Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Luns, 1 de xuño de 2015 Páx. 21352

III. Outras disposicións

Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 21 de maio de 2015 pola que se aproba o modelo de comunicación para a inscrición dos certificados de eficiencia enerxética dos edificios existentes no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios de Galicia.

No Boletín Oficial del Estado do 13 de abril de 2013 publicouse o Real decreto 235/2013, do 15 de abril, polo que se aproba o procedemento básico para a certificación de eficiencia enerxética dos edificios. O real decreto establece, na súa disposición transitoria terceira, que o órgano competente de cada comunidade autónoma en materia de certificación enerxética habilitará o rexistro de certificacións no seu ámbito territorial, co fin de dar cumprimento ás exixencias de información que establece a Directiva 2010/31/UE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 19 de maio de 2010.

Pola súa banda, a Xunta de Galicia, mediante o Decreto 42/2009, do 21 de xaneiro, polo que se regula a certificación enerxética de edificios de nova construción na Comunidade Autónoma de Galicia, creou no seu artigo 17 o Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios da Comunidade Autónoma de Galicia e adscribiuno á dirección xeral competente en materia de enerxía.

A Resolución do 20 de maio de 2013 aproba o modelo de solicitude para a inscrición dos certificados de eficiencia enerxética dos edificios existentes no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios de Galicia.

O 21 de xaneiro de 2014, o Instituto Enerxético de Galicia asume as competencias en materia de certificación enerxética con base na Resolución do 9 de xaneiro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se delegan competencias no Instituto Enerxético de Galicia.

Dado o gran volume de expedientes que se xeraron coa entrada en vigor do Real decreto 235/2013 e co fin de axilizar os trámites e beneficiar o administrado, este organismo cre necesario aprobar un novo modelo de comunicación mediante o cal os propietarios presenten o certificado de eficiencia enerxética dos edificios existentes ante o órgano competente na materia e que substitúa o modelo de solicitude de inscrición vixente ata agora.

Respecto do procedemento de comunicación, de conformidade coa Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e co Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, cando as persoas interesadas se correspondan con persoas xurídicas ou colectivos de persoas físicas que, por razón da súa capacidade económica ou técnica, dedicación profesional ou outros motivos acreditados teñan garantido o acceso e a dispoñibilidade dos medios tecnolóxicos precisos, poderase establecer na norma reguladora a obrigatoriedade de comunicarse coa Xunta de Galicia utilizando só medios electrónicos. Neste caso, a resolución prevé a posibilidade de que os técnicos que emitan os certificados poidan comunicalos en representación do/da propietario/a do edificio de acordo co previsto no artigo 32 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, polo que se garante en todo caso a capacidade.

Así, a comunicación dos certificados farase de xeito electrónico, a través dunha nova aplicación que permitirá tamén a xeración automática do impreso de aboamento da taxa vixente e incluso a opción do seu pagamento telemático. Unha vez presentada telematicamente a comunicación do certificado de eficiencia enerxética e realizado o pagamento da taxa correspondente, o usuario poderá obter automaticamente a súa etiqueta enerxética xa rexistrada, o cal facilitará e axilizará o procedemento.

Sobre a base do anterior e en uso das competencias atribuídas a este organismo en virtude do establecido na Resolución do 9 de xaneiro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se delegan competencias no Instituto Enerxético de Galicia,

RESOLVO:

Modificar o procedemento para a inscrición dos certificados de eficiencia enerxética dos edificios existentes no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios de Galicia.

O/a propietario/a de todo edificio existente incluído no ámbito de aplicación do Real decreto 235/2013, do 15 de abril, polo que se aproba o procedemento básico para a certificación de eficiencia enerxética dos edificios, deberá comunicarlle ao Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios de Galicia o certificado de eficiencia enerxética segundo o disposto no dito real decreto.

Os técnicos que emitan os certificados poderán comunicar os certificados de eficiencia enerxética en representación do/da propietario/a do edificio de acordo co previsto no artigo 32 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, polo que se garante en todo caso a capacidade.

A presentación das comunicacións dos certificados de eficiencia enerxética dos edificios existentes para proceder ao seu rexistro realizarase unicamente por vía electrónica a través do formulario electrónico normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A publicación do formulario normalizado de comunicación no DOG faise unicamente para efectos informativos.

Para o acceso á aplicación que permite cubrir electronicamente as comunicacións será necesario darse de alta cun usuario e cun contrasinal determinado por este. No momento da presentación requirirase o documento nacional de identidade (DNI) electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, da persoa comunicante ou de calquera outra persoa que actúe na súa representación para a realización deste trámite.

Xunto co modelo de comunicación que se aproba no anexo da presente resolución achegarase obrigatoriamente a seguinte documentación:

• Certificado de eficiencia enerxética asinado polo técnico competente segundo o documento recoñecido para a certificación de eficiencia enerxética do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo e adscrito á Secretaría de Estado da Enerxía.

• Arquivos de cálculo do programa escollido para a obtención da cualificación enerxética do edificio. O procedemento utilizado para a cualificación enerxética dun edificio debe ser documento recoñecido e estar inscrito no Rexistro Xeral de Documentos Recoñecidos para a Certificación Enerxética adscrito á Secretaría de Estado de Enerxía.

• Planos de superficie do edificio, unicamente no caso de que fosen cargados nos programas para o cálculo da cualificación.

Esta documentación presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa comunicante ou representante. O Inega poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Tras a presentación electrónica da documentación requirida, a persoa comunicante deberá aboar a taxa 31.50.00 «Inscricións no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios da Comunidade Autónoma de Galicia», correspondente en función do tipo de edificio que se estea rexistrando. A propia aplicación informática permitirá o pagamento telemático ou, no caso de querer aboar o pagamento de xeito presencial, facilitará o modelo de impreso de taxa cuberto. Cando a aplicación confirme que o pagamento está realizado, rexistrará automaticamente o certificado de eficiencia enerxética e porá á disposición da persoa comunicante a etiqueta de eficiencia enerxética co número de rexistro outorgado polo Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios de Galicia.

En ningún caso o feito de que un certificado de eficiencia enerxética se rexistre suporá a aprobación ou pronunciamento favorable da Administración sobre a idoneidade técnica deste, segundo a normativa vixente. Do mesmo xeito, o rexistro dos certificados de eficiencia enerxética non suporá a acreditación do cumprimento de ningún outro requisito exixible ao edificio.

A propia aplicación habilitada para o rexistro permitirá o seguimento do expediente, a modificación dos seus datos e realizar xestións e consultas.

As etiquetas de eficiencia enerxética dos certificados de eficiencia enerxética de edificios existentes que queden inscritos no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Galicia poderán ser consultadas na páxina web do Inega, no enlace habilitado para a consulta pública do rexistro.

Co obxectivo de manter adaptado á normativa vixente o formulario de comunicación de datos relativos ao rexistro de certificados de eficiencia enerxética, este poderá ser actualizado na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen necesidade de publicalo novamente no Diario Oficial de Galicia (DOG), sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial deste. Por conseguinte, para a presentación das comunicacións será necesario utilizar os formularios normalizados, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente actualizados e accesibles para as persoas interesadas.

Ademais, a sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das comunicacións, serán incluídos nun ficheiro denominado Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Xerencia do Inega. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Xerencia, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: rúa Avelino Pousa Antenlo, nº 5, Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a: inega.info@xunta.es .

Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2015

Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia

missing image file
missing image file