Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Martes, 23 de xuño de 2015 Páx. 25013

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 8 de xuño de 2015 pola que se fixan os prezos por custos de envío das publicacións da Libraría Institucional da Xunta de Galicia.

Mediante o Decreto 46/2015, do 19 de marzo, créase a Libraría Institucional da Xunta de Galicia, que ten por obxecto a comercialización e distribución, a través dunha plataforma electrónica, do fondo editorial da Xunta de Galicia. A súa xestión correspóndelle á consellería competente en materia de cultura, en cuxa estrutura orgánica se integra dependente do servizo competente en materia de publicacións.

Pola súa vez, a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 6, sinala a obriga de que os prezos privados sexan fixados polas consellerías correspondentes, logo de informe favorable da Consellería de Facenda, e publicados no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, vista a proposta formulada pola Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e logo do informe favorable da Consellería de Facenda, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto fixar os prezos por custos de envío das publicacións da Xunta de Galicia que se distribúan a través da Libraría Institucional.

Artigo 2. Fixación do prezo

1.O prezo varía en función do peso do pedido: 2 € para pedidos de ata 2 kg e 5 € para pedidos de máis de 2 kg e menos de 25 kg. Non se distribúen pedidos que superen os 25 kg de peso.

2. Estes prezos entenderase, de ser o caso, co IVE incluído.

3. No caso de publicacións venais, engadiranse ao prezo de venda ao público da respectiva publicación os custos por envío.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2015

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria