Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Luns, 15 de xuño de 2015 Páx. 23368

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 25 de maio de 2015, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se establecen os permisos retribuídos de que poden gozar os electores a órganos de representación de persoal da Administración de xustiza en Galicia que exerzan o dereito de voto o vindeiro día 18 de xuño.

De conformidade co establecido nos artigos 474 e 503 da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, así como na Lei 9/1987, do 12 de xuño, de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ao servizo das administracións públicas, e mais no Real decreto 1846/1994, do 9 de setembro, polo que se aproba o Regulamento de eleccións a órganos de representación do persoal ao servizo da Administración xeral do Estado; e no exercicio das competencias previstas no artigo 15 do Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, dítanse as seguintes instrucións:

Primeiro. Para a elección de órganos de representación do persoal funcionario no ámbito da Administración de xustiza, os funcionarios exercerán o seu dereito ao voto o vindeiro día 18 de xuño nas mesas electorais correspondentes ao seu ámbito funcional e territorial, e disporán dun permiso retribuído polo tempo indispensable para exercer tal dereito na forma que se establece a seguir, agás os que exerzan o dereito ao voto por correo.

Aos funcionarios que gocen deste permiso poderalles ser exixida unha xustificación da efectividade do acto da votación, que para o efecto solicitarán da súa mesa electoral.

Segundo. Os que deban exercer o dereito ao voto nunha mesa electoral situada no mesmo local ou edificio onde presten habitualmente os seus servizos ou estean destinados poderán dispoñer dun permiso de dúas horas continuadas durante a xornada laboral para o acto da votación.

Terceiro. Os que deban exercer o dereito ao voto nunha mesa electoral situada na mesma localidade, pero distinto local ou edificio, onde presten habitualmente os seus servizos ou estean destinados poderán dispoñer dun permiso de tres horas continuadas durante a xornada laboral para o acto da votación.

Cuarto. Os que deban exercer o dereito ao voto nunha mesa electoral situada en localidade distinta da que presten habitualmente os seus servizos ou estean destinados poderán dispoñer dun permiso de catro horas continuadas durante a xornada laboral para o acto da votación, ou do tempo maior indispensable naqueles casos en que as circunstancias así o impoñan.

Quinto. Os compoñentes das mesas e os interventores e apoderados das candidaturas gozarán dun permiso retribuído de xornada completa no día da votación e dunha redución de cinco horas na xornada de traballo do día inmediatamente posterior.

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2015

Juan José Martín Álvarez
Director xeral de Xustiza