Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Venres, 29 de maio de 2015 Páx. 21040

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 21 de maio de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para agricultores membros de agrupacións de defensa fitosanitaria e se convocan para o ano 2015.

O obxecto das agrupacións que desenvolven programas de defensa fitosanitaria é o control fitopatolóxico dos cultivos agrícolas, a través de entidades de carácter agrario formalmente constituídas, mediante programas técnicos ben definidos, de xeito que exista certa periodicidade no uso de métodos de control fitopatolóxico e que ademais se recorra ao emprego racional de produtos químicos, que se usarán só naqueles casos en que sexa a única forma eficaz de erradicar ou manter os axentes nocivos nuns limiares tolerables, empregando métodos de control integrado de pragas.

Para conseguir unha mellora das técnicas de loita fitosanitaria nas explotacións cómpre subvencionar os servizos técnicos prestados polas agrupacións de defensa fitosanitaria aos agricultores, así como unha parte do material empregado na loita contra as pragas. A intensidade da axuda será tal que permita que o apoio aos técnicos sexa coherente cos prezos de mercado, así como o mantemento da actividade no tempo.

O Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352/9, do 24 de decembro), permite outorgar unha axuda aos agricultores de ata 15.000 euros en tres anos para todas as axudas concedidas baixo o dito réxime. A pesar de seren os beneficiarios das axudas polo dito réxime as empresas dedicadas á produción primaria de produtos agrícolas, para a simplificación do procedemento administrativo e do control dos programas de actuación das agrupacións de defensa sanitaria dos cultivos cómpre que, naqueles casos en que sexa posible, se asinen convenios de colaboración coas agrupacións para que estas actúen como entidades colaboradoras na xestión das axudas, pero os agricultores adquiren, non obstante, a obriga de informar das axudas percibidas polo réxime de minimis nos últimos tres anos, así como o resto dos requisitos do citado regulamento e da orde.

Estas axudas para agricultores membros das agrupacións de defensa fitosanitaria financiaranse con fondos do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, segundo a Orde do 17 de novembro de 1989 pola que se establece un programa de promoción da loita integrada contra as pragas dos diferentes cultivos a través das agrupacións para tratamentos integrados en agricultura (Atria) e outros que poida achegar para os mesmos fins a Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude do exposto, e de conformidade co artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que me confire o artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita lei,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2015 das axudas para agricultores membros de agrupacións de defensa fitosanitaria.

Sección 1ª. Bases reguladoras das axudas

Artigo 2. Obxectivo desta sección

O obxectivo desta sección é establecer as bases reguladoras das axudas para agricultores membros de agrupación de defensa fitosanitaria.

Así mesmo, é obxectivo desta sección establecer as bases reguladoras para o recoñecemento como entidade colaboradora das agrupacións de defensa fitosanitaria para a xestión das axudas a agricultores membros destas.

Artigo 3. Definicións

Agrupacións de defensa fitosanitaria (en diante, ADF): asociacións ou agrupacións de agricultores e as súas federacións recoñecidas oficialmente que desenvolvan un programa de defensa fitosanitaria dos cultivos orientado á redución no uso de praguicidas empregando técnicas de control integrado de pragas.

Artigo 4. Beneficiarios e principios de concesión

1. Poderán acollerse a esta axuda os/as agricultores/as que desenvolvan a súa actividade nos sectores de produción de horta, froiteira e/ou vide, que estean inscritos no Rexistro de Explotacións Agrarias, segundo o Decreto 253/2008, do 30 de outubro, polo que se crea o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, e que pertenzan a unha ADF, sexa ou non entidade colaboradora, e empreguen os seus servizos para o desenvolvemento dun programa de defensa fitosanitaria.

2. Acreditarán a súa actividade agraria mediante o seu correspondente código de explotación agraria (CEA) e/ou código de explotación vitícola (CODEV).

3. Se un/unha agricultor/a pertencese a varias agrupacións só poderá obter subvención pola súa pertenza a unha delas.

4. Deberá cumprirse cos requisitos establecidos no Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352/9, do 24 de decembro), que no seu artigo 1. Ámbito de aplicación, número 1, determina que se aplicará ás axudas concedidas ás empresas dedicadas á produción primaria de produtos agrícolas, coa excepción:

a) Das axudas cuxo importe se fixe sobre a base do prezo ou a cantidade dos produtos comercializados.

b) Das axudas a actividades relacionadas coa exportación a terceiros países ou Estados membros, en concreto as axudas directamente vinculadas ás cantidades exportadas, ao establecemento e a explotación dunha rede de distribución ou a outros gastos correntes relacionados coa actividade exportadora.

c) As axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

Artigo 5. ADF e entidade colaboradora

1. A ADF a que pertenzan os agricultores solicitantes destas axudas:

a) Deberá ter un protocolo coas actuacións de control fitosanitario previstas para cada cultivo ou grupo de cultivos asociados.

b) Por motivos de eficacia nas axudas estará formada por un número mínimo de 10 agricultores.

c) Terá subscrito un contrato laboral a tempo total co técnico que dirixirá a execución do programa nos cultivos que se vai producir, ou ben contratará os servizos dun técnico autónomo dependente.

Neste último caso, o traballador autónomo dependente non deberá executar a súa actividade de xeito indiferenciado cos traballadores que presten os seus servizos á agrupación baixo calquera modalidade de contratación laboral por conta da propia ADF.

O técnico que desenvolva os traballos deberá ter algunha das titulacións que habilitan para exercer como asesor en xestión integrada de pragas segundo o disposto no anexo II do Real decreto 1311/2012, do 14 de setembro, polo que se establece o marco de actuación para conseguir un emprego sustentable dos produtos fitosanitarios.

2. A ADF poderá actuar como entidade colaboradora para a xestión das axudas aos agricultores para o emprego dos servizos técnicos prestados por elas, sempre que, ademais dos requisitos sinalados no punto 1 deste artigo, xunte os requisitos recollidos nos artigos 5, 9, 10 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e estea dotada de personalidade xurídica.

3. A entidade colaboradora deberá cumprir cos requisitos a que se refire o artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e presentar unha solicitude segundo o modelo que se xunta como anexo II (procedemento MR445C) desta orde, dentro do prazo dun mes contado desde o día seguinte á súa publicación, e deberán achegar a documentación a que se refire o número 4 deste artigo, así como cumprir coas condicións do número 8.

4. A Consellería do Medio Rural e do Mar e as entidades colaboradoras formalizarán convenios de colaboración en que se regularán as condicións e as obrigas asumidas por estas na xestión das axudas, de acordo co disposto no artigo 13 da Lei 9/2007.

5. A ADF asinante do convenio terá a obriga de auxiliar os seus membros na tramitación das solicitudes de axudas e será a ADF a que distribúa entre os beneficiarios os fondos outorgados.

6. A ADF que asine o convenio deberá auxiliar tamén os agricultores na xustificación das actuacións técnicas levadas a cabo nas explotacións, descritas no artigo 7 desta orde.

7. Exímense as entidades colaboradoras de constituír as garantías previstas no artigo 72.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

8. As entidades colaboradoras como ADF que agrupan os beneficiarios destas axudas terán as seguintes obrigas técnicas:

a) Remitir, semanalmente, aos servizos territoriais de explotacións agrarias un informe co estado fenolóxico e a evolución fitosanitaria dos cultivos, detallando o traballo de campo realizado con indicación das parcelas, así como as actividades formativas levadas a cabo, se é o caso.

b) Antes do 30 de outubro do ano da convocatoria, deberá achegar unha memoria onde se recollan todas as actuacións do técnico da ADF na explotación do solicitante da axuda.

Artigo 6. Clase e contía das axudas

1. Axudas destinadas a sufragar os custos dos servizos recibidos polo beneficiario prestados polo persoal técnico contratado polas ADF para a realización das tarefas de seguimento, detección e diagnóstico de pragas, recomendacións de tratamentos, seguimento da súa evolución, auxilio na formalización do caderno de explotación e outras actuacións técnicas durante o período de produción do seu cultivo e ata o 15 de outubro do ano da convocatoria.

A axuda será do 70 % do custo do servizo, cun máximo de 700 euros por agricultor, cando a ADF teña ata 25 membros, e diminuirá proporcionalmente cando o número de socios pertencentes á mesma entidade sexa superior a este número.

2. Axudas para adquisición polo beneficiario do material de técnicas de control que poidan supoñer unha innovación e mellora nas técnicas de control de organismos nocivos que ataquen os cultivos do programa de 50 euros por agricultor.

Esta axuda só será concedida unha vez que sexan atendidas as solicitudes de axuda do punto primeiro.

3. Aqueles agricultores que pertenzan a unha ADF cuxos membros recibisen subvención, na dita ADF, nas anteriores convocatorias das correspondentes ordes deste tipo de axudas verán reducida a súa subvención nun 5 % por ano percibido de axuda do importe establecido segundo o número 1 deste artigo.

4. En todo caso, será de aplicación o artigo 3 do Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352/9, do 24 de decembro), no cal se indica que o importe total das axudas de minimis concedidas por Estado membro polo dito réxime, a unha única empresa activa na produción primaria de produtos agrícolas, non excederá os 15.000 euros durante calquera periodo de tres exercicios fiscais.

Artigo 7. Solicitudes

1. Poderán presentarse as solicitudes a través dunha entidade colaboradora ou directamente polo propio membro de agrupación de defensa fitosanitaria que non asine o convenio.

2. As solicitudes formularanse, en cada caso, conforme os modelos que se xuntan nos anexos I (procedemento MR445B) e II (procedemento MR445C) desta orde e irán acompañadas da documentación complementaria que se establece nas epígrafes correspondentes desta orde e nos propios anexos.

3. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es , de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación de ambos os dous procedementos, MR445B e MR445C, require a incorporación de datos ou documentos coa finalidade de acreditar a identidade da persoa solicitante, no caso do anexo I, ou da persoa que represente a entidade colaboradora, no caso do anexo II. Polo tanto, os modelos de solicitude normalizados que se xuntan inclúen unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos achegados no procedemento administrativo. No caso de que a persoa interesada non autorice o órgano xestor para realizar esta operación, estará obrigada a achegalos nos termos exixidos polas normas reguladoras reflectidas nesta orde.

2. A presentación das solicitudes por medio do anexo I (procedemento MR445B) e do anexo II (procedemento MR445C) que xuntan as persoas interesadas comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, o/a solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, e deberá presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

3. Aos dous modelos de solicitudes, anexo I (procedemento MR445B) e anexo II (procedemento MR445C), xuntarán os documentos e as informacións que se establecen nas epígrafes correspondentes desta orde e nos propios anexos, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da Administración actuante. Neste caso a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural e do Mar publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas ou entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web, así como tamén se procederá á súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Ademais, de acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galiza, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

Artigo 9. Documentación complementaria

1. Sen prexuízo da achega de calquera outro documento e información que a persoa solicitante do procedemento MR445B interesada, membro dunha ADF, puidese presentar co anexo I para resolver sobre o outorgamento da subvención ou os que puidese solicitar a Administración, deberá xuntar á solicitude de subvención a documentación, orixinal ou compulsada, que se indica:

a) Copia do DNI do solicitante (no caso de non autorizar a consulta dos datos de indetidade), se o solicitante fose unha persoa física, ou do NIF (no caso de non autorizar a súa verificación a través do servizo de interoperabilidade), se se trata dunha persoa xurídica.

b) Documento xustificativo do correspondente código de explotación agraria (CEA) e/ou código de explotación vitícola (CODEV), só no caso de explotación agraria con esta actividade.

c) Estatutos e documentación de constitución da ADF a que pertence e regulamento de réxime interno (só no caso de que a ADF non asinase o convenio a que se refire o artigo 5 desta orde coa Consellería do Medio Rural e do Mar).

d) Xustificación de ter revisada ou solicitada a revisión da súa maquinaria de tratamentos, no marco do programa de revisión e control de maquinaria de tratamentos de produtos fitosanitarios.

e) Factura pro forma do gasto previsto, tanto no orzamento do servizo que lle vai prestar a ADF como no gasto en material previsto para a execución das actuacións de técnicas de control.

f) Programa de actuación que se executará na súa explotación como membro da ADF, só no caso de que a ADF non asinase o convenio a que se refire o artigo 5 desta orde coa Consellería do Medio Rural e do Mar, co protocolo de actuación para o control fitosanitario previsto para cada cultivo ou grupo de cultivos asociados, incluíndo a relación de parcelas, cultivos, data de inicio e remate do programa, cronograma de visitas e outras accións de asesoramento, así como a documentación xustificativa de cumprir os requisitos a que se refiren os puntos 1.b) e c) do dito artigo.

2. Para o recoñecemento como entidade colaboradora para a xestión das axudas para agricultores membros de agrupacións de defensa fitosanitaria, procedemento administrativo MR445C, e para a sinatura do convenio a que se refire o artigo 5 desta orde, a ADF deberá achegar, xunto co anexo II, á Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, como mínimo, a seguinte documentación:

a) Copia do seu NIF (no caso de non autorizar a súa verificación a través do servizo de interoperabilidade).

b) Copia do DNI da persoa que a representa (no caso non autorizar a consulta dos seus datos de identidade).

c) Documento de constitución da ADF e a súa inscrición no rexistro correspondente.

d) Copia do regulamento de réxime interno e unha memoria técnica con clara especificación do programa de actuación que se pretenda desenvolver, cos seus obxectivos, orzamento pormenorizado, prazo de execución (indicando as datas de comezo e fin do programa), relación dos/as agricultores/as, posibles beneficiarios/as das axudas e un resumo da superficie de cada un dos cultivos a que se vaia dar o servizo, así como a documentación xustificativa de cumprir os requisitos a que se refiren os puntos 1.b) e c) do artigo 5.

3. Presentación da documentación complementaria

a) A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

b) Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Artigo 10. Tramitación e resolución

1. O órgano de instrución de ambos os dous procedementos, MR445B e MR445C, será a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria.

2. A conselleira do Medio Rural e do Mar resolverá sobre as solicitudes presentadas no prazo de cinco meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde, por proposta do órgano instrutor do procedemento, logo da avaliación das solicitudes por un órgano colexiado, presidido polo subdirector xeral de Apoio ás Explotacións Agrarias, con competencias na materia e integrado por tres funcionarios desa mesma subdirección xeral con categoría non inferior a xefe de negociado, un dos cales actuará como secretario.

3. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase e notificase a correspondente resolución, o interesado poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

4. Resolveranse favorablemente todas as solicitudes de axuda (procedemento MR445B) que cumpran os requisitos establecidos no artigo 4 e no artigo 6 desta orde, así como as solicitudes de recoñecemento de entidade colaboradora (procedemento MR445C) que cumpran os requisitos establecidos no artigo 5.

5. No caso de que se supere o crédito destinado a estas axudas, o órgano competente procederá ao rateo da axuda entre os beneficiarios da subvención, segundo se establece no artigo 19.3 da Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia.

6. Despois da notificación das axudas aos beneficiarios, estes disporán dun prazo de dez días para a aceptación da axuda, e entenderase que, en caso de non facerse comunicación ningunha por parte do beneficiario, se considerará tacitamente aceptada.

7. Tanto na resolución como na notificación farase constar expresamente a suxeición destas axudas ao Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352/9, do 24 de decembro), segundo o establecido no seu artigo 6, e coa referencia da súa publicación no Diario Oficial de la Unión Europea.

Artigo 11. Anticipos

1. Excepcionalmente, poderá aboarse un anticipo de ata o 50 % da subvención concedida, que deberá ser solicitado expresamente polo beneficiario marcando o recadro correspondente no anexo I.

2. A concesión dos anticipos estará condicionada, en todo caso, ás condicións especificadas no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Se é o caso, o réxime de garantías será o especificado nos artigos 65 e seguintes do citado decreto.

Artigo 12. Xustificación das axudas

1. A data límite para a execución das actuacións previstas será o 15 de outubro do ano da convocatoria.

2. Unha vez realizados os investimentos e a execución das actuacións previstas, os interesados deberán comunicar a finalización do programa no que respecta á súa explotación, por escrito por calquera dos medios previstos pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, como moi tarde o 30 de outubro do ano da convocatoria.

3. Coa dita comunicación xuntaranse os xustificantes do investido, tales como facturas pagadas, así como un informe final das actuacións técnicas da ADF na explotación do solicitante.

4. A xustificación do gasto realizado deberá facerse achegando as correspondentes facturas. Para xustificar o pagamento, no caso de que os investimentos non superen os 1.000 €, segundo o artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, bastará con achegar a factura co xustificante de recepción por parte do provedor, selo e/ou sinatura e NIF de quen asina o xustificante de recepción. No caso contrario deberán achegarse as correspondentes transferencias bancarias que xustifiquen o pagamento efectuado.

5. Unha vez comprobada a execución das actuacións, os técnicos dos servizos territoriais de explotacións agrarias realizarán as correspondentes certificacións previas ao pagamento das axudas.

6. No caso de terse asinado o convenio de colaboración a que se refire o artigo 5 desta orde e nun prazo non superior a 4 meses desde a presentación da xustificación das actuacións, a entidade colaboradora será a destinataria, nunha conta habilitada para tal efecto, dos importes das axudas dos agricultores membros da ADF beneficiarios destas. Logo de ter feito a distribución de fondos entre os agricultores, a entidade colaboradora procederá a acreditar estes pagamentos coas correspondentes copias das transferencias bancarias ou documentos en que se faga constar o xustificante de recepción por parte dos agricultores, dos fondos liberados ao seu nome, que farán chegar, no prazo dun mes desde a recepción dos fondos, á Consellería do Medio Rural e do Mar, preferentemente nas súas delegacións provinciais.

7. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado esta perante o órgano instrutor do procedemento, será de aplicación o establecido nos números 2, 3, 4 e 5 do artigo 45 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións.

Artigo 13. Compromisos

1. Os/as agricultores beneficiarios/as destas axudas deberán permanecer na ADF ata a finalización da actuacións previstas no programa e como mínimo ata o 30 de outubro do ano da convocatoria.

2. Os/as agricultores beneficiarios/as deberán conservar durante cinco anos toda a documentación técnica e económica xustificativa das axudas.

3. Os/as agricultores beneficiarios/as deberán colaborar cos técnicos dos servizos territoriais de explotacións agrarias da Consellería do Medio Rural e do Mar desde a data de inicio do programa, e poñerán á súa disposición o caderno de campo da súa explotación, que deberán ter ao día tal como establece a Orde APA/326/2007, do 9 de febreiro (BOE do 19 de febreiro), así como no seguimento da evolución e incidencia das pragas e na execución dos programas oficiais de sanidade vexetal.

Artigo 14. Concorrencia e acumulación de axudas

1. As axudas reguladas na presente orde serán incompatibles con calquera outra das outorgadas polas distintas administracións públicas referidas aos mesmos investimentos.

2. Ademais do previsto nesta orde respecto da declaración que se vai presentar coa solicitude de axuda, os/as beneficiarios/as presentarán coa xustificación da execución total do proxecto e, en todo caso, antes do pagamento final da axuda, unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 15. Obriga de facilitar información

Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lles poidan exixir os órganos competentes da Consellería do Medio Rural e do Mar, os/as beneficiarios/as das axudas teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lles sexa solicitada por calquera órgano de inspección ou control da Unión Europea.

Artigo 16. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas previstas nesta orde, así como as incidencias detectadas nos labores de seguimento efectuados polos responsables da xestión das axudas e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución de concesión, por instancia do beneficiario, sempre que se cumpran as condicións previstas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita lei.

Artigo 17. Reintegro das axudas

Procederá o reintegro total ou parcial do importe da axuda, así como os xuros de demora devindicados desde o pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Recursos administrativos

As resolucións expresas ou presuntas dos expedientes tramitados en aplicación desta orde ou da respectiva orde de convocatoria esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

1. Potestativamente, recurso de reposición ante a conselleira do Medio Rural e do Mar, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

2. Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación, se é expresa.

Artigo 19. Infraccións e sancións

Seralles de aplicación aos/ás beneficiarios/as das axudas reguladas nesta orde o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita lei.

Artigo 20. Normativa

Nestas axudas será de aplicación a seguinte lexislación:

1. O Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352/9, do 24 de decembro).

2. No non previsto nesta orde observarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita lei.

Artigo 21. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo:

Consellería do Medio Rural e do Mar/Secretaría Xeral Técnica.

Edificio Administrativo San Caetano.

San Caetano s/n.

15781 Santiago de Compostela (A Coruña).

Ou a través dun correo electrónico a secretariaxeraltecnica.cmrm@xunta.es

Sección 2ª. Convocatoria para o ano 2015

Artigo 22. Obxecto

Esta sección ten por obxecto a convocatoria para o ano 2015 das axudas para os/as agricultores/as membros das agrupacións que desenvolvan programas de defensa fitosanitaria, segundo as bases reguladoras establecidas na sección primeira desta orde.

Artigo 23. Presentación de solicitudes

Tanto as solicitudes de axuda (anexo I) como as solicitudes de recoñecemento como entidade colaboradora (anexo II) para a convocatoria do ano 2015 presentaranse no prazo dun mes contados desde o día seguinte á publicación desta orde.

Artigo 24. Financiamento para o ano 2015

As axudas reguladas na presente orde estarán financiadas no exercicio 2015 cun orzamento de 213.261,10 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 2015 12 22 713E 7701 (proxecto económico 2009 01301) da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015, sen prexuízo de poder utilizar outras contías dispoñibles de acordo co establecido no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Facultade da directora xeral de Produción Agropecuaria

Facúltase a directora xeral de Produción Agropecuaria para ditar as instrucións precisas para a execución do disposto nesta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde producirá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2015

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file