. Obxecto

Apróbase a convocatoria para a presentación de solicitudes por parte dos interesados que desexen obter a avaliación para poder ser contratados como persoal docente e investigador por algunha das universidades integrantes do Sistema universitario de Galicia (SUG), como profesorado contratado doutor, de universidade privada e axudante doutor, de conformidade co disposto na Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, na redacción dada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril; e que debe emitir a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG).

Segunda. Destinatarios

Poderán presentar a súa solicitude todas aquelas persoas que posúan o título de doutor e non estean en ningún dos supostos regulados no artigo 4 da Orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 17 de setembro de 2009, pola que se regula a avaliación e informe da ACSUG previos á contratación de profesorado contratado doutor, axudante doutor e de universidade privada.

Terceira. Formalización e presentación das solicitudes

1. As solicitudes de avaliación, de conformidade co disposto no artigo 9 da citada Orde do 17 de setembro de 2009, formalizaranse no modelo de instancia (anexo I) que se deberá cubrir e validar dixitalmente a través da aplicación informática da ACSUG, á cal se poderá acceder a través da páxina web www.acsug.es . Deberá indicarse para cal ou cales das figuras contractuais se solicita a avaliación. No caso de que se solicite máis dunha figura, farase na mesma instancia.

2. De acordo co número 54 do anexo I da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, deberase realizar o pagamento da correspondente taxa administrativa polas actuacións relacionadas coas avaliacións ou informes previos á contratación do profesorado universitario:

– Pola primeira figura contractual 50 euros.

– Pola segunda figura contractual e terceira (por cada unha) 25 euros.

3. Unha vez cuberta e validada a solicitude na aplicación da ACSUG, e realizado o pagamento da taxa correspondente, poderá presentarse destes dous xeitos:

a) Por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es , de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e 24.2 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o DNI electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios na sede electrónica, poderán dirixirse ao teléfono de información 012.

b) A través de calquera dos rexistros relacionados no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, unha vez impresa e debidamente asinada.

4. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Cuarta. Forma de pagamento das taxas administrativas

1. Os solicitantes poderán realizar o pagamento dunha das seguintes formas:

a) Pagamento presencial (modelo A ou AI):

Deberase cubrir o modelo A ou AI e realizar o ingreso do importe da taxa que corresponda, en función do número de figuras solicitadas, en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Pagamento telemático (modelo 730):

Deberase acceder á Oficina Virtual Tributaria da Axencia tributaria de Galicia e realizar o pagamento mediante tarxeta de crédito ou débito ou con cargo á conta bancaria do solicitante (este último suposto se dispón dun certificado dixital), obtendo o xustificante 730 correspondente.

2. Para calquera aclaración ou información sobre o pagamento da taxa os interesados poderán acceder á páxina web www.acsug.es .

Quinta. Admisión a trámite, emenda e mellora da solicitude

1. Con independencia da opción elixida para a presentación da solicitude, será imprescindible, para a súa admisión á trámite, a achega da seguinte documentación:

– Unha copia do documento acreditativo da personalidade do solicitante (DNI ou equivalente) ou, se é o caso a autorización á ACSUG para consultar os seus datos no Sistema de verificación de datos de identidade, de conformidade co disposto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro (DOG do 13 de novembro).

– Unha copia do xustificante do título de doutor ou, de ser o caso, a autorización á ACSUG para consultar os seus datos ao Ministerio de Educación, de conformidade co artigo 6.2.b) da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

– O xustificante do pagamento das taxas que correspondan, en función do número de figuras solicitadas.

A documentación á cal se fai referencia no parágrafo anterior poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A ACSUG poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento na Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Esta documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a ACSUG comprobará que as solicitudes cumpran cos requisitos exixidos nestas bases así como no punto primeiro do artigo 70 da citada lei e demais normativa específica de aplicación, necesarios para admitir a trámite as solicitudes, no caso contrario requirirase o interesado para que proceda á súa emenda de conformidade co disposto no citado artigo 71 da Lei 30/1992. De non facelo, considerarase desistida a petición e arquivarase o expediente.

Sexta. Alegación e formalización dos méritos curriculares

O curriculum vitae formalizarase no formato dixital dispoñible na aplicación informática á cal se poderá acceder a través da páxina web www.acsug.es . Só se valorarán os méritos que aparezan alegados no curriculum vitae cubertos deste xeito. No caso de que un mérito sexa susceptible de ser alegado en distintas epígrafes do currículo, o interesado elixirá o lugar onde desexa que aquel sexa valorado.

Sétima. Xustificación dos méritos curriculares

1. A documentación xustificativa dos méritos curriculares alegados deberase presentar en soporte dixital (DVD, CD-ROM, pendrive), a través de calquera dos rexistros relacionados no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. A orde de presentación deberá coincidir coas epígrafes do currículum vitae. Achegaranse dúas copias desta documentación dixital, con independencia do número de figuras contractuais para as cales se solicite a avaliación.

No caso de que se opte pola presentación da solicitude a través da sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es , ao presentar a xustificación dos méritos curriculares, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente (se dispón del) e o número ou código único de rexistro da sede electrónica.

2. Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes non se admitirá ningunha documentación xustificativa dos méritos curriculares. As correspondentes avaliacións faranse con base nos xustificantes dos méritos que achegasen os interesado ata ese momento, sen prexuízo do cal, a ACSUG poderá requirir dos solicitantes as aclaracións e concrecións que considere oportunas.

3. Coa excepción dos documentos indicados na base quinta, non se admitirá ningún documento xustificativo en formato papel, sen prexuízo do cal a ACSUG poderá solicitar ao interesado, ao longo da tramitación do procedemento, os orixinais ou copias compulsadas da documentación achegada.

Tendo en conta que o solicitante asina unha declaración respecto da veracidade dos datos que fai constar na instancia e no curriculum vitae, así como de toda a documentación xustificativa que xunta á solicitude, os interesados asumirán as responsabilidades que poidan derivar das inexactitudes que consten nestes documentos.

4. Os solicitantes deberán xustificar da forma máis adecuada e completa posible a realización dos méritos curriculares alegados. Sen prexuízo do anterior, os méritos que se relacionan a continuación soamente serán tidos en conta cando se xustifiquen da forma que expresamente se indica:

– A docencia universitaria regrada xustificarase cun certificado da autoridade académica competente emitido pola universidade en que se prestase aquela, no cal deberán constar as materias e o número de horas ou créditos impartidos.

– O expediente académico xustificarase a través dun certificado expedido pola autoridade competente, en que figurará a nota media calculada segundo o sistema establecido no Real decreto 1125/2003, polo que se establece o sistema europeo de créditos e o sistema de cualificación nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional.

– Os cursos e másters recibidos xustificaranse co correspondente certificado en que conste o seu número de horas.

– As bolsas e as axudas acreditaranse a través da credencial emitida polo organismo pagador destas.

– Os proxectos e contratos de investigación competitivos e non competitivos xustificaranse coa documentación en que conste a súa concesión por parte do organismo pagador, as características, o posto ocupado como membro do proxecto e o seu carácter internacional, nacional, autonómico, interuniversitario ou interdepartamental.

– A actividade profesional desenvolvida xustificarase prioritariamente coa presentación da copia dos correspondentes contratos de traballo e o certificado de vida laboral da Seguridade Social.

– Para acreditar libros, artigos e demais publicacións será suficiente con entregar unha copia escaneada da primeira e última folla, índice e folla onde figure o ISBN, ISSN, depósito legal, etc.

– No caso de publicacións telemáticas, se son de acceso libre, sinalarase o modo de acceso. En caso contrario xuntarase o arquivo da publicación en que figure o ISSN.

– No caso de traballos aceptados e pendentes de publicación xustificaranse coa aceptación da editorial ou organismo responsable da publicación.

Oitava. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administración públicas. Polo tanto, a solicitude incluirá autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos pola normas reguladora do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán ir acompañadas dos documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Novena. Prazo

O prazo para a presentación das solicitudes será de 30 días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Décima. Procedemento de avaliación

De conformidade co establecido na alínea b) do artigo 10 da Orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 17 de setembro de 2009, as avaliacións realizaranse de conformidade co establecido para o efecto no protocolo de avaliación e informe para a contratación de profesorado polas universidades integrantes do Sistema universitario de Galicia aprobado polo Acordo da Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA) o 9 de novembro de 2010, publicado na páxina web www.acsug.es .

Décimo primeira. Acordos de avaliación

De conformidade co establecido na alínea a) do artigo 10 da Orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 17 de setembro de 2009 e co establecido no artigo 22 dos estatutos da ACSUG, correspóndelle á CGIACA a competencia para a emisión das avaliacións a que se fai referencia na base primeira.

Os acordos serán motivados e notificaranse nos cinco meses seguintes ao peche do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se dite resolución expresa, os/as interesados/as poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Décimo segunda. Recurso

Os acordos adoptados pola CGIACA esgotan a vía administrativa polo que, de conformidade co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, poderán ser recorridos en reposición ante o mesmo órgano que os ditou ou ser impugnados directamente perante a xurisdición contencioso-administrativa, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Quen desexe interpoñer un recurso de reposición poderao facer desde a mesma plataforma informática na cal formalizou a súa solicitude. Este recurso, unha vez cuberto telematicamente, deberá imprimirse, asinarse debidamente e presentarse en calquera dos rexistros indicados no artigo 38.4 da Lei 30/1992.

Décimo terceira. Protección de datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado avaliación profesorado cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: rúa Lamas de Abade, s/n, CIFP Compostela, 5ª andar, 15702 Santiago de Compostela (A Coruña) ou a través dun correo electrónico a acsug@acsug.es .

Décimo cuarta. Entrada en vigor

Esta resolución terá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2015

María Patrocinio Morrondo Pelayo
Presidenta da Axencia para a Calidade
do Sistema Universitario de Galicia

missing image file
missing image file