Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Venres, 5 de xuño de 2015 Páx. 21918

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 28 de maio de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a concesión de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondentes ao exercicio de 2015.

A Orde TAS/718/2008, do 7 de marzo, desenvolve o Real decreto 395/2007, do 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, en materia de formación de oferta, e establece as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento.

Os artigos 25 a 28 da Orde TAS/718/2008 regulan as bolsas e axudas que poderán percibir as persoas desempregadas que participen nas modalidades de formación previstas na dita orde.

O artigo 7 do Real decreto lei 4/2015, do 22 de marzo, para a reforma urxente do Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, establece que a concesión directa de subvencións se aplicará ás bolsas e axudas de transporte, manutención e aloxamento que se concedan aos desempregados que participen nas accións formativas. A súa concesión derealizarase segundo o procedemento establecido no Real decreto 357/2006, do 24 de marzo, polo que se regula a concesión directa de determinadas subvencións nos ámbitos do emprego e da formación profesional ocupacional, logo de solicitude do alumnado.

O artigo 28.2 establece, pola súa banda, que as administracións competentes establecerán, nos seus respectivos ámbitos, os prazos de solicitude e concesión das bolsas e axudas.

O artigo 7.b) do Real decreto 1917/2008, do 21 de novembro , polo que se aproba o programa de inserción sociolaboral para mulleres vítimas de violencia de xénero, establece que durante o tempo de participación nunha acción formativa a muller terá dereito a percibir unha bolsa por asistencia de 10 euros por día lectivo ata a finalización do curso, que se concederá de acordo co procedemento establecido no Real decreto 395/2007 e normas de desenvolvemento.

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece no seu artigo 5.2. que a concesión de axudas e subvencións se axustará aos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, aos cales se axusta esta disposición.

A Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, regula os requisitos de concesión e xustificación das subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos que teñen carácter básico, polo que son de aplicación á normativa nesta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta orde de convocatoria.

De conformidade co anterior, e consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto aprobar a convocatoria de concesión de bolsas e axudas para as persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas e nos plans formativos dirixidos prioritariamente ás persoas traballadoras ocupadas, no marco da formación de oferta da Dirección Xeral de Emprego e Formación, sempre e cando o prevexan as súas bases de convocatoria reguladoras.

Tamén se inclúen nesta orde de convocatoria as bolsas e axudas derivadas da oferta formativa executada nos centros da Consellería de Traballo e Benestar, así como nos centros da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria respecto das accións formativas incluídas nos acordos de colaboración para a impartición de formación profesional para o emprego nos centros educativos.

Artigo 2. Financiamento

1. A contía total prevista inicialmente para o período de vixencia da presente orde ascende a 4.000.000 de euros, con cargo ao programa 11 03 323 A 480.0, con código de proxecto 2013 00 545, que figuran na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2015.

2. A concesión das bolsas e axudas previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario. De ser o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Emprego e Formación, o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas.

3. Se o orzamento asignado non é suficiente para proceder ao pagamento de todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación. Para estes efectos, terase en conta a data en que a correspondente solicitude se presentase nalgún dos lugares previstos no artigo 6 desta orde ou, no caso de que a solicitude non estea completa, a data na que esta fose emendada. No caso de coincidencia na data de presentación entre dúas ou máis solicitudes presentadas, a orde de prioridade virá determinada pola hora de presentación.

4. Os créditos consignados nesta orde poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de formación profesional para o emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais.

5. Poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Artigo 3. Beneficiarios

1. Poderán obter a condición de beneficiarios das bolsas e axudas obxecto da presente convocatoria as persoas traballadoras desempregadas que participen nas accións formativas recollidas no artigo 1 da presente orde e que reúnan os requisitos exixidos no artigo 4 desta orde.

Para os efectos do anterior, terán a condición de persoas traballadoras desempregadas aquelas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia na data de inicio da acción formativa ou no momento da súa incorporación á acción formativa, se esta é posterior á data de inicio do curso.

Tamén poderán obter a condición de beneficiarias as persoas traballadoras que, sendo ocupadas no momento da súa incorporación á acción formativa, adquiran a condición de desempregados inscritos como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia durante o desenvolvemento da acción formativa. Neste caso, só terán dereito a percibir as axudas que lles podan corresponder desde o primeiro día do mes seguinte a aquel en que adquiran a condición de desempregado.

No suposto de que a persoa traballadora desempregada adquira a condición de ocupada durante a realización do curso, deixará de percibir a axuda a partir do primeiro día do mes seguinte ao que teña lugar esta situación.

2. Non poderán obter a condición de persoa beneficiaria das subvencións previstas nesta orde aquelas nas cales concorran algunhas das circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A xustificación polas persoas solicitantes de non estar incursas en ningunha das prohibicións para acceder á condición de persoas beneficiarias a que fai mención o antedito artigo, realizarase mediante unha declaración responsable dirixida ao órgano concedente das subvencións e que se incluirá no modelo de solicitude que se xunta á presente orde como anexo I.

Artigo 4. Bolsas e axudas

1. Para ter dereito a calquera das bolsas e axudas reguladas neste artigo será requisito imprescindible que o curso teña unha duración igual ou superior a catro horas diarias e vinte semanais.

2. As axudas reguladas no presente artigo son todas compatibles entre si, agás a de transporte público coa de transporte privado, e a de transporte privado coa de aloxamento e manutención.

3. O alumnado terá dereito a percibir as seguintes bolsas e axudas, por día de asistencia:

3.1. Bolsa de asistencia:

Poderá percibir unha bolsa consistente en 9 euros por día de asistencia o alumnado con discapacidade dun grao igual ou superior ao 33 % segundo o previsto no artigo 1 do Real decreto 1414/2006, do 1 de decembro (BOE núm. 300, do 16 de decembro), e aqueles demandantes que participen nunha acción formativa vinculada á realización de actividades de mellora da empregabilidade incluídas no seu itinerario personalizado de inserción (IPI) vixente, sempre que non se negasen a participar en actividades incluídas neste, segundo certificación da oficina de emprego. Considérase IPI vixente o IPI iniciado con posterioridade ao 1 de xaneiro do ano anterior ao ano en que se realiza a selección para a acción formativa. Para ter dereito a esta axuda o IPI vixente ten que ser anterior a data que consta na carta enviada pola oficina de emprego en que se lle comunica que é candidato ao curso, ou á data da autorización da convocatoria pública, cando esta sexa necesaria para a selección do alumnado.

Só poderá cobrarse unha axuda por este concepto, con independencia de que o alumno ou a alumna pertenza aos dous colectivos.

No suposto de que o recoñecemento da discapacidade teña lugar con posterioridade ao inicio da acción formativa, este alumnado terá dereito a percibir a axuda a partir do primeiro día do mes seguinte ao que teña lugar este recoñecemento, e terá que realizar a solicitude da axuda no prazo dun mes desde que ese recoñecemento tivo lugar.

Para ter dereito a esta bolsa, o alumnado deberá acreditar documentalmente que carece de rendas de calquera clase iguais ou superiores ao 75 % do indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM). Entenderase cumprido este requisito sempre que a suma das rendas de todos os integrantes da unidade familiar, incluído o solicitante, dividida polo número de membros que a compoñen sexa inferior ao 75 % do IPREM.

Consideraranse como integrantes da unidade familiar os pais, o cónxuxe ou parella de feito acreditada, os fillos e fillas menores de vinte e seis anos ou maiores incapacitados e os menores acollidos, sempre que convivan no domicilio. Deberá achegarse certificado de convivencia ou, na súa falta, de empadroamento e copia do libro de familia. Para os estranxeiros que non teñan libro de familia, será suficiente calquera documentación que acredite de forma fidedigna o parentesco.

As rendas calcularanse tendo en conta o seguinte:

Para as persoas traballadoras por conta allea:

• Tomaranse os ingresos brutos do mes anterior ao inicio do curso ou do mes anterior a que se produza o feito causante que dea dereito á axuda, segundo o caso, excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias.

• As axudas de custo non se terán en conta (agás naqueles casos en que o seu volume e periodicidade mostren que se trate dunha forma habitual de pagamento dunha parte do salario).

Para as persoas autónomas:

• Tomaranse os ingresos netos do trimestre anterior ao inicio do curso ou do trimestre anterior a que se produza o feito causante que dea dereito á axuda, segundo o caso.

• Ratearase o importe mensualmente, para obter as rendas mensuais.

Para estes efectos, computarase como renda o importe dos salarios sociais, as rendas mínimas de inserción ou as axudas análogas de asistencia social concedidas pola comunidade autónoma, así como o importe das prestacións do Servizo Público de Emprego Estatal. Tamén terán a consideración de renda os ingresos correspondentes a rendementos patrimoniais, pensións e calquera outro tipo de ingresos percibidos.

A variación de rendas non se considerará circunstancia sobrevida para os efectos de xerar dereito á percepción das axudas.

3.2. Axudas de transporte, manutención e aloxamento:

a) Axuda de transporte público urbano: o alumnado que utilice a rede de transporte público urbano para asistir á formación terá dereito a percibir unha axuda consistente en 1,5 € por día de asistencia. Para ter dereito á súa percepción, deberán facer unha declaración responsable da liña de transporte público urbano que utiliza para asistir ao curso.

b) Axuda de transporte público interurbano: o alumnado que resida nun concello distinto ao da impartición da acción formativa terá dereito a percibir unha axuda consistente en 5 € por día de asistencia. Considerarase como concello de residencia o que se corresponda co domicilio de intermediación da súa demanda de emprego. Para ter dereito á súa percepción, deberá facer unha declaración responsable da liña de transporte público interurbano que utiliza para asistir á acción formativa.

c) Axuda de transporte en vehículo propio: o alumnado, cando non exista medio de transporte público entre o seu domicilio, considerado este o que figure como domicilio de intermediación na súa demanda de emprego, e o do centro de formación, ou este transporte non teña un horario regular que permita compatibilizalo co da acción formativa, poderá ter dereito á axuda en concepto de transporte en vehículo propio consistente en 0,10 euros por quilómetro, cun máximo de 20 euros diarios. Para ter dereito á súa percepción, deberá facer unha declaración responsable en que indiquen o número de matrícula do vehículo que utiliza, así como os quilómetros realizados diariamente.

d) Axuda de manutención: se o horario de impartición da acción formativa é de mañá e de tarde, e os desprazamentos entre o domicilio habitual da persoa desempregada, considerado este o que figure como domicilio de intermediación na súa demanda de emprego, e o centro de impartición acadan ou superan 20 quilómetros, poderase ter dereito a unha axuda de manutención por importe máximo de 12 euros diarios.

e) Axuda de aloxamento e manutención, cando a distancia entre o domicilio do alumno/a, considerado este o que figure como domicilio de intermediación na súa demanda de emprego, e o lugar de impartición sexa, como mínimo, de 100 quilómetros. En casos excepcionais, debido a problemas das comunicacións, circunstancia que deberá ser previamente valorada e autorizada polo órgano competente en cada caso, poderá concederse esta axuda aínda que a distancia sexa inferior.

Ademais da duración do curso e da distancia, para percibir a axuda de aloxamento e manutención, deberá cumprirse o seguinte requisito:

• Que a asistencia ao curso implique que a persoa solicitante deba aloxarse no lugar de impartición. O gasto real de aloxamento xustificarase por medio do contrato de arrendamento ou factura de hospedaxe.

A axuda de aloxamento e manutención aboarase por mes natural, e a súa contía será o importe do indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) fixado para o ano 2015. A parte correspondente aos meses de inicio e finalización ratearase cando non sexan completos.

3.3. Axudas á conciliación:

As axudas previstas neste parágrafo teñen por obxecto permitir ás persoas desempregadas conciliar a súa asistencia á formación co coidado de fillos ou fillas menores de 6 anos ou de familiares dependentes ata o segundo grao, sempre que ao inicio da acción formativa ou no momento en que teña lugar o feito causante que dea dereito á axuda cumpran os requisitos seguintes:

– Non ter rexeitado ofertas de traballo axeitadas nin terse negado a participar en actividades de promoción, formación ou reconversión profesional nos tres meses anteriores ao inicio da acción formativa.

– Acreditar documentalmente que se carece de rendas de calquera clase superiores ao 75 % do indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM). Entenderase cumprido este requisito sempre que a suma das rendas de todos os integrantes da unidade familiar, incluído o solicitante, dividida polo número de membros que a compoñen, non supere o 75 % do IPREM.

No relativo á determinación da unidade familiar e das rendas, terase en conta o disposto no punto 3.1 do presente artigo.

No suposto de que o suxeito causante da axuda sexa un familiar ata segundo grao, este entenderase incluído na unidade familiar para o cómputo de rendas.

No suposto de que o fillo ou a filla naza ou se acredite a dependencia con posterioridade ao inicio da acción formativa, terán dereito a percibir a axuda a partir do primeiro día do mes seguinte ao que teña lugar o feito causante, tendo que realizar a solicitude da axuda no prazo dun mes desde que ese feito tivo lugar.

No suposto de desaparición do feito causante, perderán o dereito á percepción da axuda a partir do primeiro día do mes seguinte a que esta teña lugar.

A dependencia acreditarase a través de certificado da dependencia emitido polo órgano competente da Xunta de Galicia ou por resolución xudicial.

A contía da axuda á conciliación será do 75 % do importe do indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) diario por día de asistencia.

3.4. Axudas para mulleres vítimas de violencia de xénero.

Durante o tempo de participación nunha acción formativa, as mulleres vítimas de violencia de xénero terán dereito a percibir unha bolsa de 10 euros por día de asistencia.

Para poder percibir esta axuda, a situación de violencia de xénero acreditarase por algún dos seguintes medios:

– A través de sentenza condenatoria.

– A través de certificación da orde de protección ou da medida cautelar, testemuño ou copia autenticada pola persoa titular da secretaría xudicial da propia orde de protección ou da medida cautelar.

– A través de informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local en que se recolla a condición de vítima de violencia de xénero.

– A través de informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia, auto de apertura de xuízo oral ou documento equivalente en que conste a existencia dos ditos indicios.

Para aquelas axudas en que se establezan límites de rendas da unidade familiar para a súa percepción, quedan excluídos do cómputo das rendas os ingresos do agresor.

O prazo para acceder á axuda, en función da forma de acreditación da condición de vítima da violencia de xénero, é o seguinte:

– No suposto de sentenza condenatoria, durante os 24 meses posteriores á súa notificación.

– Nos supostos de resolución xudicial que adoptase medidas cautelares ou da orde de protección, durante a súa vixencia.

– No caso do informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local ou do informe dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local, durante os 24 meses posteriores á data de emisión do dito informe.

– No caso do informe do Ministerio Fiscal, auto de apertura do xuízo oral ou documento equivalente, ata que se adopte a resolución que proceda sobre a orde de protección ou sentenza condenatoria.

Artigo 5. Procedemento de concesión

O procedemento de concesión das bolsas e axudas tramitarase en réxime de concesión directa, de acordo co previsto no Real decreto 357/2006, do 24 de marzo, polo que se regula a concesión directa de determinadas subvencións no ámbito do emprego e da formación profesional ocupacional.

Artigo 6. Solicitude e documentación que hai que presentar

1. De conformidade co previsto no artigo 28.1 da Orde TAS/718/2008, o centro impartidor da formación subministrará información ás persoas traballadoras desempregadas sobre as bolsas e axudas ás que poidan optar e sobre os requisitos exixibles para a súa obtención.

2. A persoa traballadora desempregada deberá presentar a súa solicitude no prazo dun mes desde a súa incorporación á acción formativa, ou desde que teña lugar o feito causante que determina o dereito á axuda e, en todo caso, antes do 15 de decembro de 2015. Deberá dirixir a súa solicitude á Dirección Xeral de Emprego e Formación ou ás xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, de acordo co establecido no artigo 8 desta orde. A presentación da solicitude fóra de prazo dará lugar á súa inadmisión sen máis trámites, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Presentación das solicitudes:

3.1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es , de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

3.2. Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia que figura como anexo I á presente orde, xunto coa documentación xustificativa exixida para cada unha das axudas solicitadas.

3.3. No caso das mulleres vítimas de violencia de xénero que teñan solicitado confidencialidade dos seus datos, a axuda deberá solicitarse a través do seu titor.

4. Xunto coa solicitude haberá que presentar a seguinte documentación complementaria:

4.1. Bolsa de asistencia:

• Copia do DNI/NIE da persoa solicitante, só no caso de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade.

• Certificación acreditativa da súa discapacidade emitida polo órgano competente, no caso de que non autorice a súa consulta, ou documentación acreditativa de ter asinado un itinerario personalizado de inserción, segundo o caso.

• Certificado de empadroamento, no caso de non autorizar a súa consulta, ou certificado de convivencia expedido polo Concello, onde se indiquen os familiares que conviven no domicilio familiar.

• Declaración responsable da persoa solicitante de que a renda familiar, entendida esta como a suma das rendas de todos os integrantes da unidade familiar, incluído o solicitante, dividida polo número de membros que a compoñen, é inferior ao 75 % do IPREM no mes anterior ao inicio do curso.

• Acreditación documental das rendas declaradas.

4.2. Axudas de transporte, manutención e aloxamento:

a) Axuda de transporte público urbano:

• Copia do DNI/NIE da persoa solicitante, só no caso de non autorizar a súa consulta no sistema de verificación de datos de identidade.

• Certificación da oficina de emprego do domicilio de intermediación laboral na data que figura na carta de selección ou da autorización da convocatoria pública da acción formativa.

• Declaración responsable da persoa solicitante da liña de transporte público urbano que utiliza para asistir ao curso.

b) Axuda de transporte público interurbano:

• Copia do DNI/NIE da persoa solicitante, só no caso de non autorizar a súa consulta no sistema de verificación de datos de identidade.

• Certificación da oficina de emprego do domicilio de intermediación laboral na data que figura na carta de selección ou da autorización da convocatoria pública da acción formativa.

• Declaración responsable da persoa solicitante da liña de transporte público interurbano que utiliza para asistir ao curso.

c) Axuda de transporte en vehículo propio:

• Copia do DNI/NIE da persoa solicitante, só no caso de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade.

• Certificación da oficina de emprego do domicilio de intermediación laboral na data que figura na carta de selección ou da autorización da convocatoria pública da acción formativa.

• Declaración responsable da persoa solicitante de que non existe medio de transporte público entre o seu domicilio e o do centro ou de que este transporte non ten un horario regular que permita compatibilizalo co da acción formativa.

• Declaración responsable en que indiquen o número de matrícula do vehículo que utilizan.

d) Axuda de manutención:

• Copia do DNI/NIE da persoa solicitante, só no caso de non autorizar a súa consulta no sistema de verificación de datos de identidade.

• Certificación da oficina de emprego do domicilio de intermediación laboral na data que figura na carta de selección ou da autorización da convocatoria pública da acción formativa.

• Certificación do centro de formación de que o horario de impartición é de mañá e tarde.

e) Axuda de aloxamento e manutención:

• Copia do DNI/NIE da persoa solicitante, só no caso de non autorizar a súa consulta no sistema de verificación de datos de identidade.

• Certificación da oficina de emprego do domicilio de intermediación laboral na data que figura na carta de selección ou da autorización da convocatoria pública da acción formativa.

• Contrato de arrendamento onde figure o alumno/a como arrendatario ou declaración responsable de que a persoa solicitante se vai hospedar na localidade onde se imparta a acción formativa.

4.3. Axuda á conciliación:

• Copia do DNI/NIE da persoa solicitante, só no caso de non autorizar a súa consulta no sistema de verificación de datos de identidade.

• Certificado de dependencia do órgano competente da Xunta de Galicia ou resolución xudicial, segundo proceda.

• Certificado de empadroamento, no suposto de que non autorice a súa consulta ou, na súa falta, certificado de convivencia expedido polo Concello onde se indiquen os familiares que conviven no domicilio familiar.

• Copia do libro de familia ou, se son estranxeiros sen libro de familia, calquera documentación que acredite de forma fidedigna o parentesco.

• Declaración responsable da persoa solicitante de que a renda familiar é inferior ao 75 % do IPREM no mes anterior ao inicio do curso ou a aquel en que se produza o feito causante.

• Acreditación documental das rendas declaradas.

4.4. Axuda para mulleres vítimas de violencia de xénero:

• Copia do DNI/NIE da persoa solicitante, só no caso de non autorizar a súa consulta no sistema de verificación de datos de identidade.

* Sentenza condenatoria, certificación da orde de protección ou medida cautelar, testemuño ou copia autenticada pola persoa titular da secretaría xudicial da propia orde de protección ou medida cautelar, informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local en que se recolla a condición de vítima de violencia de xénero ou informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia, auto de apertura de xuízo oral ou documento equivalente en que conste a existencia dos ditos indicios, segundo sexa o caso.

5. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

7. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase o solicitante para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fai, se considerará que desiste da súa solicitude, logo de resolución que así o declare.

8. Forma parte da solicitude a declaración responsable que se contén nela e que fai constar os aspectos seguintes:

a) Que en relación con outras axudas concedidas ou solicitadas:

– Non se solicitou nin se concedeu ningunha outra axuda para este mesmo concepto para o cal se solicita esta subvención.

– Se se solicitaron e/ou se recibiron outras axudas para este mesmo concepto para o cal se solicita esta subvención, deberán relacionarse.

b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se xuntan son certos.

c) Que a persoa solicitante non está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Que a persoa solicitante non está incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

f) Que coñece as estipulacións da presente orde, que cumpre cos requisitos sinalados nela e que se compromete a destinar o importe da axuda ao obxecto da subvención indicada.

9. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, o modelo de solicitude inclúe autorización expresa á Dirección Xeral de Emprego e Formación ou ás xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos nesta orde de convocatoria.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión da bolsa ou axuda pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 8. Órganos competentes para a ordenación e instrución do procedemento de concesión. Prazo de resolución e de notificación

1. Os órganos competentes para a instrución do procedemento serán:

a) A Dirección Xeral de Emprego e Formación, para as solicitudes de bolsas e axudas das persoas traballadoras desempregadas que participen nos plans de formación dirixidos prioritariamente ás persoas traballadoras ocupadas, nas accións formativas impartidas no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia e nas accións formativas cuxa resolución de concesión corresponde á Dirección Xeral de Emprego e Formación.

b) As xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar correspondentes, segundo a provincia, para o resto das solicitudes, incluíndo, en todo caso, as derivadas da oferta formativa executada nos centros da Consellería de Traballo e Benestar, así como nos centros da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria respecto das accións formativas incluídas nos acordos de colaboración para a impartición de formación profesional para o emprego nos centros educativos.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder dos seis meses e computarase a partir da data da presentación das solicitudes. Unha vez transcorrido dito prazo sen terse notificado resolución expresa, a solicitude poderá entenderse desestimada.

3. As subvencións concedidas serán notificadas individualmente ás persoas beneficiarias, de acordo co previsto nos artigos 58 e 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de 10 días para a súa aceptación; transcorrido este sen se producir manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

Os beneficiarios deberán cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. As resolucións ditadas poñen fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes desde a súa notificación, de acordo co disposto no artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou, directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 9. Pagamento das bolsas e axudas

1. O pagamento das bolsas e axudas establecidas na presente orde realizarase unha vez notificada a resolución de concesión á persoa beneficiaria.

2. Unha vez recoñecido o dereito a axuda, o pagamento farase mensualmente, realizándose o primeiro pagamento no mes seguinte ao de notificación da resolución de concesión. Este primeiro pagamento incluirá o importe total das axudas devindicadas ata esa data.

3. Tendo en conta que todas as axudas previstas nesta orde están supeditadas, ademais de ao cumprimento dos requisitos exixidos en cada caso, á asistencia á acción formativa, todos os pagamentos realizaranse logo de comprobación das asistencias mensuais de cada un dos beneficiarios.

4. No suposto da axuda de aloxamento e manutención, as persoas beneficiarias deberán achegar mensualmente as facturas de hospedaxe ou os xustificantes de pagamento do arrendamento.

5. A autorización de vacacións polo órgano competente implica que, durante ese período, queda en suspenso o pagamento das axudas a que teñan dereito os alumnos.

Artigo 10. Publicidade das bolsas e axudas

1. De acordo co establecido no artigo 14 letra ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos aspectos previstos no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

2. Así mesmo, e tal como se recolle no artigo 15.1 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, os órganos administrativos concedentes procederán a publicar no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas, indicando a convocatoria, o programa e crédito orzamentario a que se imputan, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade ou as finalidades da subvención.

3. Igualmente, publicaranse na páxina web oficial nos termos previstos no artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

4. Os beneficiarios das axudas concedidas incluiranse no Rexistro de Axudas, Subvencións e Convenios e mais no de Sancións, creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2006.

Artigo 11. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Formación (servizo público de emprego) cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Consellería de Traballo e Benestar, Servizo Público de Emprego de Galicia. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Consellería de Traballo e Benestar, Servizo Público de Emprego de Galicia, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, A Coruña, España, ou a través dun correo electrónico a: lopd.traballo@xunta.es .

Disposición adicional única

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar na persoa titular da Dirección Xeral de Emprego e Formación para a autorización, disposición, recoñecemento da obriga e proposta de pagamento das subvencións reguladas nesta orde, así como para resolver a concesión, denegación, modificación, reintegro ou outras incidencias das subvencións reguladas nesta orde, e nos xefes/as territoriais provinciais da Consellería de Traballo e Benestar, no ámbito das súas respectivas competencias, para a autorización, disposición, recoñecemento da obriga e proposta de pagamento das subvencións reguladas nesta orde, así como para resolver a concesión, denegación, modificación, reintegro ou outras incidencias das subvencións reguladas nesta orde.

Disposición transitoria única

As persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas que se iniciasen con anterioridade á entrada en vigor desta orde derivadas da oferta formativa executada nos centros de formación da Consellería de Traballo e Benestar, así como dos acordos de colaboración para a impartición de formación profesional para o emprego nos centros educativos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, seguirán percibindo as axudas na forma e contías que teñan recoñecidas.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Emprego e Formación para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta disposición.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2015

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file