Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Venres, 15 de maio de 2015 Páx. 18978

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 4 de maio de 2015 pola que se convocan os Premios da Cultura Galega para o ano 2015.

Con data 24 de setembro de 2010 creáronse os Premios da Cultura Galega co obxecto de apoiar o labor creativo na Comunidade Autónoma e a súa expansión nos novos espazos que se abren na actualidade.

Mediante esta orde establécense as bases que rexerán a concesión dos Premios da Cultura Galega e convócanse para o ano 2015.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria

Convócanse os Premios da Cultura Galega en todas as súas modalidades para o ano 2015:

1. Premio Cultura Galega de Letras.

Dirixido a persoas, colectivos ou entidades con traxectoria vinculada coa literatura galega, con méritos especiais ao desenvolvemento de novos recursos e no plano expresivo, na construción dunha linguaxe propia, na creación de códigos de intercambio con outras sociedades e culturas, tanto nos soportes convencionais como nos virtuais e outras formas experimentais coa escrita, así como calquera outro aspecto que contribúa a fortalecer o sistema literario galego e a súa imaxe pública.

2. Premio Cultura Galega de Artes Plásticas.

Dirixido a persoas, colectivos ou entidades con traxectoria vinculada ás artes plásticas galegas, con méritos especiais no que atinxe ao desenvolvemento de recursos expresivos, investigación de linguaxes propias, innovación no plano creativo a partir de materiais convencionais ou de soportes virtuais e experimentais, creación de códigos de intercambio con outras sociedades e culturas ou calquera outro aspecto que contribúa a enriquecer a creación plástica galega e a súa imaxe pública.

3. Premio Cultura Galega de Artes Escénicas.

Dirixido a persoas, colectivos ou entidades cunha traxectoria vinculada ás artes escénicas galegas meritoria en canto a recursos escénicos, investigación de linguaxes propias, innovación no plano creativo, creación de códigos de intercambio con outras sociedades e culturas ou calquera outro aspecto que contribúa a ampliar a representación escénica de Galicia e a súa imaxe pública. Nesta categoría terase en conta a obra realizada en soporte físico ou virtual, e incluiranse propostas teóricas ou proxectos de especial interese creativo ou innovador, que sirvan de referencia para a evolución escénica de Galicia.

4. Premio Cultura Galega de Música.

Dirixido a persoas, colectivos ou entidades con traxectoria vinculada á creación ou á promoción da música galega. Valorarase especialmente a achega para reforzar a imaxe desta arte como creadora dunha linguaxe galega de calidade, con personalidade propia e con capacidade para se integrar nos escenarios internacionais.

5. Premio Cultura Galega de Audiovisual.

Dirixido a persoas ou entidades con traxectoria vinculada á creación, á promoción ou á difusión da creación audiovisual galega, con méritos especiais no desenvolvemento de novos recursos e no plano expresivo, na construción de linguaxes propias e na capacidade de intercambio con outras sociedades e culturas.

6. Premio Cultura Galega de Lingua.

Dirixido a persoas, colectivos ou entidades de ampla traxectoria no ámbito da promoción da lingua galega. Valorarase o desenvolvemento de obras e de iniciativas destinadas a afianzar o uso e a valoración social do idioma propio de Galicia.

7. Premio Cultura Galega de Patrimonio Cultural.

Dirixido a persoas, colectivos ou entidades que presenten unha traxectoria meritoria vinculada á protección, conservación e difusión do patrimonio cultural galego, material e inmaterial, en calquera medio ou campo de actuación.

8. Premio Cultura Galega de Proxección Exterior.

Dirixido a persoas, colectivos ou entidades con traxectoria vinculada á difusión cultural de Galicia no exterior, que contribúan a proxectar, dentro e fóra do territorio galego, a riqueza e o valor da cultura galega en calquera campo e a través de calquera medio convencional ou virtual.

Artigo 2. Obxecto e contido dos premios

1. Concederase un único premio en cada unha das modalidades descritas no artigo anterior e non poderá recaer máis dun premio na mesma persoa.

2. O premio consistirá nunha escultura ou obxecto conmemorativo realizado por un artista galego de recoñecido prestixio e nun diploma acreditativo.

Artigo 3. Candidaturas

1. Poderán ser candidatas as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, que se distingan pola súa traxectoria vinculada ao obxecto da modalidade correspondente de acordo co sinalado no artigo 1.

2. As candidaturas só poderán ser presentadas por institucións e entidades culturais ou profesionais, públicas ou privadas, relacionadas co obxecto de cada premio, sen que os candidatos se poidan postular a si mesmos.

Artigo 4. Documentación e prazo de presentación

1. As candidaturas deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

2. Alternativamente, tamén se poderán presentar as candidaturas en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. É preceptivo engadir no anexo da orde os méritos das candidaturas cunha xustificación de entre 15 e 20 liñas descritivas.

4. O prazo de presentación de candidaturas será de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

5. Non serán admitidas en ningún caso candidaturas presentadas fóra do prazo e da forma establecidos na presente orde.

6. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

7. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico o seguinte enderezo: sxt.cultura.educacion@xunta.es

Artigo 5. Xurado

1. O xurado estará formado por un máximo de 10 membros de acordo coa seguinte composición:

a) Presidente: o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

b) Vogais: o presidente do Consello da Cultura Galega ou persoa designada por el; o reitor dunha universidade galega, ou persoa designada por el, que na presente edición será a Universidade de Vigo; o presidente da Real Academia Galega ou persoa designada por el; a presidenta da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario ou persoa designada por ela; o secretario xeral de Cultura e catro profesionais de recoñecido prestixio designados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Actuará como secretario un funcionario ou funcionaria da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, con voz e sen voto.

2. A designación dos membros do xurado publicarase no prazo máximo de vinte días desde a publicación desta orde na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

3. O xurado axustará o seu funcionamento ao sinalado nesta orde e ao disposto na sección 3ª do capítulo I, do título I, da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 6. Resolución

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución aos candidatos non poderá exceder os cinco meses contados desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

A decisión do xurado en que se resolva a concesión dos premios farase pública a través do Diario Oficial de Galicia e da páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 7. Entrega dos premios

Os Premios da Cultura Galega 2015 entregaranse no marco dun acto institucional organizado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Disposición adicional única

Esta orde está excluída da aplicación da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, conforme o establecido no seu artigo 4.1.a).

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2015

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file