Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Martes, 2 de xuño de 2015 Páx. 21500

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 11 de maio de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen fins de lucro de ámbito superior ao municipal ou federacións para a revitalización do comercio de proximidade e a incentivación do consumo a través do tícket de dinamización comercial, e se procede á súa convocatoria (código IN220A).

O comercio tradicional na actualidade está sometido a un profundo proceso de cambio que exixe realizar un esforzo de renovación e adaptación continuo, co obxecto de que se volva situar na posición histórica que tradicionalmente veu desempeñando no desenvolvemento económico e social das nosas vilas e cidades. Por isto, coa finalidade de acadar unha maior competitividade do comercio galego, así como a súa dinamización, recóllese un conxunto de obxectivos entre os cales cabe subliñar a incentivación da demanda comercial e a mellora da loxística do comercio, así como a consecución dunha imaxe máis competitiva e dinámica do comercio galego polo miúdo.

Por tanto, esta orde diríxese ás asociacións de comerciantes de ámbito superior ao municipal ou federacións, sen fins de lucro, que desenvolvan actuacións para a revitalización do comercio de proximidade e incentivación da demanda comercial, a través de fórmulas conxuntas e integrais que superen a capacidade de actuación das asociacións de comerciantes de ámbito municipal.

En virtude do exposto, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas cales se rexerá a concesión das subvencións da Consellería de Economía e Industria destinadas ás asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro, de ámbito superior ao municipal ou federacións, para a revitalización do comercio de proximidade e a incentivación do consumo a través do tícket de dinamización comercial.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2015.

Artigo 2. Solicitudes

Para poder ser beneficiario da subvención deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 4 das bases reguladoras.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado de solicitude dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. O prazo de presentación de solicitudes será de un mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase que o prazo vence o día cuxo ordinal coincida co que serviu de partida, que é o de publicación no DOG e, se é festivo, o primeiro día hábil seguinte.

Artigo 4. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a cinco meses.

Artigo 5. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN220A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Comercio a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería (http://economiaeindustria.xunta.es ).

b) O teléfono da devandita dirección xeral: 981 54 55 57.

c) O enderezo electrónico cei.dxc.axudas@xunta.es

d) Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (desde o resto do Estado 902 12 00 12).

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A Consellería de Economía e Industria velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para eses efectos procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, adoptando tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.

A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros; non entanto, a Consellería de Economía e Industria revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso.

Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: Consellería de Economía e Industria; Dirección Xeral de Comercio; Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 5-3ª planta; 15781 Santiago de Compostela.

Disposición adicional única

Naqueles supostos en que se acredite fidedignamente a imposibilidade, non imputable ao solicitante da subvención, de obter o informe da mesa local de comercio, será suficiente, para os efectos establecidos no artigo 4.2 letra j), coa presentación da solicitude do dito informe.

Disposición derradeira primeira. Habiltación para o desenvolvemento

Facúltase a directora xeral de Comercio para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2015

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía e Industria

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes, de ámbito superior ao municipal ou federacións, sen fins de lucro, para a revitalización do comercio de proximidade e a incentivación do consumo a través do tícket de dinamización comercial mediante fórmulas conxuntas e integrais que superen a capacidade de actuación das asociacións de comerciantes de ámbito municipal (IN220A)

Artigo 1. Obxecto e réxime da subvención

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a incentivación da demanda comercial e o incremento das vendas do comercio retallista a través do tícket de dinamización comercial.

Os importes correspondentes a este tícket son os que se especifican no número 2 do artigo 2.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, e quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos (200.000 euros nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24 de decembro de 2013, L352/1).

3. Considéranse actuacións subvencionables as relacionadas aseguir, sempre que estas sexan realizadas e efectivamente pagadas entre o 1 de xaneiro de 2015 e o 15 de outubro de 2015.

Non obstante, en función da súa especial natureza, tamén se considerarán actuacións subvencionables, aquelas actuacións que se inicien no mes de decembro do ano 2014 e teñan continuidade ininterrumpida no exercicio de 2015, concretamente as actuacións derivadas da campaña de nadal 2014/15.

Actuacións subvencionables.

A incentivación da demanda comercial e do consumo que facilite o desenvolvemento e a mellora da actividade comercial levada a cabo polas asociacións de comerciantes de ámbito superior ao municipal ou federacións, a través de campañas de dinamización ou actuacións encamiñadas á promoción das vendas, que deberán presentarse dentro dun proxecto de incentivación ao consumo en que se mostre a participación directa das asociacións de comerciantes integrantes na entidade beneficiaria ou dos establecementos comerciais asociados, de ser o caso.

Non se consideran actuacións subvencionables aquelas que desenvolvan as federacións en ámbitos territoriais onde exista un centro comercial aberto que fose subvencionado no ano anterior pola Dirección Xeral de Comercio.

No suposto de que nas actuacións encadradas neste punto se inclúan bolsas como material promocional, o importe máximo da subvención por este concepto será do 15 % do importe total da subvención concedida.

4. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionable.

Así mesmo, de acordo co disposto no número 7 do devandito artigo, os gastos financeiros, os de asesoría xurídica ou financeira, os gastos notariais e rexistrais, periciais e os gastos de garantía bancaria poderán ser subvencionables se están directamente relacionados coa actividade subvencionada e son indispensables para a adecuada preparación ou execución desta.

Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados entre o 1 de xaneiro de 2015 e o 15 de outubro de 2015, coa excepción dos gastos efectuados no ano 2014, de acordo co establecido no número 3.

En ningún caso o custo da adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

5. Segundo o artigo 29.8 da Lei 9/2007, en ningún caso se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

Así mesmo, non serán subvencionables:

– Os custos de persoal.

– Os agasallos promocionais nin a realización de cócteles e actos análogos.

– As campañas de dinamización, promoción ou calquera outra actuación que teñan exclusivamente por finalidade o patrocinio, a colaboración ou axuda económica que comporten actividades lúdicas, turísticas, de exaltación gastronómica ou similares, sen relación co fomento da actividade comercial.

– As bolsas que non sexan biodegradables e/ou reutilizables.

– As actuacións promovidas polos centros comerciais abertos ou polas asociacións de praceiros das prazas de abastos.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

1. As subvencións que se establezan para as actuacións obxecto desta orde serán con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.751A.781.1 (Asociacionismo comercial e integracións estratéxicas) cun importe máximo de 800.000 euros, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios do artigo 10.

2. Investimentos máximos subvencionables e contía da subvención:

O investimento máximo subvencionable establecido para as actuacións contidas nesta orde é de:

– 70.000 euros para as federacións que conten con 20 ou máis asociacións federadas.

– 48.000 euros para as federacións que conten con menos de 20 asociacións federadas.

– 13.000 euros para as asociacións de ámbito superior ao municipal.

No caso das federacións, non se terá en conta no cómputo, para os efectos de determinar o investimento máximo subvencionable, aos asociados que o ano anterior percibisen da Dirección Xeral de Comercio algunha subvención destinada á dinamización dos centros comerciais abertos.

No suposto de que o número de comercios integrados nas federacións ou nas asociacións de ámbito superior ao municipal sexa inferior a 100, o importe da subvención que se lle conceda ao beneficiario minoraranse nun 50 %. Para os efectos deste cómputo teranse en conta os salóns de peiteados.

Así mesmo, so se terán en conta para determinar o investimento máximo subvencionable correspondente a cada federación ou asociación de ámbito superior ao municipal, aquelas asociacións federadas ou comercios que acrediten a súa condición de federados ou asociados mediante a xustificación documental do aboamento de ao menos o 70 % das cotas correspondentes ao ano 2014.

O tícket de dinamización comercial correspondente as asociacións e federacións que teñan a condición de beneficiarios será o 70 % do investimento subvencionable.

3. O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderán ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras axudas das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade subvencionada.

4. A axuda de minimis non se acumulará con ningunha axuda estatal correspondente aos mesmos gastos subvencionables se a acumulación dá lugar a unha intensidade de axuda superior á establecida para as circunstancias concretas de cada caso nun regulamento de exención por categorías ou nunha decisión adoptada pola Comisión Europea.

Artigo 3. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as asociacións de comerciantes sen fins de lucro que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia e supere o municipal.

Para os efectos desta orde, entenderase que as referidas asociacións teñen un ámbito de actuación superior ao municipal cando ao menos o cincuenta por cento dos comercios polo miúdo asociados se atopen en dous ou mais concellos diferentes a aquel onde radique a sede da asociación.

Tamén poderán ser beneficiarias das subvencións as federacións de asociacións de comerciantes legalmente constituídas que pretendan levar a cabo proxectos de interese e transcendencia no ámbito comercial.

Artigo 4. Solicitudes

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión da subvención presentaranse na forma e no prazo que se indica na convocatoria.

2. Xunto coa solicitude, deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Acta e estatutos de constitución e modificacións posteriores, se é o caso, e acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente, así como o NIF.

b) Poder suficiente de quen represente a entidade solicitante, acompañado do seu documento nacional de identidade.

Alternativamente, de acordo co disposto no artigo 2.2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, a persoa representante poderá dar o seu consentimento para que o órgano instrutor comprobe os seus datos de carácter persoal, unha vez que estea dispoñible o mecanismo, por medio de conexión telemática co servizo horizontal de acceso ao sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e de Administracións Públicas. No caso de non prestar o seu consentimento, deberá presentarse o documento mencionado ao final do primeiro parágrafo.

c) No caso de estar exento do imposto sobre o valor engadido (IVE), documentación acreditativa da mencionada exención.

d) Memoria de cada unha das actividades para as cales se solicita subvención, que incluirá, polo menos, a súa descrición, obxectivos, localización e calendario de realización, así como o número e características dos participantes e beneficiarios.

e) Copia da acta da sesión en que as entidades participantes sexan informadas do proxecto para o cal se solicita a subvención.

f) Orzamento detallado de gastos previstos para a realización de cada unha das actividades para as cales se solicita subvención, e factura ou, na súa falta, factura pro forma da actividade ou adquisición que se vaia subvencionar emitida por quen vaia subministrar o ben ou prestar o servizo, así como plan de financiamento do proxecto.

Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo, do 14 de novembro, para o contrato menor (50.000 euros no suposto de execución de obra ou 18.000 euros nos demais supostos) o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características nos exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberá achegarse na xustificación, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. Considerando o anterior, deberá achegarse a documentación disposta nos parágrafos seguintes:

f.1. Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas detalladas dos investimentos sobre os cales se solicita a axuda, obtidos dos provedores seleccionados polo solicitante, con independencia da contía dos investimentos.

f.2. Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas que non foron seleccionadas polo solicitante para a realización do proxecto.

f.3. Memoria económica xustificativa da elección dos provedores, nos seguintes casos:

f.3.1. Cando a elección do provedor non recaia na oferta económica máis vantaxosa, das tres que, como mínimo, obtivo o solicitante.

f.3.2. Cando polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

Non existe a obriga de presentar esta memoria xustificativa cando a elección do provedor recaia na oferta económica máis vantaxosa das tres que, como mínimo, obtivo o solicitante.

As ofertas presentadas e os provedores elixidos supoñen unha documentación vinculante para o desenvolvemento do proxecto no caso de ser entidade beneficiaria da axuda. Non se considerarán subvencionables, parcial ou totalmente, aqueles investimentos dos cales non se presente documentación económica completa conforme o disposto.

g) Orzamento do exercicio corrente, sen incluír as partidas para as cales se solicita a subvención.

h) Certificado expedido pola persoa que exerza a secretaría ou representación da entidade que acredite:

– Número de asociacións que a integran e o número de comercios polo miúdo asociados a cada unha delas, no caso das federacións.

– Número de comercios polo miúdo que teñan asociados, no caso das asociacións de ámbito superior ao municipal.

En ambos os casos achegarase relación detallada e actualizada, en soporte informático, con inclusión do nome da persoa titular e do establecemento, así como as epígrafes do IAE en que figura dada de alta, enderezo postal e telefónico, concretando, se é o caso, as entidades participantes no proxecto e actuacións que se van desenvolver.

i) Transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento das cotas aboadas polas asociacións federadas ou comercios no ano 2014 en que queden claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento.

j) Informe da mesa local de comercio correspondente, sobre o proxecto de dinamización comercial obxecto de solicitude de concesión de subvención, de conformidade co disposto no artigo 3.b) do Decreto 183/2011, do 15 de setembro, polo que se regulan as mesas locais de comercio.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Artigo 5. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Por tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estiveren en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se for o caso, emitidos, e cando non tiveran transcorrido máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á entidade solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento e neste caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados no artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 6. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía e Industria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 5, 4º andar, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.es .

Artigo 7. Órganos competentes

A Dirección Xeral de Comercio será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e corresponde á persoa titular da consellería de Economía e Industria ditar a resolución de concesión, sen prexuízo da delegación desta competencia.

Artigo 8. Instrución dos procedementos

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase a entidade interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistida na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 5.2 resulta que a entidade solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, ou no suposto de que sexa necesario achegar calquera outra documentación, logo de aplicarse o disposto no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59.6.b) e 60 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, os requirimentos citados de emenda ou corrección poderanse facer mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará no taboleiro electrónico de anuncios da páxina web da Consellería de Economía e Industria, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG, e poderase facer indicación de que os seguintes actos administrativos deste procedemento serán notificados a través do citado taboleiro. Se a instrución do procedemento o aconsellar, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web pola notificación individualizada, de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderá requirirse a entidade solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 9. Comisión de valoración

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos interesados.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

– Presidencia: a subdirectora da Dirección Xeral de Comercio ou persoa que designe.

– Vogais:

a) Unha xefa ou xefe de servizo da Dirección Xeral de Comercio.

b) Unha xefa ou xefe de sección da Dirección Xeral de Comercio.

c) Unha técnica ou técnico da Dirección Xeral de Comercio, que terá as funcións da secretaría.

3. Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán de xeito individualizado as entidades solicitantes propostas para obter a subvención, e especificarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos no artigo seguinte. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible.

4. O resto das actuacións subvencionables quedará en reserva para seren atendidas ben co crédito que quede libre, se se producir algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben coa ampliación dos créditos orzamentarios destinados a esta subvención de acordo co establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencions de Galicia. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

5. A comisión de valoración constituirase na sede do devandito centro directivo. O seu funcionamento rexerase polo disposto na sección 3ª, do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 10. Criterios de valoración

1. Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, comercial e financeiramente viables e os criterios de avaliación, que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión das subvencións, relacionados por orden decrecente de importancia, serán os seguintes:

a) A implicación dos membros das asociacións ou federacións no proxecto, que se baremará do seguinte xeito:

– Se abrangue un número de comercios igual ou superior ao 75 % dos asociados: 8 puntos.

– Se abrangue un número de comercios igual ou superior ao 50 % e inferior ao 75 % dos asociados: 5 puntos.

– Se abrangue un número de comercios inferior ao 50 % dos asociados: 1 punto.

b) O establecemento dunha política ambiental que contribúa á mellora da sustentabilidade, como o emprego de materiais ecolóxicos e reciclables en envases, embalaxes e bolsas, así como a adopción doutras medidas de redución de impacto ambiental, conforme o seguinte baremo:

– Adopción de máis de catro medidas de carácter ambiental: 8 puntos.

– Adopción de entre catro e dúas medidas de carácter ambiental: 4 puntos.

– Adopción dunha medida de carácter ambiental: 1 punto.

c) As actuacións que supoñan unha maior novidade e que non fosen realizadas con anterioridade relacionadas con plans de dinamización comercial: 6 puntos.

d) Porcentaxe de comercios que teñan implantada a norma UNE 175001-1 de calidade de servizos para o pequeno comercio, segundo o seguinte baremo:

– Se a porcentaxe de comercios que a teñen implantada é igual ou superior ao 50 %: 4 puntos.

– Se a porcentaxe de comercios que a teñen implantada é inferior ao 50 %: 1 punto.

e) A concorrencia doutras administracións ou institucións públicas ou privadas no desenvolvemento e financiamento do proxecto nunha porcentaxe igual ou superior ao 15 %: 3 puntos.

g) A realización de campañas ou actuacións que impliquen beneficios ás familias numerosas: 1 punto.

2. Para aqueles proxectos ou actuacións que obteñan a mesma puntuación utilizarase como criterio de desempate o compromiso de utilización da lingua galega en todas as relacións que o interesado manteña coa Administración autonómica, de acordo co establecido no artigo 6.3 da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, así como de uso e posterior utilización da lingua galega nas accións subvencionables. Este compromiso acreditarase mediante a declaración que se recolle no punto 7 da solicitude (anexo II).

Artigo 11. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto ás entidades interesadas para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polas entidades interesadas.

Artigo 12. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, a comisión de valoración formulará o correspondente informe, que será elevado polo órgano instrutor, xunto á súa proposta de resolución, á persoa titular da consellería.

2. A persoa titular da consellería, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, se é o caso, a causa de denegación.

En ningún caso o importe da subvención concedida poderá superar o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución a entidade interesada será de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrer o prazo máximo para resolver sen se ditar resolución expresa, as entidades interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Nesa notificación comunicarase o importe previsto da axuda, expresado en equivalente bruto de subvención, e o seu carácter de axuda de minimis, en aplicación do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 24.12.2013, L352/1).

Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da indicada lei, no caso das subvencións concedidas poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Economía e Industria. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada. Coa publicación no DOG poderán remitirse as entidades beneficiarias a que consulten información detallada da resolución nun taboleiro da citada web.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación. Non obstante, poderase substituír a dita notificación individual pola publicación no DOG, coa indicación de que as entidades non beneficiarias consulten a información detallada da súa resolución nun taboleiro da citada web.

Artigo 13. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da consellería de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 14. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión da subvención poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario e debe cumprir os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que non concorran requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tiveron lugar con posterioridade a ela.

d) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supoñan a denegación da axuda ou subvención.

3. A entidade beneficiaria deberá solicitar a modificación mediante instancia dirixida ao titular da consellería de Economía e Industria acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados no punto anterior, cun límite de 40 días hábiles antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento subvencionado. Non facelo dará lugar á perda da subvención na parte afectada pola modificación; sen prexuízo de que tamén poderá implicar a perda da totalidade da subvención concedida no caso de variación substancial do proxecto presentado ante a Dirección Xeral de Comercio.

4. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo órgano concedente despois da instrución do correspondente expediente, en que se dará audiencia aos interesados na forma prevista no artigo 11 destas bases.

Artigo 15. Renuncia

A renuncia á subvención, debidamente motivada, poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo IV, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A persoa titular da consellería ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1 da mesma lei.

Artigo 16. Obrigas dos beneficiarios

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicar ao órgano concedente ou á entidade colaboradora a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, especificando aquelas axudas obtidas por minimis, para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo a que fai referencia o artigo 1.2 das presentes bases. Así mesmo, comunicar a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Acreditar con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión que se atopa ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega na forma que se determine regulamentariamente e sen prexuízo do establecido na disposición adicional décimo oitava da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación de fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Adoptar as medidas de difusión contidas na alínea 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no artigo 20 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de desenvolvemento dela. Estas medidas deberán adecuarse ao obxecto subvencionado, tanto na súa forma como na súa duración, e deberán consistir na inclusión da imaxe corporativa institucional básica da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 2 do Decreto 409/2009, do 5 de novembro (DOG núm. 227, do 19 de novembro).

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos contemplados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

j) Manter o investimento subvencionado durante un período mínimo de cinco anos desde a súa concesión.

k) Estar a entidade inscrita no Rexistro Galego de Comercio de conformidade co establecido no artigo 8 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, así como todas as entidades de ámbito municipal ou inferior que participen no proxecto.

Artigo 17. Subcontratación

Permítese a subcontratación pola entidade beneficiaria das actuacións subvencionables, sempre que se axusten ás previsións dispostas no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En ningún caso poderá concertar a entidade beneficiaria a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con persoas ou empresas vinculadas coa entidade solicitante ou con seus órganos directivos e xestores, agás que concorran as circunstancias previstas no artigo 27.7.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 18. Xustificación da subvención

1. Para cobrar a subvención concedida, a entidade beneficiaria deberá presentar a seguinte documentación nos lugares sinalados no artigo 3 da convocatoria, en orixinal ou fotocopia compulsada, tendo de prazo para presentala ata o 15 de outubro de 2015:

a) Memoria explicativa de cada unha das accións realizadas.

No caso establecido no artigo 4.2.e) deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando a selección da oferta non responda á proposta económica máis vantaxosa.

b) Xustificantes dos investimentos: facturas dos provedores e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil e con eficacia administrativa nos termos que se establezan regulamentariamente, en relación cos gastos subvencionables, emitidas dentro do período comprendido entre a data de inicio do proxecto e a data límite de xustificación do proxecto. Xuntarase relación nominativa de facturas agrupadas e ordenadas por actuacións subvencionables, facendo constar para cada documento o seu número de orde, data de expedición, expedidor, concepto, importe en euros e data de pagamento.

A xustificación dos pagamentos acreditarase a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

c) Para aquelas actuacións de divulgación, tales como material promocional e publicidade, débese entregar un exemplar de cada un deles.

d) Certificación, do órgano que teña atribuídas as facultades, da aplicación dos fondos á finalidade para que foron concedidos.

e) Declaración actualizada de conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. Farase mención expresa sobre calquera outra axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso, así como declaración da entidade solicitante de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, segundo o modelo normalizado establecido no anexo III desta orde.

f) Declaración xurada de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, segundo o anexo III desta orde.

g) Certificacións expedidas polos organismos competentes acreditativas de estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma, no caso de que a entidade solicitante denegue expresamente a autorización ao órgano xestor para que solicite de oficio estas certificacións.

h) Información relativa aos indicadores de actuación segundo o anexo V desta orde

2. Transcorrido o prazo indicado sen que a entidade beneficiaria presente a documentación solicitada, aplicarase o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

3. Os órganos competentes da Consellería de Economía e Industria poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. No caso de que non fosen remitidos pola entidade beneficiaria dentro do prazo que se sinale, poderá entenderse que renuncia á axuda.

Artigo 19. Pagamento

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de procederen ao seu pagamento, realizarán as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. O importe das axudas aboarase mediante transferencia bancaria á entidade financeira, ao número de conta para o cal, a entidade beneficiaria realizou na súa solicitude a declaración responsable acerca da veracidade dos datos consignados.

3. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución da concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxecto. En caso de concorrer con outras axudas, aplicarase o establecido no artigo 2.3.

Artigo 20. Incumprimento, reintegros e sancións

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, a Dirección Xeral de Comercio poderá apreciar un incumprimento parcial e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tiver a condición incumprida na resolución de concesión e, se e o caso, establecendo a obriga de reintegro.

Cando se trate de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables e, se é o caso, deberán reintegrarse as cantiades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento superar o 65 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total, e deberán reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

4. As entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no título VI do su regulamento.

Artigo 21. Control

1. A Consellería de Economía e Industria poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento da subvención.

2. Alén do anterior, a subvención estará sometida á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, se for o caso, aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 22. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, a entidade beneficiaria, o crédito orzamentario, a contía e a finalidade da subvención.

Malia o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Economía e Industria.

Artigo 23. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 24.12.2013, L352/1) e no resto de normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file