Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Martes, 16 de xuño de 2015 Páx. 23889

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 2 de xuño de 2015 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva para o cofinanciamento de proxectos de prevención de drogodependencias e condutas adictivas promovidos por concellos, mancomunidades de concellos ou agrupacións de concellos da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria.

A Estratexia nacional sobre drogas 2009-2016, cos seus correspondentes plans de acción, recolle a prevención do consumo de drogas como un ámbito clave. Concretamente, o Plan de acción 2013-2016 desta estratexia pon en valor a dimensión da saúde pública como compoñente social nas políticas de drogas. Isto supón unha firme aposta para mellorar as intervencións e garantir a súa calidade a través da actividade coordinada entre todas as administracións que, pola súa vez, contan coa colaboración imprescindible dos concellos. Este plan prevé seis ámbitos de intervención de acordo cos obxectivos marcados na estratexia nacional. O maior peso recae no ámbito da redución da demanda, que conta con 36 accións. Dentro dese ámbito a prevención é o tema privilexiado, con 17 accións, entre as cales se destacan as dirixidas a sensibilizar e informar os distintos sectores sociais sobre os riscos a que pode conducir o consumo de drogas; e outras dirixidas á prevención nos ámbitos educativo e escolar.

O Plan de trastornos adictivos de Galicia 2011-2016 recolle, así mesmo, dez liñas estratéxicas de actuación entre as cales destaca: a redución da prevalencia dos consumos de bebidas alcohólicas, tabaco ou drogas ilícitas; a regulación e control da oferta de bebidas alcohólicas e tabaco a menores; a prevención das adiccións sociais e condutas relacionadas e a diminución de riscos e redución de danos asociados ao uso e abuso de drogas. Concretamente, as cinco primeiras liñas estratéxicas establecen as actuacións clave e as persoas responsables de desenvolvelas, e serán os concellos e as entidades cidadás, é dicir, as entidades privadas que traballan en materia de drogodependencias, as que terán competencia no desenvolvemento de campañas e actos de sensibilización social sobre as consecuencias do uso e abuso de drogas e outras adiccións sociais e condutas relacionadas, e na elaboración de guías e materiais de sensibilización social nos ámbitos escolar, familiar, xuvenil e laboral. Faise especial fincapé na necesidade de ter en conta as evidencias científicas existentes para o deseño das políticas e programas en materia de prevención.

Para o desenvolvemento deste plan tívose en conta a investigación socioepidemiolóxica do consumo de drogas. En Galicia, esta investigación faise de forma continuada desde o ano 1988 con estudos bianuais. O último estudo do consumo de drogas en Galicia, ademais da análise de prevalencias, factores de risco e protección e doutras variables sociolóxicas, describe o mapa de risco epidemiolóxico atendendo á ordenación das diferentes áreas sanitarias de Galicia.

O mapa establece dous índices de risco: o índice do risco absoluto, en función da presenza significativa das trece drogas estudadas en cada unha das áreas e o índice de risco relativo que pondera a incidencia de cada droga polo peso da poboación de cada área de saúde, isto permite establecer unha orde de prioridade. Así, cun risco alto atópanse as áreas sanitarias de Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela, cun risco medio-alto atópanse as de Ourense, Ferrol, Pontevedra e Lugo e cun risco menor as do Salnés, Cervo-Burela, O Barco de Valdeorras e Monforte de Lemos.

Así pois, resaltando a importancia de promover a participación social e a cooperación institucional entre os concellos de Galicia que traballan no ámbito da prevención e, de acordo cos obxectivos estratéxicos do plan, esta orde pretende fomentar e dar continuidade ás políticas de prevención de drogodependencias e doutras condutas adictivas.

A orde conta cun total de 27 artigos, unha disposición adicional e 3 disposicións derradeiras. Ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria, en réxime de cofinanciamento e concorrencia competitiva de subvencións a proxectos de prevención de drogodependencias e condutas adictivas, e poderán concorrer á concesión das ditas subvencións todos aqueles concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que pretendan desenvolver individualmente ou agrupados un proxecto obxecto da presente orde.

En consecuencia, e no uso das facultades que me foron conferidas,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de cofinanciamento e concorrencia competitiva, a concesión de subvencións a proxectos de prevención de drogodependencias e condutas adictivas que se van desenvolver en Galicia nos anos 2015, 2016 e 2017, en consonancia coas áreas de actuación prioritarias establecidas pola Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública.

Artigo 2. Beneficiarios

Poderán concorrer á concesión das subvencións todos aqueles concellos e mancomunidades da Comunidade Autónoma de Galicia que pretendan desenvolver, individualmente ou agrupados, un proxecto de prevención das drogodependencias e outras condutas adictivas, obxecto da presente orde.

A asignación económica da subvención terá carácter individual para cada concello e mancomunidade, agás no caso de agrupacións de concellos, no cal se asignará unha única subvención para realizar o proxecto común. Nestes casos, os concellos integrantes da agrupación nomearán un/unha representante único/a do proxecto conxunto que actuará como coordinador/a e interlocutor/a ante a Consellería de Sanidade.

Ningún concello poderá figurar nunha solicitude colectiva e subscribir outra individual. De darse o caso prevalecerá a solicitude realizada de forma conxunta.

Artigo 3. Requisitos

Serán requisitos para optar a unha subvención para os proxectos de prevención de drogodependencias e condutas adictivas:

1. A presentación dun proxecto de actuación para os anos 2015, 2016 e 2017 orientado ao fomento de estilos de vida saudables para á prevención das drogodependencias e outras condutas adictivas. Este proxecto denominarase xenericamente para os efectos desta convocatoria: «Proxecto de prevención de drogodependencias e condutas adictivas no eido local».

2. Este proxecto de prevención comprenderá os programas definidos no artigo 4 que a entidade solicitante coide oportunos, ata un máximo de 15, dentro dos cales necesariamente se incluirá como mínimo un do ámbito escolar, outro do familiar e outro do xuvenil.

3. A creación ou existencia dunha unidade/servizo de prevención de condutas adictivas que estará constituída, polo menos, por un/unha profesional con titulación universitaria e formación específica en drogodependencias e outras condutas adictivas, que actuará como representante técnico/a do proxecto ante a Consellería de Sanidade.

4. Contar coa infraestrutura física axeitada e necesaria para o desenvolvemento das funcións, programas e actividades que deberá levar a cabo.

5. Estar inscrito/a, no momento da solicitude de subvención, no Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas regulado no Decreto 74/2002, do 28 de febreiro, modificado polo Decreto 58/2005, do 24 de febreiro.

6. O proxecto presentado deberá abranguer unha área de actuación mínima de 10.001 habitantes que poderá ser de carácter municipal ou abranguer varios concellos para os cales se presente un proxecto común. Para tal fin, comprobarase no último padrón municipal publicado polo Instituto Galego de Estatística a poboación destinataria do proxecto na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

7. A entidade solicitante optará necesariamente á clase que lle corresponda en función da poboación que abranga o seu proxecto. Se un concello se asocia con outro co fin de desenvolver un proxecto común nun mesmo ámbito territorial de actuación, determinarán cal deles será o responsable interlocutor e receptor da subvención ante a Consellería de Sanidade para todos os efectos.

8. As intervencións que se desenvolvan neste proxecto preventivo non poderán dirixirse a poboación que xa sexa beneficiaria de intervencións similares desenvolvidas por outras institucións ou entidades, de carácter público ou privado, ao mesmo tempo.

9. As entidades solicitantes deberán ter remitido ao Consello de Contas as contas xerais do pasado exercicio, de acordo co disposto no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

10. Non incorrer en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

11. Presentar a solicitude no prazo e forma que establece o artigo 11.

12. No suposto de solicitudes presentadas por agrupacións de concellos ou mancomunidades será suficiente con que os anteriores requisitos sexan cumpridos, polo menos, por un deles.

Artigo 4. Contidos dos proxectos

De acordo co establecido na carteira de servizos en materia de prevención do Plan de Galicia sobre drogas:

1. Serán programas de carácter básico os seguintes:

a) Ámbito escolar: «PPCDE/Saúde na escola» e «Non pasa nada ¿pasa algo?».

b) Ámbito familiar: «Máis que un teito», «En familia todos contan» e «Entre todos».

c) Ámbito xuvenil: «Activa» e «Cambio de sentido».

2. Serán programas de carácter complementario «Ao alcance», «Penélope» e «Cine e saúde».

3. Serán programas de carácter libre:

a) Todos os incluídos na carteira de servizos e non mencionados nos números 1 e 2 deste artigo.

b) Calquera outro que a entidade solicitante considere oportuno desenvolver na súa área de actuación.

Poderanse presentar ata un máximo de cinco programas de carácter libre.

Todos os programas e actividades que se planifiquen deberán prever necesariamente a perspectiva de xénero.

Artigo 5. Funcións da unidade/servizo de prevención de condutas adictivas

1. Atender e canalizar as demandas de información, asesoramento e formación en relación coas drogas no seu ámbito territorial de actuación.

2. Planificar, programar, coordinar, executar e avaliar programas de prevención de drogodependencias nos diferentes ámbitos de intervención: educativo, familiar, xuvenil, laboral, poboacións vulnerables, programas en clave de xénero e outras actividades transversais de información-sensibilización, así como formación de mediadores/as sociais e sanitarios/as.

3. Mecanizar todos os programas preventivos realizados así como cada unha das variables que conforman o Sistema de información da Consellería de Sanidade na área da prevención das drogodependencias, a través da aplicación informática XESAPI (Xestión do Sistema de avaliación de programas de prevención).

4. Ser un nexo de unión e coordinación entre a Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública e aquelas entidades que potencialmente poidan estar implicadas co proxecto de prevención, tales como centros escolares, sociais, sanitarios, entidades veciñais ou de calquera outro tipo.

5. Difundir á sociedade, por todos os medios ao seu alcance, as estratexias preventivas que se estean realizando no seu territorio, así como os resultados alcanzados con elas.

6. Detectar no seu ámbito posibles incumprimentos da normativa sobre promoción, publicidade, venda e consumo de bebidas alcohólicas e tabaco.

7. Atender ás indicacións da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública derivadas dos principios e directrices do Plan de trastornos adictivos da Xunta de Galicia 2011-2016 en materia de prevención; en concreto, no que poida referirse á realización conxunta de proxectos piloto en materia de innovación e xestión da saúde pública.

8. Elaborar os informes que permitan un correcto seguimento e avaliación dos proxectos segundo os procedementos que determine a Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública.

Artigo 6. Dispoñibilidade orzamentaria

1. A contía total das subvencións concedidas ao abeiro da presente orde aos proxectos de prevención de drogodependencias e condutas adictivas ascende a 1.498.352,50 euros, e financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 1002.413A.460.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia. Este orzamento distribuirase en tres anualidades do seguinte xeito:

a) Ano 2015: 391.621,00 €.

b) Ano 2016: 737.821,00 €.

c) Ano 2017: 368.910,50 €.

2. Estas contías poderíanse ver incrementadas, se for o caso, a través das oportunas modificacións orzamentarias por maior dispoñibilidade de crédito como consecuencia dalgunha das circunstancias expostas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, incluíndo a dispoñibilidade de fondos procedentes do Estado, aplicándose, en todo o demais, o disposto no mencionado artigo.

3. En calquera caso, a concesión das subvencións reguladas nesta orde limitarase á dispoñibilidade orzamentaria existente no momento da súa resolución. As subvencións que se concedan e as contribucións que se conveñan terán carácter ocasional, estarán suxeitas a limitación orzamentaria e non xerarán ningún dereito de continuidade na asignación de financiamento ás entidades destinatarias para exercicios sucesivos.

4. O ritmo de execución das actividades ao longo do período subvencionable deberá axustarse á dispoñibilidade orzamentaria de cada anualidade, tal e como se detalla no artigo 24.

Artigo 7. Normas xerais sobre as subvencións

1. A contía solicitada será, como máximo, o 95 % do orzamento do proxecto, correspondéndolle á entidade solicitante a achega mínima con fondos propios do 5 % restante en concepto de cofinanciamento. En ningún caso a contía da subvención solicitada poderá ser superior ao crédito orzamentario dispoñible na súa clase.

2. A contía subvencionable en ningún caso superará a contía solicitada nin o 95 % do orzamento do proxecto. Ademais, o importe máximo desta subvención non poderá superar o custo das actividades que desenvolvan as entidades beneficiarias, xa sexa illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados.

3. A entidade solicitante poderá establecer un esforzo de cofinanciamento superior ao mínimo establecido no número 1. A porcentaxe de cofinanciamento sinalada no anexo I será vinculante e establecerá o límite máximo da contía dos pagamentos regulados no artigo 24 desta orde. Deste xeito, na solicitude deberá especificarse a contía total do proxecto que se vai desenvolver, resultado de sumar a subvención que se solicita e a contía do cofinanciamento que a entidade solicitante achega ao proxecto.

4. Os proxectos presentados de forma agrupada serán obxecto de exclusión ou inadmisión cando non acrediten a realización conxunta dunha actuación ou servizo, e que supoñan actuacións independentes en cada entidade local.

5. Poderán subvencionarse os programas e actividades recollidos no proxecto e desenvolvidos entre o 1 de xuño de 2015 e o 30 de xuño de 2017.

6. Só se subvencionará un proxecto, presentado individualmente ou por unha agrupación ou mancomunidade de concellos. Por iso, só se poderá concorrer a unha das clases especificadas no artigo 8. No caso de proxectos cuxa área de actuación se enmarque en varios concellos, asignarase unha única subvención para realizar un proxecto común.

7. Dentro de cada clase os proxectos serán seleccionados segundo a puntuación que acaden en aplicación dos criterios de baremación especificados no artigo 9.

8. Só serán seleccionados para a definitiva adxudicación da contía subvencionable aqueles proxectos que acaden unha puntuación mínima de 45 puntos da puntuación máxima teórica de 100 puntos que se poden acadar na fase de baremación.

9. Para o procedemento de selección de proxectos e asignación de contías aplicarase o procedemento especificado nos puntos 5 e 6 do artigo 33 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e no previsto nas presentes bases.

10. Se dous ou máis proxectos acadan a mesma puntuación na fase de baremación, o desempate resolverase seguindo os seguintes criterios:

a) O que empregue a lingua galega tanto na redacción como no desenvolvemento das actividades propostas.

b) O que obteña maior valoración no número 1 do artigo 9.

c) O que obteña maior valoración no número 9 do artigo 9.

d) O que obteña maior valoración no número 10 do artigo 9.

e) De persistir o empate resolveríase por sorteo simple.

11. A subvención que se concederá para cada proxecto será aboada de conformidade co establecido no artigo 24 relativo a pagamento e xestión económica.

Artigo 8. Clases e contías das subvencións

1. Clase 1.

Proxectos que enmarquen a súa xestión preventiva en concellos individuais, agrupacións ou mancomunidades de concellos que abrangan unha poboación igual ou superior aos 70.001 habitantes.

Destínase a esta clase o 30,00 % do crédito orzamentario dispoñible especificado no artigo 6.1 (449.505,75 €), e outorgaráselle subvención a un máximo de oito proxectos que acaden maior puntuación. Nesta clase, a subvención mínima que se solicitará será de 56.000,00 euros.

2. Clase 2.

Proxectos que enmarquen a súa xestión preventiva en concellos individuais, agrupacións ou mancomunidades de concellos que abranguen unha poboación entre 10.001 e 70.000 habitantes.

Destínase a esta clase o 70,00 % do crédito orzamentario dispoñible especificado no artigo 6.1 (1.048.846,75 €), e outorgaráselle subvención a un máximo de 32 proxectos que acaden maior puntuación. Nesta clase, a subvención mínima que se solicitará será de 32.000,00 euros.

Artigo 9. Criterios de baremación

Os criterios de baremación que serán aplicados á hora de seleccionar os proxectos presentados e que permitirán facer a proposta razoada das contías subvencionadas, son os seguintes:

1. Calidade técnica, rigor metodolóxico e definición dun proxecto de prevención de drogodependencias e condutas adictivas: ata 39 puntos. Valoraranse os programas recollidos no artigo 4 da forma seguinte:

a) Ata 4 puntos por cada programa de carácter básico. A puntuación máxima que se poderá obter nesta epígrafe serán 28 puntos.

b) Ata 2 puntos por cada programa de carácter complementario. A puntuación máxima que se poderá obter nesta epígrafe serán 6 puntos.

c) Ata 1 punto por cada programa de carácter libre. A puntuación máxima que se poderá obter nesta epígrafe serán 5 puntos.

Para a avaliación dos programas e o cálculo da súa correspondente puntuación, cada un deles computará nun índice base de 100 unidades, equivalente ao máximo de 4 puntos alcanzables por cada programa básico, 2 puntos por cada programa complementario e 1 punto por cada programa libre. O cálculo da puntuación obtida farase efectuando a conversión das unidades en puntos mediante regra de tres simple.

2. Pola simple presentación de solicitude conxunta de varios concellos nun proxecto común (xa sexan agrupados ou en mancomunidade), nos termos e requisitos que se establecen na presente orde: 10 puntos.

3. Coa fin de fomentar a agrupación de concellos, incentivaranse con ata 10 puntos aqueles proxectos que promovan o asociacionismo mutuo presentando un proxecto común, agrupados ou en mancomunidade, de acordo coa seguinte puntuación:

a) Polo número de concellos agrupados.

1º. Proxecto que agrupe a dous concellos: 1 punto.

2º. Proxecto que agrupe tres concellos: 2 puntos.

3º. Proxecto que agrupe catro concellos: 3 puntos.

4º. Proxecto que agrupe cinco concellos: 4 puntos.

5º. Proxecto que agrupe a seis ou máis concellos: 5 puntos.

b) Polo número de poboación total dos concellos agrupados.

1º. De 10.001 a 15.000 habitantes: 1 punto.

2º. De 15.001 a 20.000 habitantes: 2 puntos.

3º. De 20.001 a 30.000 habitantes: 3 puntos.

4º. De 30.001 a 40.000 habitantes: 4 puntos.

5º. De 40.001 ou máis habitantes: 5 puntos.

4. Valorarase con ata 10 puntos a presentación dunha memoria de aforro de custos das solicitudes formalizadas conxuntamente, agrupados ou en mancomunidade, respecto da formalizada de modo individual.

5. Grao de interacción da unidade/servizo coas estruturas do seu contorno (implicación e coordinación cos recursos escolares, sociais, sanitarios e sociosanitarios do ámbito municipal), definido na memoria explicativa e acreditado coas oportunas xustificacións dos organismos referidos: ata 5 puntos.

6. Experiencia no desenvolvemento de programas de prevención de drogodependencias, expresada en anos de colaboración coa Consellería de Sanidade ou co Servizo Galego de Saúde:

a) Tempo de colaboración igual ou superior a 15 anos: 5 puntos.

b) Tempo de colaboración entre 10 e 14 anos: 4 puntos.

c) Tempo de colaboración entre 1 e 9 anos: 2 puntos.

No caso das solicitudes presentadas conxuntamente só se valorará esta epígrafe unha vez, asignándoselle os puntos da entidade con maior tempo de colaboración.

7. Segundo o índice de risco epidemiolóxico (IRE) de consumo de alcohol e outras drogas do espazo xeográfico no que se desenvolve o proxecto:

a) Se está definido como alto: 3 puntos.

b) Se está definido como medio-alto: 1 punto.

8. Tendo en conta a formación profesional e xornada laboral do persoal co que vaia contar o concello, a agrupación ou mancomunidade de concellos para levar a cabo o proxecto e tomando como referencia o convenio único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, puntuarase ata un máximo de 8 puntos de acordo coa seguinte puntuación:

a) Persoal contratado a xornada completa:

Por cada titulado/a superior, 2 puntos; por cada titulado/a de grao medio, 1 punto; e por especialistas e persoas encargadas, 0,5 puntos. Ata un máximo de 6 puntos.

b) Persoal colaborador a xornada completa:

Por cada titulado/a superior, 1 punto; e por cada titulado/a de grao medio, 0,5 puntos. Ata un máximo de 2 puntos.

Para os efectos da valoración das xornadas laborais definidas neste punto, considerarase xornada completa a de 7,5 horas diarias ou de 37,5 horas semanais. A valoración correspondente ás xornadas parciais calcularase de forma proporcional en función da xornada declarada para cada un dos niveis profesionais, segundo as puntuacións expresadas nas epígrafes anteriores.

9. Porcentaxe de cofinanciamento do proxecto asumido pola entidade solicitante:

a) ≥46 %: 7 puntos.

b) ≥31 % e <46 %: 5 puntos.

c) ≥16 % e <31 %: 3 puntos.

d) ≥7 % e <16 %: 1 punto.

10. Custo medio da intervención. Calcularase para cada proxecto o custo medio da intervención por programa e mil habitantes (CMP) tendo en conta o custo total do proxecto, o número de programas que se desenvolvera e a poboación de referencia. Farase de acordo coa fórmula seguinte:

missing image file

A valoración do custo medio farase do seguinte xeito:

a) Clase 1: ≤120,00 €: 3 puntos.

b) Clase 2: ≤166,00 €: 3 puntos >166,00 € e ≤250,00 €: 1,5 puntos.

Artigo 10. Cálculo das contías das subvencións

1. En caso de non resultar seleccionado ningún proxecto nalgunha das clases, o orzamento global destinado a esa clase sumarase ao orzamento da outra clase.

2. Para realizar a asignación económica descrita neste artigo realizarase en primeiro lugar o cálculo das contías da clase 1 e, cando esta estea rematada, procederase coa clase 2.

3. O mecanismo de asignación dentro de cada clase farase do seguinte xeito:

a) Dividirase o crédito orzamentario dispoñible na clase entre o total de puntos dos proxectos seleccionados, así obterase o valor en euros de cada punto. A contía que se asignará a cada proxecto obterase de multiplicar o valor en euros de cada punto polos puntos obtidos por cada proxecto.

b) Se despois destes cálculos, a contía resultante é superior á solicitada, asignaráselle esta última de acordo co establecido no artigo 7.2, xerándose en consecuencia un resto orzamentario coa diferencia entre ambas as cantidades.

c) Os posibles restos que poidan ter xurdido en aplicación do exposto no punto anterior reasignaranse entre os proxectos que aínda non teñan acadado o 100 % da cantidade solicitada. Esta reasignación faríase calculando un novo euro/punto de acordo coa suma das puntuacións destes proxectos que aínda non acadaron o 100 % da contía solicitada e o resto orzamentario dispoñible. Se finalizadas estas operacións segue existindo algún resto orzamentario, volvería a repartirse de acordo coa metodoloxía expresada neste parágrafo ata que este resto se esgote ou que todos os proxectos teñan asignado o 100 % solicitado.

4. De darse o caso de que todos os proxectos de clase 1 acaden o 100 % solicitado e aínda quede resto orzamentario por repartir, este sumaríase integramente á cantidade a repartir na clase 2.

5. De darse o caso de que todos os proxectos de clase 2 acaden o 100 % solicitado e aínda quede resto orzamentario por repartir, este quedará sen asignar.

Artigo 11. Documentación, lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. Documentación.

a) Se a solicitude é presentada por un único concello, a documentación que hai que presentar será a seguinte:

1º. Anexo I, de solicitude da subvención (deixando en branco a parte relativa á aceptación do nomeamento como representante e interlocutor único).

2º. Memoria explicativa do proxecto, que se axustará ás características definidas no artigo 12 desta orde.

3º. Copia do NIF do concello solicitante, no caso de que non se autorice a súa consulta á Axencia Estatal de Administración Tributaria.

4º. Copia do DNI da persoa representante no caso de que non se autorice a consulta dos datos de identidade do concello no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

b) No caso de que a solicitude sexa presentada por unha agrupación de concellos, un deles actuará como representante único e o resto darán o seu consentimento para que así sexa. En virtude do anterior, neste caso, presentarase a seguinte documentación:

1º. Anexo I, de solicitude da subvención, cos datos do concello que actuará como representante e interlocutor único.

2º. Anexo II, de declaración de axudas e consentimento. Presentarase un exemplar por cada un dos demais concellos solicitantes da subvención, no que se dará o consentimento para que o concello que asina o anexo I actúe como representante.

3º. Memoria explicativa do proxecto, que se axustará ás características definidas no artigo 12 desta orde.

4º. Copia do NIF de todos os concellos integrantes, no caso de que non se autorice a súa consulta á Axencia Estatal de Administración Tributaria.

5º. Copia do DNI da persoa representante no caso de que non se autorice a consulta dos datos de identidade do concello no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

c) Tanto no caso de presentacións individuais como agrupadas, as entidades solicitantes poderán presentar calquera outra documentación que acredite, complemente ou verifique o exposto na memoria explicativa. Esta documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. Lugar de presentación.

A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es , de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 12. Memoria explicativa do proxecto de prevención

A memoria explicativa do proxecto seguirá as seguintes directrices:

1. Características técnicas.

a) O formato do arquivo será de texto ou PDF.

b) O documento estará formateado con marxes de 2 cm, letra tipo arial, tamaño 11 puntos e interliñado sinxelo.

2. Estrutura. A memoria contará con dúas partes:

a) Descrición xeral do proxecto. Esta parte contará cun encabezamento co nome da entidade solicitante e a denominación do proxecto. A continuación incluirá, nun espazo máximo de 5 páxinas, as seguintes epígrafes:

1º. Descrición detallada da unidade ou servizo de prevención: localización, infraestrutura física e de medios técnicos dispoñibles e descrición de todo o persoal que a compón (con información sobre número, vinculación contractual, titulación e xornada laboral).

2º. Financiamento, orzamento e sustentabilidade do proxecto.

3º. Avaliación de necesidades da poboación destinataria do proxecto.

4º. Descrición das áreas de actuación.

5º. Descrición do grao de interacción da unidade con outras entidades, recursos ou grupos de interese do seu contorno implicados na prevención das drogodependencias.

6º. Memoria do aforro de custos que supón a presentación conxunta en comparación coa presentación individual das entidades implicadas (esta epígrafe incluirase só no caso de solicitudes de agrupacións ou mancomunidades).

b) Descrición de cada programa. A continuación incluirase unha parte individual para cada un dos programas que compoñen o proxecto preventivo que incluirá, nun espazo máximo de 3 páxinas por programa, as seguintes epígrafes:

1º. Nome do programa.

2º. Xustificación da necesidade da intervención.

3º. Poboación obxectivo.

4º. Modelo teórico de referencia.

5º. Finalidade, metas e obxectivos.

6º. Actividades e metodoloxía.

7º. Cronograma da intervención.

8º. Axuste ou adaptación da intervención á poboación obxectivo (se procede).

9º. Equipo que desenvolverá a intervención.

10º. Materiais que se utilizarán.

11º. Monitorización e avaliación.

Artigo 13. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración publica galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 14. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos no ficheiro denominado «Relacións comerciais e económicas con terceiros» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Consellería de Sanidade-Servizo Galego de Saúde. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, mediante envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Sanidade, Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo de San Lázaro s/n, 15703 Santiago de Compostela.

Artigo 15. Emendas da solicitude

As unidades administrativas da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública responsables da tramitación dos procedementos de concesión das subvencións reguladas nesta orde, comprobarán que as solicitudes reúnen todos os requisitos exixidos. Se unha solicitude non está debidamente cuberta ou non se achega a documentación exixida, requirirase o concello interesado para que, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, emende a falta ou presente os documentos preceptivos nun prazo máximo e improrrogable de 10 días con indicación de que, se así non o fixer, se lle terá por desistido da súa solicitude e procederase conforme o establecido no devandito artigo.

Artigo 16. Instrución e comisión de valoración

1. Órganos competentes.

O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión será a Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública que, a través da Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables, en concreto, do Servizo de Prevención de Condutas Adictivas, realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación de datos que deben motivar a proposta de resolución.

2. Comisión de valoración.

Durante a instrución do procedemento constituirase como órgano colexiado unha comisión de valoración que, de acordo cos criterios de baremación das solicitudes establecidos no artigo 9, avaliará os proxectos das entidades solicitantes, emitirá o correspondente informe coa puntuación acadada polos proxectos presentados, realizará a selección e emitirá informe ao órgano instrutor.

Esta comisión poderá adoptar validamente os seus acordos, sempre que asistan o/a presidente/a, ou persoa en quen delegue, a persoa que exerza de secretario/a, e polo menos a metade dos seus membros. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de avaliación ten que examinar as solicitudes, algún dos membros que a compoñen non pode asistir, será substituído da forma que se establece máis adiante neste mesmo artigo.

Para o seu funcionamento, a comisión rexerase polo establecido no título II, capítulo II, artigos 22 ao 27 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, relativo aos órganos colexiados.

A comisión de valoración, facendo a motivación oportuna, poderá requirir aos solicitantes das axudas información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

A comisión de valoración estará integrada polos seguintes membros:

a) Presidente/a: a persoa titular da Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables, ou persoa en quen delegue.

b) Vogais:

1º. A persoa titular da xefatura do servizo de Prevención de Condutas Adictivas, ou persoa en quen delegue de igual rango.

2º. Un/unha técnico/a do devandito servizo, que actuará como secretario/a.

3º. Os/as técnicos/as do devandito servizo que, para o efecto, designe o/a presidente/a da comisión como avaliadores, se é o caso.

Na composición da comisión de valoración, procurarase acadar unha composición equilibrada de homes e mulleres.

3. Unha vez avaliadas as solicitudes e á vista do informe da comisión de valoración, a Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública formulará a proposta de resolución debidamente motivada.

4. A proposta de resolución non crea ningún dereito a favor do beneficiario proposto mentres non se lle notifique a resolución de concesión.

Artigo 17. Resolución

1. A proposta de resolución será elevada polo órgano instrutor á persoa titular da Consellería de Sanidade que, de conformidade co previsto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, ditará a resolución definitiva. A dita resolución deberá conter, de maneira expresa, a relación dos concellos solicitantes aos cales se lles concede a subvención e a desestimación do resto das solicitudes, se é o caso.

2. As resolucións de concesión de subvencións serán motivadas e notificaranse ás entidades beneficiarias no prazo de cinco meses contados desde a publicación desta orde. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, as entidades interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3. Todo incumprimento ou alteración das condicións en que se basea a concesión da subvención e, se é o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 18. Notificación e publicación

1. A resolución definitiva deberá ser notificada aos concellos interesados de forma individualizada, de acordo co previsto nos artigos 58 e 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2. A notificación de forma individualizada farase sen prexuízo da publicación no Diario Oficial de Galicia das subvencións concedidas de conformidade co establecido nos artigos 15 e 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. De conformidade co establecido nos artigos 14.2 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, no artigo 13.3 e 4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, e no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, a Consellería de Sanidade publicará na súa páxina web oficial e nos rexistros públicos referidos, a relación dos concellos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos destes e da súa publicación na citada páxina web.

4. Conforme o establecido no artigo 14.1.m) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, poderán existir circunstancias que, como consecuencia da alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, dean lugar á modificación da resolución de concesión.

5. Segundo o establecido no artigo 14.1.ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, infórmanse os concellos interesados, da existencia do Rexistro Público de Subvencións, regulado no artigo 16 da mesma lei.

Artigo 19. Aceptación e renuncia

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, unha vez notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os concellos interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se produza manifestación expresa se entenderá tacitamente aceptada.

2. A aceptación ou renuncia da subvención farase mediante a presentación do formulario normalizado proposto no anexo III, ou por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3. No caso de que se comunique a renuncia en prazo, a conselleira de Sanidade ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 20. Recursos

1. Contra a resolución do procedemento que pon fin á vía administrativa, os concellos interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, de conformidade co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, ante a persoa titular da Consellería de Sanidade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ao concello interesado.

2. Igualmente procederá interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xuño, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación se a resolución é expresa; se non for así, o prazo será de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

3. De presentarse recurso potestativo de reposición, non poderá acudirse á vía contencioso-administrativa ata que este sexa resolto expresamente ou se produza a súa desestimación presunta.

4. Non obstante, de conformidade co disposto no artigo 44 da referida Lei 29/1998, do 13 de xuño, poderase requirir previamente o órgano que ditou a resolución para que derrogue a disposición, anule ou revogue o acto, no prazo de dous meses contados desde a notificación da resolución. O requirimento entenderíase rexeitado se non for contestado no mes seguinte á súa recepción.

Artigo 21. Subcontratación

Enténdese que un beneficiario subcontrata cando concerta con terceiros a execución total ou parcial da actividade que constitúe o obxecto desta subvención. Queda fóra deste concepto a contratación daqueles gastos en que teña que incorrer o beneficiario para a realización por si mesmo da actividade subvencionada.

Será de aplicación o disposto nos artigos 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

En ningún caso o beneficiario concertará a execución parcial ou total das actividades subvencionadas con persoas ou entidades que recibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto da contratación, segundo establece o artigo 27.7.b) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 22. Conceptos subvencionables

1. Considéranse gastos subvencionables aqueles que de maneira indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo establecido no artigo 7.5. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado. En particular subvencionaranse os seguintes conceptos de gasto:

a) Gastos de persoal, ás retribucións en nómina sumaranse os gastos de seguridade social correspondentes á empresa e o seu total constituirá o gasto subvencionable por custos de persoal.

b) Axudas de custo por mantenza e desprazamento, debidamente xustificadas en relación co proxecto.

c) Gastos materiais. Neste sentido admitiranse gastos derivados da difusión e visualización social do proxecto, gastos de material preventivo ou divulgativo.

d) Gastos xerais derivados do mantemento do servizo, tales como os correspondentes a alugamentos dos locais, asesoría, electricidade, gas, auga, telefonía, lixo ou comunidade.

e) Custos indirectos, sempre que sexan imputados á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda.

f) Gastos financeiros, de asesoría xurídica ou financeira, gastos notariais e rexistrais e gastos periciais se están directamente relacionados coa actividade subvencionada e sexan indispensables para a súa preparación ou execución.

g) Os tributos consideraranse gastos subvencionables cando o/s concello/s beneficiario/s desta axuda os aboen efectivamente e sempre que, no caso dos impostos indirectos, non sexan pola súa parte susceptible de recuperación ou compensación.

h) Non obstante, en ningún caso terán a consideración de gastos subvencionables os xuros debedores de contas bancarias, así como os xuros, recargas ou sancións administrativas ou os gastos de procedementos xudiciais.

2. Considerarase gasto realizado o que foi recoñecido como obriga ou efectivamente pagado con anterioridade á finalización do prazo de xustificación correspondente. Exceptúanse aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior, por axustarse aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. O importe destes ingresos ou cotas considerarase xustificado coa presentación do documento de gasto (factura ou documento equivalente) no cal se reflicta o importe de retención ou cotizacións devindicadas na data de xustificación, quedando obrigada a entidade subvencionada a presentar os documentos acreditativos da súa liquidez nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario; en todo caso, esta presentación terá como data límite o derradeiro día do mes seguinte ao último trimestre do exercicio da convocatoria.

Artigo 23. Xustificación

1. Os concellos beneficiarios remitirán nas datas sinaladas no artigo 24 á Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública a seguinte documentación, co fin de realizar as propostas de pagamento da subvención concedida:

a) Declaración da/s institución/s peticionaria/s da subvención en que figure o conxunto das subvencións e axudas solicitadas para a mesma finalidade, procedentes das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. Nesta declaración farase referencia tanto ás efectivamente percibidas como ás aprobadas ou concedidas e ás pendentes de resolución, así como calquera outro ingreso ou recurso financeiro que teña como finalidade o financiamento das actuacións obxecto da subvención. Esta declaración farase mediante a presentación do anexo IV.

b) Informe de actividades:

1º. Na xustificación do segundo e terceiro pagamento: memoria intermedia de actividades. Este informe incluirá unha relación detallada dos programas realizados no período de tempo obxecto de xustificación.

2º. Na xustificación do pagamento final: memoria dos programas e actividades realizadas no período obxecto da subvención. Será presentada segundo o sistema de información e avaliación de programas de prevención de drogodependencias con que conta a Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública (XESAPI).

c) A xustificación por parte de cada concello do cumprimento das condicións impostas e da consecución dos obxectivos previstos, que incluirá necesariamente as certificacións exixidas nos artigos 8 e 9 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, en concordancia co establecido nos artigos 28 a 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. Considerarase gasto realizado o que se contabilizase como recoñecemento da obriga ou efectivamente pagado polo órgano competente do concello. En todo caso, a forma de xustificación deberá ter en conta o previsto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, comprendendo a totalidade dos gastos dos programas e actividades desenvolvidas, debendo acreditar os gastos da subvención outorgada.

3. A xustificación acreditará expresamente o destino e importe dos gastos efectivamente realizados con cargo a cada programa ou axuda. Cando as actividades fosen financiadas, ademais de coa subvención, con fondos propios ou con outras subvencións ou recursos, acreditarase na xustificación o importe, procedencia e aplicación de tales fondos ás actividades.

4. Segundo o artigo 7.5, as actuacións que se subvencionan deberán efectuarse desde o 1 de xuño de 2015 e, consecuentemente, os xustificantes de pagamento que soporten as ditas actuacións poderán referirse a gastos xerados a partir dese momento. A documentación xustificativa dos gastos e pagamentos será presentada polo beneficiario na forma que se especifica no artigo 24, coa finalidade de que a Comunidade Autónoma realice o correspondente recoñecemento da obriga.

5. Nos termos recollidos no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como no artigo 58 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, o derradeiro pagamento da subvención correspondente, quedará condicionado á comprobación e certificación da realización da actividade e do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu.

6. Ao remate do proxecto, xunto coa memoria dos programas e actividades obxecto deste, presentarase copia de todos os materiais divulgativos xerados.

7. En ningún caso o importe das subvencións ou axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo total do proxecto que vaia desenvolver o beneficiario.

Artigo 24. Pagamento e xestión económica

1. O cálculo dos pagamentos definidos neste artigo farase tomando como referencia:

a) A contía dos gastos declarados pola entidade solicitante en cada unha das xustificacións presentadas.

b) A porcentaxe de cofinanciamento comprometida no anexo I, que marcará as contías que se asumirán por parte da entidade solicitante e da Consellería de Sanidade.

2. Os pagamentos reduciranse proporcionalmente con respecto á contía concedida (sempre que estea garantida a consecución do obxecto da subvención):

a) Se o gasto xustificado é inferior á contía que resulta de sumarlle a cada un dos tres pagamentos a conta a parte correspondente do cofinanciamento comprometido no anexo I.

b) Se se produce a concorrencia con outras subvencións ou axudas.

3. O recoñecemento da obriga e o pagamento posterior da subvención á entidade local beneficiaria farase sempre que esta xustifique, de acordo coa normativa aplicable, a realización do obxecto da subvención, o cumprimento das condicións e as súas finalidades.

4. Todo pagamento da subvención outorgada esixe a acreditación de non incorrer nas circunstancias previstas no artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

5. Os pagamentos correspondentes a cada subvención concedida realizaranse de conformidade co previsto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e ao artigo 63.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e farase efectiva do seguinte xeito:

a) Anualidade de 2015.

Primeiro pagamento, de carácter anticipado, equivalente ao 26,14 % da contía total da subvención outorgada, en concepto de gastos de preparación, posta en marcha e execución inicial de actividades do proxecto.

Este pagamento de carácter anticipado efectuarase unha vez ditada a resolución de concesión, logo da aceptación da subvención concedida, e deberá ser xustificado posteriormente con ocasión da presentación da xustificación do segundo pagamento.

b) Anualidade de 2016.

Segundo pagamento, á conta, equivalente ao 24,62 % da contía total da subvención outorgada, en concepto de gastos de continuación do proxecto de prevención. Efectuarase trala presentación da documentación requirida no artigo 23.1 e logo da conformidade emitida pola Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables.

Este segundo pagamento liberarase despois da debida xustificación dos gastos executados correspondentes a actividades desenvolvidas entre o 1 de xuño de 2015 e o 31 de maio de 2016. A solicitude deste pagamento deberá presentarse antes do 30 de xuño de 2016.

Terceiro pagamento, á conta, equivalente ao 24,62 % da contía total da subvención outorgada, en concepto de gastos de continuación do proxecto de prevención. Efectuarase tras a presentación da documentación requirida no artigo 23.1 e logo da conformidade emitida pola Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables.

Este terceiro pagamento liberarase despois da debida xustificación dos gastos executados correspondentes a actividades desenvolvidas ata o 31 de outubro de 2016. A solicitude deste pagamento deberá presentarse antes do 15 de novembro de 2016.

c) Anualidade de 2017.

Pagamento final, equivalente ao 24,62 % da contía total da subvención outorgada. Efectuarase tras a presentación da documentación requirida no artigo 23.1 e logo da conformidade emitida pola Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables.

Este pagamento final liberarase despois da debida xustificación dos gastos executados correspondentes a actividades desenvolvidas entre o 1 de novembro de 2016 e o 30 de xuño de 2017. A solicitude deste pagamento deberá presentarse antes do 31 de xullo de 2017.

Artigo 25. Obrigas dos beneficiarios

1. Serán obrigas dos beneficiarios as recollidas con carácter xeral no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. Quedarán tamén obrigados a dar a adecuada publicidade e difusión, por calquera clase de medio escrito ou audiovisual, da participación da Xunta de Galicia nas actividades que se desprendan do proxecto subvencionado.

3. Obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino da subvención.

4. Deberán cumprir as condicións exixidas para a concesión da subvención. No caso de posible incumprimento, aplicarase o criterio de proporcionalidade previsto no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, para determinar a cantidade que finalmente teña que percibir ou, se é o caso, a cantidade que se debe reintegrar.

5. Calquera outra das obrigas establecidas na normativa vixente en materia de subvencións.

Artigo 26. Revogación e reintegro das axudas

O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na presente orde, así como a duplicidade de axudas con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social e da Administración institucional, autonómica ou local, constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro pola entidade beneficiaria ou solicitante, xunto cos xuros de demora, segundo o previsto no artigo 33.1.b) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 27. Infraccións e sancións

No relativo a esta materia rexerá o disposto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Disposición adicional única. Modelos normalizados da sede electrónica da Xunta de Galicia

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira primeira. Remisión normativa

Aos aspectos non contidos nesta orde aplicaráselle o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro e, supletoriamente, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Disposición derradeira segunda. Habilitación

A Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública adoptará as medidas oportunas para o seguimento, avaliación, difusión e execución dos proxectos seleccionados, previstos nesta orde.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2015

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file