Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Xoves, 25 de xuño de 2015 Páx. 25205

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 11 de maio de 2015, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se ordena a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 30 de abril de 2015, polo que se aproba definitivamente o proxecto do parque eólico Paraño Oeste como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, así como as disposicións normativas contidas no mencionado proxecto.

En cumprimento do disposto no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, esta dirección xeral dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 30 de abril de 2015, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«1. Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado parque eólico Paraño Oeste, promovido por TH Eólica de Xinzo y Paraño, S.L.

2. De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 de outubro de 1997, polo que se aproba o Plan eólico de Galicia como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, modificado mediante o Acordo do 5 de decembro de 2002, o planeamento nos concellos de Forcarei (Pontevedra) e Beariz (Ourense) queda vinculado ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba».

De conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, modificado pola disposición adicional segunda da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas do proxecto sectorial denominado parque eólico Paraño Oeste.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2015

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO
Disposicións normativas do proxecto sectorial

1. Plan vixente.

Os terreos onde se pretende implantar o parque eólico Paraño Oeste están localizados de a cabalo entre os termos municipais de Forcarei, na provincia de Pontevedra, e Beariz, na provincia de Ourense, e pertencen á área de investigación eólica do Paraño.

O municipio de Beariz conta con documento de delimitación de solo urbano aprobado definitivamente o 11 de maio de 1994 e, por tanto, redactado ao amparo da derrogada Lei 11/1985, de adaptación da do solo a Galicia (Lasga).

O municipio de Forcarei réxese por o Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente o 21 de xuño de 2002 e redactado ao amparo da derrogada Lei 1/1997, do solo de Galicia.

No momento de redactar o presente documento, a lei urbanística vixente na Comunidade Autónoma de Galicia é a Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, coas modificacións introducidas pola Lei autonómica 15/2004, do 29 de decembro, a Lei autonómica 6/2007, do 11 de maio, a Lei autonómica 3/2008, do 23 de maio, a Lei autonómica 6/2008, do 19 de xuño, a Lei autonómica 18/2008, do 29 de decembro, a Lei 2/2010, do 25 de marzo e a Lei 15/2010, do 28 de decembro. Á Lei 9/2002 referirémonos a partir de agora como LOUG.

O documento de planeamento xeral de Beariz é anterior á vixente LOUG e mesmo á derrogada Lei 1/1997, do solo de Galicia. O réxime do solo aplicable é o establecido pola LOUG na disposición adicional segunda da Lei 9/2002, no seu punto 3º: «No resto dos terreos aplicarase o réxime do solo rústico establecido na presente lei». Por tanto, neste caso a clasificación equivalente de aplicación aos solos afectados do municipio, tal e como reflicte o informe do técnico municipal anexo é a de «solo rústico de protección ordinaria», «solo rústico de especial protección forestal» ou «solo rústico de especial protección paisaxística», segundo a definición do artigo 32.1 da LOUG.

O municipio de Forcarei conta co Plan xeral de ordenación municipal redactado ao amparo da Lei 1/1997, do solo de Galicia, polo que se aplicará o disposto na LOUG. A mencionada Lei 1/1997, no seu artigo 68, número 2, sinala unicamente dous tipos de categoría dentro do solo rústico (rústico común e rústico de especial protección), aínda que o citado municipio nas súas ordenanzas identifica a clasificación de «solo rústico de protección ecolóxica», sendo este o afectado polo parque eólico segundo as devanditas ordenanzas. O réxime do solo aplicable é o establecido pola LOUG na disposición transitoria primeira da Lei 9/2002, na súa alínea f): «Ao solo clasificado polo plan vixente como non urbanizable ou rústico aplicaráselle integramente o disposto nesta lei para o solo rústico», cuxo grao de protección se corresponderá neste caso co do «solo rústico de especial protección de espazos naturais».

O uso que se pretende dar a estes terreos, un parque eólico, correspóndese cos usos e actividades posibles en solo rústico establecidos no artigo 33.m) da Louga: «infraestruturas de abastecemento, tratamento, saneamento e depuración de augas, de xestión e tratamento de residuos, e instalacións de xeración ou infraestruturas de produción de enerxía».

Tendo en conta esta información, dispóñense os distintos aeroxeradores de maneira que se garde a distancia mínima ás situacións asimilables ás de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado de 500 m, definida no número 3.1 da modificación do Plan sectorial eólico de 2002.

2. Proposta de modificación do plan urbanístico vixente.

2.1. Adecuación do plan xeral.

De acordo co artigo 11 do Decreto 80/2000, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal «as determinacións contidas nos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares prevalecerán sobre as determinacións do plan urbanístico vixente».

A área delimitada polo presente proxecto sectorial deberá ser cualificada como solo rústico de protección de infraestruturas no plan xeral municipal, para que a súa clasificación sexa acorde co uso, segundo o artigo 32.2.c) da Louga:

«c) Solo rústico de protección de infraestruturas, constituído polos terreos rústicos destinados á localización de infraestruturas e as súas zonas de afección non susceptibles de transformación, como son as de comunicacións e telecomunicacións, as instalacións para o abastecemento, saneamento e depuración da auga, as de xestión de residuos sólidos, as derivadas da política enerxética ou calquera outra que xustifique a necesidade de afectar unha parte do territorio, conforme as previsións dos instrumentos de plan urbanístico e de ordenación do territorio».

Esta área represéntase no plano nº 06 (Plan municipal modificado).

Por tanto, deberá incluírse nos tres documentos de plan xeral afectados a delimitación desta nova área de clasificación.

Así mesmo, o artigo 30 da Lei 9/2002 di:

«Os instrumentos de ordenación do territorio, en congruencia coa escala territorial respectiva e cos fins públicos perseguidos, poderán modificar o réxime de usos e condicións da edificación previstos nesta lei para o solo rústico […]».

O solo rústico de protección de infraestruturas aquí indicado, aterase ao definido pola LOUG para este tipo de solo, xunto coas restricións que se describen a seguir:

Solo rústico de protección de infraestruturas.

1. Ámbito de aplicación.

Comprende esta categoría de solo exclusivamente a zona delimitada no plano nº 6, zonas 1 e 2, do proxecto sectorial do parque eólico Paraño Oeste como solo rústico de protección de infraestruturas, sen alterar o resto do plan.

2. Condicións de uso e licenzas.

O uso citado destinado á instalación de parques eólicos para poder implantarse nesta categoría de solo, deberá contar coa correspondente declaración ambiental, de acordo coo previsto na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, e coa aprobación do proxecto sectorial, segundo o establecido na Lei 10/1995, de ordenación do territorio.

Nesta categoría de solo quedan permitidos os usos para a instalación de infraestruturas e as súas zonas de afección destinadas ao aproveitamento do vento como recurso natural para a produción de enerxía (parques eólicos), así como usos agrícolas e gandeiros sen máis limitación que a necesaria protección das infraestruturas enerxéticas respecto das plantacións forestais, mantendo as plantacións a unha distancia mínima de 50 m do aeroxerador máis próximo. Non se poderá realizar ningunha edificación nun raio de 200 m ao redor dos aeroxeradores, excepto o edificio de control necesario para o funcionamento do parque eólico.

2.2. Eficacia.

De acordo coa modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia, aprobada definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia do 5 de decembro de 2002, o plan dos concellos afectados queda vinculado ás determinacións contidas nos proxectos sectoriais redactados no seu desenvolvemento e non se requirirá autorización urbanística previa para as instalacións incluídas nos proxectos sectoriais que aprobe o Consello da Xunta de Galicia.

A Lei 10/1995, de ordenación do territorio, no seu artigo 24 establece: «As determinacións contidas nos plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal vincularán o plan do ente ou entes locais en que se asenten os devanditos plans ou proxectos, que deberán adaptarse a elas dentro dos prazos que para ese efecto determinen».

No mesmo sentido, o Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, no seu artigo 11.1 establece que as determinacións contidas nos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do plan urbanístico vixente. No artigo 11.2 establece que o municipio en que se asente a dotación obxecto do proxecto sectorial deberá adaptar o seu plan urbanístico ao contido do proxecto no prazo que se establece.

Así mesmo, o artigo 34 da Louga di:

«4. Non necesitarán autorización autonómica previa, para os efectos desta lei, as infraestruturas, dotacións e instalacións previstas nun proxecto sectorial aprobado ao amparo da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia […]».

Cando se revise o plan municipal do municipio afectado e se adapte á Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, ou á que a substitúa, deberanse incluír as delimitacións sinaladas no plano 06 deste documento, clasificándoas como «solo rústico de protección de infraestruturas», que se rexerá pola normativa desenvolvida no punto anterior.

Respecto da lexitimidade das obras para realizar como consecuencia deste proxecto sectorial, para a execución delas non é necesaria a obtención de licenza municipal, segundo o artigo 11.3 do Decreto 80/2000:

«3. As obras públicas definidas detalladamente no proxecto sectorial serán cualificadas expresamente como de marcado carácter territorial e non estarán suxeitas a licenza urbanística nin a ningún dos actos de control preventivo municipal, de acordo coa disposición adicional primeira da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia. Neste suposto, con carácter previo ao comezo das obras, remitiráselle ao concello un exemplar do proxecto técnico destas».

2.3. Prazo.

A adecuación do plan xeral local deberá realizarse coa redacción e tramitación de:

• A primeira modificación puntual que por calquera causa acorde o concello, que, obviamente, pode ser para esta adecuación.

• A revisión do plan urbanístico municipal vixente.

• A adaptación, no seu caso, do plan á Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, ou normativa que a substitúa.

3. Cualificación das obras e instalacións como de marcado carácter territorial.

As obras necesarias para a execución deste proxecto están cualificadas como de carácter territorial, de acordo co establecido no Plan sectorial eólico de Galicia, aprobado definitivamente polo Consello da Xunta o 1.10.1997, e de conformidade co establecido na disposición derradeira primeira da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.