Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Venres, 22 de maio de 2015 Páx. 20169

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 6 de maio de 2015 de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal de Ponteceso.

O Concello de Ponteceso remite o Plan xeral de ordenación municipal en solicitude da súa aprobación definitiva, conforme o previsto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Analizada a documentación achegada polo Concello de Ponteceso e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. Planeamento municipal vixente.

Actualmente o Concello de Ponteceso conta cun Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente o 26 de agosto de 2002.

Como planeamento de desenvolvemento constan: Plan parcial do parque empresarial (AD 26/09/1994 ); Plan especial de reforma interior 12.1 en Corme (AD 10/04/2007); Plan especial de reforma interior 11.1 en Corme (AD 07/074/2007); Plan de sectorización SRAU-3 en Xornes (AD 24/11/2008); e Plan de sectorización A Mezquita (AD 29/01/2014).

I.2. Figuras de ordenación do territorio con incidencia supramunicipal.

O termo municipal está afectado polo Plan sectorial eólico de Galicia, concretamente polo proxecto sectorial do parque eólico de Corme (AD 05/02/1998).

I.3. Tramitación.

1. Con data do 9.4.2012 a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da CMATI emite informe previo á aprobación inicial do PXOM, de conformidade co previsto no artigo 85.1 da LOUG.

2. O Pleno do Concello de Ponteceso aprobou inicialmente o PXOM con data 25.6.2012 e someteuno a información pública, durante dous meses, mediante anuncios nos xornais El Diario de Bergantiños e La Voz de Galicia do 9.8.2012, así como no DOG do 27.7.2012.

3. Simultaneamente déuselles audiencia aos concellos limítrofes de Malpica de Bergantiños, Carballo, Coristanco e Cabana de Bergantiños.

4. Constan no expediente os informes municipais técnico e xurídico respecto da conformidade do plan coa lexislación vixente e a calidade técnica da ordenación proxectada, do 2.12.2011 e 30.11.2011 respectivamente.

5. Mediante Resolución do 19.12.2014, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formula a memoria ambiental correspondente ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica do PXOM (DOG do 19.1.2015).

6. En cumprimento da lexislación sectorial vixente, constan informes de:

• Servizo de Montes e Industrias Forestais do 18.2.2011.

• Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar, do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente do 28/02/2012, conforme o disposto nos artigos 112.a) e 117.1 da Lei 22/1988, de costas.

• Augas de Galicia do 2.3.2012 e do 27.1.2015.

• Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe, sobre a coherencia do PXOM coas directrices de ordenación do territorio e restantes instrumentos de ordenación do territorio previstos na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, do 28.3.2012.

• Axencia Galega de Infraestruturas, en materia de estradas, do 30.3.2012 (desfavorable) e do 14.10.2013 (favorable).

• Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, en materia de costas, previo á aprobación inicial, do 9.4.2012.

• Portos de Galicia do 8.8.2012 (desfavorable) e do 20.5.2014 (favorable).

• Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información do 6.9.2012.

• Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, do 14.2.2013 (desfavorable) e do 20.10.2014 (favorable).

• Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do 26.3.2013.

• Secretaría Xeral da Delegación do Goberno do 5.4.2013, sobre os bens patrimoniais do Estado.

• Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro do 16.4.2013.

• Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural do 17.4.2013.

• Servizo de Enerxía e Minas, en materia de dereitos mineiros, do 26.4.2013.

• Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar, do 6.5.2013, conforme o disposto nos artigos 112.a) e 117.2 da Lei 22/1988, de costas.

• Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 6.5.2013, sobre a calidade do informe de sustentabilidade ambiental (ISA).

• Dirección Xeral de Conservación da Natureza do 4.10.2013.

7. O Pleno do Concello de Ponteceso aprobou provisionalmente o documento do Plan xeral de ordenación municipal en sesión do 9.3.2015.

II. Análise e consideracións.

II.1. Compatibilidade urbanística.

Segundo o disposto nos artigos 85.7 e 227 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, para resolver sobre a aprobación definitiva, debe analizarse a integridade e suficiencia dos documentos que integran o plan, a súa conformidade coa lexislación urbanística vixente e a adecuación das súas determinacións á protección do medio rural; a súa incidencia sobre as materias de competencia autonómica e sobre as políticas autonómicas de desenvolvemento sustentable, e a articulación das infraestruturas de carácter local cos elementos supramunicipais vertebradores do territorio.

O modelo de ordenación proposto polo PXOM de Ponteceso axústase aos criterios fundamentais expresados na LOUG e ás exixencias de utilización racional dos recursos naturais, da paisaxe rural e do desenvolvemento equilibrado e sustentable do territorio, recoñecendo o sistema tradicional de asentamentos e establecendo para eles unha ordenación propia, definindo as necesarias proteccións nos terreos que as precisan e prevendo ámbitos para o futuro desenvolvemento de usos residenciais e produtivos, mellorando a ordenación urbanística vixente.

II.2. Adecuación do PXOM ao Plan de ordenación do litoral de Galicia.

O 28.3.2012 a Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe emitiu informe sobre a adecuación do PXOM de Ponteceso ao POL, previamente á súa aprobación inicial, no cal se indicaban diversos aspectos que se debían ter en conta.

Analizado o documento do PXOM aprobado provisionalmente no Pleno do 9.3.2015, obsérvase que, na súa gran parte, foron atendidas as observacións formuladas nese informe, sen prexuízo do cal cómpre indicar:

II.2.1. Dada a súa especial incidencia na fachada marítima dos núcleos de identidade do litoral ou visibilidade dende a costa, é necesario que os plans especiais de protección e ordenación de Corme Porto e do Couto, e os plans especiais de reforma interior das APR D1.4, D.1.5 e D1.6 (Corme) e D3.1, D.3.2 e D3.3 (Ponteceso), sexan remitidos ao órgano competente en materia de ordenación do territorio antes da súa aprobación municipal plenaria, para os efectos de poder verificar a adecuación da ordenación concreta proposta aos criterios e normas xerais que se indican no POL para os NIL e os desenvolvementos urbanísticos:

II.2.2. Para unha maior coherencia entre os réximes de uso do POL e do PXOM, aos espazos de interese paisaxístico identificados no POL da Arbosa, O Roncudo e Cantís do Canteiro, Monte do Cal Vaqueiro, Illa Tiñosa e Praia do Medio atribuiráselles a clasificación do solo rústico de especial protección paisaxística, sen prexuízo de que se superpoña sobre outras categorías de solo rústico (artigo 32.3 da LOUG).

II.3. Compatibilidade coa normativa sectorial de costas.

II.3.1. Protección e lexislación de costas (anexo III.B): introdúcense as oportunas cautelas, ben que deben clasificarse ata a ribeira do mar todos os terreos de DPMT, tanto de solo rústico coma os incluídos nos sistemas xerais portuarios.

Proponse o acoutamento de dous tramos de fachada marítima de cara a facer viables novos usos e construcións ao abeiro da DT 3.3 regra 2ª da LC. Na tramitación dos documentos de planeamento que correspondan xustificarase o cumprimento das condicións establecidas na citada DT 3.3ª da LC.

II.3.2. Fichas de áreas de ordenación e xestión (anexo II): xustifícase o cumprimento do requisito sinalado na letra b) dos artigos 30 da Lei de costas e 59 do seu regulamento, no relativo ao cumprimento das densidades máximas na zona de influencia.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMATI.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva ao Plan xeral de ordenación municipal do concello de Ponteceso, de acordo co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia, con suxeición ás seguintes condicións:

• Os plans especiais de protección e ordenación de Corme Porto e do Couto, así como os plans especiais de reforma interior das APR D1.4, D.1.5 e D1.6 (Corme) e D3.1, D.3.2 e D3.3 (Ponteceso) deberán remitirse ao órgano competente en materia de ordenación do territorio antes da súa aprobación municipal plenaria, para os efectos de poder verificar a adecuación da ordenación concreta que propoñan aos criterios e normas xerais indicados no POL para os NIL e os desenvolvementos urbanísticos.

• Os espazos de interese paisaxístico identificados no POL da Arbosa, O Roncudo e Cantís do Canteiro, Monte do Cal Vaqueiro, Illa Tiñosa e Praia do Medio clasificaranse como solo rústico de especial protección paisaxística, sen prexuízo de que se superpoñan sobre outras categorías de solo rústico.

• A obriga de clasificar ata a ribeira do mar os terreos de DPMT integrantes do termo municipal concretarase en:

– Os terreos do porto de Corme cualificados como sistema xeral de infraestrutura portuaria clasificaranse como solo urbano consolidado.

– Os terreos do paseo marítimo de Corme situados entre o DPMT e a ribeira do mar terán a consideración de viarios en solo urbano consolidado.

– As zonas situadas en Balarés, entre os puntos de amolloamento da liña de ribeira números R-1 e R-4 e a liña da ribeira do DPMT, e en Ponteceso entre os puntos de amolloamento da liña de ribeira números R-5 e R-16 e a liña da ribeira do DPMT clasificaranse como solo rústico de especial protección de costas e de espazos naturais.

– A zona situada en Ponteceso entre os puntos de amolloamento da liña de ribeira números R-17 e R-23 e a liña da ribeira do DPMT clasificarase como solo rústico de especial protección de costas.

• En aplicación do informe de Augas de Galicia, nas zonas de fluxo preferente, mesmo no solo urbano consolidado, observaranse as prescricións recollidas nos artigos 42 e 43 do Plan hidrolóxico Galicia-Costa, para o cal será necesario solicitar o informe dese organismo competente en materia de augas, previo ao outorgamento de título urbanístico habilitante.

2. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e as ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

3. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

4. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2015

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas