Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Xoves, 4 de xuño de 2015 Páx. 21787

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 27 de maio de 2015 pola que se convoca un seminario para policías locais sobre Psicoloxía da condución. Un reto mental, emocional, constante.

Dentro das actividades programadas para o ano 2015, a Academia Galega de Seguridade Pública, en colaboración coa Dirección General de Tráfico, anuncia a convocatoria dun seminario para policías locais sobre Psicoloxía da condución. Un reto mental, emocional, constante.

Primeira. Obxectivos

Dotar os policías locais dun maior nivel de coñecemento e formación acerca de por que nos comportamos como o facemos mentres conducimos.

Reflexionar sobre o porqué dunha ou doutra velocidade máxima de circulación, o efecto que teñen as distraccións nunha actividade aparentemente tan mecanizada ou recoñecer o efecto da condución na nosa forma de ser e de comportarnos con outros son obxecto de análise científica neste seminario co fin de concienciarnos e sensibilizarnos acerca da nosa capacidade de actuación e da nosa libre decisión sobre como queremos afrontar o manexo do vehículo.

Segunda. Contido

1. A velocidade. Bases fisiolóxicas e límites.

2. As distraccións. Novas tecnoloxías e condución.

3. Personalidade. Violencia viaria. Empatía viaria.

Terceira. Destinatarios/as

Persoal pertencente aos corpos da policía local e, de forma complementaria, aos membros das forzas e corpos de seguridade do Estado.

A baixa laboral por incapacidade temporal impídelles a participación nas accións formativas convocadas, polo que, de se producir esta situación, os/as interesados/as deberán comunicar tal situación ao Servizo de Formación en Seguridade Pública da Agasp, competente na materia, de forma inmediata. No caso de non facelo, serán penalizados coa non participación nas accións formativas da Agasp durante un ano contado desde o día seguinte a aquel en que se teña coñecemento do feito e, no caso de estar realizando efectivamente un curso, non se emitirá ningún diploma (nin asistencia, nin aproveitamento).

Será revisable a admisión de persoas en baixa laboral por incapacidade temporal cando esta estea producida por accidente de traballo recoñecido como tal e a asistencia ao curso non interfira na súa recuperación.

Cuarta. Desenvolvemento da actividade

Lugar: Academia Galega de Seguridade Pública.

Data: 19 de xuño de 2015.

Horario: das 10.00 ás 13.00 horas.

Prazas ofertadas: 50.

Quinta. Solicitudes

1. O persoal que desexe participar nesta xornada deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (htpp://agasp.xunta.es). Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

2. A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas dará lugar á exclusión automática da xornada, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

3. O prazo de presentación de solicitudes será de dez (10) días naturais desde a publicación desta resolución no DOG.

Sexta. Admisión

A Agasp publicará na súa páxina web a relación das persoas seleccionadas para participar na xornada, cunha antelación mínima de tres días naturais ao da data do seu inicio.

A renuncia non xustificada ou acreditación documental da causa que a produce supoñerá a exclusión da persoa seleccionada nos seguintes 10 cursos convocados polo Servizo de Formación en Seguridade Pública da Agasp e nos cales a persoa figure como posible destinataria, sen contar edicións repetidas, cursos xa realizados e que, polo menos, teñan a mesma carga horaria que o curso polo cal foi penalizada.

Sétima. Asistencia

1. Obrigatoria.

2. O alumnado deberá asistir co uniforme regulamentario.

Oitava. Certificación

Rematado o seminario, expedirase un certificado de asistencia.

A Estrada, 27 de maio de 2015

Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública