Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Xoves, 25 de xuño de 2015 Páx. 25089

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 12 de xuño de 2015 pola que se regula o procedemento para o reintegro individual de gastos por asistencia a actividades de formación do profesorado non universitario para o ano 2015.

Os plans de formación do profesorado de niveis non universitarios da Comunidade Autónoma de Galicia perseguen, como obxectivos xerais, mellorar a competencia profesional do profesorado, fomentar a reflexión crítica sobre a súa actividade cotiá e crear actitudes proclives á investigación e á experimentación educativas.

Coa finalidade de facilitar a participación do profesorado en actividades de formación que contribúan á consecución dos obxectivos anteriormente sinalados, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (en diante, a consellería) organiza distintas actividades de formación orientadas a conxugar as necesidades derivadas do propio sistema educativo coas demandas xurdidas do mesmo profesorado.

Con independencia da oferta formativa desenvolvida pola consellería, faise necesario, co fin de favorecer o desenvolvemento profesional do persoal docente, fomentar as iniciativas individuais cara á súa propia formación que redunden na mellora do sistema educativo e permitan aliñalas coas liñas prioritarias da formación en Galicia.

Polo indicado, procede establecer un sistema que permita o reintegro, cando menos parcial, dos gastos orixinados pola asistencia a este tipo de actividades de formación do profesorado.

Por todo o exposto, no uso das facultades que teño atribuídas polo Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da consellería,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e orzamento

1. Establecer o procedemento para o reintegro individual de gastos derivados da participación como asistente a actividades de formación non organizadas polas estruturas de formación da consellería que se desenvolvan na Comunidade Autónoma de Galicia, no resto do territorio español ou no estranxeiro, e que se desenvolvan entre os días 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2015. No caso de que a actividade remate máis tarde do prazo fixado pola orde, poderase conceder o reintegro de maneira proporcional ao prazo de finalización.

2. Para facilitar a distribución do orzamento ao longo do período anteriormente indicado estableceranse dúas quendas. A primeira abranguerá as actividades que se desenvolvan entre os días 1 de xaneiro e o 30 de xuño de 2015, e terá unha dotación orzamentaria de 40.000 euros. A segunda será para actividades que se desenvolven entre os días 1 de xullo e 30 de novembro de 2015 e terá unha dotación orzamentaria de 20.000 euros. No caso de que o orzamento dedicado á primeira quenda non se esgotase, pasará a incrementar o orzamento da segunda quenda.

3. En ningún caso se concederán reintegros para a asistencia a actividades de formación de carácter regrado.

4. Os reintegros individuais financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.50.422M.640.18. Unha vez repartidas as ditas contías, as solicitudes de reintegro serán automaticamente denegadas por teren esgotado o orzamento.

Artigo 2. Destinatarios e requisitos

1. Poderá solicitar os ditos reintegros o persoal docente funcionario de carreira que imparta as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, con destino en centros docentes públicos en que exerza docencia directa co alumnado, equipos de orientación específicos, postos de asesoría dentro da estrutura administrativa da consellería, e na Inspección educativa. Os solicitantes non poderán percibir outro tipo de axudas para a asistencia á actividade solicitada.

2. Así mesmo, poderán cursar solicitude as persoas en situación de interinidade que manteñan esta condición tanto no momento da presentación da solicitude como no momento da resolución. Estas persoas farán indicación expresa desta circunstancia, segundo o modelo do anexo I. Para estes efectos entenderase como persoal interino unicamente aquelas persoas que teñan nomeamento como tales ata o remate do curso ou cursos académicos correspondentes.

Estas solicitudes serán tidas en conta unicamente ao remate da segunda quenda e unha vez resoltas as solicitudes do persoal docente funcionario de carreira que non gozase do reintegro individual nas dúas últimas convocatorias. Para estes colectivos seguirase a prelación establecida no artigo 6.

3. A consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das contías de reintegro, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web.

Artigo 3. Actividades incluídas e tipos de reintegros

1. Os reintegros concederanse para actividades de formación directamente relacionadas coas tecnoloxías da comunicación e información e co plurilingüismo. Ademais, en función da dispoñibilidade orzamentaria, concederanse, para aquelas actividades directamente relacionadas coa disciplina, área, ciclo ou especialidade que imparta a persoa solicitante e que sexa directamente trasladable á práctica docente, ou teña interese para as necesidades do centro educativo.

2. Os reintegros concederanse segundo os seguintes tipos e límites que se indican:

Tipo I, na Comunidade Autónoma de Galicia, ata un máximo de 100 euros.

Tipo II, no resto do territorio español, ata un máximo de 150 euros.

Tipo III, no estranxeiro, ata un máximo de 600 euros.

Tipo IV, reintegros vinculados a estadías:

– Ámbito europeo, ata un máximo de 1.200 euros.

– Ámbito extraeuropeo, ata un máximo de 2.000 euros.

Os reintegros cobren exclusivamente os gastos de matrícula e desprazamento, sen incluíren os gastos de mantenza e aloxamento.

Artigo 4. Solicitudes, documentación e prazo de presentación

1. As solicitudes dirixiranse á xefatura territorial que corresponda e deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es , de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en diante, Lei 30/1992, do 26 de novembro), utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

O prazo de presentación será de polo menos 10 días naturais de antelación con respecto á data do comezo da actividade.

Para as actividades formativas que comezaron a partir do 1 de xaneiro, así como para aquelas que comecen a partir do día da publicación desta orde e que non poidan cumprir o prazo de solicitude de 10 días naturais de antelación, a solicitude entenderase en prazo sempre que sexa presentada dentro dos quince días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

2. Coa solicitude deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Orixinal ou fotocopia da convocatoria da actividade para a cal se solicita o reintegro.

b) No caso de que a persoa solicitante non estea exercendo docencia directa nun centro docente público, certificación expedida polo/a xefe/a de servizo da súa unidade administrativa con indicación do posto de traballo que ocupa.

c) Orzamento dos gastos de matrícula e desprazamento. En ningún caso se farán constar gastos de mantenza e aloxamento.

d) Memoria explicativa dos motivos polos que se desexa asistir á actividade e repercusión da asistencia a esta na súa función docente.

De acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, a xefatura territorial correspondente requirirá aquelas persoas cuxas solicitudes non reúnan os requisitos anteriormente sinalados para que, nun prazo de dez días, emenden as faltas ou xunten os documentos preceptivos; de non o faceren, considerarase que desistiron da súa petición e arquivarase o expediente.

Artigo 5. Procedemento de xestión

As xefaturas territoriais da consellería, coa maior brevidade, e sempre dentro dos 5 días seguintes ao da súa recepción, remitiranlle á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa os expedientes de solicitude co informe da Inspección Educativa e a súa proposta, segundo o modelo que figura no anexo II desta orde.

Artigo 6. Criterios e comisión de valoración

1. O reintegro concederase de forma individual e a súa contía fixarase tendo en conta os seguintes criterios: a adecuación das características da actividade, o lugar de realización, os gastos de matrícula e os gastos de desprazamento orixinados pola distancia ao centro de destino. En todo caso, terán preferencia aquelas persoas que teñan concedida unha licenza por formación na modalidade de perfeccionamento en linguas estranxeiras no exterior.

2. Terase en conta a seguinte prelación:

a) Resolverase na quenda correspondente á súa solicitude de acordo cos criterios establecidos no punto 1: en primeiro lugar, solicitantes que nunca gozaron de reintegro individual, e en segundo lugar, solicitantes que obtiveron o reintegro en convocatorias anteriores a 2013.

b) Na segunda quenda, unha vez consideradas todas as solicitudes correspondentes á alínea a), sempre que exista dispoñibilidade orzamentaria dentro do previsto na presente orde, resolveranse as solicitudes do persoal docente de carreira que gozase de reintegros individuais nas convocatorias de 2013 e 2014, por esa orde.

c) Finalmente, de existir remanente orzamentario, poderán considerarse as solicitudes do persoal interino que tivera esta condición no momento da solicitude e a manteña no momento da resolución, de acordo cos criterios establecidos no punto 1.

3. A comprobación dos requisitos da solicitude para a concesión de reintegros será valorada por unha comisión que estará integrada por:

Presidencia: subdirector xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado, ou persoa en quen delegue.

Vogais:

– A xefa do Servizo de Formación do Profesorado.

– Unha persoa adscrita ao Servizo de Formación do Profesorado.

– Unha persoa adscrita á Subdirección Xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema Educativo.

– Unha persoa adscrita á Subdirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado, que realizará as funcións de secretaría.

A comisión reunirase dúas veces ao ano, unha para a proposta de reintegros correspondentes ao primeiro período e outra para os do segundo período.

A comisión elevará a proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Artigo 7. Resolución

1. A concesión ou denegación do reintegro seralle notificada directamente á persoa interesada, no prazo máximo de seis meses, contados desde a data de entrada da solicitude na sede electrónica ou no Rexistro Xeral, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. Contra esta resolución as persoas interesadas poderán interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación, de acordo co disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión do reintegro individual de gastos, e en todo caso, a obtención concorrente de axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

3. As solicitudes entenderanse desestimadas de non existir resolución expresa no prazo de seis meses, contados a partir da data de entrada na sede electrónica ou no Rexistro Xeral da solicitude do reintegro individual.

Artigo 8. Pagamento

Para a tramitación do pagamento a persoa beneficiaria deberá remitir á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, no prazo dos 10 días seguintes á data da recepción da notificación da resolución da concesión do reintegro individual, a seguinte documentación:

a) Memoria en formato papel da actividade desenvolvida (mínimo 2.000 palabras).

b) Documento orixinal que xustifique o pagamento da matrícula ou inscrición na actividade e que especifique o importe do gasto realizado.

c) Xustificación dos gastos de desprazamento, segundo corresponda (billete e tarxetas de embarque de avión, de tren, factura de axencia ou declaración responsable de ter realizado o desprazamento en vehículo propio, recibos de autoestrada, facturas de taxi), tal como se establece no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia (DOG do 25 de xuño). Todo iso en documentos orixinais.

d) Orixinal ou copia compulsada da certificación de asistencia e/ou aproveitamento expedida polo centro ou a institución onde se realizou a actividade de formación. No caso de actividades realizadas no estranxeiro deberá presentarse a tradución desta certificación.

e) Declaración responsable de non ter percibido nin solicitado outro tipo de achega para a mesma actividade e, de ser o caso, de ter concedida unha licenza por formación na modalidade de perfeccionamento en linguas estranxeiras no exterior, indicando o lugar e as datas de duración desta (anexo III).

Artigo 9. Publicidade

Unha vez concedida a totalidade dos reintegros, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das persoas beneficiarias desta convocatoria, sen prexuízo da súa exposición na páxina web desta consellería.

Artigo 10. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Profesorado» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria/Secretaría Xeral Técnica. Edificio Administrativo de San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través do correo electrónico: sxoifp@xunta.es .

Artigo 11. Modelos normalizados

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 12. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código ED303A, poderase obter información a través dos seguintes medios:

a) A seguinte páxina web:

www.edu.xunta.es

b) O seguinte teléfono:

981 54 65 15

c) O seguinte enderezo electrónico:

reintegros.fprofe@edu.xunta.es

Artigo 13. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Disposición adicional única. Accións de colaboración, promoción e cooperación entre a consellería e outras institucións

Cando do marco das accións de colaboración, promoción e cooperación establecidas entre a consellería e outras institucións derive unha oferta de accións formativas para o profesorado, este poderá beneficiarse dos reintegros individuais nas condicións que se fixen nas correspondentes convocatorias.

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2015

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file