Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Mércores, 27 de maio de 2015 Páx. 20685

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 15 de maio de 2015 pola que se convoca o concurso Eduemprende Idea 2015, dirixido ao alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia, sostidas con fondos públicos.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca o concurso Eduemprende Idea 2015, no marco do Plan de emprendemento no sistema educativo de Galicia Eduemprende, mediante o que pretende valorar e premiar proxectos de empresa que presente o alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia sostidas con fondos públicos.

As necesidades da sociedade e os cambios na concepción actual dos procesos de ensino e aprendizaxe precisan que o sistema educativo fomente como obxectivo estratéxico a implantación na comunidade educativa dunha cultura emprendedora necesaria para mellorar a competitividade das nosas empresas e a posibilidade de emprego do alumnado galego. Neste sentido, o Plan de emprendemento no sistema educativo de Galicia Eduemprende, aprobado en 2010, conxuntamente pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e o Igape, ten como obxectivo estratéxico a implantación na comunidade educativa desta cultura emprendedora e comprende no seu eixe 3 as actuacións que se refiren ao apoio ao alumnado con habilidades emprendedoras, para a posta en marcha de proxectos empresariais viables e para a posta en práctica de ideas innovadoras de negocio, co fin de crear as condicións para que poidan prosperar as iniciativas e as actividades emprendedoras ante o déficit emprendedor en Galicia.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta orde ten por obxecto convocar o concurso Eduemprende Idea 2015, co fin de potenciar a realización de proxectos empresariais polo alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia sostidas con fondos públicos.

Artigo 2. Requisitos de participación

Poderá participar nesta convocatoria o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

1. Estar matriculado no curso 2014/15 nas ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia sostidas con fondos públicos.

2. A participación terá que ser en grupo, formado por un mínimo de dous/dúas alumnos/as e un máximo de catro.

3. As persoas participantes deben cumprir os requisitos para obter a condición de beneficiarios/as de acordo co artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o indica o artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 3. Modalidades e características dos premios

Premiaranse os tres mellores proxectos de empresa de cada modalidade.

1. Modalidade A: ciclos de grao superior.

– Incorporación a un viveiro de empresa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

– Asesoramento técnico do Igape.

– Dotación económica:

1º premio: 3.000 euros.

2º premio: 2.000 euros.

3º premio: 1.000 euros.

2. Modalidade B: ciclos de grao medio.

– Incorporación a un viveiro de empresa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

– Asesoramento técnico do Igape.

– Dotación económica:

1º premio: 3.000 euros.

2º premio: 2.000 euros.

3º premio: 1.000 euros.

Artigo 4. Orzamento e compatibilidade dos premios

A dotación total para os premios efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria 09.50.423A.480.1 do exercicio orzamentario do ano 2015, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, e o seu importe será de 12.000 euros.

O importe destes premios está cofinanciado polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e polo Fondo Social Europeo.

Estes premios serán compatibles con outras axudas, procedentes de calquera outra Administración ou de entes públicos ou privados galegos, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sen prexuízo da obriga de comunicar a súa obtención ao órgano que concede estes premios.

Artigo 5. Prazo e lugar de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado co código de procedemento ED523A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es , de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade (DNI) electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado ED523A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. As solicitudes deberán dirixirse ao seguinte enderezo: Subdirección Xeral de Formación Profesional, San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela.

Para estes efectos, os rexistros dos centros educativos non se consideran incluídos dentro das dependencias enumeradas no devandito artigo 38.4 da Lei 30/1992.

Artigo 6. Documentación para presentar e listaxe de persoas admitidas

1. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten ao dispor das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Documentación.

1º. Solicitude normalizada segundo o anexo I.

2º. Ficha de persoas participantes segundo o anexo II.

3º. Copia do DNI da persoa solicitante e do resto das persoas participantes no mesmo proxecto, no caso de non dar o consentimento para a comprobación telemática do DNI ante o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, segundo establece o Decreto 255/2008, do 23 de outubro.

4º. Proxecto de empresa.

5º. Resumo executivo do proxecto.

6º. Vídeo de presentación do proxecto.

3. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos terán a mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

6. Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se a persoa solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

7. Despois de comprobar que as persoas solicitantes cumpren os requisitos, a relación das inscricións admitidas publicarase na páxina web que xestiona os devanditos premios http://www.edu.xunta.es/fp/eduemprende-idea .

Artigo 7. Requisitos xerais dos materiais e recursos dixitais

1. Requisitos de forma.

a) Os traballos serán orixinais e inéditos.

b) Os materiais non incluirán publicidade de empresas, produtos nin servizos comerciais.

2. Requisitos técnicos.

a) Os materiais e recursos dixitais terán que visualizarse correctamente nas últimas versións dos navegadores máis comúns. Deben funcionar sen necesidade de instalar ningún plugin específico nun navegador, salvo os de Flash, Java, Descartes e Malted.

b) Os materiais estarán realizados con tecnoloxía que permita a súa visualización cun navegador estándar sobre distintos sistemas operativos, libres e propietarios, e poderán ser executados en local.

Artigo 8. Comisión avaliadora

1. Esta comisión estará formada por:

– Dous/dúas representantes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

– Dous/dúas representantes do Igape.

– Un/unha profesor/a que forme parte do programa Emprende.

Actuará como secretario/a un dos membros da comisión e redactará unha acta de cada sesión que se celebre.

2. As funcións da comisión avaliadora son:

– Avaliar os proxectos presentados.

– Facer unha proposta de concesión dos premios á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Artigo 9. Criterios de avaliación

A comisión avaliadora terá en conta os seguintes criterios á hora de determinar os premios en cada unha das dúas modalidades de proxectos presentados:

– A súa viabilidade técnica e legal.

– A súa viabilidade económica e comercial.

– A súa viabilidade financeira.

– O volume do proxecto: investimentos, persoal, etc.

– A súa creatividade.

– O seu carácter innovador e a súa materialización na estratexia e nas accións propostas.

– O impacto na súa área.

– A capacidade do equipo promotor para o levar adiante.

– A eficiencia na presentación dos contidos.

– A exposición oral sintética presentada («elevator pitch»).

– O cronograma da posta en marcha.

– Que non teña recoñecido outro premio similar polo mesmo proxecto.

Artigo 10. Resolución

1. A comisión avaliadora, logo de revisados os proxectos de empresa, emitirá unha proposta provisional de resolución que poderá consultarse no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria http://www.edu.xunta.es/fp , e comunicaráselle ás persoas solicitantes por correo electrónico.

2. A partir do día seguinte ao da publicación desta proposta abrirase un prazo de dez días naturais co fin de que poidan presentar cantas alegacións consideren oportunas mediante instancia dirixida á presidenta ou ao presidente da comisión avaliadora, nos lugares indicados no artigo 5.2 desta orde.

3. Poderase adiantar o envío por correo electrónico ao enderezo eduemprende@edu.xunta.es .

4. Logo de revisadas as alegacións, a comisión avaliadora elaborará a proposta definitiva de adxudicación dos premios, que se publicará no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

5. O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa elevará a proposta feita pola comisión avaliadora ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, quen ditará a orde correspondente para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

6. O prazo máximo para notificar a resolución deste procedemento será de catro meses, contados desde o día seguinte ao do remate do prazo de solicitude, e terá efectos desestimatorios a falta de resolución expresa nese período.

7. Contra esa resolución, que porá fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde tal publicación, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

8. A organización reserva para si o dereito a declarar desertos un ou varios premios no caso de que os proxectos de empresa que se presenten non cumpran os criterios requiridos.

Artigo 11. Pagamento dos premios

O pagamento do importe correspondente aos premios farase con base no seguinte procedemento:

1. Cada proxecto de empresa recibirá como máximo un premio.

2. A dotación económica do premio, dividida entre o número de participantes no proxecto, será transferida ás contas bancarias que figuran no anexo I e anexo II, nun único pagamento, no período correspondente ao exercicio económico 2015.

Artigo 12. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias do premio teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lles competen, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No anexo I a persoa beneficiaria debe facilitar a titularidade dunha conta bancaria con 24 díxitos e declarar acerca da veracidade dos datos relativos á devandita conta en que se ingresará, mediante transferencia bancaria, a dotación do referido premio, no caso de obtelo. Esta cantidade estará suxeita ás retencións que legalmente correspondan.

3. No anexo II, as persoas participantes no mesmo proxecto beneficiarias deben facilitar a titularidade dunha conta bancaria con 24 díxitos e declarar acerca da veracidade dos datos relativos á devandita conta na cal se ingresará, mediante transferencia bancaria, a dotación do referido premio, no caso de obtelo. Esta cantidade estará suxeita ás retencións que legalmente correspondan.

4. A persoa beneficiaria ten a obriga de reintegro, total ou parcial, do premio ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, tal como indican os artigos 14.1.j) e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Para os efectos do artigo 31.7 da Lei 9/2007, utilizarase a declaración responsable incluída no anexo I e no anexo II recollidos no artigo 6.2 desta orde. De transcorrer máis de seis meses desde a presentación da declaración incluída no anexo I e no anexo II desta orde, a persoa beneficiaria ten a obriga de achegar unha nova declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 13. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Xa que logo, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento; neste caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen imporse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 14. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Alumnado», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento e informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante esta mesma Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a: sxfp@edu.xunta.es .

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar os actos e medidas necesarios para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Réxime de recursos

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria nun prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde tal publicación, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2015

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file