Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Luns, 4 de maio de 2015 Páx. 17246

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 24 de abril de 2015, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se modifica a Resolución do 10 de decembro de 2014, pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso na categoría de médico/a de familia de atención primaria, ampliando o número de prazas convocadas.

O Decreto 186/2013, do 19 de decembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a diversas categorías de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde para o ano 2013 (Diario Oficial de Galicia nº 248, do 30 de decembro) autorizou a convocatoria de corenta (40) prazas de médico/a de familia de atención primaria.

Por Resolución do 10 de decembro de 2014, da Dirección Xeral de Recursos Humanos (Diario Oficial de Galicia nº 242, do 18 de decembro) convocouse concurso-oposición para o ingreso na dita categoría.

Polo Decreto 59/2015, do 16 de abril, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a diversas categorías de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde para o ano 2015 (Diario Oficial de Galicia nº 76, do 23 de abril) autorízase a convocatoria, entre outras, de corenta e dúas (42) novas prazas de médico/a de familia de atención primaria.

En consecuencia, razóns organizativas, asistenciais e de eficiencia na xestión dos procesos de selección fan oportuno acumular nun único proceso a selección dos/das aspirantes para a cobertura das prazas da categoría de médico/a de familia derivadas de ambos os dous decretos de oferta.

En virtude do exposto, este centro directivo, logo do seu tratamento na Mesa Sectorial de Negociación e no uso das competencias que lle atribúe o artigo 8 dos mencionados decretos e o artigo 4.1.b) da Orde do 5 de xullo de 2012 (Diario Oficial de Galicia nº 139, do 20 de xullo) sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde,

RESOLVE:

Primeiro. Modificar o anexo I da Resolución do 10 de decembro de 2014, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso na categoría de médico/a de familia de atención primaria.

O número de prazas que se convoca neste proceso selectivo é o que se especifica no anexo desta resolución, con expresión diferenciada das prazas polo seu sistema de acceso.

Segundo. Reabrir o prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia para a presentación de solicitudes de participación neste proceso.

As persoas aspirantes que tivesen presentado solicitude de participación neste proceso no período inicial comprendido entre o 19 de decembro de 2014 e o 30 de xaneiro de 2015, ambos os dous incluídos, non terán que presentar nova instancia de participación nin achegar ningunha documentación.

Aquelas persoas aspirantes que tivesen presentado solicitude de participación neste proceso no período inicial comprendido entre o 19 de decembro de 2014 e o 30 de xaneiro de 2015 e desexen modificar a quenda de acceso poderán efectualo mediante a formalización a través de Fides/expedient-e dunha nova solicitude de participación, que deixará sen efecto a inicialmente presentada e na cal se detallará a nova quenda solicitada.

Esta solicitude, logo de confirmada electronicamente, deberá ser presentada dentro do prazo de presentación de solicitudes nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos previstos na base 5.2 da resolución de convocatoria, acompañada da documentación exixida, segundo o suposto, na súa base 2.5.

Terceiro. As bases, programa das probas selectivas, exercicios, baremos e procedemento de acreditación de méritos para este proceso serán os aprobados por Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 10 de decembro de 2014 (Diario Oficial de Galicia nº 242, do 18 de decembro).

Os requisitos de participación no proceso deberán reunirse dentro do prazo de presentación de solicitudes e manterse ata a toma de posesión como persoal estatutario fixo.

Os méritos que se terán en conta na fase de concurso serán os recollidos no anexo IV da resolución de convocatoria e valoraranse con referencia ao día inmediatamente anterior ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, é dicir, o 17 de decembro de 2014.

Cuarto. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante esta dirección, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou poderase impugnar directamente na xurisdición contencioso-administrativa nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2015

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos

ANEXO
Prazas e titulacións

Categoría

Grupo

Acceso libre

Promoción interna

Reserva
discapacidade

Total

Titulación

Médico/a de familia de atención primaria

A1

36

41

5

82

Título universitario oficial de grao ou licenciado/a ou doutor/a en Medicina e Cirurxía e título de médico/a especialista en Medicina Familiar e Comunitaria ou estar en posesión da certificación prevista no artigo 3 do Real decreto 853/1993, do 4 de xuño, ou dalgún dos títulos, certificados ou diplomas a que fai referencia o artigo 30 da Directiva 93/16/CEE, e que figuran enumerados no número 1 da Comunicación 96/C 363/04 da Comisión Europea ou sexan titulares das certificacións previstas no artigo 36.4 da dita directiva (*).

(*) En calquera caso, os ditos títulos, certificados ou diplomas deberán ter sido previamente recoñecidos polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.